Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 4 de novembro de 2015 Páx. 42186

III. Outras disposicións

Consello Económico e Social de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2015 pola que se dispón a publicación do acordo de modificación do Regulamento de réxime interior.

O Regulamento de réxime interior do CES-Galicia, aprobado polo Pleno do día 29 de abril de 1996 e publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de xuño, establece no artigo 45 que lle corresponde ao Pleno do Consello, entre outras, a facultade de reformalo total ou parcialmente.

Na sesión plenaria do día 8 de outubro de 2015 acordouse por unanimidade modificar o artigo 8 do dito regulamento no que concirne á representatividade das organizacións suxeitas a procesos electorais durante o tempo de mandato.

De acordo coas competencias atribuídas polo artigo 16.c) da Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, e polo artigo 24.d) do seu Regulamento de réxime interno,

RESOLVO:

Facer público o acordo adoptado polo Pleno 5/2015, do 8 de outubro, e que figura como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2015

María Corina Porro Martínez
Presidenta do Consello Económico e Social de Galicia

ANEXO
Modificación do artigo 8 do Regulamento de réxime interior

O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia, reunido en sesión ordinaria o oito de outubro de dous mil quince, e en uso das facultades previstas no artigo 13.6 da Lei 6/1995, do 28 de xuño, de creación do Consello Económico e Social de Galicia, e no artigo 45 do seu Regulamento de réxime interior, do 29 de abril, coas súas posteriores modificacións,

ACORDOU:

Modificar o artigo 8 do Regulamento de réxime interior do Consello Económico e Social de Galicia engadíndolle un novo parágrafo cuxo teor literal é o que segue:

«En particular, a representación das organizacións que corresponda establecer en atención aos resultados obtidos en procesos electorais axustarase cada ano no mes de xaneiro, de acordo cos datos que resulten da certificación oficial de resultados na data do 31 de decembro do ano inmediatamente anterior, e repartiranse os membros que correspondan en proporción directa aos ditos resultados. Cando como consecuencia do anterior se produzan modificacións no número de membros do Pleno atribuídos a algunhas organizacións, estas formularán, non máis tarde do mes de febreiro dese ano, as propostas de nomeamentos e cesamentos que sexan pertinentes.

O presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia».