Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 17 de xuño de 2015 Páx. 24126

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa de construcción e declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 2014/180-1).

Expediente: IN407A 2014/180-1.

Promotor: Hidroeléctrica de Laracha, S.L.

Instalación: centro de seccionamento O Toural.

Concello: A Laracha.

Feitos.

1. O 13 de novembro de 2014 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

Novo CS tipo PFU-5 no que se instalará un transformador de 50 kVA, catro celas de liña e unha cela de protección para o CT proxectado.

Reforma das seguintes liñas:

– LMT Cillobre-Vista Alegre: reforma dun tramo de LMT A Medoña-Erboedo-O Campo da Ran-Villamir-Borreiro (expediente 51762) reforma tramo con lonxitude de 471 m.

– LMT Erboedo (expedientes 52155-51762) reforma tramo lonxitude total 125 m.

– LMT A Riba, Coiro (expediente 162/99) substitución do apoio nº 3 tipo HV-15/1,600.

Para alimentar o CS proxectado e realizar o enlace coas liñas de media tensión se proxectan diferentes tramos de liñas de media tensión subterráneas:

– LMT Cillobre-Vista Alegre (expediente 51762): tramo con lonxitude total de 70 m.

– LMT Erboedo (expediente 51762) tramo con lonxitude total de 35 m.

– LMT A Riba, O Coiro (expediente 162/99) tramo con lonxitude total de 220 m.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 5 de decembro de 2014.

DOG: 15 de xaneiro de 2015.

BOP: 22 de decembro de 2014.

Xornal La Voz de Galicia: 24 de decembro de 2014.

Taboleiro de anuncios do concello: certificado do secretario municipal recibido o 5 de febreiro de 2015.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

No certificado de exposición pública do concello indícase que non se formularon alegacións.

4. Durante o período en que se someteu o trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

– José Mañana Ramilo.

Solicita declarar a improcedencia do proxecto alegando, en síntese, o seguinte:

A obra é innecesaria, e só pretende alterar a localización dos apoios existentes no prexuízo do alegante.

Na relación de bens e dereitos afectados non se atopa a canalización soterrada que discorre pola beira do seu predio.

Os planos do proxecto non reflicten a realidade do terreo.

O centro de seccionamento está á beira do río Anllóns, nunha zona que ten protección de vistas e que está sometida ás posibles enchentes do río.

Hidroeléctrica de Laracha non entrou en detalles de indemnizacións, nin acordos económicos, co reclamante.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor que contestou, en síntese, o seguinte:

A necesidade do proxecto deriva da construción do centro de seccionamento e a conexión coas redes actualmente existentes. A solución adoptada xustifícase por razóns técnicas, e de respecto das servidumes do río Anllóns.

As instalacións soterradas non discorrerán sobre o predio do interesado, senón sobre o dominio público viario.

Os planos do proxecto axústanse á realidade do terreo.

No referente ás afeccións sobre o río Anllóns, Hidroeléctrica de Laracha, S.L. está a tramitar as autorizacións correspondentes ante os organismos afectados.

O interesado non quixo negociar con Hidroeléctrica de Laracha, S.L., as servidumes necesarias para a construción do proxecto.

5. Solicitouse o preceptivo informe aos seguintes organismos.

– Concello da Laracha: consta informe favorable e condicionado técnico aceptado polo promotor.

– Augas de Galicia: consta informe favorable e condicionado técnico aceptado polo promotor.

– Deputación da Coruña: non consta informe polo que se entende a conformidade co proxecto.

– Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: consta informe en que indica que non foi presentada a solicitude de autorización autonómica previa á licenza municipal, autorización que é preceptiva para a parte das obras que se atopan en solo rústico de protección natural. O promotor en resposta indica que xa foi presentada no Concello da Laracha a solicitude de autorización autonómica previa.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro e BOE núm. 30, do 4 de febreiro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 235/2012, do 5 de decembro, que fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 233, do 7 de decembro).

– Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 140, do 24 de xullo), modificado polo Decreto 116/2014, do 11 de setembro (DOG núm. 183, do 25 de setembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización das instalacións non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas por José Mañana Ramilo e coas manifestacións do promotor cómpre sinalar que non procede atender a solicitude de que sexa declarada a improcedencia do proxecto polo seguinte:

– A necesidade do proxecto deriva da construción do centro de seccionamento proxectado e a súa necesaria conexión coas redes existentes. Non foi presentado polo reclamante ningún trazado alternativo ao proxectado. Ademais, de acordo co disposto no punto 1.5.1 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión «as liñas eléctricas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ao que esta instrución establece».

– Segundo manifesta Hidroeléctrica de Laracha, S.L., as instalacións soterradas non discorrerán sobre o predio do interesado, senón sobre o dominio público viario.

– En relación coa afección ao predio polas presuntas discrepancias dos planos coa realidade, cómpre sinalar que a afección real que sufrirá a propiedade do alegante se determinará na acta previa á ocupación, acto para o cal serán os afectados oportunamente convocados segundo establece o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– A autorización solicitada por Hidroeléctrica de Laracha, S.L. neste expediente é independente das que deban tramitarse ante outros organismos afectados (artigo 56.3 parágrafo segundo da Lei do sector eléctrico).

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica.

Segundo. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude a cal se xuntará á seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e ás certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Cuarto. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 10, do 14 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 15 de maio de 2015

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña