Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 17 de xuño de 2015 Páx. 24120

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO de aclaración de sentenza (1030/2012).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento ordinario 1030/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Ángel Vieites Suárez contra Copcisa, S.A., UTE Lavacolla, Construcciones Lorenzo Cao, S.L., UTE Corsan Corvian Construcción, S.A., Tecnología de las Construcciones, S.A., Fondo de Garantía Salarial sobre ordinario, se ditou auto aclaratorio do teor literal:

«Auto

Xuíz substituto

José María Fernández Abella

A Coruña, un de setembro de dous mil catorce.

Feitos

Primeiro. O 29 xaneiro do ano en curso ditouse sentenza nestes autos.

Segundo. A parte demandada presentou escrito solicitando aclaración da resolución citada.

Fundamentos xurídicos

Primeiro. O artigo 267 da Lei orgánica do poder xudicial –conforme a redacción que lle outorgou o número 62 do artigo único da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro– dispón, no que agora importa que: 1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que teñan. 2. As aclaracións a que se refire o punto anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por pedimento de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo, sendo neste caso resolta polo Tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración. 3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento. As omisións ou defectos que poidan ter as sentenzas e os autos e que sexa necesario remediar para levalas plenamente a efecto poderán ser emendadas, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecido no punto anterior. No ámbito propio da xurisdición civil o número 1º do artigo 214 da Lei procesual dispón, pola súa vez, que: os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que teñan. O mesmo precepto no seu número terceiro establece que: os erros materiais manifestos e aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Segundo. No suposto analizado, incórrese nun evidente erro aritmético na susodita resolución xa que, aínda cando este xulgador pon en evidencia o dito erro no auto de maio de 2014, se incorre nun erro na cantidade económica da cal debe responder UTE Lavacolla, tendo que cuantificar esta na cantidade de 2.520,61 euros e non na de 2.908,02 euros que figura no citado pronunciamento. En consecuencia, a parte dispositiva debería quedar redactada nos seguintes termos: “Que, estimando a demanda promovida por Ángel Vieitez Suárez contra a empresa Construcciones López Cao, S.L. e o seu administrador concursal Marcos Fernández Delgado, contra o Fogasa e contra a UTE Lavacolla, debo condenar e condeno as codemandadas, solidariamente, ao aboamento da cantidade de 4.498,67 euros, cantidade da cal debe responder, solidariamente, a UTE Lavacolla na cantidade de 2.520,61 euros, cantidade que se incrementará co xuro por mora do 10 % sobre a dita cantidade”.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación:

Dispoño:

Emendar o erro material padecido no feito primeiro da sentenza do 29 de xaneiro do ano 2014 nos termos citados ut supra.

Notifíqueselles esta resolución ás partes comparecidas e fágaselles saber que contra ela non cabe ningún recurso.

Así o acorda, manda e asina, José María Fernández Abella, xuíz substituto do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Construcciones Lorenzo Cao, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e para a súa publicación no taboleiro do xulgado.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2015

A secretaria xudicial