Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 30 de marzo de 2015 Páx. 12329

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 17 de marzo de 2015 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha unidade de braquiterapia de alta taxa por parte do Servizo Galego de Saúde á Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece que o Servizo Galego de Saúde poderá dispor dos bens e dereitos que lle pertenzan en propiedade e que non sexan necesarios para o exercicio das súas funcións. Así mesmo, poderá ceder os bens mobles da súa propiedade a terceiros no marco das relacións de colaboración e para fins de interese sanitario.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles para a realización de fins de utilidade pública ou interese social sempre que a súa afectación ou explotación non se considere previsible.

O Decreto 50/1989, do 9 de marzo, que mantén a súa vixencia no que non sexa incompatible co indicado na Lei 5/2011, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar os bens, así como as súas condicións.

A Universidade de Santiago de Compostela manifestou o seu interese na cesión do equipamento de braquiterapia de alta taxa para a súa instalación e funcionamento no Laboratorio de Radiofísica, creado como plataforma tecnolóxica da rede de infraestrutura de apoio á investigación. Neste momento, o equipo de braquiterapia atópase en desuso no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Na súa virtude, en consideración ás facultades conferidas polos artigos 34 y 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e no artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da cesión

Acórdase a cesión en propiedade a favor da Universidade de Santiago de Compostela dun equipamento de braquiterapia de alta taxa, marca Eleckta, modelo Microselectrón-HDR, formado polos seguintes compoñentes:

a) Unha unidade de tratamento (equipamento automático de carga diferida).

b) Un panel/consola de control.

c) Tubos de transferencia, aplicadores e accesorios.

Dimensións da unidade de tratamento:663/410/885/1285 mm.

Dimensión da unidade de control:430/475/100 mm.

Número de canles: estándar 18 canles.

Artigo 2. Condicións da cesión

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes condicións:

1ª. Os bens que se ceden destinaranse a ampliar e mellorar o alcance dos servizos de calibración do Laboratorio de Radiofísica da Universidade de Santiago de Compostela. A posibilidade de realizar a calibración dos sistemas en braquiterapia permitirá aumentar a exactitude dosimétrica dos tratamentos e mellorar a realización dos programas de garantía de calidade nas técnicas de radioterapia, favorecendo, por tanto os labores de estudo, docencia e investigación que realiza a universidade, conforme o indicado no artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia.

2ª. A cesión outórgalle á universidade a propiedade dos elementos indicados no artigo 1 desta orde realízase a título gratuíto.

3ª. Os bens cedidos destinaranse, exclusivamente, a fins de utilidade pública ou interese social do servizo público que presta a universidade mediante o estudo, a docencia e a investigación.

4ª. A entidade cesionaria é responsable do correcto uso dos bens cedidos e da adopción de todas as medidas necesarias para a súa conservación e custodia.

5ª. Corresponderalle ao cesionario facerse cargo dos gastos derivados do traslado do equipamento, instalación e/ou calquera outro gasto necesario para a súa posta en funcionamento.

6ª. Se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado, se se descoida ou utiliza con grave quebranto, ou se incumpren as condicións do presente acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá no patrimonio da Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimente.

Artigo 3. Formalización da cesión

A cesión dos bens indicados no artigo 1 formalizarase mediante unha acta subscrita pola persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde e a persoa titular do órgano competente da Universidade de Santiago de Compostela, e deberá constar nela o acordo de cesión e os bens que se ceden, así como a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

O Servizo Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, realizará os trámites necesarios para a efectividade do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade