Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 9 de xullo de 2015 Páx. 28767

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 18 de xuño de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Val de María, no concello de Boborás, e O Regueiro, no concello do Irixo.

«Examinada a solicitude de conciliación formulada pola CMVMC de Candosa e As Antas, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 11 de abril de 2014 o presidente da CMVMC de Candosa e As Antas, José Barros López, presentou unha solicitude co obxecto de corrixir un erro existente na cartografía e na descrición do linde entre o MVMC de Val de María e o MVMC do Regueiro, con base no acordo acadado por ambas as comunidades. Coa súa solicitude achegou a seguinte documentación: memoria técnica en que se recolle a descrición dos lindes; acta de deslindamento parcial; acta de conciliación realizada no xulgado de paz, e as actas das asembleas xerais en que se aprobou o deslindamento.

Segundo. Con data do 17 de outubro de 2014 o Servizo de Montes informou de que a documentación achegada cumpre as exixencias previstas no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que o deslindamento realizado establece o límite entre ambos os dous montes dun xeito claro e inequívoco.

Terceiro. Na acta de conciliación descríbense os lindes entre os montes da maneira seguinte:

Procedeuse ao levantamento topográfico deste puntos mediante GPS Leica 1200, de precisión centimétrica, que posteriormente son trasladados aos planos correspondentes.

Táboa 1. Puntos de deslindamento:

Coordenadas GPS. Sistema de referencia 29N ETRS 89

Ptos.

X

Y

1

561.699,21

4.706.073,75

2

562.014,63

4.706.297,53

3

562.892,93

4.706.564,38

4

563.205,72

4.706.692,00

5

563.318,29

4.706.763,25

6

563.610,94

4.706.878,11

Deste xeito, exceptuando as casas e leiras particulares, o linde queda como segue:

Desde o punto nº 1, coñecido como Marco dos Bispos na marxe esquerda da N-541 en dirección a Ourense, segue pola mesma estrada en dirección a Ourense e continúa pola estrada que vai cara a Candosa ata o punto 2 (estaca na unión desta estrada cun camiño vello que sobe ata o Couto do Regueiro), desde aquí segue polo mencionado camiño vello e por unha devasa ata o punto 3 (estaca no Couto do Regueiro), continúa en liña recta ata o punto 4 (marco 1 de Cebrela), segue en liña recta ata o punto 5 (marco 1 de Cebrela), segue en liña recta ata o punto 5 (marco 2 de Cebrela) e finaliza en liña recta no punto 6 (marco situado no cruzamento de camiños).

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Montes en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 17 de outubro de 2014, acordou por unanimidade o día 3 de xuño de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas CMVMC Candosa e As Antas, do concello do Irixo, e da CMVMC O Regueiro de Abaixo, O Regueiro de Arriba e As Antas, do concello de Boborás, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recuso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Ourense, 18 de xuño de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense