Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 14 de agosto de 2015 Páx. 33554

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade do acordo polo cal se resolve o expediente 393, que afecta o monte de Brión, solicitado como veciñal polos veciños das parroquias de Brión e Doniños, do concello de Ferrol.

Para os efectos previstos no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo do 2015, adoptou o seguinte acordo:

– Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, Susana Loreta Benedeti Corzo.

Representante das comunidades propietarias de montes clasificados da Provincia, Pilar Santamaría Calo.

Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

Xefa do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Josefa Fernández Fernández.

Vogais representantes das parroquias solicitantes de Brión e Doniños do concello de Ferrol, Pedro Deus Gómez e Antonio Mesejo Cerdido

Secretaria: xefa de Sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña, Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 2.2.2005 Pedro Deus Gómez e outros veciños das parroquias de Brión e Doniños presentan unha solicitude ante o Xurado para que o monte Brión do concello de Ferrol sexa declarado como veciñal en man común en favor dos veciños das ditas parroquias alegando que desde tempo inmemorial os veciños o viñan aproveitando de forma consuetudinaria e sen asignación de cotas.

O monte que se pretende clasificar ten unha superficie total de 233,40 ha e, en canto aos seus lindeiros, cadra totalmente co deslindamento do orixinal monte Brión aprobado pola Orde ministerial do 22.1.1964 e catalogado de utilidade pública co número 358. O dito monte foi posteriormente descatalogado pola Orde da Consellería de Medio Ambiente do 15.2.2005, e correspóndelle a súa titularidade ao Concello de Ferrol.

Con base na documentación achegada durante a tramitación do correspondente expediente de clasificación e, particularmente, tendo en conta o informe do Servizo de Montes do 30.5.2005 sobre a ausencia de aproveitamento en común polos veciños solicitantes, o Xurado pola Resolución do 14.6.2005 acordou non clasificar o monte Brión como monte veciñal ao non quedar acreditado coa documentación que existía no expediente o seu aproveitamento en común polos veciños das parroquias solicitantes de Brión e Doniños. Ademais, durante a tramitación do expediente presentáronse tamén varias reclamacións de propiedade por parte de veciños das parroquias, que manifestaban ter varias parcelas na superficie do monte Brión que aproveitaban como donos desde había moitos anos.

Segundo. Con data 22.7.2005 Pedro Deus Gómez, Luis Martínez Garcia, Salustiano Gómez Rodriguez e José Polo Veiga, en nome e representación, respectivamente, das asociacións de veciños de Brión, Doniños, Valón e Vilar-Outeiro, presentan un recurso de reposición contra a antedita resolución do Xurado no cal alegan, en síntese, que si existe aproveitamento sen asinación de cotas desde tempo inmemorial polos veciños e solicitan a anulación da resolución contra a que se recorre por incumprimento do disposto no artigo 23.1 e 13 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común.

Terceiro. O Xurado, mediante Resolución do 2.2.2006, estima parcialmente o recurso de reposición e resolve retrotraer o expediente ao momento procedemental en que se omitiu a convocatoria para formar parte como vogais do xurado dos dous representantes da comunidade veciñal implicada conforme dispón o artigo 23.1 e 13 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Cuarto. Posteriormente, o Xurado coñece da presentación dunha reclamación de dominio por parte de Antonio Leboso López contra o concello de Ferrol, propietario dos montes de Brión, sobre un predio da súa propiedade sito no monte. Ante esta información, o Xurado acorda por Resolución do 18.7.2006 suspender a tramitación do expediente de clasificación ata que se resolva o procedemento ordinario 250/2006 ante o Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol.

Quinto. Con data 9.12.2014 Pedro Deus Gómez e outros veciños das parroquias de Brión e Doniños presentan ante o Xurado unha solicitude de alzamento da suspensión e restablecemento do expediente de clasificación dos montes de Brión, e instan a que continúe coa tramitación do expediente ao terse xa ditado sentenza o 30.6.2010 en relación co xuízo ordinario 250/2006, no cal se desestima a demanda presentada por Antonio Leboso López contra o Concello de Ferrol, propietario dos montes de Brión, da que informa ao Xurado e achega unha copia.

Sexto. Na xuntanza do Xurado do 10.7.2015 e en representación dos veciños solicitantes e para formar parte deste e logo de convocatoria, asisten Pedro Deus Gómez e Antonio Mesejo Cerdido, que manteñen e defenden a condición veciñal dos montes de Brión, e consideran que existe no expediente documentación suficiente que avale a súa pretensión, facendo fincapé nos documentos máis salientables. Ademais, solicitan que se incorpore ao expediente unha copia da certificación do secretario do concello de Ferrol de data 8 de xullo do 2015 sobre o Acordo do Pleno de concello do 2 de xullo do 2015 no cal, por maioría simple, adoptan o acordo de «recoñecer a condición do monte Brión como comunal de pertenza inmemorial aos veciños de Brión e Doniños e instar o Xurado a activar a tramitación do expediente clasificándoo como en man común e retirando as alegacións que en contra da clasificación se presentasen por este concello». O Xurado acepta incorporar o documento ao expediente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co contido do artigo 11 da precitada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños das parroquias de Brión e Doniños do concello de Ferrol son parte lexítima para solicitar a iniciación do presente expediente de clasificación.

Terceiro. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros da agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É, pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común que o Xurado teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en común, sen cotas, polos veciños que o solicitan, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen formular no procedemento que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

Desde o momento da suspensión do expediente ata a presentación da solicitude de reactivación deste por parte dos veciños promotores non se achegou ningunha documentación nova que avale a súa pretensión do monte como veciñal; a súa defensa está fundamentalmente nos documentos xa presentados durante a tramitación do expediente por considerar que son suficientes. Esta documentación xa foi estudada e valorada no seu día polo Xurado, que por Resolución do 14.6.2005 acordou que non quedaba acreditado que o montes de Brión foran aproveitados en común, sen cotas, e como donos polos veciños das parroquias de Brión e Doniños, como grupo social. En particular, fundamentaba a súa argumentación no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais do 30.5.2005, que indica que «non se encontran no terreo sinais nin probas de que tradicionalmente veñan realizando os membros da xunta promotora e/ou posibles comuneiros consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, algún tipo de aproveitamento, forestal ou non». Ademais deste informe, o Xurado ten en conta tamén que son os propios veciños das parroquias solicitantes os que manifestan que na superficie solicitada coexiste un aproveitamento supostamente en común cun aproveitamento particular e en concepto de dono, no monte por parte de varios veciños (numerosas parcelas que din de propiedade particular), recoñecemento que lles leva incluso a solicitar ao Xurado unha reordenación do monte no cal se deslinde o comunal nun só predio en couto redondo, petición que non é competencia deste xurado.

Así, consta no expediente a reclamación de varios particulares –moitos deles veciños das parroquias solicitantes e, polo tanto, posibles comuneiros– tanto ante o Concello de Ferrol como propietario titular do monte como ante a Consellería de Medio Ambiente, nos cales reclamaban ter propiedades dentro do perímetro do monte Brión que se vai clasificar. Incluso algún veciño que defende que ten varias parcelas no monte herdadas dos seus antepasados, cuxo uso e desfrute como dono alega que é de moitos anos, manifesta ante notario a condición veciñal dos montes de Brión, polo que se dá unha contradición entre o manifestado notarialmente e o defendido como propiedade particular respecto de parte do mesmo monte. Consta incluso no expediente un escrito asinado polos veciños das parroquias solicitantes de data 27.5.2005 (entre eles algúns que reclaman propiedades no monte) que estarían dispostos a aceptar unha ordenación dos montes de Brión que deixe o comunal nun só predio en couto redondo, que se declare a clasificación e se proceda a un verdadeiro deslindamento que determine e separe o que sempre foi comunal do privado, e se solicita que se realice un deslindamento das propiedades particulares e as comunais.

En canto á posición do Concello de Ferrol –propietario neste momento dos montes– sobre a condición ou non dos montes de Brión como veciñais, recoñecéndoos como tal neste último acordo plenario do 2 de xullo do 2015, e defendendo pola contra a súa propiedade noutros momentos cunha clara oposición a esta petición, pon de manifesto que existen no expediente de clasificación posturas distintas e mesmo contraditorias do concello que reflicten unha argumentación de escaso fundamento legal.

En consecuencia, da análise da documentación que consta no expediente non queda acreditado que os montes de Brión do concello de Ferrol, tal e como son solicitados e indicados no antecedente primeiro desta resolución, sexan aproveitados en común e en concepto de donos polos veciños das parroquias de Brión e Doniños como grupo social, e é un elemento esencial que exista un claro vencellamento entre o grupo social que aproveita o monte e o monte solicitado e, ademais, que a dita relación sexa de tipo xermánico coa condición de donos e sen atribución de cotas.

Por tanto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora e por maioría dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Primeiro. Levantar a suspensión do expediente acordada por este xurado por Resolución do 18.7.2006 ao desaparecer a causa que a motivou.

Segundo. Non clasificar como montes veciñais os montes de Brión en favor dos veciños das parroquias de Brión e Doniños do concello de Ferrol, cos lindeiros, superficie, características e planimetría solicitada e que consta no expediente, ao non resultar acreditado coa documentación que consta nel que os ditos montes estean aproveitados polos veciños solicitantes como grupo social e en réxime de comunidade de tipo xermánico.

Notifíqueselles a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 10 de xullo do 2015

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado do Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña