Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 24 de maio de 2016 Páx. 19916

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

EDICTO (683/2015).

Eu, María del Carmen Fernández Matas, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, por medio do presente

Anuncio:

Neste procedemento de garda, custodia e alimentos 683/2015, seguido por instancia de Nazaret Martín Peraza co consentimento de Juan Antonio Taboada Sueiras, ditouse sentenza cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza: 271/2015.

Xuíza que a dita: Ana María Barral Picado

Lugar: Ferrol

Data: dezasete de novembro de dous mil quince

Partes solicitantes: Juan Antonio Taboada Sueiras, Nazaret Martín Peraza

Avogado: Sandra María Suárez Pérez

Procuradora: Marta Isabel Pereira de Vicente

Número de procedemento: famil. garda, custodia, alimentos filla menor non matrimonio cons. 683/2015

Antecedentes de feito:

Único. A procuradora dos tribunais Marta Isabel Pereira de Vicente, en nome e representación de Nazaret Martín Peraza, presentou demanda en solicitude de garda, custodia ou alimentos de fillos menores non matrimoniais dun co consentimento do outro.

Xuntouse coa solicitude convenio regulador de data 7 de setembro de 2015, cuxo teor literal é o seguinte:

Reunidos:

Dunha parte, Nazaret Martín Peraza, maior de idade, con domicilio en Ferrol, Porta de Neira, nº 48, 1º esq., e con DNI 78486634-P.

E, doutra, Juan Antonio Taboada Sueiras, maior de idade, con domicilio en Cobas, Cobarradeiras, 53, Ferrol, provisto de DNI 32641624-R.

Interveñen ambos os dous no seu propio nome e dereito, e recoñécense mutuamente capacidade legal suficiente para obrigarse e, en especial, para o outorgamento do presente convenio regulador. Para tal fin,

Expoñen:

1. Que os comparecentes mantiveron unha relación afectiva similar á de casados.

2. Que desta unión existe unha filla:

Ana Taboada Martín, nacida en Badajoz o día 25 de abril de 2006 e que ten actualmente 9 anos de idade.

3. Que conforme o artigo 90 do Código civil e en cumprimento do artigo 81.1 do dito texto legal, así como do artigo 777 da Lei de axuizamento civil, ambos os dous cónxuxes, de común acordo, formulan a presente proposta de convenio regulador, a cal xuntan para a súa aprobación xudicial.

A dita proposta refírese ás seguintes,

Estipulacións:

I. Garda e custodia. Patria potestade dos fillos.

A filla menor do matrimonio quedará baixo a garda e custodia da nai, Nazaret Martín Peraza, quen a terá na súa compañía, e a patria potestade será compartida.

O proxenitor custodio obrígase a manter informado o outro do estado de saúde, aproveitamento escolar e de cantas vicisitudes importantes afecten a filla que tivo a parella, e ambos os dous se comprometen a colaborar positivamente na súa formación e desenvolvemento integral.

II. Atribución do uso da vivenda e enxoval familiar.

a) En canto ao domicilio familiar, sito en Ferrol, Porta de Neira, nº 48, 1º esq., adxudícase o uso da vivenda domicilio familiar á filla e á súa nai, coa que convivirá.

b) En canto ao enxoval e mobiliario familiar existente no domicilio conxugal, atribúeselles igualmente o uso á filla e a Nazaret.

c) Os cambios de residencia de calquera dos dous proxenitores deberán ser comunicados ao outro co fin de dar debido cumprimento do convenio subscrito, e indicarase o enderezo completo do novo domicilio e teléfono de contacto.

III. Fillos e réxime de visitas, comunicación e estadía.

a) O proxenitor non custodio terá dereito a ter a súa filla na súa compañía todos os fins de semana alternos, entre as 20.00 horas do sábado e as 20.00 horas do domingo.

b) Se houbese unha festividade ou ponte inmediatamente antes ou despois dunha fin de semana, acumularase á fin de semana, e corresponderalle ao proxenitor con que a menor se encontre gozando o dereito de visita ou estadía. Así mesmo, para o caso de que durante algunha anualidade existise desproporción no desfrute das pontes entre os proxenitores, establécese que se repartirán entre eles de forma equitativa, e se non houbese acordo a repartición será ao cincuenta por cento.

c) As vacacións de Nadal gozaranse conforme as vacacións escolares e serán divididas por metades; corresponderalle un período a cada un dos cónxuxes, que se distribuirá segundo o común acordo de ambos os dous cónxuxes, alternando cada ano as festividades co fin de poder gozar alternativamente ambos os dous proxenitores destas. Para o suposto de desacordo, corresponderá a elección dos anos impares ao pai e os anos pares á nai. Os períodos vacacionais de Nadal que se establecen son:

Do 24 de decembro ao 31 de decembro.

Do 31 de decembro ao 6 de xaneiro.

O proxenitor non custodio, no período que lle corresponda, recollerá a filla no domicilio familiar ás 13.00 horas, e reintegraraa o día de entrega ás 21.00 horas, no mesmo domicilio familiar.

A filla pasará o día de Reis co proxenitor con quen se encontre ata as 14.30 horas, acudirá a recollela a esa hora o outro proxenitor no domicilio do proxenitor con quen estea, e reintegraraa a este ás 21.00 horas do mesmo día.

d) En canto ás vacacións de Semana Santa, no suposto de non chegar a acordo entre os proxenitores, atribúese alternativamente o período vacacional completo a cada un dos proxenitores, correspondendo os anos pares á nai e os anos impares ao pai.

e) Respecto ás vacacións escolares de verán, corresponderá a metade a cada un dos proxenitores segundo o acordo a que cheguen sobre os períodos que se van gozar. Estas vacacións dividiranse en períodos quincenais, e corresponderanlle ao pai quince días no mes de xullo e quince días no mes de agosto.

Para o suposto de desavinza, corresponderá a elección á nai os anos pares e os anos impares ao pai.

A recollida realizarase no lugar e domicilio que designe o proxenitor que teña a menor consigo e a entrega no mesmo lugar de recollida ou outro que as partes de común acordo designen.

f) Durante os períodos vacacionais establecidos nas letras c), d) e e) interromperanse as estadías e visitas de fins de semana sinaladas nas letras a) e b), salvo o expresamente disposto como excepción na letra e).

g) Respecto dos días de aniversario e santos da menor, ambos os dous proxenitores acordan que gozarán conxuntamente coa filla as ditas celebracións. Para o caso de que algún deles non desexase a celebración conxunta, e a festividade coincidise con fin de semana ou día festivo, acordan que a menor estará co proxenitor a quen nesas datas lle corresponda o réxime de visitas ata as 16.30 horas, e co outro desde a dita hora e ata as 21.00 horas. Se a festividade coincidise en día entre semana, ambos os dous proxenitores acordan que lle corresponderá estar coa filla a cada proxenitor de forma alternativa, e poderá pasar o outro a visitar a filla durante dúas horas, recolleraa no domicilio familiar e reintegraraa nel. Se non chegasen os proxenitores ao acordo respecto do horario establécese das 18.00 ás 20.00 horas.

h) En canto aos días de aniversario dos proxenitores, festas do día da nai e día do pai, e calquera outro que os proxenitores de común acordo consideren, ambos os dous cónxuxes acordan que os fillos pasen o día co proxenitor a quen corresponda a celebración. Se coincidisen estas co período de visitas que lle corresponder ao outro proxenitor, ambos os dous acordan ceder ese día a favor do outro para que os fillos poidan gozar a dita festividade co proxenitor correspondente.

i) O proxenitor custodio facilitará a comunicación diaria dos fillos menores co pai/nai, ben sexa telefónica ou por calquera outro medio electrónico ou audiovisual, respectando sempre as horas de descanso dos menores, e establecerase como hora límite as 21.00 horas.

Así mesmo, ambos os dous proxenitores facilitarán a comunicación da filla co outro proxenitor nos períodos vacacionais referidos, e poderán comunicar con estes diariamente de forma telefónica, epistolar, electrónica ou audiovisual.

j) Ambos os dous proxenitores comprométense a comunicar ao outro durante os períodos vacacionais o lugar onde estean cos fillos, enderezo e teléfono.

k) No caso de que algún dos fillos se encontrase enfermo ou accidentado sen poder saír do domicilio familiar, o proxenitor que non teña nese momento os fillos vivindo con el poderá visitalo conforme o acordo que establezan ambos os dous cónxuxes. Para o suposto de desacordo aquel poderá visitar o fillo, no domicilio onde se encontre, días alternos das 17.00 ás 20.00 horas.

l) Se algún dos proxenitores desexar cambiar de residencia ou tivese que facelo por motivos profesionais, ambos os dous cónxuxes conveñen que haberá de notificarllo ao outro de forma fidedigna, co compromiso de revisar e proceder á modificación do réxime de visitas.

m) Ambos os dous proxenitores conveñen que non poderán trasladarse fóra do territorio nacional en compañía dos fillos que se tiveron no matrimonio sen consentimento expreso do outro proxenitor ou, no seu defecto, de autorización xudicial.

