Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 6 de novembro de 2015 Páx. 42474

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se acredita o Grupo de Investigación CIMA, da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, como Laboratorio Oficial de Vehículos Históricos.

Examinada a solicitude presentada por José Antonio Vilán Vilán, en representación de Grupo de Investigación CIMA, resultan os seguintes:

Feitos.

Primeiro. José Antonio Vilán Vilán, en representación de Grupo de Investigación CIMA, presentou unha solicitude de acreditación como laboratorio oficial de vehículos históricos.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. Esta dirección xeral é competente para resolver de acordo co establecido no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. A solicitude presentada é conforme co especificado no Real decreto 1247/1995, do 14 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de vehículos históricos e a Orde do 17 de xuño de 1996 pola que se establecen os requisitos para a acreditación de laboratorios oficiais de vehículos históricos e a catalogación dos ditos vehículos.

Terceiro. A documentación presentada por José Antonio Vilán Vilán acredita que o Grupo de Investigación CIMA da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo cumpre as exixencias establecidas no artigo segundo da Orde do 17 de xuño de 1996, para a súa actuación como laboratorio oficial de vehículos históricos.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Acreditar o Grupo de Investigación CIMA da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo como Laboratorio Oficial de Vehículos Históricos.

Segundo. A acreditación terá unha validez de dous anos e poderase prorrogar sempre que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación que lle sexa de aplicación.

Terceiro. O Laboratorio Oficial de Vehículos Históricos estará obrigado a manter as condicións de idoneidade coas que foi acreditado, así como a informar de forma inmediata a Dirección Xeral de Enerxía e Minas de calquera cambio que afecte as citadas condicións.

Cuarto. O Laboratorio Oficial de Vehículos Históricos remitirá anualmente unha memoria das actuacións realizadas, situación económica, formación do persoal, melloras na xestión e calquera outra relativa tanto a organización como a calquera outra actividade do laboratorio, así como suxestións para unha mellor actuación.

Quinto. Esta autorización poderá ser revogada, mediante resolución motivada polo director xeral competente en materia de industria, no caso de que se incumpran as obrigas e compromisos que resultan do disposto na Orde do 17 de xuño de 1996.

Notifíqueselle esta resolución ao interesado e fágase constar que contra ela, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas