Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 13 de xullo de 2015 Páx. 29070

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución correspondente á instalación dunha segunda planta satélite de gas natural licuado para subministración á rede de distribución de gas natural na poboación de Ribeira (A Coruña), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/9-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. No 28.1.2008 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a rede de distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Ribeira (A Coruña), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (22.2.2008) e no Boletín Oficial da provincia (16.2.2008).

Ao abeiro desta autorización administrativa, no 10.7.2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural en Ribeira. Segundo consta neste proxecto, a rede terá unha lonxitude de 14.601 m e alimentarase desde unha planta satélite de GNL (gas natural licuado) situada nunha parcela municipal do polígono industrial de Xarás, no concello de Ribeira.

Segundo. No 10.7.2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e se aprobou o correspondente proxecto de execución para a planta satélite de GNL de subministración de gas natural á rede de distribución en Ribeira. Segundo consta neste proxecto, a planta de GNL instalarase na parcela 1704 do polígono industrial de Xarás e terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 120 m3 (1 depósito) e unha capacidade de emisión horaria máxima de 3.096 m3(n)/h.

Terceiro. No 25.10.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e se aprobou a addenda I ao proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural, co obxecto de ampliar en 15.268 m a canalización de gas natural en Ribeira.

Cuarto. No 28.10.2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de aprobación do proxecto de execución dunha segunda planta satélite de GNL de subministración de gas natural á rede de distribución de Ribeira, acompañada do proxecto de instalacións e das correspondentes separatas técnicas.

Segundo consta neste proxecto de execución, na poboación de Ribeira existe un aumento da demanda de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais, o que fai necesaria a ampliación da capacidade de subministración de gas natural para cubrir esta crecente demanda. A instalación proxectada consiste nunha planta satélite de GNL, que se situará dentro de seis parcelas (1754-1759) no polígono de Xarás e estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; sistema de caldeiras para auga quente; sistema eléctrico e control; e edificios e obra civil. As súas características xerais son as seguintes: capacidade de almacenamento de GNL: 199 m3 (1 depósito horizontal); capacidade de gasificación máxima: 2.436 m3(n)/h; presión máxima de subministración á rede: 4 barg.

Este proxecto da segunda planta satélite de GNL someteuse ao procedemento de autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución (expediente IN627 2014/9-0).

Quinto. No 4.12.2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución correspondente á instalación da segunda planta satélite de GNL para subministración á rede de distribución de gas natural na poboación de Ribeira, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/9-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.2.2015, no Boletín Oficial da provincia do 8.1.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Arousa do 19.1.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Ribeira.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución, a asociación ecoloxista Verdegaia presentou un escrito de alegacións do cal se deu traslado á empresa Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa contestación ao respecto. No seu escrito de alegacións, Verdegaia manifesta a súa oposición á instalación dunha segunda planta de GNL en Ribeira, con base nas seguintes argumentacións: deficiente exposición pública do proxecto; riscos derivados do transporte de GNL por estrada periódico de Mugardos a Ribeira; a primeira planta de GNL autorizouse cun carácter provisional; menor eficiencia enerxética e maior contaminación; e riscos derivados da propia planta de GNL.

Sexto. No 2.3.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou unha separata técnica do proxecto de execución da segunda planta de GNL ao Concello de Ribeira, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este concello, no 10.3.2015 emitiu informe favorable ao devandito proxecto advertindo da necesidade de tramitar a licenza municipal antes do inicio das obras proxectadas. A respecto deste informe, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. mostrou a súa conformidade mediante escrito do 16.4.2015.

Sétimo. No 29.4.2015 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante Xefatura Territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución correspondente á segunda planta de GNL para subministración á rede de distribución de gas natural na poboación de Ribeira, para a tramitación da autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; e no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista do escrito de alegacións presentado pola asociación ecoloxista Verdegaia, do escrito de contestación da empresa Gas Galicia SDG, S.A. e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• En canto ás observacións sobre a deficiente exposición pública do proxecto, débese indicar que se realizou o trámite de información pública conforme o disposto no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro e que se publicou a correspondente resolución de información pública no Diario Oficial de Galicia do 24.2.2015 (en substitución do BOE), no Boletín Oficial da provincia do 8.1.2015 e nos xornais Diario de Arousa e La Voz de Galicia do 19.1.2015 e o proxecto de execución estivo á disposición do público nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña e na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria durante o prazo preceptivo de 20 días hábiles desde a última das publicacións citadas. Ademais, aínda que non está exixido no dito artigo 78, remitiuse a resolución de información pública ao Concello de Ribeira para os efectos da súa exposición no seu taboleiro de anuncios.

• En canto ás observacións relativas aos riscos inherentes ao transporte de GNL por estrada desde a planta de regasificación de Mugardos a Ribeira, hai que indicar o seguinte:

– O transporte de GNL por estrada adaptarase ao disposto no Real decreto 97/2014, do 14 de febreiro, polo que se regulan as operacións de transporte de mercadorías perigosas por estrada en territorio español.

– O abastecemento desta segunda planta en Ribeira, igual que acontece coa xa existente, non está ligado á planta de regasificación de Reganosa en Mugardos e o transporte pódese realizar desde calquera outra planta de regasificación do territorio español.

• En canto ás observacións sobre a provisionalidade das plantas de GNL de Ribeira, hai que indicar que a súa permanencia está subordinada á autorización, construción e posta en funcionamento do gasoduto de transporte básico da comarca do Barbanza (prevista para o ano 2012, cando se autorizou a primeira planta de GNL en Ribeira). Non obstante, o trazado proxectado tivo que ser modificado, polo que se está a atrasar a súa autorización por parte do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Deste xeito, unha vez rematado este gasoduto, procederase ao desmantelamento das plantas de GNL en Ribeira.

• En canto ás observacións sobre a eficiencia enerxética e contaminación, débese indicar o seguinte:

– O gas natural substituirá o emprego doutras fontes de enerxía máis contaminantes.

– O propio deseño da planta con depósitos de dobre capa permite manter o gas natural en estado líquido sen necesidade de fornecemento enerxético.

– A enerxía consumida e o CO2 emitido no proceso de vaporización do gas licuado son mínimos en comparación coa redución das emisións que suporá o emprego do gas natural pola poboación.

• En canto ás observacións relativas ás eivas na planta de GNL, hai que indicar o seguinte:

– A planta de GNL dispón dun grupo electróxeno como sistema alternativo de subministración eléctrica que funcionará no caso de que se produza un fallo no abastecemento eléctrico e que conta cunha autonomía suficiente para o correcto funcionamento da instalación.

– Segundo o plan especial fronte ao risco sísmico en Galicia (Sismigal), a planta de GNL instálase nunha zona de nivel V-VI, correspondente a unha zona de baixa actividade sísmica.

– A protección das instalacións contra os raios baséase na conexión de todas as superficies metálicas a un sistema de terras cunha resistencia inferior a 20 ohmios.

– A planta de GNL cumpre coa norma UNE 60210, que fixa as distancias de seguranza que se deben respectar.

– O Plan de emerxencia interior, exixido polo artigo 11 do Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñen substancias perigosas, foi avaliado por un organismo de control acreditado, que emitiu informe con cualificación favorable e xerou o certificado nº 36/15/S2C/2/001055.

– A planta contará con atención 24 horas ao día, a través dun sistema de control remoto que permite ter un coñecemento en tempo real de calquera anomalía que puider producirse na instalación.

Terceiro. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Logo de ver os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación dunha segunda planta satélite de GNL para subministración á rede de distribución de gas natural na poboación de Ribeira, promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento desta autorización administrativa, unha fianza por valor de 10.808,51 € (importe do 2 % do orzamento das instalacións) para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Proxecto de execución e autorización administrativa da planta satélite de gas natural licuado no temo municipal de Ribeira 2», asinado polo enxeñeiro técnico industrial José Manuel Abascal Redondo (colexiado nº 25.001 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid) e visado por este colexio co nº 14907862/01 e data 14.10.2014; e no cal figura un orzamento de 540.425,60 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución; unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (ás cales se fai referencia no antecedente sexto desta resolución), a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se for o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas