Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 27 de novembro de 2015 Páx. 44837

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO de notificación de auto (ETX 173/2015).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 173/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Manuel Jesús Fandiño López contra Grafinova, S.A. e o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) sobre despedimento, foi ditada a seguinte resolución:

«Auto

Maxistrada xuíza Paula Méndez Domínguez

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

Antecedentes de feito:

Primeiro. Manuel Jesús Fandiño López presentou o 26 de xuño de 2015 demanda de execución contra Grafinova, S.A. en que instaba a execución da sentenza 555/2014 ditada no procedemento de despedimento obxectivo individual 363/2014, seguido ante este xulgado e ditada o día 12 de decembro de 2014, a cal, notificada ás partes, foi declarada firme.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por Auto do 14 de xullo de 2015, por dilixencia de ordenación da mesma data acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 280 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia asistiron a parte executante e o Fogasa, sen asistir a executada a pesar de constar citada. No dito acto, o executante ratificouse na demanda executiva. O Fogasa opúxose á execución alegando que conforme o artigo 279 da LRXS non procede declarar extinguida a relación laboral, dado que pasaron máis de tres meses desde a firmeza da sentenza até a presentación da demanda executiva, polo que está prescrita a acción para exercer o incidente de readmisión e se debe continuar a execución unicamente polos salarios de tramitación que non están prescritos.

Na comparecencia, conforme solicitaron as partes, foron practicadas as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos e, após o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado que nos autos de despedimento obxectivo individual 363/2014 seguidos ante este xulgado foi ditada sentenza do 12 de decembro de 2014, cuxa parte dispositiva é do teor literal seguinte: “Estimando integramente a demanda interposta por Manuel Jesús Fandiño López contra Grafinova, S.A. debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento do demandante efectuado pola mercantil demandada con efectos do 12 de marzo de 2014, e debo condenar e condeno a Grafinova, S.A. a que readmita inmediatamente o traballador demandante nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento até a notificación desta sentenza a razón de 45,50 euros diarios, ou ben, á escolla do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento ao demandante dunha indemnización de 32.760 euros por despedimento improcedente.

A opción polo empresario entre a readmisión do traballador e a indemnización por despedimento improcedente deberase exercer no prazo de cinco días contados a partir da notificación da presente sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito termo sen que o empresario tivese optado, entenderase que procede a readmisión.

No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, atender ao que resulte da aplicación do artigo 33 do ET”.

Tense por integramente reproducido o contido da citada sentenza constante en autos, onde figura o salario regulador do executante para os efectos do despedimento e antigüidade.

Segundo. A executada non procedeu á readmisión do executante, sen presentar escrito efectuando a opción no prazo conferido legalmente para tal efecto.

Terceiro. A sentenza de instancia notificouse ao demandante en data 5.1.2015, á parte demandada en data 12.1.2015 a través de edictos publicados no DOG, e ao Fogasa o día 16.12.2014.

Cuarto. A demanda de execución que deu lugar aos presentes autos foi presentada ante o xulgado decano de Santiago de Compostela o día 26.6.2015.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante ET), en caso de se declarar a improcedencia do despedimento e se o empresario non optar, como sucede no presente caso, entenderase que procede a readmisión. Por tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón por que o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante LRXS).

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede demostrada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Corresponde pois, á empresa, a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Pero para o exercicio da acción de readmisión o artigo 279 establece un límite temporal e indica:

“1. Cando o empresario non proceder á readmisión do traballador, poderá solicitar este a execución da sentenza ante o xulgado do social:

a) Dentro dos vinte días seguintes á data sinalada para proceder á readmisión, cando esta non se tiver efectuado.

b) Dentro dos vinte días seguintes a aquel en que expire o dos dez días a que se refire o artigo anterior, cando non se sinalase data para continuar a prestación laboral.

c) Dentro dos vinte días seguintes á data en que a readmisión tivo lugar, cando esta se considerase irregular.

2. Non obstante, e sen prexuízo de que non se perciban os salarios correspondentes aos días transcorridos entre o último de cada un dos prazos sinalados nas alíneas a), b) e c) do número anterior e aquel en que se solicite a execución da sentenza, a acción para instar esta última deberase exercer dentro dos tres meses seguintes á firmeza da sentenza.

3. Todos os prazos establecidos neste artigo son de prescrición”.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental que consta en autos procedente do procedemento declarativo do que dimana a presente execución, cuxa reprodución solicitaron a parte executante e o Fogasa na comparecencia. A parte executante probou a improcedencia do despedimento, e a obriga da executada de optar ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, ben como a falta de exercicio da devandita opción, por non se presentar o escrito correspondente no prazo conferido na sentenza, polo que se debe entender que a empresa optou en realidade pola readmisión conforme o indicado na parte dispositiva da sentenza.

Non obstante o anterior, hai que indicar que a primeira cuestión para analizar se circunscribe á prescrición da acción de readmisión alegada polo Fogasa. Nesta materia débese observar a doutrina xurisprudencial unificada e reiterada do Tribunal Supremo, que, entre outras e por citar algunha das máis recentes, sinala na Sentenza do 10 de xuño de 2014:

“... Desde hai anos, a xurisprudencia desta Sala do Social do Tribunal Supremo –STS do 4 de febreiro de 1995 (recurso 1450/1994), con referencias á do 2 de novembro de 1989 e tamén citada pola sentenza de contraste– vén afirmando que a sentenza en que se declara improcedente o despedimento contén dúas condenas diferentes “... dunha parte, á readmisión do despedido ou ao aboamento a este da indemnización correspondente –condena alternativa, con opción en favor da empresa, neste caso exercida pola readmisión– e, en todo caso, ao pagamento dos salarios de tramitación, baixo as limitacións legalmente impostas. Ambas as condenas –readmisión e salarios de tramitación–, aínda consecuencia da improcedencia, teñen perfís distintos: a primeira impón unha obriga de facer; a segunda o pagamento de determinada cantidade. De aí que para aquela estableza a Lei de procedemento laboral un trámite específico para a súa execución, non aplicable á segunda, pois, para os devanditos efectos, aplicarase o disposto polos artigos 200 e seguintes do citado corpo legal”.

... Temos que partir entón de que nas sentenzas de despedimento improcedente se conteñen dúas condenas distintas, unha referida a unha obriga de facer, que é a readmisión do traballador cando, como no caso que nos ocupa, a empresa non exerce a opción legal que se lle concede nela, e outra de aboamento dunha cantidade concreta, líquida, que son os salarios de tramitación comprendidos entre a data do despedimento e a de notificación da sentenza. Nesa situación, o artigo 277 da LPL exixe que a execución da parte correspondente á obriga de facer, a readmisión, se se entende incumprida, se leve a cabo na forma que exixe o artigo 226 da LPL, isto é, a través da solicitude do incidente de non readmisión, percibíndose salarios de tramitación distintos dos inicialmente fixados na sentenza. Só para estes e para a propia acción de execución referida á readmisión, o artigo 277 da LPL establece a forma e prazos en que esa acción executiva se debe formular, limitándose eses salarios de tramitación cando se exerce a devandita acción dentro dos tres meses seguintes á firmeza da sentenza, entendéndose esta producida “por ministerio da lei, unha vez esgotado o recurso legal ou transcorrido o termo para interpolos, con independencia, para estes efectos, de cando sexa declarada a firmeza e cando sexa notificada (STS 4ª, 5 de xullo de 2011, recurso 2603/2010)”.

... Pois ben, unha vez realizado o cómputo dos tres meses na forma indicada, desde a firmeza da sentenza de despedimento que se tenta executar, a prescrición especial que nel se contén unicamente poderá proxectarse sobre o eventual incumprimento da obriga de facer que se di incumprida, isto é, a readmisión, de maneira que todo o que se refira ao percibo da indemnización que se corresponda coa ausencia de tal readmisión estará prescrito se se pide alén dos tres meses, como acontece neste caso, e non se acreditase a interrupción dese prazo de prescrición.

... Pero os salarios de tramitación correspondentes ao despedimento, isto é, os contidos na parte dispositiva da sentenza e que comprenden os habidos desde a data do despedimento até os da notificación da sentenza, constitúen unha cantidade concreta, susceptible de execución independente, como antes se dixo, de maneira que para o exercicio da acción de execución a eles referida haberá que atender ao que se dispón con carácter xeral para tal tipo de condenas, isto é, ao artigo 241.1 da LPL (actual 243.1 da LRXS), no cal se di que, “sen prexuízo do disposto no artigo 279 da vixente LRXS, o prazo para instar a execución será igual ao fixado nas leis substantivas para o exercicio da acción tendente ao recoñecemento do dereito cuxa execución se pretenda...” e engádese no número 2 que “en todo caso, o prazo para reclamar o cumprimento das obrigas de reclamar a entrega de sumas de diñeiro será dun ano”.

... En conclusión, tal e como afirma o Ministerio Fiscal no seu informe, a sentenza impugnada infrinxiu os preceptos que se analizaron nos puntos anteriores, posto que declarou prescrita a acción de execución da sentenza de despedimento improcedente que se ditou a favor da demandante, en todos os seus pormenores, ao terse presentado alén dos tres meses a que se refire o artigo 277.2 da LPL (279.2 da LRXS), cando debeu distinguirse, como se razoou antes, entre a non readmisión e a indemnización que dela derivase, e os salarios de tramitación contidos na sentenza, que si resultarían susceptibles de ser executados, ao terse presentado a petición ou acción para iso antes de que transcorrese un ano, contando desde a firmeza da sentenza”.

En congruencia coa devandita resolución, débese concluír agora no mesmo senso, o que, en función das datas previamente consignadas, comporta a estimación do recurso interposto, coa declaración do dereito da demandante aos salarios de tramitación percibidos desde a data do despedimento até a da notificación da sentenza de instancia, coa responsabilidade do Fogasa respecto dese concepto e período nos termos legalmente establecidos.

Na presente execución débese ter en conta que a sentenza de despedimento foi declarada firme por dilixencia de ordenación do 28 de xaneiro de 2015, por ser notificada ao demandante o 5.1.2015, ao demandado o 12.1.2015 a través de edictos publicados no DOG, e ao Fogasa o 16.12.2014, e tendo en conta que a firmeza das resolucións xudiciais se produce por ministerio da lei, unha vez esgotados os recursos legais ou transcorrido o termo para os interpor, con independencia, para estes efectos, de cando sexa declarada a firmeza e cando sexa notificada ás partes a declaración de firmeza (STS do 5.7.2011, recurso 2603/2010). De modo que, presentada a demanda de execución pola parte executante no 26.6.2015, na dita data estaba prescrita a acción para exercer a acción de readmisión e a conseguinte extinción da relación laboral con aboamento da indemnización por despedimento improcedente, pois transcorrera de sobra o prazo dos tres meses que para tal efecto establece o artigo 279 da LPL. A prescrición da acción afecta tamén a empresa, por aplicación do disposto no artigo 23 da LRXS.

Polo exposto, non cabe declarar nesta resolución a extinción da relación laboral con dereito á indemnización por despedimento improcedente por falta de readmisión pola empresa após o despedimento.

No que atinxe á cantidade que corresponde ao executante por salarios de tramitación contidos na sentenza, isto é, os percibidos desde o despedimento até a notificación da sentenza, conforme a doutrina exposta, débese indicar que a prescrición non atinxe a estes, pois estes son cantidade concreta, susceptible de execución independente, de forma que para o exercicio da acción de execución destes se debe atender ao que se dispón con carácter xeral para tal tipo de condenas no artigo 243 da LRXS, que sinala que, sen prexuízo do disposto no artigo 279, o prazo para instar a execución será igual ao fixado nas leis substantivas para o exercicio da acción tendente ao recoñecemento do dereito cuxa execución se pretenda e que o devandito prazo será de prescrición para todos os efectos; e que, en todo caso, o prazo para reclamar o cumprimento das obrigas de entregar sumas de diñeiro será dun ano. De forma que, ao terse solicitado a execución no 26.6.2015, isto é, antes do transcurso dun ano desde a firmeza da sentenza, os devanditos salarios son susceptibles de ser executados, e débense desde a data de despedimento (12.3.2014) até a de notificación da sentenza (12.1.2015) a razón de 45,50 euros diarios.

Corresponde pois fixar a suma de 13.968,5 euros correspondentes a salarios de tramitación desde a data de despedimento até a de notificación da sentenza.

Terceiro. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, débese aplicar o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro prescrita a acción para pedir a execución da sentenza de despedimento ditada por este xulgado nos autos DOI 363/2014 na data do 12.12.2014 canto á condena de readmisión contida na devandita sentenza, e ordeno continuar a presente execución, como execución monetaria, polos salarios de tramitación percibidos desde a data de efectos do despedimento até a data de notificación da sentenza a razón de 45,50 euros diarios, que deitan unha contía total de 13.968,50 euros.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución e fágaselles saber que contra ela poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada. A letrada da Administración de xustiza.

Dilixencia. Seguidamente cúmprese o ordenado. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Grafinova, S.A., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

A secretaria xudicial