Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 20 de maio de 2016 Páx. 19432

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 52/2016, do 4 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita vicepresidencia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón no seu artigo 16 en relación co 18 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración e aprobación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia acordou en asemblea xeral do 30 de xaneiro do 2016 a modificación dos seus estatutos co contido establecido na Lei 11/2001, do 18 de setembro. Estes estatutos foron comunicados á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a súa aprobación definitiva e inscrición no Rexistro de Colexios.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catro de maio de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados polo Decreto 30/2010, do 4 de marzo, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de maio de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia

Exposicións de motivos.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, creado polo Decreto 250/1997, do 25 de agosto, é o organismo representativo da profesión no seu ámbito territorial.

O obxecto da modificación dos estatutos é dotar e actualizar a regulamentación propia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, de conformidade coa lexislación que o afecta e, especificamente, a que regula os servizos profesionais modificadora da Lei de colexios profesionais, en particular, a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio; e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio; así como con mención ás titulacións universitarias creadas no marco do Espazo Europeo de Educación Superior.

Deste modo, co fin de actualizar os seus estatutos, manténdoos en canto a obrigatoriedade da colexiación de acordo co disposto na disposición transitoria cuarta da Lei 25/2009, do 22 de decembro, e de adaptalos aos novos principios introducidos no noso ordenamento, apróbase a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Constitución e funcionamento

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, creado polo Decreto 250/1997, do 25 de agosto, é o organismo representativo da profesión no seu ámbito territorial e para as relacións internacionais, con entidades oficiais e asociacións profesionais doutros países, sen prexuízo das competencias do Consello Xeral de Colexios. Rexeranse no sucesivo, desenvolvendo o artigo 36 da Constitución española, pola Lei de colexios profesionais, pola lexislación relativa a colexios profesionais que aprobe a comunidade autónoma no ámbito do seu territorio, polo disposto nestes estatutos xerais e polos estatutos aprobados ou que aprobe nun futuro o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

2. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e para o exercicio das súas facultades, gozando do rango e preeminencia das corporacións de dereito público para todos os efectos civís e administrativos.

3. A estrutura interna e o funcionamento do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia deberán ser democráticos.

4. O galego e o castelán serán as linguas que este colexio utilizará indistintamente, con carácter xeral, en toda a documentación e publicacións ordinarias.

Artigo 2. Relación coa Administración

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, en todo o que atinxe aos contidos da súa profesión e aos aspectos institucionais e corporativos recollidos nas leis, relacionarase coa Administración xeral do Estado a través dos departamentos ministeriais que sexan pertinentes, e coa Administración autonómica de Galicia a través dos órganos de goberno, departamentos ou consellerías competentes, tanto no referente ao contido da profesión como aos aspectos institucionais.

Artigo 3. Alcance

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia agrupará, de acordo co previsto no artigo 3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, no exercicio de actividades propias da profesión regulada de enxeñeiro técnico forestal, todos os titulados universitarios en calquera das especialidades recoñecidas legalmente: axudantes e peritos de montes, enxeñeiros técnicos forestais, titulados de grao ou calquera outra nomenclatura que puider existir no futuro, que habiliten para o exercicio da enxeñaría técnica forestal de acordo coa normativa vixente, con título universitario oficial recoñecido polo Estado, procedentes de centros docentes creados ou recoñecidos polo Estado ou polas comunidades autónomas no ámbito das súas respectivas competencias, xa sexan públicos ou privados, e aos enxeñeiros con título estranxeiro homologado ou recoñecido oficialmente, para efectos profesionais, polo Estado español, co de enxeñeiro técnico forestal.

2. Os colexiados xubilados poderán seguir pertencendo ao Colexio, de pleno dereito, sen que para iso sexa necesario satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio.

3. Para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico forestal, tanto por conta propia como por conta allea ou en calquera outra forma, será obrigatorio estar incorporado a este colexio, conforme o previsto na lexislación vixente.

Artigo 4. Ámbito territorial

1. O ámbito do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia abrangue o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde exercerá as súas competencias de maneira exclusiva e excluínte.

2. A sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia radicará en Santiago de Compostela, con domicilio na rúa Sánchez Freire, nº 64, baixo dereita, 15706 Santiago de Compostela (A Coruña).

TÍTULO II
Dos fins, funcións e facultades do Colexio

Artigo 5. Fins e funcións do colexio

Son fins esenciais do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, no seu ámbito territorial, a ordenación do exercicio da profesión regulada de Enxeñeiro Técnico Forestal, a representación institucional exclusiva desta cando estea suxeita a colexiación obrigatoria, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos prestados polos seus colexiados, todo isto, sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial e conforme a lei.

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia terá a título enunciativo e non limitativo os seguintes fins e funcións:

1º. Emitir informe, nos termos previstos na lexislación aplicable, sobre os proxectos de lei e de disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da enxeñaría técnica forestal ou que se refiran ás condicións xerais da función profesional dos enxeñeiros técnicos forestais e a súa relación con outras profesións, ensino, atribucións e incompatibilidades.

2º. Asesorar as administracións públicas, corporacións oficiais, persoas ou entidades particulares en todos aqueles asuntos que afecten directamente a profesión ou os profesionais, realizando estudos, emitindo informes, resolvendo consultas, redactando pregos de condicións técnicas e económicas, actuando en arbitraxes e as demais actividades relacionadas cos seus fins que lles poidan ser solicitadas ou acorden formular por iniciativa propia.

3º. Participar nos consellos, comisións técnicas ou organismos consultivos das administracións públicas en materia de competencia da profesión e emitir informe sobre as modificacións da lexislación vixente en todo canto se refira á profesión.

4º. Participar na elaboración dos plans de estudos das escolas universitarias que impartan títulos habilitantes para exercer a profesión de enxeñeiro técnico forestal e emitir informe preceptivo sobre os plans doutras ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coa actividade forestal, así como a posible creación de escolas universitarias que impartan títulos que habiliten para exercer a profesión de enxeñaría técnica forestal, manter contacto permanente con elas e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.

5º. Desempeñar no seu ámbito a representación e a defensa da profesión de enxeñeiro técnico forestal ante as administracións públicas, os tribunais de xustiza, institucións, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten ou poidan afectar os intereses profesionais e exercer o dereito de petición conforme a lexislación sobre colexios profesionais.

6º. Cooperar coa Administración de xustiza e os demais organismos oficiais na designación de colexiados que vaian realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes e outras actividades profesionais; e para tal efecto facilitarase periodicamente, e sempre que o soliciten, a listaxe de colexiados dispoñibles.

7º. Velar polos dereitos e deberes dos colexiados, defendéndoos debidamente, sobre todo en cuestións que afecten o interese xeral da profesión, especialmente as que deriven das disposicións legais vixentes, e intervindo en todo momento para que non se descoñeza nin se dificulte o seu exercicio.

8º. Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, que deberá realizarse en réxime de libre competencia e suxeitarse, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, ás normas de transposición da Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, á lexislación sobre defensa da competencia e á lexislación sobre a competencia desleal. Así mesmo, velar pola ética, a deontoloxía, a dignidade profesional e o respecto debido aos dereitos dos particulares e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

9º. Adoptar as medidas dirixidas a evitar a intrusión profesional.

10º. Intervir, na vía de conciliación, mediación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

11º. Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o incumprimento das obrigas derivadas dos traballos realizados polos colexiados. Facilitar un modelo de nota de encargo aos colexiados que desexen utilizalo.

12º. Dispoñer dun servizo de atención aos colexiados, consumidores ou usuarios.

13º. O Colexio disporá e manterá un portelo único nos termos previstos na lexislación vixente.

14º. O Colexio non poderá establecer baremos orientativos nin calquera outra orientación, recomendación, directriz, norma ou regra sobre honorarios profesionais que impida, restrinxa ou condicione a libre formación do prezo dos servizos prestados polos profesionais colexiados, salvo para os exclusivos efectos da taxación de custas, cando a lei así o permita. Os devanditos criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios e dereitos que corresponden para os efectos de taxación de custas en asistencia xurídica gratuíta.

15º. Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

16º. Encargarase do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, de traballos previamente visados, só por petición libre e expresa dos interesados, nas condicións que se determinen nas normas colexiais, así como comparecer ante os tribunais de xustiza, por substitución dos colexiados, exercendo as accións procedentes en reclamación dos honorarios producidos por estes no exercicio da profesión.

17º. Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados e outros interesados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión e outros análogos, provendo o sostemento económico cos medios necesarios.

18º. Cumprir e facer cumprir aos colexiados a Constitución e as demais leis, os estatutos do Colexio e a normativa colexial, así como os acordos e decisións dos órganos colexiais en materia da súa competencia.

19º. Informar os colexiados de todos os asuntos de interese xeral que profesionalmente os poidan afectar.

20º. Visar os traballos profesionais dos colexiados de acordo co disposto na lexislación vixente sobre visado colexial, os presentes estatutos e nas correspondentes normas colexiais; exixir, con carácter obrigatorio, cando veña establecida a obrigatoriedade pola lexislación sobre visado colexial, o visado dos documentos e traballos profesionais dos colexiados, tanto se actúan de maneira individual como asociada, por conta propia ou contratados ao servizo de empresas ou sociedades que, legalmente constituídas, proxecten, dirixan ou realicen traballos que poidan ser atribuíbles aos enxeñeiros técnicos forestais.

21º. Impedir, dentro do ámbito das súas competencias, o exercicio da profesión a quen non cumpra os requisitos de orde legal e económica establecidos para o efecto, denunciando e perseguindo, ante os tribunais de xustiza, os infractores. Velar para que ningunha persoa realice actos propios da profesión de enxeñeiro técnico forestal sen posuír o correspondente título académico ou sen que poida acreditar súa pertenza a un colexio profesional.

22º. O Colexio poderá subscribir con outros colexios profesionais, entidades públicas ou privadas, convenios de colaboración para a realización de actividades de interese común, relacionadas co exercicio da profesión no ámbito forestal, ambiental, industria, calidade, prevención de riscos laborais, educación ambiental, enerxías renovables, investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías, entre outras.

23º. O Colexio fomentará a calidade dos servizos nos termos reflectidos na lexislación vixente e, especificamente, na Lei 17/2009, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

24º. Cantas outras funcións poidan beneficiar os intereses dos colexiados, así como dos consumidores e usuarios dos seus servizos.

2. Para o cumprimento dos seus fins e funcións, o Colexio terá as seguintes facultades:

a) Exercer ante os tribunais de xustiza as accións procedentes contra quen exerza a profesión de enxeñeiro técnico forestal sen cumprir os requisitos legais necesarios para tal exercicio.

b) Exercer a potestade disciplinaria polas faltas que cometan os colexiados na orde colexial e profesional.

c) Comparecer ante os tribunais de xustiza en defensa dos colexiados ou por requirimento de entidades oficiais ou particulares, sempre que se diriman cuestións de interese profesional.

d) Establecer a cota de inscrición ou colexiación, tanto para colexiados como para as sociedades profesionais, que non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición. O Colexio disporá dos medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar a súa incorporación por vía telemática.

e) Visar os documentos e traballos profesionais dos colexiados de acordo co disposto na lexislación sobre visado colexial e os presentes estatutos, así como establecer un rexistro documental voluntario dos traballos técnicos dos colexiados a fin de garantir a súa autoría e os aspectos técnicos, competencias e de atribucións deles.

f) Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

g) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nos casos en que o Colexio teña creados os servizos axeitados.

h) Participar nos consellos ou organismos consultivos da Administración en materia da súa competencia e estar representados nos consellos sociais e nos padroados universitarios. Participar na elaboración dos plans de estudos relacionados coa profesión e informar preceptivamente sobre eles.

i) Intervir, en vía de conciliación, mediación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados e resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas derivadas dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

j) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados e outros interesados, de carácter profesional, formativo, cultural e outros análogos, provendo o seu sostemento económico mediante os medios necesarios.

k) Promover cantas cuestións consideren oportunas para a fusión, segregación e disolución dos colexios.

l) Organizar un servizo de información sobre postos de traballo apropiados para enxeñeiros técnicos forestais.

m) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos de cada colexio, así como os acordos e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

n) Prestar axuda xurídica aos colexiados cando o soliciten en cuestións derivadas do exercicio profesional.

ñ) Facer cumprir o aboamento das cotas e achegas económicas dos colexiados.

o) Calquera outra función que acorde a Xunta de Goberno ou a Asemblea Xeral, sempre que garde relación coa profesión e non se opoña ás disposicións legais.

3. Exercicio de competencias e colaboración coa Administración:

a) O Colexio profesional exercerá, ademais das súas funcións propias, as funcións administrativas que lle atribúa a lexislación estatal e autonómica e as competencias administrativas que lle delegue, encomende ou contrate o correspondente órgano da Administración, incluídas as actividades de carácter material, técnico ou de servizos da súa propia competencia, en concreto servizos de comprobación documental ou técnica ou sobre o cumprimento da normativa aplicable que consideren necesarios relativos aos traballos profesionais.

b) O Colexio poderá subscribir coas administracións públicas convenios de colaboración para a realización de actividades de interese común e para a promoción de actuacións orientadas á defensa do interese público e, en especial, dos usuarios dos servizos profesionais dos colexiados.

c) As administracións públicas, no exercicio da súa autonomía organizativa e no ámbito das súas competencias, terán capacidade para establecer co Colexio convenios ou contratos de servizos de comprobación.

d) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as medidas disciplinarias e sancións firmes a aqueles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun membro da Unión Europa nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

Artigo 6. Visado

1. O Colexio visará os traballos profesionais de acordo co disposto na lexislación vixente sobre visado colexial, incluídas as administracións públicas cando actúen como tales ou cando así o impoña a normativa vixente.

O obxecto do visado é comprobar, polo menos:

a) A identidade e habilitación profesional do autor do traballo, utilizando para iso os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais.

b) A corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional de acordo coa normativa aplicable ao traballo de que se trate.

2. O visado expresará claramente cal é o seu obxecto, detallando que aspectos son sometidos a control, e informará sobre a responsabilidade que asume o Colexio. En ningún caso comprende os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación queda suxeita ao libre acordo entre as partes, nin tampouco o control técnico dos elementos facultativos do traballo profesional.

3. En caso de danos derivados dun traballo profesional que visase o Colexio no que resulte responsable o seu autor, o Colexio responderá subsidiariamente dos danos que teñan a súa orixe en defectos que deberían ser postos de manifesto polo Colexio ao visar o traballo profesional e que garden relación directa cos elementos visados nese traballo concreto.

4. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia poderá establecer visados de acreditación nos cales se garantan aspectos técnicos dos traballos, salvagardando a liberdade de proxectar dos colexiados.

5. Cando o visado colexial veña imposto por lei, o seu prezo axustarase ao custo do servizo, que deberá ser razoable, non abusivo nin discriminatorio. O Colexio fará públicos os prezos dos visados de traballos, que poderán tramitarse por vía telemática.

6. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes.

7. Para a obtención do visado colexial, o profesional asinante do traballo dirixirase ao colexio profesional competente na materia principal do traballo profesional, que será a que exerza o profesional responsable do conxunto do traballo. Cando existan varios colexios profesionais competentes na materia, o profesional poderá obter o visado de calquera deles.

8. Cando unha organización colexial se estruture en colexios profesionais de ámbito inferior ao nacional, o profesional asinante do traballo poderá obter o visado en calquera deles.

Artigo 7. Portelo único

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia disporá unha páxina web e colaborará coas administracións públicas no necesario para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, fará o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan de xeito gratuíto:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Prestar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a de colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución súa polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados ás asembleas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio.

2. A través do referido portelo único, para unha mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, ofrecerase a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñer en caso de conflito entre o consumidor/usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios a que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

Para tal fin, adoptaranse as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para isto as tecnoloxías precisas e crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garanten a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para isto, poderán poñerse en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, incluso con corporacións doutras profesións.

Artigo 8. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. Este colexio atenderá, no ámbito da súa competencia, as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos colexiados que necesariamente tramitará e, se for o caso, resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados sexan presentadas por calquera profesional colexiado, consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. A través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos colexiados, poderá resolver sobre a queixa ou reclamación, segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Artigo 9. Memoria anual

1. Este colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para isto, elaborarase unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Informe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refire, da súa tramitación e da sanción imposta, se é o caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, se é o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos códigos deontolóxicos, en caso de dispor deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro trimestre de cada ano.

TÍTULO III
Da colexiación

Artigo 10. Requisitos da colexiación

1. Terán dereito a pertencer ao Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia as persoas físicas que estean en posesión dos títulos oficiais que habiliten para exercer a profesión regulada de enxeñeiro técnico forestal e reúnan as condicións que se determinen nestes estatutos aínda que non exerzan a profesión.

2. As sociedades profesionais a que se refire a Lei 2/2007, do 15 de marzo, cuxo obxecto social sexa o exercicio da actividade de profesional única ou multidisciplinar da enxeñaría técnica forestal deberán inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio e desde ese momento consideraranse incorporadas a este. A inscrición levarase a cabo co fin de que o Colexio exerza sobre elas as competencias que lle outorga o ordenamento xurídico sobre os profesionais colexiados.

Artigo 11. Exercicio da profesión

É requisito indispensable para o exercicio da profesión de enxeñaría técnica forestal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, cando así se estableza por lei, e no momento actual por mor do disposto na disposición transitoria cuarta da Lei 25/2009, do 22 de decembro, a incorporación ao Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, como colexiado de número, cando o domicilio profesional único ou principal estea dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todo isto sen prexuízo do establecido nas leis estatal e autonómica de colexios profesionais e do disposto no artigo 3 destes estatutos.

Artigo 12. Clases de membros

1. O Colexio estará integrado por dúas clases de membros:

Colexiados de honra.

Colexiados de número.

2. Son colexiados de honra aquelas persoas ás cales se outorga tal título, sexan ou non enxeñeiros técnicos forestais, polos servizos que rendan ou presten en favor da profesión. A distinción de colexiado de honra outorgarase por acordo da asemblea xeral ordinaria.

3. Para o recoñecemento dos méritos daquelas persoas, colexiados ou non, que prestasen destacados servizos ao Colexio ou contribuísen notablemente ao prestixio da profesión, establécense as seguintes distincións por orde de maior mérito:

a) Título de colexiado de honra.

b) Medalla de honra.

A forma e as condicións para outorgar estas distincións estableceranse en normativa interna.

4. Para ser colexiado de número deberase estar en posesión dalgún dos títulos que, consonte a normativa vixente, habiliten para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico forestal.

Os colexiados de número aceptan, polo simple feito de solicitaren a súa colexiación, o contido destes estatutos.

Artigo 13. Exercicio da profesión fóra do ámbito territorial do seu colexio

1. De conformidade co disposto no artigo 3.3 da Lei de colexios profesionais, os profesionais incorporados a calquera outro colexio autonómico poderán exercer no ámbito territorial do Colexio Oficial de Enxeñeiros Forestais de Galicia, de acordo coas seguintes condicións:

a) Abondará a incorporación a un só deles, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio español.

b) O Colexio non exixirá aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao do seu ámbito territorial comunicación nin habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixa habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

c) Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponde ao colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio dos consumidores e usuarios, o Colexio deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, de ser o caso, polo colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español.

d) No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Artigo 14. Réxime de incorporacións colexiais

A incorporación ao Colexio será necesario solicitala por escrito ao decano do Colexio. Xunto coa solicitude presentarase o título ou testemuña notarial deste, ou ben o xustificante de ter feito o pagamento dos dereitos de expedición, a declaración xurada de non estar sometido a inhabilitación profesional ou colexial como consecuencia dunha sentenza xudicial ou expediente administrativo ou disciplinario, o xustificante de ter aboado a cota de entrada e cumprir as prescricións que regulamentariamente se establezan, ademais da documentación que se requira segundo o acordo correspondente da Xunta de Goberno.

Cando un solicitante proceda doutro colexio, ademais do descrito no parágrafo anterior deberá xuntar un certificado colexial do colexio de procedencia.

Para tramitar a incorporación ao Colexio dunha sociedade profesional, será necesario presentar a solicitude correspondente, xunto coas escrituras de constitución e os títulos profesionais dos socios, ademais da documentación que se requira segundo o acordo correspondente da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno acordará o que crea procedente sobre a solicitude da inscrición, o que se comunicará ao interesado.

A Xunta de Goberno poderá denegar a solicitude de colexiación se considera que a documentación achegada polo solicitante é insuficiente, ofrece dúbidas de autenticidade ou non reúne as condicións exixidas pola lexislación vixente e estes estatutos, ou cando o interesado estiver cumprindo condena imposta polo tribunal ordinario de xustiza que comporte como pena accesoria a inhabilitación, absoluta ou parcial, para o exercicio da profesión.

En caso de denegación da solicitude de ingreso, o afectado poderá interpoñer un recurso contra o acordo ante a Xunta de Goberno, nun prazo dun mes, que deberá resolver nun prazo máximo de tres meses. Contra este acordo poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Se no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude de ingreso non se dita resolución ao respecto, poderase entender estimada.

Cando o solicitante proceda dunha situación de baixa, segundo o artigo 15.a), será necesaria a presentación dunha solicitude de reincorporación colexial, a presentación da documentación requirida para este trámite e o pagamento das cotas de reingreso.

Se a baixa foi por aplicación do artigo 15.b) destes estatutos, deberá xuntar coa solicitude e a documentación requirida, ademais das cotas de reingreso que se establezan para este suposto, a cantidade debida.

Artigo 15. Perda da condición de colexiado

Perderase a condición de colexiado:

a) Por petición propia, ao deixar de exercer a profesión, comunicada fidedignamente por escrito dirixido ao decano do Colexio cun mes de antelación como mínimo ao pagamento da seguinte cota colexial establecida. Esta baixa non exime do pagamento das cotas pendentes, dereitos de visado nin do cumprimento das obrigas profesionais ou corporativas pendentes.

b) Por incumprimento das súas obrigas económicas co Colexio, de acordo co que dispoñan as normas destes estatutos sobre o réxime disciplinario e o seu regulamento. Se se trata de cotas colexiais, pola falta de pagamento de dúas cotas ordinarias ou unha extraordinaria.

c) Por expulsión do Colexio acordada segundo o disposto nestes estatutos, así como na normativa colexial.

d) Por sentenza xudicial firme que inhabilite o colexiado para o exercicio da profesión.

Todas as situacións de baixa serán acordadas pola Xunta de Goberno.

Artigo 16. Suspensión de servizos colexiais

Sen prexuízo do disposto na alínea b) do artigo 15, os servizos que presta o Colexio suspenderanse aos colexiados mentres non satisfagan ou xustifiquen o aboamento dalgunha cota non pagada.

Esta situación notificaráse previamente ao interesado.

Artigo 17. Dereitos dos colexiados e das sociedades profesionais

Os colexiados de número teñen dereito a:

1. Exercer a profesión no ámbito territorial de Galicia. Exercer a profesión no resto do Estado español ou nos estados membros da Unión Europea mediante as oportunas comunicacións que se establezan en virtude do convenio cos organismos profesionais competentes ou da normativa que sexa de aplicación. No estranxeiro, en virtude das validacións e convenios oportunos coas autoridades e os organismos profesionais competentes, de acordo co previsto nestes estatutos.

2. Ser asistidos, asesorados e defendidos polo Colexio na forma e nas condicións fixadas nas cuestións que se susciten en relación cos seus dereitos e intereses lexítimos de carácter profesional, e moi especialmente cando se vexan obstaculizados no pleno e recto exercicio das súas atribucións.

3. Participar activamente na vida corporativa, especialmente asistir a todas as asembleas, con voz e voto, e ser elector e candidato para os cargos do Colexio e das súas institucións.

4. Utilizar os servizos que o Colexio estableza na forma e condicións que se determinen.

5. Presentar para o rexistro e/ou visado documentos relacionados coa súa actividade profesional, quedando constancia e garantía da súa actuación.

6. Cobrar os honorarios dos traballos visados mediante o Colexio na forma e na condición fixadas regulamentariamente.

7. Propoñer a convocatoria e inclusión dun asunto na orde do día dunha reunión ou asemblea xeral por petición dunha décima parte dos colexiados.

8. Recibir información regular sobre a actividade corporativa e de interese profesional mediante os instrumentos informativos que se creen regulamentariamente, como tamén intervir no trámite de información colexial nos asuntos que correspondan.

9. Realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa colexial, a través dun único punto, por vía electrónica, disposto na páxina web do colexio que consistirá no portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

10. Escribir nas publicacións informativas do Colexio, sen máis limitacións que as contidas nestes estatutos. En ningún caso se poderá alterar o texto do escrito sen consentimento do autor.

11. Examinar os arquivos e rexistros que reflictan a actividade do Colexio, na forma e nas condicións regulamentarias.

12. Obter información sobre aspectos corporativos do seu interese e, se é necesario, certificación dos asuntos que o afecten particularmente, como tamén ter vista e audiencia nas reunións do Colexio que o afecten de maneira directa.

13. Presentar denuncias ante o órgano de goberno do Colexio sobre actuacións profesionais sancionables dos colexiados, achegando as probas que o xustifiquen.

14. Levar a termo os traballos que sexan solicitados ao Colexio por organismos oficiais, entidades ou particulares e que lle correspondan, respectando a quenda previamente formada.

15. Xestionar o cobramento dos honorarios mediante o Colexio e obter deste o recoñecemento pola súa reclamación, sempre que se cumprisen os requisitos fixados pola normativa colexial.

16. Exercer todos os dereitos que se deduzan destes estatutos.

17. Interpoñer ante a Xunta de Goberno do Colexio recurso de alzada contra a actuación do delegado territorial ou provincial, ou recurso de reposición contra a actuación dalgún membro da propia Xunta de Goberno, cando esta se considere inxusta, lesiva ou contraria ás disposicións legais ou aos acordos dos órganos de goberno do Colexio.

18. As sociedades profesionais inscritas no Rexistro de Sociedades Profesionais exercerán os seus dereitos a través dos socios profesionais colexiados que as integren, con excepción dos dereitos electorais e de participación nos órganos de goberno do Colexio. Non poderán acceder á Xunta de Goberno nin terán voz nin voto nas asembleas.

19. O Colexio, por petición dos colexiados ou das sociedades profesionais, poderá realizar un control de calidade do traballo profesional, cuxo procedemento establecerá a Xunta de Goberno.

Artigo 18. Son deberes e obrigas do colexiado e das sociedades profesionais

1. Asistir aos actos corporativos na forma que regulamentariamente se determine.

2. Acatar e cumprir dilixentemente todas as prescricións que conteñan estes estatutos e os regulamentos que estes desenvolvan e todas as outras disposicións emanadas dos órganos de goberno do Colexio.

3. Poñer en coñecemento do Colexio os casos de intrusión profesional que se coñezan.

4. Pagar puntualmente as cotas, tanto as ordinarias como as extraordinarias, que sexan aprobadas para o sostemento do colexio.

5. Facilitar ao colexio, na forma que se determine na normativa colexial, os datos persoais e profesionais que procedan, así como dispoñer dun enderezo electrónico, para a elaboración da guía de colexiados ou por razóns estatísticas.

6. Observar, na súa actuación, a deontoloxía profesional a que fai referencia o artigo 40.

7. Visado:

I. Someter a visado do Colexio, de acordo coa normativa aprobada pola Xunta de Goberno, todos os traballos que realicen no exercicio da profesión e así se determine pola lexislación vixente, en consonancia co disposto polo artigo 13.1 da Lei de colexios profesionais e o artigo 6 destes estatutos, aboando ao Colexio a cota de intervención profesional que se estableza pola práctica destes.

II. Sen prexuízo do disposto no artigo 6 sobre función do visado, o colexiado asinante é responsable da calidade técnica do traballo que realiza, da súa viabilidade e do seu axuste á normativa sectorial correspondente; o Colexio unicamente responde da corrección externa da documentación integrante do traballo, pero non das previsións, cálculos e conclusións que integran este.

8. Non prexudicar, por acción ou omisión, os dereitos profesionais ou corporativos doutros colexiados.

9. Someter ao Colexio as cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados mediante arbitraxe, mediación ou conciliación do Colexio.

10. Participar activa e responsablemente na vida corporativa e aceptar os cargos para os cales foron escollidos, salvo causa xustificada.

11. Non difundir informacións declaradas confidenciais pola normativa colexial.

12. Prestar declaración ante o comité disciplinario por petición deste, na forma que estatutariamente se determine.

13. Comunicar os cambios de residencia, domicilio ou enderezo electrónico, así como as ausencias superiores a tres meses.

14. Nos traballos profesionais que realicen, observar todas as normas e preceptos que establece a lexislación vixente, os ditados polo Colexio e polo Consello Xeral e aqueloutros encamiñados a manter e a elevar o prestixio, a dignidade e a ética profesional.

15. Velar polo estrito cumprimento da normativa vixente, especialmente nas cuestións referidas á persecución da intrusión; fomentar as actuacións dos profesionais de enxeñaría técnica forestal, nas competencias que o requiran, e procurar, por todos os medios que estean ao seu alcance, remediar o desemprego profesional dos colexiados.

16. Aceptar as tarefas e misións que lles encomenden os órganos de goberno do Colexio.

17. Exercer a profesión con moralidade e decoro, cumprindo os preceptos e as normas das disposicións legais vixentes e actuando dentro das normas da libre competencia, con respecto aos compañeiros e sen incorrer en competencia desleal.

18. As sociedades profesionais inscritas estarán obrigadas a cumprir as presentes normas estatutarias e as demais que acorde o Colexio, ben que poderán quedar exentas das cotas colexiais sempre que estas sexan satisfeitas polos socios colexiados.

TÍTULO IV
Organización do Colexio

CAPÍTULO I
Órganos e funcións

Artigo 19. Clases de órganos de goberno

O Colexio terá os seguintes órganos:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O órgano presidencial, que será o decano do colexio.

d) As asembleas provinciais.

e) Os delegados provinciais.

– Asemblea Xeral.

Artigo 20. Natureza da Asemblea Xeral. Convocatoria e adopción de acordos

1. A Asemblea Xeral do Colexio é o órgano de expresión da vontade de todos os seus colexiados. Por tanto, todos eles, como os seus órganos de goberno, están na obriga do cumprimento dos acordos que aquela adopte.

2. A Asemblea Xeral gozará de plenas atribucións e da máxima autonomía dentro do ámbito de Galicia.

3. A Asemblea estará formada por todos os colexiados de Galicia e será presidida polo decano acompañado polos outros membros da Xunta de Goberno.

4. Os colexiados asistirán á reunión en persoa, ou delegando o seu voto por escrito noutro colexiado que asista, salvo para a elección de Xunta de Goberno, en que se exercerá o voto persoal ou por correo de acordo coa normativa electoral. Só se admitirán as delegacións ou representacións que se entreguen antes de dar comezo á Asemblea Xeral.

5. Os colexiados que non estean ao día nos pagamentos perderán o dereito de voz e voto nas asembleas.

Artigo 21. Organización da Asemblea Xeral

1. No primeiro trimestre do ano seguinte terá lugar a Asemblea Xeral ordinaria do Colexio correspondente ao ano anterior, para a aprobación dos seus orzamentos internos.

A convocatoria recaerá no decano, con expresión da orde do día.

2. A Asemblea Xeral do Colexio reunirase con carácter extraordinario, coa convocatoria previa do decano, por iniciativa propia, por acordo da Xunta de Goberno ou por proposta do 10 % dos colexiados de Galicia.

3. As convocatorias faranse cunha antelación mínima de vinte días. Para as asembleas extraordinarias este prazo quedará reducido á metade. As convocatorias cursaranse por medio de publicación na páxina web do Colexio, de acordo co establecido no artigo 10 bis 1.d) da Lei 11/2001, de colexios profesionais de Galicia.

4. A Asemblea Xeral do Colexio terá lugar ordinariamente na súa sede.

Artigo 22. Réxime de funcionamento da Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída na primeira convocatoria cando entre os presentes e os representados exista maioría absoluta. En segunda convocatoria, que se verificará na mesma citación por un transcurso mínimo de media hora, quedará, así mesmo, cos que estean presentes e representados.

2. Os acordos adoptaranse por maioría entre os asistentes e os representados, excepto para aqueles acordos que requiran un quórum especial de acordo con estes estatutos.

3. Só se poderán adoptar acordos sobre asuntos que figuren na orde do día.

4. Os acordos da Asemblea Xeral serán executivos independentemente de cando se produza a aprobación da acta.

Artigo 23. Atribucións da Asemblea Xeral

Son atribucións da Asemblea Xeral:

1. Aprobar a acta da asemblea anterior.

2. Definir as liñas de actuación económica e aprobar os orzamentos do Colexio e as súas liquidacións.

3. Aprobar fontes de ingresos especiais para a economía interna do Colexio.

4. Aprobar e modificar a deontoloxía profesional.

5. Aprobar e modificar o réxime disciplinario.

6. Resolver os asuntos que correspondan á Asemblea segundo estes estatutos e os asuntos que figuren na orde do día.

7. A aprobación e reforma dos estatutos.

8. A elección da Xunta de Goberno e do decano e a súa remoción por medio da moción de censura.

9. A aprobación da xestión da Xunta de Goberno e do decano.

10. A aprobación da memoria anual.

– Xunta de Goberno.

Artigo 24. Natureza da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno do Colexio desempeña a actuación e a coordinación desta e entre os seus colexiados en todo o territorio galego.

2. A Xunta de Goberno está constituída polos seguintes membros: decano, que ten a máxima representación do Colexio, secretario, tesoureiro, dous vogais e o vicedecano, de ser o caso.

3. A sociedade profesional, a pesar de ter a condición de colexiado, non poderá acceder á Xunta de Goberno nin terá voz nin voto nas asembleas.

4. Todos os cargos serán honoríficos; así mesmo, a Xunta de Goberno poderá aprobar a necesidade de retribución ou gratificación de determinados cargos, sempre e cando as circunstancias e a carga de traballo así o precisen, logo de informe preceptivo da Xerencia coa correspondente xustificación dos medios técnicos e económicos. Este acordo será ratificado pola Asemblea Xeral.

Artigo 25. Moción de censura contra a Xunta de Goberno e/ou vacantes

Sobre a moción de censura:

1. A moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar e propor moción de censura respecto a un ou varios dos seus membros, excepto respecto do decano.

3. Os colexiados poderán propor moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros solicitando a realización da Asemblea Xeral extraordinaria correspondente, de acordo co especificado no artigo 21.3 destes estatutos. Neste caso, a Xunta de Goberno estará na obriga de convocar inmediatamente, e para que esta teña lugar nun prazo non superior a dous meses, a asemblea xeral solicitada. A proposición da moción de censura deberá estar apoiada cun mínimo do 10 % dos colexiados.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato dos afectados.

5. A aprobación dunha moción de censura contra o decano, a totalidade ou máis da metade dos membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato de toda ela. Neste caso, e para evitar un baleiro de poder, a mesma Asemblea Xeral adoptará o acordo consistente no nomeamento dunha xunta xestora, que deberá convocar eleccións nun prazo non superior a dous meses. A xunta xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

6. Para a aprobación de calquera moción de censura contra a Xunta de Goberno será necesaria a maioría cualificada dos dous terzos do censo de colexiados de alta.

Sobre as vacantes:

1. No caso de vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, e sempre que quede no cargo algún compoñente desta, convocará inmediatamente Asemblea Xeral extraordinaria, que adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha xunta xestora, que deberá convocar nun prazo máximo dun mes eleccións a todos os cargos. A xunta xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

2. No caso de estaren vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, a convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria a que se refire o punto anterior será efectuada por un grupo de colexiados designados polo xerente ou o secretario técnico.

Artigo 26. Organización das sesións da Xunta de Goberno

A convocatoria das sesións da Xunta de Goberno recaerá no decano mediante a remisión da orde do día e a información previa sobre os asuntos que se vaian tratar. A convocatoria efectuarase mediante comunicación electrónica.

Non se poderá adoptar ningún acordo sobre asuntos que non figuren na orde do día. Os asuntos que non figuren na orde do día soamente poderán ser obxecto de acordo cando estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

As convocatorias faranse polo menos con cinco días de antelación, excepto os casos de acreditada urxencia, que poderán convocarse con tempo imprescindible para a citación e presentación á reunión.

Como mínimo, a Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria cada dous meses. Na reunión do último trimestre de cada ano prepararase e confeccionarase a orde do día da asemblea. Nos meses de xullo e agosto non se realizarán sesións ordinarias.

A Xunta de Goberno reunirase con carácter extraordinario, coa convocatoria previa do decano ou por petición da terceira parte, como mínimo, dos seus membros.

As sesións de Xunta de Goberno poderán realizarse por vía presencial ou telemática.

Considerarase validamente constituída a sesión de Xunta de Goberno cando estean presentes, polo menos, a metade dos seus compoñentes, e deberá estar sempre presente o decano e o secretario. Non obstante, se non se chegase a reunir o quórum necesario para a súa constitución, despois de transcorrida unha hora, os presentes pasarán a tratar os temas que por maioría se consideren urxentes, sempre coa asistencia de decano e secretario.

No caso dunha convocatoria urxente cada compoñente poderá ter a representación doutro.

Os acordos serán adoptados pola maioría de votos dos presentes e representados e, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do decano.

Non será necesaria convocatoria previa cando, estando presentes a totalidade dos membros, acorden por unanimidade a orde do día e a celebración da sesión.

Artigo 27. Atribucións da Xunta de Goberno

Corresponde á Xunta de Goberno, para o cumprimento dos seus fins, o exercicio das seguintes funcións:

1. Desempeñar a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten os intereses profesionais e exercer o dereito de petición, de acordo co establecido nas leis.

2. Facilitar ao colexiado o exercicio da profesión.

3. Fomentar a plena ocupación entre os colexiados. Por iso, colaborará, sempre que sexa necesario, coa Administración e coa iniciativa privada.

4. Procurar harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre eles.

5. Intervir en vía de conciliación, mediación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

6. Organizar actividades e servizos de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, informativo, asistencial, de previsión e outros similares, procurando o seu sostemento económico cos medios necesarios.

7. Facilitar aos tribunais, de acordo coas leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para interviren como peritos en asuntos xurídicos, ou designalos eles mesmos segundo proceda.

8. Distribuír equitativamente entre os colexiados aqueles traballos profesionais que se tramiten por medio do Colexio.

9. Adoptar as medidas que conduzan a evitar a intrusión profesional.

10. Nomear a Comisión de Visado, que estará presidida pola xerencia ou secretaría técnica.

11. Xestionar o cobramento das percepcións, remuneracións e honorarios profesionais, por petición dos colexiados, nos casos e condicións que determinen estes estatutos.

12. Propoñer á asemblea as cotas e achegas económicas extraordinarias dos colexiados que sexan necesarias, dentro dos límites establecidos polo órgano colexial competente.

13. Prestar aos colexiados axuda xurídica, cando a soliciten, en cuestións derivadas do exercicio profesional.

14. Informar dos proxectos de lei ou disposicións de calquera rango que se referisen ás funcións profesionais, ditadas polo/os parlamento/s autónomo/s, as xuntas xerais ou institucións de rango inferior.

15. Emitir informe sobre os procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

16. Participar na elaboración dos plans de estudo e emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión; manter permanente contacto con estes e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.

17. Designar representante para participar nos consellos e organismos consultivos da Administración nas materias competencia da profesión.

18. Representar o Colexio nos padroados universitarios.

19. Exercer todas as funcións que lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos fins do Colexio que poidan serlle solicitadas ou acorden formularse por propia iniciativa.

20. Ordenar a actividade profesional dos colexiados velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

21. Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis xerais e as disposicións relacionadas coa profesión, estes estatutos e os seus regulamentos, ademais das normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

22. Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas emanadas dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión.

23. Elaborar os regulamentos e a normativa de réxime particular.

24. Dirimir os conflitos que poidan suscitarse entre as diferentes delegacións.

25. Adoptar as medidas necesarias para que os colexiados cumpran as resolucións dos órganos do Colexio.

26. Velar para que se cumpran as funcións disciplinarias con respecto aos colexiados.

27. Confeccionar os orzamentos e a liquidación dos orzamentos anteriores e sometelos á aprobación da asemblea.

28. Tratar de conseguir o máximo nivel de traballo dos colexiados, colaborando coa Administración na medida que resulte máis adecuada.

29. Velar por que se cumpran as condicións exixidas nos estatutos e regulamentos para a presentación e proclamación de candidatos para os cargos directivos das delegacións.

30. Propoñer á asemblea a reforma do regulamento.

31. Propoñer á asemblea a concesión do título de colexiado de honra e da medalla de honra.

32. Cumprir os acordos adoptados na asemblea.

33. Orientar as actuacións do Colexio en prol dos seus fins profesionais.

34. Controlar, asesorar e coordinar as actuacións das delegacións.

35. Manter actualizadas as listas dos colexiados e os seus datos profesionais e corporativos.

36. Propoñer á asemblea a creación ou disolución das delegacións.

37. Crear cargos e seccións e delegar as competencias que se consideren para o desenvolvemento das súas funcións.

38. Fixar a orde do día da asemblea.

39. Nomear os delegados provinciais de acordo co artigo 34.

40. Todas as funcións que sexan competencia do Colexio e non estean expresamente atribuídas a outros órganos colexiais, así como todas as outras funcións que redunden en beneficio dos intereses profesionais, culturais, sociais e económicos dos colexiados.

41. Nomear un xerente ou secretario técnico do Colexio para o exercicio das actividades de xestión e administración propias do Colexio, así como as funcións que lle sexan delegadas pola Xunta de Goberno e os seus membros. Fixar unha remuneración para o dito cargo.

Artigo 28. O decano

O decano da Xunta de Goberno, que é o órgano presidencial, ten as seguintes atribucións:

a) Desempeñar a representación legal do Colexio, con facultades de delegar as súas funcións e acordar o exercicio de toda clase de accións, recursos e reclamacións, incluso as delegadas expresamente pola Xunta de Goberno.

b) Convocar as reunións da Asemblea e da Xunta de Goberno.

c) Fixar, de acordo coa Xunta de Goberno, a orde do día da asemblea.

d) Presidir as reunións da asemblea e da Xunta de Goberno.

e) Presidir e moderar as comisións e reunións a que asistan.

f) Velar polo cumprimento das prescricións regulamentarias dos acordos adoptados polos órganos xerais e das disposicións xerais.

g) Autorizar coa súa sinatura as actas das reunións dos órganos colexiais.

h) Resolver as incorporacións colexiais.

i) Autorizar coa súa sinatura todas as certificacións que expida o secretario.

j) Autorizar os libramentos e as ordes de pagamento.

k) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, sempre sen prexuízo da lexitimación que estableza a lei.

l) Autorizar os informes e as comunicacións que oficialmente dirixa o Colexio ás autoridades, corporacións ou particulares.

m) Asinar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes bancarias e os talóns ou cheques expedidos pola tesouraría para repartir cantidades.

n) Dar posesión aos membros da Xunta de Goberno e estender as credenciais.

o) Decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

Artigo 29. O vicedecano

O vicedecano, cando exista, exercerá todas aquelas funcións que lle delegue o decano, e substituirao nos casos de ausencia, enfermidade, suspensión, dimisión, cesamento ou defunción; nos tres últimos casos, para o resto do mandato, e nos outros, polo tempo en que se manteñan as circunstancias que poidan motivar a súa substitución.

De non existir esta figura, o decano poderá delegar as funcións de substitución noutro membro da Xunta de Goberno. En caso de ausencia e imposibilidade desta delegación, será substituído polo vogal de máis antigüidade.

Artigo 30. O secretario

Independentemente dos dereitos e obrigas especiais que lle confiran os acordos da respectiva Xunta de Goberno, corresponderá ao secretario:

a) Elaborar a acta das reunións.

b) Expedir as certificacións.

c) Preparar o despacho para dar conta á Xunta de Goberno dos asuntos do Colexio e das comunicacións colexiais.

d) Redactar a memoria anual.

e) Asinar el mesmo ou co decano, en caso necesario, as ordes, a correspondencia ordinaria de trámite normal e outros documentos administrativos.

f) Custodiar os documentos do arquivo que pertenzan ao Colexio e a responsabilidade da súa custodia.

g) Custodiar o libro de actas das asembleas ordinarias e extraordinarias e das reunións da Xunta de Goberno.

h) Custodia, organización e xestión, axudado polo persoal de oficina en quen poida delegar, do rexistro de colexiados.

i) Exercer a xefatura superior do persoal administrativo e subalterno ao servizo do Colexio, ao cal fará cumprir coas súas obrigas específicas e cos acordos da Xunta de Goberno.

Artigo 31. O tesoureiro

Será misión do tesoureiro:

a) Administrar e custodiar os fondos pertencentes ao Colexio e ser responsable deles.

b) Autorizar coa súa sinatura, conxuntamente coa do decano, os recibos, os cobramentos e os pagamentos.

c) Informar a Xunta de Goberno das faltas de pagamentos.

d) Levar os libros de contabilidade necesarios de forma legal.

e) Asinar a correspondente conta de ingresos e pagamentos mensuais para sometelos á aprobación da Xunta de Goberno, e reunir os correspondentes ao ano en curso, coas súas xustificacións, e presentalos á aprobación da asemblea.

f) Poñer á disposición dos colexiados a través do portelo único os documentos contables que reflictan a situación económica do Colexio.

g) Redactar os orzamentos do Colexio e sometelos á Xunta de Goberno.

Artigo 32. Os vogais

Corresponden aos vogais da Xunta de Goberno:

a) O desempeño das funcións que lles delegue ou encomende o decano ou a Xunta de Goberno.

b) Substituír os titulares dos restantes cargos electos da Xunta de Goberno en caso de ausencia, enfermidade ou vacante temporal, sen prexuízo do disposto nestes estatutos.

c) Asistir, cos restantes membros da Xunta de Goberno, ao domicilio social do colexio para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

– Outos órganos.

Artigo 33. A Asemblea Territorial

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma poderá constituírse unha asemblea territorial, que estará composta por todos os colexiados da demarcación e presidida polo delegado provincial designado pola Xunta de Goberno. Esta asemblea terá carácter consultivo, deliberatorio e informativo.

Artigo 34. O delegado provincial

O delegado provincial poderá representar, logo de designación da Xunta de Goberno, o Colexio ante toda clase de organismos, entidades e corporacións no seu ámbito territorial.

Os delegados provinciais son competentes para transmitir ante a Xunta de Goberno o sentir dos colexiados nas provincias da comunidade autónoma.

Serán nomeados pola Xunta de Goberno.

Asumirán a representación da Xunta de Goberno no seu territorio nos casos en que non sexa necesaria a súa decisión e substituirán o decano pola súa delegación expresa.

Poderán asistir a todas as reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto.

Asumirán cantas funcións lles atribúa a Xunta de Goberno.

Correspóndelle presidir as asembleas provinciais de colexiados, que convocará por propia iniciativa, seguindo as instrucións da Xunta de Goberno, ou por petición de máis do 10 % dos colexiados da súa demarcación.

Actuará ante a Xunta de Goberno como portavoz dos colexiados do seu territorio, os cales manterá informados das reunións da Xunta e, en xeral, de todo canto afecte os intereses de todo tipo dos colexiados. A súa actuación poderá ser impugnada ante a Xunta de Goberno e nestes casos absterase de participar.

Nas asembleas provinciais desenvolverá a tarefa de secretario o de máis nova colexiación que estea presente no momento de iniciarse a asemblea.

O delegado provincial poderá ser cesado por acordo da Xunta de Goberno ou por iniciativa do 10 % dos colexiados do territorio provincial. O novo delegado provincial será nomeado pola Xunta de Goberno.

Artigo 35. A Xerencia ou Secretaría Técnica

1. Serán funcións da Xerencia ou Secretaría Técnica:

Organización e coordinación das actividades que o Colexio leve a cabo.

Supervisión e coordinación do persoal de administración e servizos internos e externos.

Coordinación e apoio aos membros da Xunta de Goberno.

Busca e xestión de recursos, incluída a xestión dos libramentos e as ordes de pagamento.

Representación do Colexio por delegación ou apoderamento suficiente.

Representación de calquera membro da Xunta de Goberno que así o delegue nas distintas reunións, con voz e voto.

Participación nas distintas comisións ou comités que se constitúan no seo do colexio, con voz e voto.

Outras tarefas inherentes ás funcións propias de xerencia que se consideren oportunas, así como as que lle delegue tanto a Xunta de Goberno como os seus membros.

2. Para o exercicio das devanditas funcións terá as seguintes facultades:

a) Asistirá ás reunións da Xunta de Goberno, tendo en ambos os casos voz pero non voto.

b) A xefatura dos servizos administrativos do Colexio, así como do persoal adscrito a estes.

c) Presidirá a comisión de visado, exercendo a función de visado.

d) Dirixir e asinar todas as comunicacións e circulares que se deban remitir por orde do decano e da Xunta de Goberno.

e) Poderá redactar todas as actas das reunións das asembleas xerais e da Xunta de Goberno, que levarán a sinatura do secretario e o visto e prace do decano.

f) Xestionar os seguintes libros, ficheiros e/ou rexistros:

Rexistro de visados.

Libros de contabilidade do Colexio, de acordo co tesoureiro.

Libros de actas ou documentos que poidan substituílos legalmente, nos cales constarán cronoloxicamente as actas de todas as reunións dos órganos do Colexio que se celebren.

Libros de entrada e saída de documentos.

Ficheiros de colexiados que deberán estar actualizados en todo momento.

Conservar, xestionar e manter actualizada a base de datos do Colexio.

g) Poderá redactar, por delegación, a memoria das actividades do Colexio a someter a Xunta de Goberno e no seu día á Asemblea Xeral.

h) Preparar as asembleas xerais e reunións da Xunta de Goberno enviando aos seus membros, coa debida antelación, toda a información que proceda.

i) Recibir, dando conta ao decano, todas as comunicacións dirixidas ao Colexio.

j) Poderá expedir, coa sintura do secretario e visto e prace do decano, as certificacións que lle sexan solicitadas e estean de acordo con estes estatutos e regulamentos aprobados.

k) Atender os visitantes, tratando de resolver e aclarar as consultas que se lle formulen e que sexan de competencia do Colexio.

l) Todos os demais inherentes ao cargo que sexan da súa competencia e os que lle encomende a Xunta de Goberno.

m) Levar e xestionar o Rexistro de Sociedades Profesionais.

n) Conservar, xestionar e manter actualizada a páxina web do Colexio

CAPÍTULO II
Bases de réxime electoral

Artigo 36. Período de mandato

A elección dos membros da Xunta de Goberno será por un período de catro anos.

Todos os cargos poderán ser reelixidos unha ou varias veces.

Artigo 37. Normas de elección

A elección dos cargos axustarase ás seguintes normas:

1. A elección será por candidaturas, terá lugar mediante votación secreta e farase a proclamación por maioría de votos dos colexiados, tanto presentes como aqueles que os envíen por correo. Non se admite a delegación do voto para a elección de cargos.

Se só se presentase unha candidatura, finalizado o prazo de presentación procederase á súa proclamación sen necesidade de votación.

2. Serán electores e elixibles todos os colexiados que no momento da votación non estean nalgunha das situacións previstas no artigo 15 e 16 destes estatutos. Para o cargo de decano será, ademais, requisito necesario ter polo menos catro anos de colexiación no momento da convocatoria de eleccións, e para os cargos de secretario e tesoureiro establécese o requisito de ter polo menos dous anos de colexiación computados de igual modo.

3. O dereito ao voto exercerase persoalmente ou por correo, de acordo co que se estableza no Regulamento de réxime electoral, co obxecto de garantir a súa autenticidade.

4. Os colexiados que desexen presentarse á elección dos cargos da Xunta de Goberno deberán comunicar a súa candidatura por escrito á Xunta Electoral, de acordo co establecido no Regulamento de réxime electoral. A Xunta de Goberno dará a coñecer a todos os colexiados a relación completa das candidaturas presentadas.

5. As candidaturas poderán realizar ao seu cargo, a través do portelo único do colexio, a propaganda que crean conveniente. Para iso deberán dirixir a súa solicitude de publicación á xerencia do Colexio.

Elixidos os membros da Xunta de Goberno, estes deberán tomar posesión dos seus cargos dentro do prazo do mes seguinte á data en que se dean por finalizadas as eleccións.

TÍTULO V
Ordenación do exercicio profesional

Artigo 38. Exercicio

1. Todo colexiado poderá exercer a súa profesión libremente, de xeito individual ou a través de sociedades profesionais.

2. Estableceranse os tipos de visados e as normas e requisitos que se cumprirán para a súa obtención.

3. O segredo profesional, respecto a materias reservadas coñecidas con ocasión do desenvolvemento dun traballo constitúe un deber e un dereito lexítimo.

4. Establécese como principal finalidade do Colexio a defensa da profesión e dos intereses dos consumidores e usuarios de acordo coa normativa vixente.

Artigo 39. Deontoloxía

Toda actuación profesional dos colexiados axustarase sempre á deontoloxía profesional. En calquera caso, ninguén poderá realizar ningunha actuación que atenda ao desprestixio da profesión ou á dignidade profesional ou persoal doutro colexiado.

TÍTULO VI
Réxime económico

Artigo 40. Dos recursos económicos

1. O Colexio deberá contar cos recursos necesarios para atender debidamente as finalidades e funcións encomendadas ás solicitudes de servizo dos seus membros, os cales quedarán obrigados a contribuír ao sostemento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

2. Os recursos económicos do Colexio serán sufragados na proporción que se estableza regulamentariamente das cotas ordinarias mínimas que satisfagan os colexiados.

3. Tamén constituirán recursos propios do Colexio as achegas que con carácter extraordinario acorde a Asemblea para atender necesidades imprevistas.

4. Serán recursos ordinarios do Colexio:

a) Os beneficios, as rendas e os xuros de toda clase que produciren os bens ou dereitos que integren o patrimonio.

b) As cotas de entrada dos colexiados, contías que se determinarán en asemblea.

c) As cotas periódicas ou ordinarias, as cales serán fixadas tamén pola Asemblea Xeral. A forma de pagamento será determinada pola Xunta de Goberno.

d) Os dereitos económicos que corresponda percibir ao Colexio en concepto de cota de intervención profesional ou dereitos polo visado dos documentos e traballos profesionais que realicen os colexiados no exercicio da profesión.

5. Serán recursos extraordinarios do Colexio:

a) As subvencións, doazóns, herdanzas ou legados que sexan outorgados polo Estado, a Administración autonómica, corporacións oficiais, entidades públicas ou privadas, colexiados ou particulares.

b) Os dereitos por estudos, informes ou ditames, asesoramento e análogos que lle sexan solicitados ao Colexio.

c) Os dereitos pola utilización dos servizos que teñan establecidos para prestacións singulares.

d) Os que se establezan con carácter xeral para o cumprimento das finalidades asistenciais, formativas e de ordenación do traballo profesional.

e) Os ingresos que poidan obterse pola venda de publicacións, impresos, subscricións e análogos.

f) As rendas dos bens de toda clase que posúa o Colexio.

g) As contías que por calquera outro concepto non especificado se poidan percibir.

Artigo 41. Dos orzamentos

1. Os orzamentos xerais elaboraranse segundo os principios de eficacia e economía e incluirán a totalidade dos ingresos e gastos colexiais no exercicio económico.

2. A Xunta de Goberno elaborará os orzamentos xerais para a súa presentación e aprobación pola Asemblea Xeral.

3. Os orzamentos aprobados non poderán conter variacións de contía de recursos que non se tramitasen regulamentariamente.

4. Mentres non se aprobe o orzamento, quedará automaticamente prorrogado o anterior.

5. O orzamento do Colexio aprobarase en asemblea.

6. Os orzamentos, contas e balances daranse a coñecer aos colexiados e corresponderá a administración á Xunta de Goberno.

TÍTULO VII
Réxime disciplinario e recompensas

CAPÍTULO I

Articulo 42. Réxime disciplinario

1. O Colexio sancionará todos aqueles actos dos colexiados que constitúan infracción culposa dos presentes estatutos, normativa interna ou acordos adoptados polos seus órganos de goberno.

2. As sociedades profesionais inscritas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio están sometidas ao réxime disciplinario que se regula nos presentes estatutos, e poden ser sancionadas no suposto de que contraviren as normas que están obrigadas a cumprir.

Artigo 43. As faltas, cualificación

1. As faltas polas que disciplinariamente poderán ser sancionados os colexiados clasifícanse en leves e graves.

2. As faltas leves prescriben aos seis meses e as graves aos dous anos.

3. Son faltas leves as consistentes no incumprimento neglixente de preceptos estatutarios ou de acordos dos órganos colexiais, así como as incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

4. Son faltas graves:

a) O incumprimento doloso de preceptos estatutarios ou de acordos dos órganos colexiais. Entenderase en todo caso doloso o incumprimento tras un requirimento previo da Xunta de Goberno.

b) As ofensas graves á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a gobernan.

c) A falta de pagamento reiterado de calquera tipo de cotas.

d) Ser condenado por delito doloso a penas de inhabilitación.

e) Ter dado lugar a imposición de dúas sancións por faltas leves cometidas no prazo dun ano, contando desde a data da comisión da primeira delas.

f) As faltas de respecto e os atentados contra a dignidade ou honra dos compañeiros con ocasión do exercicio profesional, así como contra as persoas que exercen cargos no Colexio cando actúen no exercicio das súas funcións.

g) A incorrecta actuación profesional cos clientes e usuarios.

h) O incumprimento polos socios profesionais da obriga de instar a inscrición da sociedade profesional e demais actos inscritibles.

i) Atentar contra os intereses dos consumidores e usuarios dos servizos do colexio.

j) Falseamento ou grave inexactitude nos traballos profesionais.

k) A falta de veracidade nos datos persoais subministrados ao colexio.

l) O incumprimento da obriga de visar no colexio os traballos profesionais nos casos que corresponda.

5. Terán a consideración de faltas graves imputables especificamente ás sociedades profesionais:

a) Non adaptar o seu contrato social e os seus estatutos á Lei de sociedades profesionais e non solicitar a súa inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais.

b) Non proceder a regularizar as situacións de incompatibilidade ou inhabilitación dos socios profesionais no prazo establecido por lei.

c) Será considerada falta grave imputable á sociedade profesional non ter contratada unha póliza de seguro que cubra as responsabilidades en que puider incorrer no exercicio da actividade ou actividades que constitúen o obxecto social.

Artigo 44. Sancións

1. As sancións que poidan impoñerse aos colexiados serán:

a) Apercibimento verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Reprensión privada.

d) Reprensión pública.

e) Suspensión temporal de exercicio profesional por un período non superior a dous anos.

f) Expulsión do Colexio.

2. As tres primeiras sancións aplicaranse pola comisión de faltas leves e as restantes polas faltas graves.

3. As sancións impostas por faltas graves prescriben aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

4. As sancións que poidan impoñerse ás sociedades profesionais serán:

I. Multa económica:

a) En caso de falta leve, de 100 a 1.000 euros.

b) En caso de falta grave, de 1.001 a 100.000 euros.

II. A baixa temporal no Rexistro de Sociedades Profesionais con prohibición de exercicio profesional e a imposibilidade de visar traballos por un prazo de ata dous anos.

III. A baixa definitiva no Rexistro de Sociedades Profesionais con prohibición indefinida de exercicio profesional.

5. Dentro dos límites establecidos as sancións impoñeranse, tanto aos colexiados como ás sociedades profesionais, atendendo ás seguintes circunstancias:

a) Intencionalidade.

b) Prexuízo causado á dignidade profesional, aos cidadáns ou ao medio.

c) Grao de participación na comisión da falta.

d) Reiteración ou reincidencia.

A determinación motivada da clase de sanción que se impoña farase atendendo ao número e entidade dos presupostos anteriormente sinalados que concorresen na comisión da falta.

6. Poderá reducirse a sanción ou a súa contía sempre que o infractor proceda a corrixir a situación creada pola comisión da infracción no prazo que se sinale no correspondente requirimento.

Artigo 45. Facultade sancionadora

1. As faltas sancionaranse por acordo da Xunta de Goberno e, no seu nome, polo decano do Colexio.

2. Para a imposición de sancións deberá incoarse previamente o oportuno expediente. O acordo de iniciación deste compete á Xunta de Goberno, que o adoptará por propia iniciativa, por petición razoada do decano ou por denuncia.

3. A instrución do expediente será realizada polo comité disciplinario, quen actuará de acordo coa normativa interna de procedemento sancionador. O comité disciplinario estará integrado pola xerencia, un membro da Xunta de Goberno e dous colexiados con máis de cinco anos de exercicio profesional. Estará asesorada polos servizos externos de asesoría xurídica do Colexio.

4. No expediente que se instrúa será oído o afectado, quen poderá facer alegacións e achegar a este cantas probas considere convenientes na súa defensa, de acordo coa normativa interna de procedemento sancionador.

5. Ultimado o devandito expediente, o comité disciplinario, xunto coa proposta de sanción, elevarao á Xunta de Goberno para a súa resolución e acordo.

6. No suposto de que sexa un dos membros da Xunta de Goberno quen vaia ser expedientado, non tomará parte nas votacións para adoptar acordos en relación co devandito expediente.

7. Os prazos de tramitación, suspensións, comunicacións, etc., estarán regulados por unha normativa interna de procedemento sancionador.

Artigo 46. Interposición de recursos en materia sancionadora

1. Contra a resolución que dite a Xunta de Goberno poderá interpoñerse recurso de reposición ante a propia Xunta, ou acudir directamente á xurisdición contencioso-administrativa, na forma prevista nas disposicións vixentes sobre a materia.

2. Están lexitimados para recorrer o denunciante, o denunciado ou calquera persoa física ou xurídica con interese lexítimo.

3. O recurso de reposición interpoñerase no prazo de 1 mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución e debe resolverse no prazo dun mes. Transcorrido o respectivo prazo sen ditarse e notificarse a resolución do recurso, este entenderase desestimado.

4. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente o recurso de reposición ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

CAPÍTULO II
Recompensas

Artigo 47. Recompensas

As recompensas, cuxa concesión corresponde á Asemblea Xeral, serán as seguintes:

1. Parabéns ou mencións honoríficas.

2. Solicitude, a quen corresponda, de concesión de condecoracións oficiais.

3. Publicación, con cargo aos fondos do Colexio, daqueles traballos de destacado valor técnico ou científico.

4. Aqueloutros premios de tipo económico que a Xunta de Goberno, por si mesma ou por proposta das delegacións territoriais, propoña.

TÍTULO VIII
Réxime xurídico

Artigo 48. Legalidade

O Colexio, en canto actúe no exercicio das funcións públicas, axustará a súa actuación ao disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse en todo caso como funcións públicas do Colexio o control das condicións de ingreso na profesión, da emisión de informes preceptivos, o visado de proxectos e a potestade disciplinaria.

A Lei 30/1992 citada aplicarase, así mesmo, de forma supletoria, en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre colexios e por estes estatutos.

En todo o non disposto nos presentes estatutos será de aplicación o disposto na Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, e na Lei 11/2001, de colexios profesionais de Galicia, e normativa que as desenvolva ou modifique e que estea vixente en cada momento.

Artigo 49. Recursos

Os acordos definitivos emanados dos órganos de goberno do Colexio suxeitos ao dereito administrativo esgotan a vía administrativa e queda expedita a vía xudicial ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 50. Nulidade ou anulabilidade dos actos

Son nulos de pleno dereito os actos emanados dos órganos do Colexio en que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

2. Os ditados por órgano manifestamente incompetente.

3. Os que teñan un contido imposible.

4. Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia destes.

5. Os ditados que prescindan total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

6. Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

7. Calquera outro que garde analoxía cos anteriores e que unha disposición de rango legal cualifique de nulo de pleno dereito.

Son anulables os actos que incorren en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

TÍTULO IX
Da reforma dos estatutos

Artigo 51. Procedemento de aprobación e reforma dos estatutos

Para propoñer á Administración a reforma destes estatutos, necesitarase o acordo da Asemblea Xeral do Colexio, adoptado por maioría simple de votos dos presentes e representados.

TÍTULO X
Disolución e liquidación

Artigo 52. Disolución do Colexio

1. A disolución do Colexio non poderá efectuarse a non ser por cesamento dos seus fins, tras o acordo das tres cuartas partes da Asemblea Xeral extraordinaria convocada especialmente para este obxecto.

2. En caso de disolución do Colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á asemblea xeral propostas de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigas pendentes.