Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 27 de novembro de 2015 Páx. 44833

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (170/2015).

María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 170/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Lorena Blanco Alonso contra Couñago & Jamargo Restauración, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre despedimento, ditouse a seguinte resolución:

«Auto.

Maxistrada xuíza: Paula Méndez Domínguez.

En Santiago de Compostela o cinco de novembro de dous mil quince.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Lorena Blanco Alonso presentou o 25 de xuño de 2015 demanda de execución contra Couñago & Jamargo Restauración, S.L., instando a execución da sentenza número 182/2015 ditada no procedemento de despedimento número 91/2015 seguido ante este xulgado e ditada o día 6 de maio de 2015, a cal, notificada ás partes, foi declarada firme.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución mediante auto do 8 de xullo de 2015, mediante dilixencia de ordenación da mesma data acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 280 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia non se presentou a parte executada nin o Fogasa malia constar citados. Compareceu a parte executante, quen, aberto o acto, se ratificou na demanda executiva e solicitou o recibimento do preito a proba, practicándose as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos, e, tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado e declárase que nos autos de despedimento número 91/2015 seguidos ante este xulgado se ditou sentenza o 6 de maio de 2015, cuxa resolución é do teor literal seguinte: “Que debo estimar e estimo a demanda presentada por instancia de Lorena Blanco Alonso, asistida polo letrado Lema Paz, contra a entidade Couñago & Jamardo Restauración, S.L., sobre despedimento e debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento, con condena da empresa indicada a que readmita inmediatamente a traballadora nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, con aboamento dos salarios de tramitación (calculados a razón de 35,78 €/día) ou ben, a elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento da cantidade de 1.180,74 euros en concepto de indemnización.

A devandita opción deberá exercerse en 5 días a partir da notificación desta sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito prazo, sen que o empresario opte, entenderase que procede a readmisión”.

Dáse por integramente reproducido o contido da citada sentenza que consta en autos, onde figura o salario regulador da executante para os efectos do despedimento –35,78 euros diarios– e antigüidade –16 de xaneiro de 2014–.

Segundo. A executada Couñago & Jamargo Restauración, S.L. non procedeu á readmisión da executante, sen presentar escrito efectuando a opción no prazo conferido legalmente para tal efecto.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante ET), en caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso–, entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola que o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante LRXS).

O artigo 281 LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Corresponde, pois, á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario supoñería obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental que figura en autos procedente do procedemento declarativo do que dimana a presente execución, cuxa reprodución solicitou a parte executante no acto da comparecencia. A parte executante acreditou a través das devanditas probas a improcedencia do despedimento, e a obriga da executada de optar ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, así como a falta de exercicio da devandita opción, por non presentar o escrito correspondente no prazo conferido na sentenza, polo que debe entenderse que a empresa optou en realidade pola readmisión conforme o indicado na resolución da sentenza.

Nada acreditou, non obstante, a executada en relación coa readmisión da executante, pois, dada a súa actuación procesual, non despregou actividade probatoria, non cumprindo coa carga probatoria que lle incumbe, que é a efectiva e correcta readmisión da traballadora nos termos sinalados na sentenza de despedimento.

Con base na valoración conxunta da proba practicada e nos preceptos legais ut supra citados, procede declarar a extinción da relación laboral na data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2, letras b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que se deberá calcular na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida no artigo 56 do ET, sendo de trinta e tres días de salario por ano de servizo cun máximo de 24 mensualidades, pois estamos ante un contrato de traballo celebrado con posterioridade á entrada en vigor da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (e conforme dispoñía tamén a disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012). Polo que lle corresponde percibir á executante unha indemnización de 2.164,69 euros, e con aboamento dos salarios deixados de percibir desde o despedimento ata a presente resolución que ascenden a 11.592,72 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe observarse o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro extinguida na data da presente resolución a relación laboral que unía a Lorena Blanco Alonso con Couñago & Jamargo, S.L. e condeno a Couñago & Jamargo, S.L. a aboarlle a Lorena Blanco Alonso a suma de 2.164,69 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral na data da presente resolución e a suma de 11.592,72 euros en concepto de salarios de tramitación.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución, facéndolles saber que contra ela poden interpoñer recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

E para que sirva de notificación en legal forma a Couñago & Jamargo Restauración, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no DOG».

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

A secretaria xudicial