Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 6 de abril de 2015 Páx. 12983

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO de notificación de auto aclaratorio de sentenza (DOI 641/2014).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber:

Que no procedemento de despedimento obxectivo individual 641/2014 deste xulgado do social, seguido por instancia de Laura Pouso Queiruga contra Pescados Juan Fernández, S.L., Fogasa, sobre despedimento, foi ditada a seguinte resolución:

«Auto

A Coruña, seis de marzo de dous mil quince.

Feitos:

Primeiro. Na data 5.11.2014 foi ditada sentenza nos presentes autos que foi notificada na data 7.11.2014.

Segundo. Por escrito do 14.11.2014, recibido neste xulgado na mesma data, Laura Pouso Queiruga solicita o complemento da citada sentenza por considerar que non se fixo mención nela de que se encontraba en situación de redución de xornada e non se realizou pronunciamento ningún en relación cos salarios de tramitación solicitados na demanda.

Terceiro. No día da data quedaron os autos ao dispor do provente para ditar a oportuna resolución.

Fundamentos de dereito:

Único. O artigo 267 da LOPX e en idéntico sentido os artigos 214 e 215 LAC regulan o chamado recurso de aclaración, que posibilita con carácter excepcional a aclaración de puntos escuros, a emenda de omisións ou a corrección de erros meramente materiais sobre puntos discutidos no litixio, pero sen en ningún caso consentir que por tal vía poida ser rectificado o que deriva dos fundamentos xurídicos e sentido da resolución ou que se subvertan as conclusións probatorias previamente mantidas, salvo que excepcionalmente o erro material consista “nun mero desaxuste ou contradición, patente e independente de calquera xuízo valorativo ou apreciación xurídica, entre a doutrina establecida nos fundamentos xurídicos e a parte dispositiva da resolución xudicial”, isto é, cando sexa evidente que o órgano xudicial “simplemente se equivocou ao trasladar o resultado do seu xuízo á parte dispositiva da sentenza”.

Así mesmo, establece o artigo 267.3 LOPX:

“3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento”.

Considerando isto, ao non se ter recollido na sentenza máis arriba citada a situación de redución de xornada por coidado de fillo en que a Sra. Pouso se encontraba, debe ser complementada a resolución nese sentido e o seu feito primeiro debe ter a seguinte redacción: “Primeiro. A demandante, Laura Pouso Queiruga, prestou servizos para a empresa Pescados Juan Fernández, S.L. desde o 7.3.2005, coa categoría profesional de empacadora e na data en que cesa a relación laboral encontrábase en situación de redución de xornada por coidado de fillo, polo que debía percibir un salario mensual de 1.037,55 euros con rateo de pagas extra (doc. nº 1 e 2 ramo de proba da demandante)”.

Canto á omisión referida ao non pronunciamento sobre a procedencia dos salarios de tramitación, debe complementarse a sentenza do 5.11.2014 engadindo o seguinte parágrafo ao fundamento de dereito terceiro: “Ao non ser posible a readmisión da traballadora, procede declarar extinguida a relación laboral e indemnizar na cantidade que se indique na parte dispositiva da presente resolución, sen que caiba estimar a petición de salarios de tramitación, só procedente nos casos en que se readmita a traballadora, atendendo ao establecido no artigo 56.1 e 2 do Estatuto dos traballadores”.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Dispoño:

Que se debe complementar o feito probado primeiro da sentenza do 5.11.2014, ditada nos presentes autos, coa seguinte redacción literal: “Primeiro. A demandante, Laura Pouso Queiruga prestou servizos para a empresa Pescados Juan Fernández, S.L. desde o 7.3.2005, coa categoría profesional de empacadora e encontrándose na data en que cesa a relación laboral en situación de redución de xornada por coidado de fillo, debendo percibir un salario mensual de 1.037,55 euros con rateo de pagas extra (doc. n.º 1 e 2 ramo de proba da demandante)”.

Que debe complementarse o fundamento de dereito terceiro da sentenza do 5.11.2014 engadindo o seguinte parágrafo: “Ao non ser posible a readmisión da traballadora, procede declarar extinguida a relación laboral e indemnizar na cantidade que se indique na parte dispositiva da presente resolución, sen que caiba estimar a petición de salarios de tramitación, só procedente nos casos en que se readmita a traballadora, atendendo ao establecido no artigo 56.1 e 2 do Estatuto dos traballadores”.

Que debe complementarse a parte dispositiva da sentenza do 5.11.2014, cuxa redacción será a seguinte: “Que, considerando a demanda sobre despedimento formulada por Laura Pouso Queiruga, que comparece asistida da súa letrada Sra. Cancela Regueiro, contra a empresa Pescados Juan Fernández, S.L., que non comparece a pesar de estar citada en legal forma, e contra o Fogasa, que non comparece a pesar de estar citado legalmente, declaro a improcedencia do despedimento da demandante do 27.6.2014 e, ante a imposibilidade de readmisión, declaro extinguida a relación laboral que vinculaba as partes con data de efectos da presente resolución, condenando a empresa demandada a estar e pasar por tal declaración e a aboar á Sra. Pouso indemnización por un total de 13.650,46 euros, sen que proceda aboar cantidade ningunha en concepto de salarios de tramitación”.

Notifíquese a presente resolución ás partes e fágaselles saber que contra ela non cabe ningún recurso en virtude do disposto no artigo 215.4 LAC e artigo 267.7 LOPX.

Así o pronuncia, manda e asina por este auto Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela».

E para que sirva de notificación en legal forma a Pescados Juan Fernández, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro do xulgado.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2015

A secretaria xudicial