Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 20 de maio de 2016 Páx. 19483

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 11 de maio de 2016 pola que se crean e modifican ficheiros de datos de carácter persoal da Dirección Xeral da Función Pública.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (Boletín Oficial del Estado núm. 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e nos seus puntos segundo e terceiro establécense as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación, modificación e supresión daqueles.

Como consecuencia das necesidades de xestión xurdidas a raíz da entrada en vigor da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, cómpre actualizar a regulación contida na Orde da Consellería de Facenda do 26 de xaneiro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Facenda, no Instituto Galego de Estatística e no Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 49, do 11 de marzo de 2011.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante esta orde a Consellería de Facenda regula os ficheiros de datos de carácter persoal que se especifican no anexo.

Artigo 2. Contido

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3. Finalidade e uso dos ficheiros

Os datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros regulados por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo desta orde e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo desta orde. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas, aplicarase o disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5. Órgano responsable dos ficheiros

A responsabilidade sobre os ficheiros regulados por esta orde correspóndelle á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

No anexo detállase a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

Os ficheiros creados por esta orde están clasificados atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados ou modificados baixo esta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 7. Comunicación ao Rexistro Xeral

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 15/1999, os ficheiros serán notificados para a súa inscrición no Rexistro Xeral de Protección de Datos no prazo de trinta (30) días desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO
Ficheiros de nova creación

Ficheiros baixo a responsabilidade da Dirección Xeral da Función Pública. Consellería de Facenda.

– Denominación do ficheiro: rexistros de persoal directivo.

a) Descrición da súa finalidade e usos previstos: rexistro de actividades de altos cargos. Rexistro de bens patrimoniais de altos cargos. Rexistro dos contratos de alta dirección.

b) Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos: altos cargos e persoal de alta dirección.

c) Procedemento de recollida de datos: formularios en papel e electrónicos.

d) Procedencia dos datos: o propio interesado ou o seu representante legal. Administracións Públicas.

e) Estrutura básica do ficheiro. Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos): datos relativos a infraccións penais ou administrativas. Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, sinatura electrónica, sinatura, correo electrónico. Outros tipos de datos: características persoais, circunstancias sociais, académicas e profesionais, detalles do emprego, económicos, financeiros e de seguros, transaccións de bens e servizos.

f) Sistema de tratamento: mixto.

g) Comunicacións ou cesións de datos: outros órganos da Administración da Comunidade Autónoma con competencias en materia de xestión de persoal. Publicación en cumprimento da normativa en materia de transparencia (Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno) e outra normativa de aplicación.

h) Transferencias internacionais de datos a terceiros países: non están previstas.

i) Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Dirección Xeral da Función Pública

Edificio Administrativo de San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

j) Nivel do ficheiro: medio.

k) Órgano encargado do tratamento automatizado: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

– Denominación do ficheiro: rexistro de órganos de representación do persoal.

a) Descrición da súa finalidade e usos previstos: actividade sindical: permisos institucionais, dispensas ao traballo, créditos horarios dos representantes do persoal.

b) Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos: representantes do persoal.

c) Procedemento de recollida de datos: formularios en papel e electrónicos.

d) Procedencia dos datos: o propio interesado ou o seu representante legal. Organizacións sindicais. Administracións públicas.

e) Estrutura básica do ficheiro. Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos): datos especialmente protexidos: afiliación sindical. Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, sinatura electrónica, sinatura, correo electrónico. Outros tipos de datos: detalles do emprego.

f) Sistema de tratamento: mixto.

g) Comunicacións ou cesións de datos: outros órganos da Administración da Comunidade Autónoma con competencias en materia de xestión de persoal. Publicación en cumprimento da normativa en materia de transparencia (Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno) e outra normativa de aplicación.

h) Transferencias internacionais de datos a terceiros países: non están previstas.

i) Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Dirección Xeral da Función Pública

Edificio Administrativo de San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

j) Nivel do ficheiro: alto.

– Denominación do ficheiro: relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades.

a) Descrición da súa finalidade e usos previstos: xestión dos procesos selectivos e das listas de contratación temporal e nomeamento de persoal interino. Reclamacións ou recursos de procesos selectivos e das listas de contratación temporal e nomeamento de persoal interino.

b) Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos: cidadáns inscritos nos procesos selectivos e nas listas de contratación temporal.

c) Procedemento de recollida de datos: formularios en papel e electrónicos.

d) Procedencia dos datos: o propio interesado ou o seu representante legal. Administracións públicas.

e) Estrutura básica do ficheiro. Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos): datos especialmente protexidos: saúde. Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, sinatura electrónica, sinatura, correo electrónico. Outro tipo de datos: características persoais, circunstancias sociais, académicas e profesionais, detalles do emprego, grao de discapacidade coa finalidade de cumprir as obrigas legais.

f) Sistema de tratamento: mixto.

g) Comunicacións ou cesións de datos: outros órganos da Administración da Comunidade Autónoma con competencias en materia de xestión de persoal. Publicación en cumprimento da normativa en materia de procesos de selección e contratación.

h) Transferencias internacionais de datos a terceiros países: non están previstas.

i) Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Dirección Xeral da Función Pública

Edificio Administrativo de San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

j) Nivel do ficheiro: alto.

k) Órgano encargado do tratamento automatizado: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) para inscrición en procesos selectivos.

Ficheiro que se modifica

Ficheiro baixo a responsabilidade da Dirección Xeral da Función Pública. Consellería de Facenda.

– Denominación do ficheiro: xestión administrativa dos recursos humanos.

a) Descrición da súa finalidade e usos previstos: xestión do Rexistro Central de Persoal e das situacións administrativas do persoal. Xestión da promoción profesional e dos concursos de traslados. Rexistro de persoal eventual. Tramitación dos expedientes de incompatibilidades. Xestión do Fondo de Acción Social. Censo electoral. Recursos en materia de incompatibilidades, situacións administrativas e promoción profesional.

b) Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos: persoal funcionario, laboral e eventual. Empregados públicos en materia de incompatibilidades.

c) Procedemento de recollida de datos: formularios en papel e electrónicos.

d) Procedencia dos datos: o propio interesado ou o seu representante legal. Administracións públicas.

e) Estrutura básica do ficheiro. Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos): datos especialmente protexidos: saúde, violencia de xénero. Datos relativos a infraccións penais ou administrativas. Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, nº de SS/mutualidade, nº de rexistro persoal, enderezo, teléfono, sinatura electrónica, sinatura, correo electrónico. Outro tipo de datos: características persoais, académicas e profesionais, detalles do emprego, datos da Seguridade Social (número de afiliación, epígrafe de accidentes, grupo de tarifa, etc).

f) Sistema de tratamento: mixto.

g) Comunicacións ou cesións de datos: outros órganos da Comunidade Autónoma con competencias en materia de xestión de persoal. Mutua concesionaria dos servizos de vixilancia da saúde. Organizacións sindicais e xuntas de persoal. Entidades bancarias. Publicación en cumprimento da normativa en materia de transparencia (Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno) e outra normativa de aplicación.

h) Transferencias internacionais de datos a terceiros países: non están previstas.

i) Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Dirección Xeral da Función Pública

Edificio Administrativo de San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

j) Nivel do ficheiro: alto.

k) Órgano encargado do tratamento automatizado: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) en materia de antigüidade do persoal.