Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2016 Páx. 7341

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín

EDICTO (193/2014).

Myriam de Mata Schick, secretaria xudicial do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín, fai saber que no presente procedemento F02 familia, garda, custodia e alimentos, seguido por instancia de Natalia Martínez Blanco fronte a Sergio Caaveiro Prieto se ditou sentenza, cuxo teor literal é o seguinte:

Resolvo:

Acordo estimar a demanda presentada por Natalia Martínez Blanco fronte a Sergio Caaveiro Prieto e, en consecuencia, a aplicación das seguintes medidas relativas á garda, custodia e alimentos da filla común menor de idade, Zaira Caaveiro Martínez:

1. O exercicio conxunto da patria potestade sobre a menor por ambos os proxenitores. Este exercicio conxunto supón que as decisións importantes relativas á menor serán adoptadas por ambos os proxenitores de mutuo acordo e, en caso de discrepancia, resolverá o xulgado conforme o trámite previsto no artigo 156 do Código civil. A título indicativo, son decisións incluídas no ámbito da patria potestade as relativas ás seguintes cuestións: a) Cambio de domicilio do menor fóra do municipio de residencia habitual e traslado ao estranxeiro, salvo viaxes vacacionais; b) Elección inicial ou cambio de centro escolar; c) Determinación das actividades extraescolares ou complementarias; d) Celebracións sociais e relixiosas de relevancia (bautismo, primeira Comuñón e similares noutras relixións); e) Actos médicos non urxentes que supoñan intervención cirúrxica ou tratamento médico de longa duración ou psicolóxicos.

2. Atribúeselle a garda e custodia da filla menor, Zaira, a Natalia. Na falta de acordo entre os proxenitores, fíxase como réxime de comunicación, visitas e tenza en compañía de Sergio coa filla menor, o seguinte:

I. Mentres Sergio traballe e resida habitualmente no estranxeiro, poderá ter na súa compañía a súa filla menor de idade, Zaira, os períodos en que regrese a España, de acordo coas seguintes regras:

– Cando o período de estancia en España non exceda os 15 días cada 6 meses, poderá ter na súa compañía a súa filla durante todo o tempo que pase en territorio nacional.

– Cando o período de estancia en España exceda os 15 días e non supere os 30 días cada 6 meses, poderá ter na súa compañía a súa filla durante a metade do tempo que pase en territorio nacional.

– Cando o período de estancia en España supere os 30 días cada 6 meses, ata o trixésimo día Sergio poderá ter na súa compañía a súa filla durante a metade do período que pase en territorio nacional e, a partir do trixésimo día, aplicarase o réxime de visitas ordinario que a continuación se expón.

En todo caso, o desfrute deste réxime de visitas por parte de Sergio desenvolverase conforme as seguintes regras:

– Sergio deberá avisar a Natalia da súa intención de desfrutar da compañía da menor con, ao menos, 15 días de antelación á data de inicio do desfrute das visitas.

– As visitas incluirán a pernoita da menor.

– Sergio deberá respectar escrupulosamente as obrigas académicas da menor, de tal maneira que, se o período de visitas coincide co curso académico, Sergio deberá levar e recoller a súa filla no colexio durante os días lectivos.

II. Para o suposto de que Sergio fixe o seu domicilio permanente en territorio nacional, ou ben para o caso de que os períodos que Sergio pase en España superen os 30 días cada 6 meses, o réxime de visitas de Sergio coa súa filla desenvolverase nos seguintes períodos:

– Fins de semana alternas, desde o venres á saída do colexio ata as 20 horas do domingo. O pai deberá levar de volta a nena á hora indicada no domicilio da menor. Finalizados os períodos vacacionais, corresponderá a primeira fin de semana seguinte ao proxenitor co cal a menor non estivese o período vacacional finalizado. Para o caso de que o venres non sexa día lectivo, a recollida da nena realizarase ás 18:00 horas no domicilio da menor. Durante os períodos vacacionais queda interrompido o réxime de visitas semanal.

– As comunmente denominadas “pontes”, así como os festivos que precedan ou sigan unha fin de semana, desfrutaraos a menor co proxenitor en cuxa compañía se encontre a fin de semana a que quedan unidos.

– As vacacións escolares de Nadal, Semana Santa e verán desfrutaraas a menor por metade con cada proxenitor. O pai elixirá os anos impares e a nai os pares. A elección deberá ser comunicada ao outro proxenitor con antelación suficiente. Para tal fin establécense os seguintes períodos:

a) Semana Santa: primeiro período, desde o último día lectivo ás 18 horas ata o mércores seguinte ás 10 horas. Segundo período, desde o dito mércores ás 10 horas ata o domingo seguinte ás 20 horas.

b) Nadal: primeiro período, desde o último día lectivo ás 18 horas ata o día 30 de decembro ás 18 horas. Segundo período, desde as 18 horas do día 30 ata o día 6 de xaneiro ás 18 horas.

c) Verán: primeiro período, desde as 12 horas do 1 de xullo ás 12 horas do 15 de xullo e desde as 12 horas do 1 de agosto ás 12 horas do 15 de agosto. Segundo período, desde as 12 horas do 15 de xullo ás 12 horas do 1 de agosto e desde as 12 horas do 15 de agosto ás 12 horas do 31 de agosto.

O proxenitor a que cada ano corresponda a decisión elixirá entre un dos dous tramos en que se divide cada período de vacacións. A menor será recollida e retornada no seu domicilio habitual polo seu pai.

3) Establécese a favor da filla menor e a cargo de Sergio Caaveiro Prieto unha pensión de alimentos de 300 euros, que deberá ser ingresada por Sergio dentro dos 10 primeiros días de cada mes na conta bancaria co seguinte BIC e IBAN: CAGLESMMXXX ES51 2080 5429613000195353. Será Sergio o que deba soportar os custos do cambio de moeda, de tal maneira que a cantidade efectivamente ingresada na conta indicada sexa a sinalada nesta resolución. A pensión de alimentos actualizarase anualmente consonte as variacións do IPC.

Os gastos extraordinarios deberán ser afrontados por metade entre ambos os proxenitores. Merecen tal consideración os gastos médicos, farmacéuticos e asistenciais non cubertos polo réxime público de saúde, os derivados de actividades extraescolares e calquera outro de análoga natureza. A reclamación da parte correspondente dos gastos extraordinarios exixirá coñecemento previo e consentimento manifestado polo outro cónxuxe, salvo situacións de urxencia.

Non procede a condena en custas de ningunha das partes.

Notifíquese esta resolución ás partes e ao Ministerio Fiscal.

Esta sentenza non é firme e contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, que se deberá interpor ante este xulgado no prazo de 20 días contados desde o seguinte ao da notificación daquela. Para a interposición do dito recurso deberase acreditar a consignación dun depósito de 50 euros na conta deste xulgado, baixo apercibimento de non se admitir a trámite o recurso.

Así o acordo e asino, Gonzalo Sans Besada, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín.

E ao estar o dito demandado, Sergio Caaveiro Prieto, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Lalín, 28 de xaneiro de 2016

A secretaria xudicial