Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 9 de xullo de 2015 Páx. 28765

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 11 de xuño de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Monte do Rego e Parroquia de Moura (agás Monteverde e Fiscal), no concello de Nogueira de Ramuín.

«Examinada a solicitude de conciliación formulada polas CMVMC Monte do Rego e a CMVMC Parroquia de Moura (agás Monteverde e Fiscal), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 2 de decembro de 2013 o presidente das CMVMC Monte do Rego e da CMVMC Parroquia de Moura (agás Monteverde e Fiscal), ambas do concello de Nogueira de Ramuín, solicitou a aprobación dun deslindamento realizado entre ambas as comunidades. Os interesados achegaron coa solicitude a acta de conciliación realizada ante o xulgado de paz, certificacións de aprobación do deslindamento polas respectivas asembleas e planos.

Segundo. Con data do 4 de abril de 2014 o Servizo de Montes informou de que a documentación achegada cumpre as exixencias previstas no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que o deslindamento realizado establece o límite entre ambos os dous montes dun xeito claro e inequívoco.

Terceiro. Na acta de conciliación descríbense os lindes entre os montes da maneira seguinte:

Denominación

Coordenadas UTM (FUSO 299: (X,Y)

Punto nº 1

607138.10 4698513.72

Punto nº 2

605741.19 4697835.22

Punto nº 3

605630.97 4697743.91

O deslindamento coa CMVMC Monte do Rego será pola imaxinaria que enlaza os anteditos puntos ata chegar á estrada.

Quedan aproximadamente coas seguintes superficies:

CMVMC Parroquia de Moura (salvo Monteverde e Fiscal): 250 hectáreas.

CMVMC Monte do Rego: 48 hectáreas.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o xurado provincial de montes en man común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 4 de abril de 2014, acordou por unanimidade o día 3 de xuño de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas CMVMC Monte do Rego e da CMVMC Parroquia de Moura (agás Monteverde e Fiscal) ambas do concello de Nogueira de Ramuín, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no plazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Ourense, 11 de xuño de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense