Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 27 de outubro de 2015 Páx. 41398

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos, situada no termo municipal de Vigo (expediente IN407A 2014/160-4).

Despois de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 22.8.2014 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación:

• Proxecto de execución titulado LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI) e visado co nº 0234/14 e data 8.7.2014; e no cal figura un orzamento de 2.556.886,04 €.

• Separatas técnicas do proxecto de referencia para as seguintes entidades: Concello de Vigo, Telefónica de España, R Cable y Telecomunicaciones de Galicia, S.A., Gas Natural Distribución SDG, S.A. e Augas de Galicia.

Segundo. Conforme o disposto na devandita solicitude, a correspondente actuación proxéctase a requirimento de GKN e con motivo da necesitade de mellorar a súa rede de alimentación.

Segundo consta no proxecto de execución, instalarase a liña eléctrica de alta tensión (LAT) 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos, en dobre circuíto, que partirá dun novo apoio PAS de entrada-saída do circuíto existente Atios/Balaídos (proxectado baixo a traza entre os apoios existentes 01/53 e 02/54) e discorrerá en subterráneo, ao longo de 2.005 m e dentro do termo municipal de Vigo, ata a futura subestación de Balaídos Zona Franca.

Terceiro. O 1.9.2014 a Xefatura Territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos (expediente IN407A 2014/160-4), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23.9.2014 e no Boletín Oficial da provincia do 24.9.2014.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 2.9.2014 a Xefatura Territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter o correspondente informe, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados pola mencionada infraestrutura eléctrica: Concello de Vigo, Telefónica de España, R Cable y Telecomunicaciones de Galicia, S.A., Gas Natural Distribución SDG, S.A. e Augas de Galicia.

• O Concello de Vigo emitiu informe, con data 24.9.2014, no que se exixe que a infraestrutura eléctrica cumpra cos seguintes termos:

– Que no primeiro tramo da traza sobre o cal se está a informar, se teñan en consideración as previsións de desenvolvemento do PXOM, nos ámbitos AA-01 (SXE) (nova subestación soterrada de Balaídos), e a APR A-3-23 AOD (desaparición da subestación aérea existente), tanto nos apoios aéreos, na nova subestación soterrada como na galería de servizos.

– Que no tramo seguinte pola avenida Portanet se modifique a traza no senso de que discorra pola marxe esquerda (polo carril de aparcamento) ata pasar as pistas de atletismo, onde cruzará a calzada para seguir pola zona axardinada, como está proxectado. Desta forma non resultará afectada polas obras de remodelación do estadio municipal de Balaídos.

• A empresa Telefónica de España non contestou a petición de informe nin a reiteración desta petición, entendéndose, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización da infraestrutura eléctrica (sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar), de conformidade co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• A empresa R Cable y Telecomunicaciones de Galicia, S.A. presentou escrito, con data do 30.10.2014, en que fai constar o seu condicionado técnico. Mediante escrito presentado o 21.11.2014, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. prestou a súa conformidade con este condicionado.

• A empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. presentou escrito, con data do 29.10.2014, en que fai constar o seu condicionado técnico. Mediante escrito presentado o 14.11.2014, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. prestou a súa conformidade con este condicionado.

• O organismo Augas de Galicia emitiu informe, con data do 17.9.2014, en que fai constar o seu condicionado técnico. Mediante escrito presentado o 10.10.2014, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. prestou a súa conformidade con este informe.

Quinto. O 16.4.2014 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou, ante a xefatura territorial, a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción dun novo proxecto para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos, que substitúe o presentado inicialmente e no cal se atenden os condicionados técnicos exixidos polo Concello de Vigo.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación:

• Proxecto de execución titulado LAT 132 kV Balaídos Zona Franca- Atios Balaídos, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI) e visado co nº 0089/15 e data do 27.3.2015; e no cal figura un orzamento de 2.752.911,10 €.

Neste novo proxecto inclúese a declaración responsable, asinada polo proxectista con data do 10.2.2015, no que se acredita que o proxecto cumpre con toda a normativa que lle é de aplicación, de conformidade co exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Sexto. O 23.4.2015 a xefatura territorial trasladou este novo proxecto de execución, da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos ao Concello de Vigo.

O Concello de Vigo non contestou esta petición, entendéndose, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización da infraestrutura eléctrica recollida neste novo proxecto (sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar), de conformidade co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sétimo. Co obxecto de completar o novo proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou, ante a Xefatura Territorial, a seguinte documentación:

• Con data do 3.8.2015, un anexo en que se determina o sistema de ventilación necesario para a galería de cables de 15 kV (visado co nº 0089/15 e data do 30.7.2015).

• Con data do 26.8.2015, un informe para xustificar o cumprimento das distancias regulamentarias cos servizos afectados e para facer aclaración sobre a galería 132 kV (visado co nº 0089/15 e data do 26.8.2015).

Oitavo. O 27.8.2015 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre o novo proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica, no que atinxe aos requisitos técnicos para a súa execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

• Outorgar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos, situada no termo municipal de Vigo.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran na seguinte documentación, presentada pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución, S.A.:

• Proxecto de execución titulado LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI) e visado co nº 0089/15 e data do 27.3.2015; e no que figura un orzamento de 2.752.911,10 €.

• Anexo a este proxecto de execución, no que se determina o sistema de ventilación necesario para a galería de cables de 15 kV, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Alfonso González Álvaro e visado co nº 0089/15 e data do 30.7.2015.

• Informe para xustificar o cumprimento das distancias regulamentarias cos servizos afectados e para facer aclaración sobre a galería 132 kV, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Alfonso González Álvaro e visado co nº 0089/15 e data do 26.8.2015.

Segunda. A empresa promotora da infraestrutura eléctrica asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións na infraestrutura eléctrica que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, comunicando á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha da infraestrutura eléctrica que se autoriza será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá emitila despois das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. Canto aos bens e dereitos afectados pola infraestrutura eléctrica que se autoriza e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito cuarto da presente resolución), a empresa promotora procederá a realizar as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración resérvase para si o dereito a deixar sen efecto estas autorizacións por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras correspondentes.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas