Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 20 de maio de 2016 Páx. 19490

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 13 de maio de 2016 pola que se modifica a Orde do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se procedeu á convocatoria destas subvencións para o ano 2016.

O 28 de agosto de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 7 de agosto pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

Esta orde foi modificada pola Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG núm. 248, do 30 de decembro), na cal se flexibilizaron os requisitos para adquirir a condición de beneficiaria ás persoas inquilinas de contratos de arrendamento respecto as cales se presentase unha demanda de desafiuzamento por non pagamento de rendas. Ademais, ampliouse o ámbito subxectivo deste programa ao colectivo de vítimas de violencia de xénero e a aquelas unidades de convivencia que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos como consecuencia dunha circunstancia imprevisible e sobrevida.

A maiores dos supostos referidos, considérase necesario estender este programa ás unidades de convivencia que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, rematasen o período de desfrute desta axuda dentro dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa de Bono Alugueiro Social.

Finalmente, considérase oportuno incrementar o importe mensual da axuda do Bono Alugueiro Social para os contratos de alugueiro formalizados nos concellos de Galicia sinalados nas alíneas a) e b) do artigo 6.1 da Orde do 7 de agosto de 2015, cuxas rendas dos contratos de alugueiro son máis altas, así como engadir á relación dos concellos a que se refire a alínea a) do citado artigo 6, os concellos de Lugo e Ferrol. Por outra banda, increméntase o importe da axuda complementaria tanto no suposto de formalizar un novo contrato de alugamento como no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento.

Esta orde suxéitase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020

Modificase a Orde do 7 de agosto de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, nos termos que se recollen a continuación:

Un. Engádese unha alínea d) ao paragrafo 1 do artigo 2, que queda redactado do seguinte modo:

«d) Aquelas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, rematasen o período de desfrute desta axuda dentro dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono Alugueiro Social».

Dous. Engádese un número 5 ao artigo 3, que queda redactado do seguinte modo:

«5. No caso de unidades de convivencia que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do alugueiro de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, rematasen o período de desfrute desta axuda dentro dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono Alugueiro Social, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que non se lles interpuxese unha demanda por danos causados na vivenda alugada incorporada ao citado programa.

b) Que non teñan débedas derivadas de subministracións da vivenda alugada no marco do Programa Aluga por un período superior aos dous meses».

Tres. Modifícase o número 1 do artigo 6, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 6. Renda das vivendas

1. A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

a) 400 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) 350 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

c) 300 euros, para as vivendas situadas no resto dos concellos».

Catro. Modifícase o artigo 7, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 7. Contía da axuda

1. A contía de cada bono alugueiro será de:

– 200 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o número 1.a) do artigo 6.

– 175 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o número 1.b) do artigo 6.

– 150 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o número 1.c) do artigo 6.

Cada unidade de convivencia só poderá recibir ata un máximo de doce bonos, prorrogables unha soa vez polo mesmo período recoñecido inicialmente.

2. Ademais, poderase outorgar á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, tanto para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugueiro, para atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, como para o caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para atender cantidades pendentes, derivadas do contrato de arrendamento que motivou o devandito procedemento. O importe desta axuda non poderá superar os 600 euros».

Artigo 2. Modificación da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, con financiamento plurianual

Modificase a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, con financiamento plurianual, nos termos que se recollen a continuación:

Un. Modifícanse os puntos primeiro e cuarto do artigo segundo. Convocatoria das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 para o ano 2016, con financiamento plurianual, que quedan redactados do seguinte modo:

«Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas do programa do Bono de Alugueiro Social previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 7 de agosto de 2015, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, publicada no DOG, núm. 164, do 28 de agosto, modificada pola Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG, núm. 248, do 30 de decembro), segundo a redacción dada por esta orde».

«Cuarto. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias da axuda as solicitantes que cumpran os requisitos e condicións sinalados no artigo 3 das bases reguladoras, segundo a redacción dada por esta orde».

Dous. O anexo I da Orde do 23 de decembro de 2015, publicado pola Orde do 7 de xaneiro de 2015 no DOG núm. 9, do 15 de xaneiro de 2016, substitúese polo anexo I desta orde.

Disposición transitoria única. Incremento da contía das axudas

O incremento da contía do importe mensual do Bono de Alugueiro Social, así como o da axuda complementaria recollido no artigo 7 das bases reguladoras, segundo a redacción dada por esta orde, aplicarase a todas as solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, con financiamento plurianual. Así mesmo, nos casos en que proceda, modificaranse as resolucións de concesión de subvencións ditadas ata a data de publicación do Diario Oficial de Galicia desta orde, para reaxustar os importes das subvencións concedidas á presente orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file