Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 4 de novembro de 2015 Páx. 42184

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de outubro de 2015 pola que se nomea un membro da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula os aspectos esenciais da Comisión de Heráldica de Galicia, configurándoa como órgano consultivo da Xunta de Galicia a quen lle corresponde emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos ou bandeiras das entidades locais.

Mediante o Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, se regula a composición e funcionamento da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, así como a adscrición desta á consellería competente en materia de réxime local.

O artigo 6 do Decreto 19/2010 recolle a composición e o nomeamento dos seus membros.

O artigo 7.1.a) establece como motivo de perda da condición de membro da Comisión de Heráldica o falecemento. Con data 7 de agosto de 2015 faleceu Xosé Antón García González-Ledo, nomeado vogal pola Resolución do 8 de setembro de 2011 (DOG núm. 180, do 20 de setembro).

O artigo 7.2 do citado Decreto 19/2010 establece que se se producise algunha vacante entre as persoas membros da Comisión de Heráldica por calquera dos motivos enumerados, procederase, no prazo de tres meses, á súa cobertura.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Nomear como membros da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia á persoa que a continuación se relaciona en substitución do vogal Xosé Antón García González-Ledo:

– Como vogal, Jaime Bugallal y Vela. Diplomado en Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria. Membro de número do Instituto Salazar y Castro de Genealogía y Heráldica (Madrid), da Académie Internationale d’Héraldique (Xenebra, Suíza) e da Real Academia Matritense de Genealogía y Heráldica (Madrid).

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza