Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 14 de agosto de 2015 Páx. 33548

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade da resolución sobre a solicitude de clasificación como veciñal dos montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro, da parroquia de Entrecruces, do concello de Carballo.

Para os efectos previstos no artigo artigo 60 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo do 2015, adoptou a seguinte resolución en relación coa solicitude de clasificación como veciñal dos montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro, promovida polos veciños da parroquia de Entrecruces do concello de Carballo.

– Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, Susana Loreta Benedeti Corzo.

Representante das comunidades propietarias de montes clasificados da Provincia: Pilar Santamaría Calo.

Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña: Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

Xefa do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña: Josefa Fernández Fernández.

Vogais representantes da parroquia solicitantes de Entrecruces do Concello de Carballo: José Luis Vieites Quintáns e José A. García Pichel, na súa condición de presidente e vicepresidente da xunta xestora.

Secretaria: xefa de Sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña: Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, o día 10 de xullo do 2015, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto de estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro promovido polos veciños da parroquia de Entrecruces do concello de Carballo.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Belén Raposo Pérez, avogada en representación dos veciños da parroquia de Entrecruces do concello de Carballo, presenta unha solicitude para seren clasificados como montes veciñais os montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro da dita parroquia e concello, dos cales achega una planimetría do monte xunto con outra documentación. Logo de requirirlle una corrección da topografía presentada por invadir o monte veciñal xa clasificado polo Xurado do Río do Sol en 0,5 ha, rectifican o linde común adecuadamente segundo informe do Servizo de Montes.

Segundo. O Xurado, na súa reunión do 4.7.2014, acorda iniciar a tramitación do expediente e nomear instrutora. As características dos montes dos cales se solicita a clasificación son as seguintes, segundo o informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña do 23.6.2014:

Monte: Bustelo, Berbia e Cargadoiro.

Comunidade veciñal solicitante: parroquia de Entrecruces.

Concello: Carballo.

Superficie total: 65,30 ha.

Enclave: 0,86 ha.

Superficie solicitada como veciñal: 64,44 ha.

Límites:

Norte: concello de Coristanco, herdeiros de Antonio Pichel e outros, herdeiros de Hermenegildo Vázquez, Luciano Gebey, Germán Vázquez, herdeiros de Marcelino Vázquez.

Leste: camiño de Cargadoiro, José Tasende Rey, río Berbia, Visitación Anido.

Sur: José Gesto Cedeira, Manuel Vázquez Cambre, José Gende Gende, Bernardo Vázquez Antelo e outros particulares, río Berbia.

Oeste: monte veciñal en man común do Río do Sol (expediente núm. 191).

Terceiro. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común e por petición do Xurado, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes remite un informe o 22.10.2014 no cal manifesta, en síntese, que abrangue algo máis do monte CUP nº 397 Bustelo, Berbia e Cargadoiro, que foi deslindado pola Orde ministerial do 16.7.1969 que, segundo a ficha, a súa titularidade pertencía á parroquia de Entrecruces; que o monte está consorciado co Concello de Carballo. En canto aos antecedentes informa que este monte xa foi solicitado como veciñal (expediente núm. 313) e o Xurado de Montes Veciñais en Man Común da Coruña resolveu o 8.7.1996 non pronunciarse sobre a cualificación como veciñal en man común do dito monte, por non estar suficientemente probados nin a pertenza nin os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puidesen ter sobre o montes os aspirantes a comuneiros. Remítese, logo, ao informe do Distrito Forestal II sobre os aproveitamentos do 26.11.2013 no cal se indica «que non hai constancia de que haxa aproveitamentos forestais de ningún tipo no monte por parte dos veciños».

Logo de solicitar a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Carballo sobre as parcelas de monte solicitadas como veciñais, sinala que os predios, tal e como se describen, non figuran inscritos neste rexistro da propiedade.

Cuarto. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, procedeuse á correspondente tramitación e expedíronse por orde da instrutora do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Carballo, ao cal se lle remitiu edicto do acordo de inicio co fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto durante período dun mes pra os efectos de alegacións dos posibles interesados; aos representantes da comunidade veciñal que presentou a solicitude; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG núm. 25, do 6.2.2015). No taboleiro de anuncios do Concello de Carballo estivo exposto –segundo certificación achegada polo seu secretario– desde o 16.4.2015 e durante o período dun mes.

Quinto. Durante o período de alegacións, o concello de Carballo presenta un escrito o 9.2.2015 no cal remite toda a documentación que consta no concello sobre estes montes, entre ela a súa inscrición no Rexistro da Propiedade en favor del; o consorcio coa Administración forestal desde o ano 1963; a resolución do Xurado sobre este monte no ano 1996; e diferentes acordos do Pleno sobre o aluguamento do monte á Sociedade de Caza de Entrecruces e acta de entrega da madeira do 2008, resultante da corta realizada no monte, como probas da propiedade e uso do monte.

Por outra banda, a representante dos veciños da parroquia de Entrecruces solicita que se incorpore ao expediente a documentación que consta no expediente de clasificación como veciñal núm. 313, antecedente deste, así como a documentación achegada o mesmo día da xuntanza do Xurado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. Segundo o artigo 11 da precitada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal da parroquia de Entrecruces do concello de Carballo é parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

Terceiro. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1,2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

Cuarto. É, pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do Xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade, sen cotas, polos veciños que a solicitan, neste caso os veciños da parroquia de Entrecruces, que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidade administrativa, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen formular no procedemento que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

No informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 22.10.2014 indícase que este monte xa foi solicitado como veciñal, e o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña pola Resolución do 8.7.1996 resolveu non pronunciarse sobre a súa cualificación. Na dita resolución indícase que non están suficientemente probados nin a pertenza nin os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puidesen ter sobre o monte os aspirantes a comuneiros, e engádese que son competencia dos tribunais da xurisdición ordinaria as cuestións relativas ao dominio que se formularon na tramitación do expediente respecto de propiedades de particulares dentro do monte que se vai clasificar que están rexistradas. Ademais, naquel informe indícase que o Distrito Forestal informa que «non lles consta ningún tipo de aproveitamento, forestal ou non».

Por tanto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, e logo da proposta da instrutora e por maioría dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Non clasificar como montes veciñais os montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro da parroquia de Entrecruces do concello de Carballo en favor dos veciños da dita parroquia ao non resultar acreditado coa documentación que consta no expediente que os devanditos montes estean aproveitados polos veciños solicitantes como grupo social e en réxime de comunidade de tipo xermánico.

Notifíqueselles a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 10 de xullo de 2015

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña