Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 1 de abril de 2015 Páx. 12820

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

EDICTO (660/2014).

Medidas fillo menor non matrimonial 660/2014

Sentenza: 17/2015

En Ferrol o 20 de xaneiro de 2014.

Ana Barral Picado, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, despois de ver os autos de garda e custodia, alimentos e réxime de visitas de fillo menor de idade non matrimonial promovidos por José Monteiro Romero, representado pola procuradora Sra. Vázquez Méndez e baixo a dirección letrada da Sra. Vázquez Miragalla, contra Sandra Monteiro, en rebeldía procesual, sendo parte o Ministerio Fiscal, dita a presente sobre a base dos seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Ante este xulgado foi presentada demanda de xuízo verbal para a adopción de medidas relativas á garda e custodia, alimentos e réxime de visitas do menor Daniel Monteiro Monteiro promovida por José Monteiro Romero contra Sandra Monteiro, en que solicita a adopción das que se sinalaban no corpo do seu escrito.

Segundo. Admitida a trámite, deuse traslado á demandada e ao Ministerio Fiscal emprazándoos para que contestasen e foi declarada a rebeldía procesual de Sandra Monteiro.

Terceiro. No acto de xuízo e comparecido o demandante en legal forma, o Ministerio Fiscal solicitou que se suprimisen as visitas entre o proxenitor non custodio e o menor nos termos fixados no auto de medidas provisionais do cinco de decembro de dous mil catorce, substituíndose polo de visitas no punto de encontro desta localidade, e só a través do informe favorable do devandito centro, e de forma progresiva, alcanzar o réxime ordinario que fixa a resolución xudicial.

Cuarto. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Danse por reproducidos cantos argumentos e preceptos legais se expoñen na resolución do cinco de decembro de dous mil catorce, e elévanse a definitivas as medidas que se conteñen na citada resolución, xa que a actividade probatoria desenvolvida nesta fase plenaria non veu a introducir elementos de xuízo novos con relación aos xa considerados no seu día.

Exceptúase, non obstante, o relativo ao réxime de comunicación e estancia do menor co proxenitor non custodio, e é que por motivos que se ignoran en autos a nai do neno se desentendeu dunha forma total e absoluta del, sen que nin pai nin fillo saiban nada dela desde que abandonou o domicilio familiar. Compréndese en consecuencia que, pasado máis dun ano desde aquel abandono xurídico e moral sen que a nai procurase o menor contacto con Daniel, sexa xuridicamente necesario, para a protección do interese do menor, primeiro, suspender o réxime de visitas fixado en auto do cinco de decembro, e segundo, que o eventual intento de Sandra de estar co seu fillo se realice baixo a supervisión do órgano xudicial, asistido, chegado o caso, do equipo profesional que se valore conveniente, e a través da reclamación concreta que Sandra chegase a realizar a xeito de demanda, pois non resulta posible, no momento de ditar a presente, aventurarse a imaxinar un futuro e eventual escenario de retorno da nai ou as condicións persoais que chegase a manifestar e a súa idoneidade para estar co fillo.

Segundo. Non procede a condena en custas (artigo 394.1 da LAC).

Vistos os anteriores preceptos legais e demais de xeral e pertinente aplicación

Decido que, estimando a demanda promovida por José Monteiro Romero, representado pola procuradora Sra. Vázquez Méndez e baixo a dirección letrada da Sra. Vázquez Miragalla, contra Sandra Monteiro, en rebeldía procesual, e sendo parte o Ministerio Fiscal, elevo a definitivas as medidas relativas a garda e custodia e alimentos do menor Daniel Monteiro Monteiro, que se fixan no auto do cinco de decembro de dous mil catorce, salvo as fixadas con relación ao réxime de visitas do proxenitor non custodio, acordándose a suspensión deste.

Non procede a condena en custas.

Notifíquese ás partes con advertencia de que non é firme e de que contra ela cabe recurso de apelación.

Así por esta sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza pola xuíza que a subscribe, despois de celebrarse audiencia pública no día da súa data. Dou fe.