Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 27 de agosto de 2015 Páx. 34994

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 31 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Suigrexa e da Barosela, do concello de Moraña, respecto do linde común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 30 de xuño de 2015, adoptou en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Suigrexa e a comunidade da Barosela, no concello de Moraña, respecto do linde común dos seus montes.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo), na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalamento dos montes veciñais. Polo tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 9.4.2014 a CMVMC de Suigrexa comunica ao Xurado de MVMC de Pontevedra o acordo coa CMVMC da Barosela no límite entre ambas as comunidades. A documentación que consta no expediente consonte o artigo 53 da Lei 7/2012: acto de conciliación no Xulgado de Paz de Moraña, certificados de aprobación en asemblea xeral de ambas as comunidades e cartografía dixital.

Terceiro. Con data do 12.5.2014, o xefe da sección de topografía informa: «Non existe afeccións en montes de utilidade pública. Non existe deslindamento do monte veciñal das tres comunidades. As tres comunidades pertencen a parroquia de San Salvador de Saiáns, nesta parroquia existiu o antigo deslinde de utilidade pública núm. 91 deslindado e marcado». Así mesmo, fai referencia ao acordo do Xurado de MVMC de que os esbozos que foron confeccionados para a investigación que serviron para a clasificación non poden converterse en proba definitiva do contorno do monte ata que se realice o correspondente deslindamento. Xunta montaxe do deslindamento sobre carpeta ficha, ortofoto e catastro.

Cuarto. O deslinde solicitado afecta o monte Reiriz. O dito monte foi clasificado o 1.5.1982 segundo o resultando noveno da resolución de clasificación:

Parcela núm.1. Reiriz. Cabida 26 ha.

Subparcela 1,5 ha no lugar de Suigrexa.

Subparcela 2,21 ha no lugar da Barosela.

Límites das dúas parcelas:

Norte: predios particulares.

Leste: ídem.

Sur: ídem.

Oeste: montes da Alberguería.

O esbozo existente no estudo previo de clasificación do monte Reiriz non indica a partición entre ambas as comunidades. Polo que, tendo en conta o citado no punto terceiro deste informe, con este deslindamento esclarécese parcialmente a localización do monte veciñal de Suigrexa 33 anos despois da súa clasificación.

Quinto. Descrición da liña poligonal de 378,92 metros que determina o deslinde de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común de Suigrexa e A Barosela realizado polo enxeñeiro operador Jorge Couceiro Dorelle e formada polos seguintes puntos (ETRS89 UTM ZONA 29N):

Marco A Barosela 1.

x=532.969,507

y=4.712.993,331

z=202,992

Marco A Barosela 2.

x=532.796,275

y=4.713.011,333

z=230,153

Marco A Barosela 3.

x=532.725,909

y=4.713.015,107

z=230,001

Marco A Barosela 4.

x=532.733,280

y=4.713.149,193

z=219,205

Por todo o exposto, emítese informe favorable ao deslindamento solicitado entre os montes veciñais en man común das comunidades de Suigrexa e A Barosela.

Consideracións xurídicas.

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula nos artigos 52 e 53 o procedemento de deslindamento entre os montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do Xurado no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial conclúese que a avinza entre a CMVMC de Suigrexa e a CMVMC da Barosela (Moraña) son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Pontevedra, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade,

acorda:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC de Suigrexa e a CMVMC da Barosela respecto do seu linde común nos termos indicados no antecedente de feito quinto e segundo os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 31 de xullo de 2015

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra