Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2016 Páx. 12979

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (287/2015).

María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 287/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Mario Mougán Valdés contra Falcón Contratas y Seguridad, S.A., Fogasa, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Auto:

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mario Mougán Valdés presentou o 30 de novembro de 2015 demanda de execución contra Falcón Contratas y Seguridad, S.A., instando a execución da sentenza número 282/2015 ditada no procedemento de despedimento número 144/2015 seguido ante este xulgado e ditada o día 28 de xullo de 2015, a cal, notificada ás partes, foi declarada firme por Decreto do 2 de setembro de 2015.

Segundo. Unha vez ditada a orde xeral de execución por auto do 11 de decembro de 2015, por dilixencia de ordenación desta data acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social.

Terceiro. Á comparecencia non compareceu a parte executada nin o Fogasa malia constar citados. Compareceu a parte executante, quen, aberto o acto, se ratificou na demanda executiva e solicitou o recibimento do preito a proba, practicándose as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos e, tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado e así se declara que nos autos de despedimento número 144/2015 seguidos ante este xulgado se ditou Sentenza do 28 de xullo de 2015, cuxa resolución é do teor literal seguinte:

«Tense a Mario Mougán Valdés por desistido da demanda que deu orixe ao presente procedemento fronte a Eulen Seguridad, S.A. e decrétase o sobresemento e arquivamento do procedemento fronte á devandita demandada.

Estimo parcialmente a demanda interposta por Mario Mougán Valdés contra Falcón Contratas y Seguridad, S.A. e Falcón Mantenimimento y Control, S.A., e, en consecuencia, efectúo os pronunciamentos seguintes:

1º. Que debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento do demandante efectuado por Falcón Contratas y Seguridad, S.A. con data de efectos o 10 de xaneiro de 2015, e debo condenar e condeno a Falcón Contratas y Seguridad, S.A. a readmitir inmediatamente o traballador demandante no seu posto de traballo nas mesmas condicións que rexían con anterioridade ao despedimento e con aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data do despedimento ata a de notificación desta sentenza a razón de 65,13 euros diarios, ou ben, á súa elección, a extinguir a relación laboral do demandante con aboamento dunha indemnización de 36.552,14 euros por despedimento improcedente.

A opción polo empresario entre a readmisión do traballador e a indemnización por despedimento improcedente deberá exercerse no prazo de 5 días contados a partir da notificación da presente sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito termo sen que o empresario tivese optado, entenderase que procede a readmisión.

2º. Debo absolver e absolvo a Falcón Mantenimiento y Control, S.A. das peticións deducidas no seu contra.

3º. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa deberá aterse ao que resulte da aplicación do artigo 33 do ET».

Dáse por integramente reproducido o contido da citada sentenza que consta en autos, onde consta o salario regulador do executante para os efectos do despedimento –65,13 euros diarios– e antigüidade –17 de outubro de 2001– e data de efectos do despedimento –10 de xaneiro de 2015–.

Segundo. A empresa demandada non procedeu á readmisión do executante, sen presentar escrito efectuando a opción no prazo conferido legalmente para tal efecto.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante, ET), en caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso– entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola que o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante, LRXS).

O artigo 281 LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos números un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Corresponde, pois, á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario supoñería obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental existente en autos procedente do procedemento declarativo do que dimana a presente execución, cuxa reprodución solicitou a parte executante no acto da comparecencia. A parte executante acreditou a través das devanditas probas a improcedencia do despedimento, e a obriga da executada de optar ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, así como a falta de exercicio da devandita opción, por non se ter presentado o escrito correspondente no prazo conferido na sentenza, polo que se debe entender que a empresa demandada optou en realidade pola readmisión conforme o indicado na parte dispositiva da sentenza.

Nada acreditou, non obstante, a executada en relación coa readmisión do executante, pois, dada a súa actuación procesual, non despregou actividade probatoria, de modo que non cumpriu coa carga probatoria que lle incumbe, que é a efectiva e correcta readmisión do traballador nos termos sinalados na sentenza de despedimento.

Con base na valoración conxunta da proba practicada e os preceptos legais ut supra citados, procede declarar a extinción da relación laboral na data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2 letras b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que haberá de calcularse na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida na disposición transitoria quinta da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (anterior disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012). De modo que lle corresponde percibir ao executante unha indemnización pola extinción da relación laboral na data da presente resolución de 39.133,61 euros, e 28.136,16 euros de salarios de tramitación devindicados desde a data de efectos do despedimento ata a presente resolución.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe aterse ao previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Quinto. No que atinxe á imposición de custas solicitada pola parte executante na comparecencia, estase no caso de estimación debendo procederse á súa taxación, de conformidade co disposto nos artigos 239.3 e 269.3 da LRXS, conforme os cales deben ser incluídos na taxación de custas da execución os honorarios de letrado da parte executante ao non ter cumprido a parte executada o ordenado no título executivo dentro do prazo dos vinte días seguintes a aquel en que o título executivo quedou constituído.

Resultan de aplicación os artigos 239.3 e 269.3 da LRXS, polos motivos que a continuación se expoñen.

Debe terse en conta que ao se tratar dos honorarios de letrado devindicados na execución forzosa, resulta de aplicación o disposto no artigo 269.3 da LRXS conforme o cal na taxación de custas da execución poden incluírse os honorarios ou dereitos de avogados, incluídos os das administracións públicas, procuradores e graduados sociais colexiados, devindicados na execución. Ben que o devandito precepto parece imprimir á inclusión dos honorarios de letrado na taxación de custas un carácter meramente potestativo ou discrecional do órgano xudicial, a apreciar, segundo as circunstancias do caso concreto, o devandito carácter discrecional esvaécese pola interrelación co artigo 239.3 do mesmo texto legal, por canto este último ten carácter imperativo e o seu teor obriga o órgano a incluír na taxación de custas da execución os honorarios de letrado do executante cando a parte executada non cumpra o ordenado no título executivo no prazo dos vinte días seguintes a aquel en que o título adquirise firmeza ou quedase constituído, ou, se é o caso, desde que a obriga declarada no título executivo sexa exixible. Da interrelación entre o artigo 269.3 e o artigo 239.3 colíxese que cando utiliza o termo «poderán incluirse» refírese á necesidade de que exista unha expresa petición da parte executante para que se inclúan na taxación de custas os honorarios do seu letrado cando o executado non cumprise o título executivo no prazo dos 20 días previsto no artigo 239.3. Así pois, infírese que se cumpre o executado no devandito prazo non procederá incluír honorarios de letrado na taxación de custas da execución, mais, se non cumpre no devandito prazo, incluiranse os honorarios de letrado na taxación de custas sempre e cando a parte executante o solicite expresamente e presente a minuta detallada e xustificada de tales gastos e se constate que estes se devindicaron e proceden conforme o baremo que resulte aplicable.

Xa en diversas resolucións precedentes, esta xulgadora sinalou que se introduciu un cambio do criterio que se viña aplicando neste órgano polos xulgadores precedentes, conforme o cal non se efectuaba taxación de custas en execución ou se practicaba a cero euros, ben que o devandito cambio de criterio devén xustificado na redacción da nova LRXS 36/2011, do 10 de outubro, no teor literal dos seus preceptos, que veñen sendo interpretados no mesmo sentido en diversas resolucións tanto do Tribunal Supremo como dos tribunais superiores de Xustiza, mesmo xa coa redacción da antiga LPL. Así, a STS do 9.10.1986 sinalaba «que a aplicación e interpretación de calquera precepto da normativa xurídica deben realizarse sempre con atención preferente aos dereitos fundamentais que a Constitución española recoñece e proclama nos seus artigos 14, de igualdade ante a lei, e 24, de obter tutela xudicial efectiva que inclúe o de defensa valéndose da asistencia de letrado; de tal maneira que o máximo equilibrio entre as partes presentes nun proceso quede garantido en calquera e en todas as súas fases.

Tan indiscutible principio debe informar o adecuado e conxunto entendemento do que dispoñen os artigos 10 e 12 da Lei de procedemento laboral nos seus respectivos parágrafos terceiros, 200 e 203 do propio texto procesual e 950 da Lei de axuizamento civil, todos invocados, ao igual que os dous da Constitución antes citados, como infrinxidos no recurso; así como dos artigos 423 e 424 da Lei de axuizamento. Debe terse en conta tamén que se a intervención de avogados na fase inicial foi provocada polos demandantes agora recorrentes que mediante o da súa elección formularon a demanda, foi logo –tras a sentenza firme e cando xa as custas ex lege son a cargo das empresas demandadas– cando a execución adquiriu unha evidente complexidade, derivada da irregular actuación das empregadoras, para lograr a efectividade dos seus dereitos e en axeitada defensa destes, contasen coa asistencia e dirección xurídica de letrado. Os honorarios deste, na devandita fase de execución, deben pois reputarse como de lexítima inclusión na taxación de custas practicada; e ao non o entender así o maxistrado de instancia incorreu, en efecto, na infracción dos preceptos que se deixan citados, tal como, en concreto, o alegan (polos conceptos de interpretación errónea e de violación) os cinco primeiros motivos do recurso, que deben ser acollidos. Iso dispensa de estudar os restantes, posto que na súa virtude procede estimar o devandito recurso, coa conseguinte casación e anulación da sentenza impugnada.

Terceiro. Consecuencia do pronunciamento que se deixa fundamentado é o de que, en aplicación do que dispón o artigo 1.715-3., da supletoria Lei de axuizamento civil e, en vista de canto con anterioridade se razoou, proceda resolver que non procede impugnación da taxación de custas practicada; e que nesta deba quedar incluída, como debida, a partida de honorarios do letrado dos traballadores inicialmente demandantes».

E no mesmo sentido pode citarse como máis recente a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 23.1.2013 que, con remisión á sentenza do mesmo Tribunal de data 16.9.2011, indica que «o artigo 97.3 da Lei de procedemento laboral permite, certamente, a imposición dunha sanción pecuniaria ao litigante que obrou de mala fe ou con notoria temeridade, que comporta, se o condenado é o empresario, a condena dos honorarios de avogados. Agora ben, só se llo permite “a sentenza”, o cal se compadece coa situación sistemática da norma dentro das normas reguladoras do proceso declarativo –Libro II da LPL–.

Non cabe, en consecuencia, impoñer a sanción pecuniaria establecida no artigo 97.3 da Lei de procedemento laboral en fase de execución, onde o que se permite é impoñer constrinximentos pecuniarios ou multas coercitivas ao abeiro do artigo 239 da Lei de procedemento laboral, ben que –e iso á marxe das críticas que nos mereza– esa posibilidade non será de aplicación na execución de sentenzas fronte a entes públicos –artigo 285.2.c) da LPL–».

E engade a referida sentenza que «en todo caso, os dereitos ou honorarios de avogados devindicados na execución si serán incluídos na taxación de custas –artigo 267.3 da LPL–».

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro extinguida a data da presente resolución a relación laboral que unía a Mario Mougán Valdés con Falcón y Contratas Seguridad, S.A., e condeno a Falcón Contratas y Seguridad, S.A. a aboarlle a Mario Mougán Valdés a suma de 39.133,61 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral e a suma de 28.136,16 euros en concepto de salarios de tramitación; e, así mesmo, condeno a Falcón Contratas y Seguridad, S.A. a aboar as custas procesuais da presente execución, logo da súa taxación, e incluídos nestas os honorarios do letrado da parte executante.

No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe aterse ao previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución e fágaselles saber que contra ela poden interpoñer recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada. A letrada da Administración de xustiza.

Dilixencia. Seguidamente, cúmprese o ordenado. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma a Falcón Contratas y Seguridad, S.A., en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2016

A secretaria xudicial