Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 30 de marzo de 2015 Páx. 12332

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos á renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia (ILE), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas callou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética en diferentes sectores.

O actual escenario de crise económica que afecta tamén os concellos obriga a impulsar medidas de xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles co fin de continuar prestando servizos de calidade aos cidadáns, optimizando os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.

Por outra banda, cómpre incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.

Neste sentido, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de febreiro de 2013, adoptou o acordo de aprobar os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

En cumprimento do devandito acordo, a presente convocatoria pública incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

A presente convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia para o ano 2015 sobre a base da posibilidade que ofrece o artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, existindo crédito abondo no proxecto de orzamentos 2015 do Inega.

O importe total asignado á convocatoria é de 1.340.306,76 euros, para actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia (tramo autonómico) encadradas no eixe 4, medida 43, actuación 2 a que se refire o Programa de axudas públicas para o uso racional da enerxía. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, FCI que o cofinancia e fondos propios.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia, especialmente, neste caso, no que se refire á iluminación pública dos concellos.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética que a seguir se reproducen, así como convocar a todas aquelas entidades locais de Galicia interesadas en solicitalas.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. As presentes bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE), baseadas en tecnoloxías obsoletas, por outras actuais e máis eficientes, aplicando criterios de aforro e eficiencia enerxética que –segundo se establece no Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior e as súas instrucións técnicas complementarias EA-01 e EA-07 (BOE núm. 279, do 19 de novembro)– acaden unha cualificación enerxética A ou B. Non se subvencionarán proxectos que teñan unha cualificación enerxética igual ou inferior a C.

2. O procedemento administrativo de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

3. Posto que as liñas de axudas contan con financiamento comunitario procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) –no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013– respectarase o previsto no Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1260/1999, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) L 210, do 31.7.2006, e na súa normativa de desenvolvemento, ademais dos regulamentos comunitarios en materia de información e publicidade.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións solicitadas dentro do prazo previsto no artigo 5 destas bases sempre que se executen entre o día seguinte á data da publicación destas bases reguladoras no DOG e o 15 de outubro de 2015.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Programa de axudas públicas para o aforro e eficiencia enerxética

Sector

Código

Concepto

Total fondos (€)

Aplicación orzamentaria

Servizos públicos

IN417P

Renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE)

1.340.306,76

08.A2.733A.761.0

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, aínda que cabería a posibilidade de incrementar o crédito coa condición dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 14 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios das subvencións contidas nesta resolución:

– Os concellos de Galicia que efectúen a súa solicitude individualmente.

– Os concellos de Galicia que formulen a súa petición de maneira conxunta constituídos en agrupación ou asociación. Nestes casos, deberase facer constar expresamente no convenio de colaboración que subscribirán os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación ou asociación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ou asociación constituída ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As mancomunidades e consorcios locais de Galicia.

2. Todos os beneficiarios das axudas terán que cumprir, ademais, co requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2013 ao Consello de Contas de Galicia. No caso de solicitude conxunta para a xestión compartida, tal requisito será exixible de cada un dos membros da agrupación ou asociación. A falta deste requisito por parte dalgún dos concellos será motivo abondo para non admitir a trámite a solicitude.

3. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, xa se efectúe individualmente, de forma conxunta, ou ben formando parte dunha mancomunidade ou consorcio. Así mesmo, cada agrupación, asociación, mancomunidade ou consorcio local non poderá presentar máis dunha solicitude.

4. Todas as instalacións deberán contar cunha auditoría enerxética segundo a memoria técnica a que se refire o artigo 6.1 B.1 dispoñible na páxina web do Inega. O incumprimento destes requisitos poderá dar lugar á minoración ou denegación da axuda segundo corresponda.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polo representante legal da entidade ou entidades locais interesadas, en función dos posibles beneficiarios sinalados no artigo anterior. A dita representación deberase acreditar de xeito fidedigno por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es e na páxina web do Inega (www.inega.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do CIF da entidade local e o contrasinal determinado por esta.

4. A documentación complementaria indicada no artigo 6 destas bases presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. O Inega poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

5. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, poderán dirixirse a esta entidade pública a través dos teléfonos 981 54 15 20 e 981 54 15 39 ou do enderezo de correo electrónico info@inega.es.

6. Non se admitirán a trámite aquelas solicitudes referidas a proxectos que xa se presentasen en convocatorias anteriores e ás cales lles fose concedida a axuda correspondente, agás que previamente renuncien a elas.

7. Naquelas solicitudes formuladas por agrupacións, asociacións, mancomunidades e consorcios locais, será requisito imprescindible a xustificación conxunta da totalidade dos investimentos que se pretenden desenvolver. Porén, desde o punto de vista do procedemento de adxudicación, poderase optar pola licitación conxunta ou ben de xeito individualizado en cada concello para as instalacións que se executarán dentro do seu termo municipal. Este aspecto deberá constar claramente no preceptivo convenio de colaboración mencionado no seguinte artigo.

8. Nos proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) só caberá que o peticionario presente unha solicitude por liña de axuda, que non poderá superar a contía de 60.000 € en concepto de custo elixible por concello, IVE incluído.

Artigo 6. Documentación complementaria da solicitude

1. Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da seguinte documentación complementaria. Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa (A) e unha parte técnica (B) que se describe a seguir:

A) Documentación administrativa: debe distinguirse unha documentación común e obrigatoria para todo tipo de solicitantes doutra específica que presentarán a maiores as agrupacións, asociacións, mancomunidades e consorcios locais, segundo o suposto de que se trate.

A.1. Documentación que deben presentar os solicitantes:

1. Modelo de solicitude (anexo I).

2. Certificación da Secretaría municipal acreditativa do envío das contas do exercicio 2013 ao Consello de Contas de Galicia, emitida pola entidade solicitante ou por cada un dos concellos agrupados, así como o compromiso de realizar a instalación no caso de obter a axuda, adoptado por acordo do órgano competente de cada entidade local.

3. Informe da Intervención municipal en que se indique se o IVE derivado do gasto que supón executar a/s actuación/s subvencionada/s no termo municipal correspondente pode ou non ser repercutido, para os efectos da súa consideración ou non como concepto integrante do custo elixible.

A.2. Documentación específica para as agrupacións ou asociacións de concellos:

1. Certificación emitida pola Secretaría do concello representante en que se faga constar, sobre a base dos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos, os seguintes aspectos:

a) Que se acorda solicitar unha subvención para as obras e equipamentos que se pretenden executar ao abeiro desta resolución, mediante a fórmula de contratación centralizada ou individualizada.

b) Que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nas presentes bases reguladoras.

c) Que se nomea o/a alcalde/sa dun dos concellos agrupados ou asociados como persoa representante e interlocutora válida ante o Inega, con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria poidan corresponderlle á agrupación ou asociación.

d) Que se comprometen de xeito solidario á execución das instalacións e á aplicación dos fondos que poidan percibir aos fins propios da subvención.

O incumprimento de calquera dos puntos anteriores nos acordos que se adopten, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, suporá a inadmisión a trámite da solicitude.

As certificacións emitidas polas secretarías dos concellos integrantes da agrupación ou asociación sobre os respectivos acordos municipais, deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega ao procedemento de subvencións, de ser requirido en tal sentido polo órgano que tramita as axudas.

2. Convenio de colaboración co seguinte contido orientador:

a) Data e parte expositiva.

b) Concellos que subscriben o convenio e capacidade xurídica con que actúa cada unha das partes.

c) Obxecto.

d) Designación do concello representante.

e) Ámbito territorial.

f) Obxectivos da colaboración e actuacións que acorden desenvolver para o seu cumprimento.

g) Xestión compartida do servizo.

h) Medios persoais e materiais, se for o caso.

i) Financiamento da actuación.

j) Causas de resolución.

k) Prazo de vixencia do convenio.

l) Natureza do convenio.

De calquera xeito, o convenio de colaboración que regule a agrupación ou asociación de concellos deberá recoller o seguinte contido obrigatorio:

a) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación ou asociación.

b) O importe da subvención que debe aplicar cada un dos concellos agrupados ou asociados.

c) O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

d) O compromiso de non disolver a agrupación ou asociación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O convenio de colaboración subscrito entre as partes deberá presentarse no prazo máximo dun mes contado desde que se notifique a resolución na cal se concede a subvención, aínda que poderá presentarse coa solicitude de subvención.

No caso de presentar o convenio asinado xunto coa solicitude, xa non será exixible facelo unha vez notificada a concesión da subvención.

A.3. Documentación específica para mancomunidades de concellos ou consorcios locais:

1. Certificación da Secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio que participan no proxecto para o cal se solicita subvención, ao abeiro da presente convocatoria.

B) Documentación técnica. Consta de:

1. Memoria técnica ILE en formato .xls ou .xlsx, dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es).

2. Catálogos das luminarias, equipamentos de aforro e reloxos astronómicos con tarifas de prezos 2015, en arquivo .pdf.

3. Memoria xustificativa do aforro de custos, na cal se fará constar en cadro comparativo a diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante, asinada por técnico e en formato dixital.

4. Copia dos recibos de enerxía eléctrica dos doce últimos meses, en formato dixital.

5. Fotografías das instalacións actuais, en formato dixital.

6. Planos coa distribución da situación proposta e coa localización da instalación dentro do termo municipal en formato dixital.

7. Estudo lumínico, en formato dixital.

Artigo 7. Concorrencia con outras axudas

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % do custo elixible ou, se é o caso, supere o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Inega tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 17 destas bases reguladoras.

4. Ao estar incluídas as actuacións que se subvencionan dentro do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, os gastos que se financian cun fondo comunitario non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de conformidade co artigo 54.5 do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 8. Gastos que se subvencionan

1. Os posibles gastos incluídos no investimento elixible son aqueles conceptos de gasto que poden ser obxecto de subvención, entendendo por tales os seguintes:

As lámpadas, reactancias, reloxos astronómicos, luminarias, cadros de mando, protección e medida, sistemas de aforro (reactancias regulables ou redutores en cabeceira de liña), retirada de equipamentos existentes e a reforma da liña ata un máximo do 25 % da actual rede de iluminación.

Non se incluirán dentro desta liña a ampliación de puntos de luz, obra civil, apoios, canalización, acometidas, proxectos de enxeñaría nin gastos de legalización.

Seguindo os criterios do Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, clasifícanse as instalacións de iluminación exterior en viaria (funcional e ambiental), específica, ornamental, vixilancia e seguranza nocturna, sinais e anuncios luminosos, festiva e de Nadal.

Tendo en conta a citada clasificación, consideraranse instalacións subvencionables e non subvencionables as seguintes:

Instalacións subvencionables:

– Iluminación viaria.

(Funcional e ambiental).

Instalacións non subvencionables:

– Iluminación para vixilancia e seguranza nocturna.

– Iluminación de sinais e anuncios luminosos.

– Iluminación festiva e de Nadal.

As instalacións deberán cumprir como mínimo os seguintes requisitos técnicos:

– Sistema de acendido por reloxo astronómico.

– O conxunto das lámpadas cun rendemento lumínico mínimo de 65 lm/W (lámpada + equipamento).

– As luminarias novas deberán ser pechadas con aloxamento de equipamento e que presenten como características mínimas:

IP 65 na óptica.

IK 08.

Clase eléctrica II.

FHSinst igual ou inferior ao 1 %.

– Sistema de dobre nivel, independentemente da potencia instalada.

– Cumprir co Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, en canto a niveis de iluminación e uniformidade das vías que se van iluminar que se reformen.

– A instalación deberá acadar unha cualificación enerxética A ou B conforme o citado Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro.

– Os cadros de mando deberán incorporar descargadores de sobretensións conectados a tomas de terra inferiores ou iguais a 4 ohmios.

Así mesmo, as instalacións deberán cumprir co Real decreto 842/2002, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

Os proxectos que non cumpran os requisitos técnicos mínimos establecidos no parágrafo anterior non serán subvencionables.

Considerarase punto de luz o formado por luminaria e brazo, lámpada e equipamento auxiliar, completamente instalado e conectado.

2. Investimentos elixibles máximos subvencionables (só inclúen execución material):

Partidas subvencionables

Custo máximo

Punto de luz

510 €

Sistemas de aforro punto a punto

10.000 €

Sistemas de aforro en cabeceira de liña

7.000 €

Cadro de mando, protección e medida

3.000 €

Reloxo astronómico

500 €

Reposición de condutor (máx. 25 % da rede total)

500 €/pto. luz

Non se admitirá no orzamento material da instalación partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase cando do informe que se debe presentar polo artigo 6.1, punto A.1, número 3 destas bases, derive non poder repercutir o dito imposto.

4. Non se subvencionan os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ao existir cofinanciamento comunitario, ademais dos referidos supostos, observarase o disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo).

Artigo 9. Contía máxima da subvención

A contía máxima de subvención será en xeral do 70 % do investimento elixible, tendo en conta que este investimento elixible será como máximo de 60.000 €. No caso de fusión, agrupación ou asociación de concellos a contía máxima incrementarase nun 15 % do que lle correspondería a cada concello no caso de presentación individual.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa representante da entidade ou entidades locais interesadas. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa representante non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A solicitude da persoa representante da entidade ou entidades locais interesadas irá acompañada da documentación recollida no artigo 6, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa representante a súa presentación, ou, no seu defecto, que acredite por outros medios os requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á resolución pola que se concede a axuda.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará na súa páxina web oficial (www.inega.es) a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 11. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Instituto Enerxético de Galicia ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará se reúne todos os requisitos e documentos sinalados nos artigos 4 a 8 destas bases. De non ser así, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, requirirase ao interesado para que nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 26.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes. De maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorran 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso no cal se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, desde a páxina web do Inega (www.inega.es).

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es) acudindo á aplicación informática habilitada para estas axudas. Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de non admisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O xerente do Inega.

b) A xefa da Área de Xestión e Coordinación coas Administracións Públicas do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible. A comisión tamén poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal considera inadecuado conceder a subvención.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan suficientes para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que foron admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 14. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

Ademais do cumprimento das bases reguladoras, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios:

1. Aforro e eficiencia enerxética: 25 %.

Outorgarase puntuación en función do proxecto de aforro enerxético que se presente, ata un máximo de 25 puntos, atendendo á seguinte táboa:

Concepto

Puntuación máxima

Datos xerais subministracións, consumos, custos enerxía e facturas de enerxía eléctrica

1

Datos xerais instalación actual (cadros de mando, luminarias, lámpadas…)

4,5

Proxecto proposto (novos equipos: luminarias, lámpadas, sistemas de regulación, planos…)

18,5

Cualificación enerxética

1

2. Relación aforro/investimento elixible: 35 %.

O aforro calcularase partindo da situación de consumo inicial e da situación de consumo final (despois do investimento).

A puntuación desta epígrafe outorgarase en función da seguinte táboa:

P.R.S. (anos)*

Puntuación máxima

Inferior a 2 anos

35

Superior ou igual a 2 e inferior a 4 anos

30

Superior ou igual a 4 e inferior a 6 anos

25

Superior ou igual a 6 e inferior a 8 anos

20

Superior ou igual a 8 e inferior a 10 anos

15

Superior ou igual a 10 e inferior a 12 anos

10

Superior ou igual a 12 e inferior a 14 anos

5

Superior ou igual a 14 anos

0

(*) Sendo P.R.S.= aforro/investimento elixible

3. Dispersión xeográfica, entendida como núcleos de poboación do concello: 5 %.

Outorgarase maior puntuación a aqueles concellos que dispoñan de máis núcleos de poboación, tal e como se establece na táboa seguinte:

Número núcleos poboación (N)

Puntuación

N < 50 núcleos

1

50 >= N < 100 núcleos

3

N >= 100 núcleos

5

4. Poboación do concello (no caso de agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios terase en conta a poboación conxunta): 5 %.

Outorgarase maior puntuación a aqueles concellos que dispoñan de maior número de habitantes censados, tal e como se establece na táboa seguinte:

Número habitantes (H)

Puntuación

H < 5.000 habitantes

3

5.000 >= H < 10.000 habitantes

4

H >=10.000 habitantes

5

Para a avaliación deste criterio utilizarase o último censo de habitantes publicado polo Instituto Galego de Estatística.

5. Agrupación de concellos, agás a súa fusión, 30 %. Este criterio subdividiríase do seguinte xeito: pola simple presentación conxunta da solicitude, un 10 %; polo número de concellos superior a dous que se asocien, ata un 10 %; pola presentación dunha memoria de aforro enerxético e, consecuentemente, de custos conseguidos pola presentación conxunta respecto da individual, ata un 10 %.

A agrupación de concellos deberá presentar un proxecto conxunto que implique maior eficiencia na prestación do servizo para os concellos agrupados, entendido isto como un aforro económico na execución do proxecto ou na contratación conxunta de servizos relacionados coa iluminación pública, especialmente co seu mantemento.

As actuacións que se van subvencionar terán que desenvolverse no territorio de todos os concellos membros da agrupación, ter unha continuidade física territorial e a súa execución non poderá supoñer unha actuación que non transcenda do límite territorial de cada concello. Polo tanto, non obterán ningunha puntuación neste punto aquelas solicitudes efectuadas por agrupacións de concellos que non cumpran con todos os requisitos anteriormente mencionados.

No suposto de que, nalgún momento posterior á avaliación das solicitudes pola comisión de valoración e antes da presentación da conta xustificativa, algún concello integrante de calquera das agrupacións ou asociacións solicitantes deixe de formar parte delas, terá lugar unha nova valoración da solicitude afectada por tal circunstancia, o cal poderá dar lugar a unha modificación do informe de valoración ou da resolución ou resolucións de concesión motivada por tal circunstancia.

6. Concellos que fosen obxecto de fusión, 30 %.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 13.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos, nin outras alegacións ou probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorre o prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, aplicarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, as entidades locais beneficiarias, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución a través do taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas, desde a páxina web do Inega (www.inega.es).

5. Aquelas solicitudes que resulten seleccionadas e cuxos importes de axuda sexan aceptados polos beneficiarios pasarán a formar parte da lista pública prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o director do Inega no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Consideraranse como únicas circunstancias técnicas que permitan variar o contido específico da solicitude presentada inicialmente calquera dos seguintes supostos:

a) Cambios de equipamento que supoñan unha redución do investimento mantendo o aforro (mínimo unha redución dun 10 % do investimento na partida afectada).

b) Cambios de equipamento que permitan o aumento do aforro mantendo o investimento.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

O beneficiario deberá solicitar por medios electrónicos a través da aplicación informática, a modificación mediante instancia dirixida ao director do Inega xunto coa documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que a entidade local beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, e comunicará este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunique a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se lle notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 12.2 destas bases reguladoras.

3. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunique a renuncia, ditarase a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Instituto Enerxético de Galicia, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, e posto que a convocatoria está dotada con fondos comunitarios, todo beneficiario se someterá ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto no artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello (DOUE L 371, do 27.12.2006), así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 57 do Regulamento (CE) núm. 1083/2006, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 210, do 31.7.2006) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións e normas comunitarias, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) Os beneficiarios da subvención estarán obrigados a cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento CE núm. 1828/2006 da Comisión, xa citado anteriormente, tendo en conta as modificacións introducidas polo Regulamento (CE) núm. 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro de 2009. De acordo co disposto no parágrafo 4º do artigo 8 deste regulamento, todo beneficiario anunciará que a operación executada –neste caso a renovación das instalacións de iluminación pública exterior– se seleccionou no marco dun programa operativo cofinanciado polo FSE, Feder ou o Fondo de Cohesión, neste caso de acordo co programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Para estes efectos, será obrigatoria para as entidades locais beneficiarias das axudas a colocación dunha placa explicativa permanente no lugar da operación, que deberá realizarse en metacrilato ou outro material perdurable, tamaño A4, e expoñerse no cadro de mando, protección e medida de cada instalación nun lugar visible. Porase á disposición dos interesados na páxina web do Inega (www.inega.es) un modelo orientativo do contido e da estrutura da información que debe recollerse na placa, de acordo coa Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, en Galicia.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Cumprir co deber de remisión o Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos establecidos no artigo 4 do Decreto 197/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 20. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite fixada para a execución do proxecto que se establece no artigo 2 destas bases reguladoras.

2. Na data establecida no punto seguinte, deberá ter autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación, nos casos en que sexa obrigatorio. Non será necesario presentar copia da autorización, que será comprobado directamente polo Inega. No caso de que non se dispoña dela na data en que remate o prazo de xustificación, deberá haberse solicitado coa restante documentación do procedemento de autorización correspondente (certificado de instalación, memoria técnica).

3. O último día para presentar a documentación xustificativa do investimento será o 31 de outubro de 2015.

4. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es).

5.Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 12.2 destas bases reguladoras.

En todo caso, deberá xustificar que o investimento do proxecto se executou completamente dentro do prazo indicado no artigo 2 destas bases reguladoras.

6. No suposto de que transcorra o prazo establecido para a xustificación sen presentar documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme lei correspondan.

Achegaranse copias dixitalizadas dos seguintes documentos:

A. Documentación xenérica:

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude. Na páxina web do Inega –www.inega.es– estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire esta epígrafe. De existir modificacións no proxecto achegarase a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

b) Conta xustificativa composta de:

1º. Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Os investimentos non se poderán realizar a través de medios propios da entidade ou entidades locais beneficiarias da axuda.

2º. Xustificante do pagamento efectuado polo beneficiario:

– Xustificante bancario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria), no cal conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da entidade local que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado como o cheque, letra de cambio ou a obriga de pagamento: achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

– Naqueles casos en que os investimentos se fixesen mediante contratos de préstamo ou arrendamento financeiro (leasing), a axuda aplicarase á amortización anticipada parcial de préstamo/leasing, diminuíndo o principal pendente.

– Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no parágrafo 3º deste artigo.

c) Sempre que o custo elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € no resto dos supostos, o beneficiario deberá solicitar como mínimo o contido de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación da obra ou subministración dos bens e equipos, ou se for o caso da prestación do servizo. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as tres ofertas, pois o que se debe presentar é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

Sobre a base do disposto no artigo 86.2 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, non se poderá fraccionar o gasto que supón a execución das instalacións coa finalidade de diminuír a súa contía e eludir así os requisitos de publicidade ou os relativos ao procedemento de adxudicación que correspondan.

Dentro dos criterios de valoración das ofertas teranse en conta o aforro e eficiencia enerxética. Ademais, será necesario presentar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será preciso acreditar as tres ofertas se concorre algún dos seguintes supostos:

1. Se xa foi presentada a documentación que acredite a petición das tres ofertas no momento que se efectuou a solicitude de axuda, ao inicio do expediente.

2. Se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

3. Se o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou ben xa estivese contratada a obra ou subministración no momento da solicitude, presentarase a documentación que acredite tal circunstancia.

d) Certificación emitida pola Secretaría da entidade local beneficiaria na cal se acredite que para a contratación do investimento obxecto de axuda se seguíu o procedemento correspondente segundo o establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e na súa normativa de desenvolvemento. No suposto de agrupacións ou asociacións de concellos en que se produza a licitación conxunta das actuacións subvencionadas, tal certificación emitiraa a Secretaría do concello que levase a cabo o procedemento de licitación pública.

Cada unha das entidades locais beneficiarias, ou ben o concello representante da asociación/agrupación respectiva que levase a cabo a licitación conxunta, achegarán unha copia completa escaneada da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que se poidan efectuar sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos de ulteriores controis.

O incumprimento destes requisitos será causa da perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións.

e) Declaración expresa actualizada na data de xustificación do conxunto das axudas concedidas destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, segundo o modelo que poderá ser facilitado polo propio Inega. Deberase achegar unha copia da resolución ou resolucións de concesión das devanditas axudas.

f) Declaración responsable de cada unha das entidades locais beneficiarias de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha debeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar.

B. Documentación específica:

– Informe de xustificación ILE segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es).

– Certificado do fabricante das luminarias, indicando no documento o nome da obra, número de equipamentos, modelo e os datos técnicos dos equipamentos vendidos (IP luminaria, IP óptica, IK, clase eléctrica e FHSinst), número de pedido e almacén de venda.

– Certificado do fabricante dos equipamentos de aforro, indicando no documento o nome da obra, número de equipamentos vendidos, modelo, número de pedido e almacén de venda.

– Certificado de inspección da instalación por un organismo de control autorizado no campo regulamentario.

A falta de xustificación ou a xustificación insuficiente, así como a presentación da documentación xustificativa máis alá da data e do prazo que figuran no parágrafo 3º deste artigo, comportará, en función do suposto de que se trate, a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, sen prexuízo das demais responsabilidades previstas pola Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Pagamento

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presente, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega poderán realizar unha inspección de comprobación material na que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. O pagamento da axuda realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

4. Poderanse realizar pagamentos anticipados ás corporacións locais que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos do artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ditas corporacións locais deberán xustificar o pagamento que dá lugar á subvención de acordo co previsto no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Anticipos

Os concellos beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 25 % de cantidade concedida. A concesión de anticipo será obxecto de resolución motivada e estará exenta da constitución da garantía de conformidade co establecido no artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Reintegro das axudas

1. O incumprimento das disposicións contidas nestas bases reguladoras ou na restante normativa de subvencións que resulte aplicable, así como das condicións e compromisos tidos en conta para a concesión da axuda, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado concesión de subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.es.

Artigo 26. Xestión informática das axudas

Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática –accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es)– o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

Artigo 27. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Ao respecto, achegarase toda aquela información ou documentación que se requira no exercicio das actuacións anteriores, ou ben como consecuencia das verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, que xa foron mencionadas na letra d) do artigo 19 destas bases.

Artigo 29. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da administración coma polo beneficiario. Esta comprobación material poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Artigo 30. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 31. Remisión normativa

Para todo o non regulado nestas bases aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita Lei 9/2007, de 13 de xuño, así como nos regulamentos comunitarios citados no artigo 1 destas bases, e sen prexuízo da restante normativa que resulte de aplicación.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados da dita xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de que se opte polo recurso de reposición, non caberá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a súa desestimación presunta por silencio administrativo.

Os interesados poderán aducir calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file