Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 27 de agosto de 2015 Páx. 34985

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 24 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Laxos e Cardecide e de Xinzo, do concello de Cuntis, respecto do linde común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 30 de xuño de 2015, adoptou en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Laxos e Cardecide e a comunidade de Xinzo, no concello de Cuntis, respecto do linde común dos seus montes.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo), na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalamento dos montes veciñais. Polo tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 26.10.2012 a CMVMC de Laxos e Cardecide comunica ao Xurado de MVMC de Pontevedra o acordo coa CMVMC de Xinzo de límites entre ambas as dúas comunidades. Consta no expediente a seguinte documentación consonte o artigo 53 da Lei 7/2012: acto de conciliación no Xulgado de Cuntis, certificados de aprobación en asemblea xeral de ambas as dúas comunidades e cartografía dixital.

Terceiro. Con data do 21.2.2015 publícase no DOG núm. 21 a revisión de esbozo da CMVMC de Laxos e Cardecide: Anuncio do 5 de decembro de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade do Acordo do 8 de outubro de 2014 sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Laxos e Cardecide, do concello de Cuntis.

Cuarto. Con data do 8.6.2015, o xefe da sección de topografía informa: «publícase no DOG o anuncio, do Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao Acordo do 8 de outubro de 2014 sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Laxos e Cardecide, no concello de Cuntis. Este deslindamento é compatible con esta revisión de esbozo e representa un anaco da revisión, concretamente a parte que estrema coa comunidade de Xinzo».

Quinto. Descrición da liña poligonal que determina o deslindamento de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común de Laxos-Cardecide e Xinzo realizado polo enxeñeiro operador José Manuel Mesego Fernández e formada polos seguintes puntos (UTM ETRS89):

Punto 1. Outeiro

x=538.420,543

y=4.718.973,019

Punto 2.

x=538.345,126

y=4.718.972,238

Por todo o exposto, desde o Servizo de Montes emítese informe favorable ao deslindamento solicitado.

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previstos nos artigos 53 e 54, deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia as resolucións do xurado.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial, conclúese que a avinza entre a CMVMC de Laxos e Cardecide e a CMVMC de Xinzo son congruentes coas respectivas resolución de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade, acorda:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC de Laxos e Cardecide e a CMVMC de Xinzo (Cuntis) respecto do seu linde común nos termos indicados no antecedente de feito quinto e segundo os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 24 de xullo de 2015

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra