Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2016 Páx. 10831

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2016 pola que se ordena a publicación do acordo de encomenda de xestión á Sociedade Xestora de Intereses da USC Unixest, S.L.

Con data do 10 de febreiro de 2016, subscribiuse entre a USC e Unixest, S.L. o acordo de encomenda de xestión para a expedición de suplementos europeos ao título.

En cumprimento do establecido no artigo 15.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXAP-PAC), procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do referido acordo, que figurará como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2016

P.D. (Resolución do 22.9.2015; DOG do 5 de outubro)
José Manuel Villanueva Prieto
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO
Acordo de encomenda de xestión á Sociedade de Intereses da USC Unixest, S.L. para a expedición de suplementos europeos ao título

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2016.

Reunidos:

Dunha parte o reitor, actuando en nome e representación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en virtude das facultades legais que lle confire a Lei orgánica 6/2001 de universidades, do 21 de decembro e os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, por delegación do reitor (Resolución reitoral do 22 de setembro de 2015; DOG do 5 de outubro), o xerente, José Manuel Villanueva Prieto.

Por outra banda, José Pereira Fariña, conselleiro delegado de Unixest, S.L. e con poderes suficientes para a realización deste acordo en virtude da escritura pública do 27 de xuño de 2014 (Rexistro Mercantil do 1 xullo).

Expoñen:

Primeiro.

A USC é unha entidade de dereito público que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público esencial á comunidade mediante o estudo, a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento, actividades para as cales goza de autonomía.

Segundo.

A Sociedade Xestora de Intereses da Universidade de Santiago de Compostela, S.L. constituíuse no ano 1999 como medio propio da USC, que é socio único. Esta sociedade réxese polos seus estatutos, polos preceptos da Lei de sociedades de responsabilidade limitada e demais disposicións vixentes sobre a materia.

Terceiro.

A sociedade ten por obxecto a «prestación por conta da Universidade de Santiago de Compostela de servizos de carácter cultural, organizativo e de xestión» e a «realización de actividades de produción e/ou comercialización de produtos que poidan ser de interese para a USC, e especialmente produtos de imaxe corporativa, representación, etc.».

Unha das liñas de negocio desta sociedade, aprobada polos seus órganos de goberno, é a de achegar solucións informáticas para a educación, dentro da cal se elaborou o programa informático Xescampus, actualmente implantado como sistema de xestión da área académica da USC.

Cuarto.

A expedición do suplemento europeo ao título é unha obriga das universidades, que deben entregar este documento xunto co título para cada un dos egresados das titulacións adaptadas ao EEES. Para o cumprimiento deste obxectivo, aquelas deben dispoñer dos medios materiais e humanos para a súa execución.

Non obstante o anterior, ata a data a USC non puido expedir os SET xa que as guías de implantación non foron aprobadas ata setembro de 2015 polo Ministerio de Educación Cultura e Deporte.

Dado que na elaboración das guías e na definición da estrutura de datos do Ministerio tivo Unixest un papel moi importante, debe ser esta empresa a que acometa os traballos para a posta en marcha da expedición do SET tanto en soporte papel como informático e poña ao día a entrega dos SET na USC á vista do atraso acumulado desde a publicación do Real decreto 22/2015, do 23 de xaneiro, de requisitos de expedición do suplemento europeo.

Quinto.

Na actualidade, a USC ten pendente de expedir arredor de 12.000 SET, polo que se require unha actuación urxente neste eido. Ademais, os resultados serán incorporados ao correspondente módulo/módulos de expedición de títulos en Xescampus para favorecer a expedición ordinaria do SET a partir do remate desta encomenda.

Sexto.

O artigo 15 da LRXAP-PAC establece que a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos da competencia dos órganos administrativos ou das entidades de dereito público poden ser encomendadas a outros órganos ou entidades públicas ou persoas físicas ou xurídicas suxeitas a dereito privado por razóns de eficacia ou cando non posúan os medios técnicos idóneos para o seu desempeño.

Por iso, esta encomenda efectúase de conformidade co disposto no citado artigo por ambas as dúas razóns, dado que Unixest é medio propio da USC e é a encargada do desenvolvemento da aplicación Xescampus.

Por todo iso, ambas as dúas partes acordan subscribir a presente encomenda de xestión de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Ámbito de aplicación subxectivo

Son partes do presente acordo a USC, como entidade encomendante, e a Sociedade Xestora de Intereses da USC (Unixest, S.L.) como entidade encomendataria.

Segunda. Obxecto

O obxecto da encomenda é a realización dun plan piloto para a expedición do suplemento europeo ao título de grao e máster da USC en formato papel e electrónico.

Terceira. Titularidade e actividades encomendadas

A presente encomenda de xestión non supón cesión da titularidade da competencia nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e é responsabilidade da USC ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico lle dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto da encomenda.

Estes traballos abranguen:

• O deseño da estrutura de datos.

• A revisión dos datos personalizados dos alumnos.

• A impresión dos SET.

• O deseño e elaboración do e-SET e a súa posta á disposición na sede electrónica da USC.

O datos das titulacións serán achegados pola USC. Os datos do alumnado procederán dos expedientes académicos, e Unixest será a encargada do tratamento de datos.

A implantación do e-SET estará condicionada á coordinación coas plataformas de Administración electrónica da USC, en particular ao portal institucional de sinatura e á sede electrónica. Para estes efectos, é necesario establecer un protocolo de traballo coa Área de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (ATIC) para que se implementen os cambios necesarios.

Cuarta. Recursos, coordinación e seguimento

A USC designa como representante no deseño, seguimento e implantación dos traballos contidos nesta encomenda a Carlos A. Gómez Otero, secretario xeral adxunto.

Para a coordinación e interlocución do desenvolvemento dos traballos e necesidades descritas na presente encomenda, Unixest designará a Manuel Rodríguez Ruano como coordinador, que actuará diante da USC como responsable funcional deste proxecto, ao cal dedicará os recursos necesarios para garantir en todo momento tanto a interlocución adecuada coa USC como a coordinación do persoal dedicado a este proxecto.

Quinta. Datos de carácter persoal

O persoal de Unixest, que durante o desenvolvemento das tarefas da encomenda terá acceso a datos de carácter persoal, polo que terá a consideración de encargado de tratamento tal e como se define na letra g) do artigo 3 de Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, declarará expresamente que coñece quedar obrigado ao cumprimento do disposto na citada lei, especialmente no indicado nos seus artigos 9, 10 e 12. Neste sentido, deberá ter en conta as seguintes obrigas:

a) Unixest adoptará as medidas de seguridade que lle correspondan segundo o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da LOPD.

b) Unixest comprométese explicitamente a formar e informar todas as persoas que empregue para a execución da encomenda e das obrigas que de tales normas dimanan.

c) Igualmente, serán de aplicación as disposicións de desenvolvemento das normas anteriores que se atopen ou entren en vigor durante a execución desta encomenda.

d) Unixest e o persoal a que encargue a realización das tarefas gardarán segredo profesional sobre todas as informacións, documentos e asuntos a que teña acceso ou coñecemento durante a vixencia da encomenda, e estarán obrigados a non facer públicos ou allear cantos datos coñezan como consecuencia ou con ocasión da súa execución, mesmo despois de finalizar o prazo contractual.

e) Se Unixest achega equipamentos informáticos, unha vez finalizadas as tarefas, previamente á retirada deles, deberá borrar toda a información utilizada ou que derive da execución da encomenda, mediante o procedemento técnico adecuado. A destrución da documentación de apoio, se non se considera indispensable, efectuarase mediante máquina destrutora de papel ou calquera outro medio que garanta que sexa ilexible; esta operación efectuarase no lugar onde se realicen os traballos.

f) A documentación entregarase a Unixest para o exclusivo fin da realización das tarefas obxecto desta encomenda, e quedará prohibido para Unixest e para o persoal encargado da súa realización a súa reprodución por calquera medio e a cesión total ou parcial a calquera persoa física ou xurídica. O anterior esténdese, así mesmo, ao produto das ditas tarefas.

g) Unixest comprométese a non dar información e datos proporcionados pola USC para calquera outro uso non previsto nesta encomenda. En particular, non proporcionará a terceiras persoas copia de tales documentos ou datos, sen autorización escrita da USC.

h) Todos os estudos e documentos elaborados durante a execución desta encomenda serán propiedade da USC, que poderá reproducilos, publicalos e divulgalos, total ou parcialmente, sen que Unixest se poida opor á súa difusión ou utilización.

Sexta. Produtos e servizos entregados

Como resultado dos traballos, Unixest deberá entregar:

• Un máximo de 12.000 SET de grao e máster en papel e en formato electrónico, personalizados por alumno.

• Preparación da documentación e aplicacións para a expedición ordinaria dos SET.

A entrega dos documentos de formato papel realizarase na Sección de Títulos para a súa entrega aos interesados. Os de formato electrónico entregaranse nun arquivo pdf para a súa inserción na sede electrónica da USC.

No caso de que a empresa non dispoña de medios de impresión, poderá formalizar contrato cunha empresa especializada.

Sétima. Prazo

O prazo máximo de entrega dos SET será decembro de 2017.

Oitava. Modificación

Este acordo poderá ser modificado por acordo expreso das partes asinantes, de acordo cos procedementos que exixa a normativa vixente.

Novena. Réxime económico e financeiro da encomenda

1. Para a execución desta encomenda, a USC aboará a Unixest, S.L. a cantidade de 90.000 €, que será imputada á partida orzamentaria 8075301822609.

Por tratarse dunha encomenda a un medio propio, non está suxeita a IVE.

O custo da encomenda poderá ser aboado gradualmente, por unidade en papel de SET expedida e entregada, a un prezo de 7,5 euros por unidade.

Para estes efectos, a Secretaría Xeral da USC realizará unha certificación do número de SET entregados e Unixest emitirá a correspondente factura polo número de SET certificados, que será visada e aceptada pola Xerencia da USC previamente ao seu aboamento.

2. Por tratarse a entidade encomendataria dun medio propio da USC, non se exixe a presentación de ningunha garantía.

Décima. Réxime xurídico

Este acordo ten o carácter administrativo recollido no artigo 15 da LRXAP-PAC.

Décimo primeira. Xurisdición competente

As cuestións litixiosas da presente encomenda serán resoltas pola USC. As que non poidan ser resoltas por ela, someteranse aos tribunais do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela

Décimo segunda. Exclusións

A USC queda excluída das relacións xurídicas laborais ou de calquera outra índole que Unixest, S.L. poida establecer con terceiros.

Décimo terceira. Publicidade

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia.

En proba de conformidade, ambas as dúas partes asinan o presente acordo por duplicado exemplar no lugar e data arriba indicados.

José Manuel Villanueva Prieto

José Pereira Fariña

Xerente da Universidade
de Santiago de Compostela

Conselleiro delegado de Unixest, S.L.