IV. Pensión alimenticia e gastos extraordinarios.

Juan Antonio Taboada Sueiras aboaralle a Nazaret, en concepto de alimentos para a menor, a cantidade de cincocentos euros mensuais (500 €). Esta cantidade manterase invariable ata a data en que o proxenitor non custodio continúe destinado no HQ Strikfornato (Oeiras-Portugal).

No momento en que o anterior destino finalice, estando prevista a dita finalización para o 31 de xullo de 2017, a cantidade que se aboará en concepto de pensión alimenticia para a filla menor será de catrocentos euros mensuais (400 €).

As ditas cantidades nos meses de xullo e decembro ascenderán ao dobre do indicado, é dicir, mil euros (1.000 €) e oitocentos euros (800 €), respectivamente.

Ademais, as mencionadas cantidades serán actualizadas anualmente desde a sinatura deste convenio conforme as flutuacións que se produzan no salario do proxenitor. Para tal efecto este virá obrigado a xustificar anualmente o importe exacto dos seus emolumentos mensuais.

Ambas as dúas partes acordan solicitar ao xulgado a remisión de atento oficio ao Ministerio de Defensa ou a entidade pagadora da nómina do pai que resulte en cada momento, co fin de que o xulgado lle ordene a retención mensual das cantidades anteriormente especificadas, coas conseguintes actualizacións, cando proceda, e sexan directamente ingresadas na conta corrente que a nai designe. En canto non se produza a dita retención, o proxenitor non custodio ingresará a pensión alimenticia dentro dos primeiros cinco días de cada mes na seguinte conta bancaria (Abanca):

ES93 2080 0212 0030 4001 3581

Polo que se refire a outros gastos extraordinarios tales como libros e material escolar a principio de curso, clases, viaxes ao estranxeiro, actividades extraescolares e aqueles gastos sanitarios que non estean cubertos pola póliza contratada ou asistencia sanitaria pública e outros análogos, serán satisfeitos ao cincuenta por cento por ambos os dous proxenitores, logo de aceptación do concepto e custo destes por ambos os dous, exceptuando casos de urxencia. O proxenitor que satisfaga a totalidade do gasto extraordinario deberá xustificalo documentalmente con achega de copia da factura ou recibo do importe satisfeito, co fin de que o outro proxenitor liquide a porcentaxe establecida do gasto correspondente.

IX. Vixencia do convenio regulador.

O presente convenio entrará en vigor o día e a data que consta no encabezamento, e quedan desde ese momento obrigadas as partes ao cumprimento dos compromisos asumidos nel.

E en proba de conformidade co contido íntegro do presente documento, asínano e ratifícano no lugar e a data no encabezamento indicados.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. As partes ratificaron o convenio regulador achegado co seu escrito de demanda en presenza xudicial, por separado, de conformidade co artigo 777 da LAC, e así mesmo achegaron a documentación oportuna relativa á filla menor, para xustificar os aspectos da súa petición.

Segundo. Conferiuse traslado ao Ministerio Fiscal, que emitiu informe positivamente sobre o contido do convenio, ao considerar suficientemente protexidos os intereses da menor afectada.

Terceiro. Non procede impor as custas ás partes atendendo á natureza do procedemento.

Decisión:

Que debo aprobar e aprobo o convenio regulador proposto polas partes e nos termos expostos no antecedente de feito da presente resolución, que neste lugar se dan por reproducidos.

Non se fai imposición en custas.

Contra esta sentenza só poderá recorrer, en interese dos fillos menores, o Ministerio Fiscal, mediante recurso de apelación no prazo de cinco días ante este mesmo tribunal.

Unha vez que sexa firme a presente o/a secretario/a xudicial acordará a súa inscrición no rexistro civil correspondente.

Así, por esta a miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza pola maxistrada xuíza que a subscribe, estando a realizar audiencia no día da súa data, do cal dou fe».

E encontrándose Juan Antonio Taboada Sueiras en paradoiro descoñecido, expídese o presente co fin de que lle sirva de notificación en forma a este.

Ferrol, 29 de abril de 2016

A letrada da Administración de xustiza