Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Luns, 9 de febreiro de 2015 Páx. 5715

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (336/2014).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 336/2014, deste xulgado do social, seguido por instancia de Cristina Blanco Gabín contra a empresa Cumbraos 2010, S.L., Fondo de Garantía Salarial, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

Sentenza: 28/2015.

Nº autos: 336/2014.

A Coruña, 20 de xaneiro de 2015.

Jorge Hay Alba, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver os presentes autos sobre despedimento entre partes, dunha e como demandante Cristina Blanco Gabín, que comparece asistida da letrada Elva Mosquera Vaamonde, e doutra, como demandado Cumbraos 2010, S.L., Fondo de Garantía Salarial, que non comparecen malia estaren citadas en legal forma.

En nome do rei ditou a seguinte

Sentenza.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A parte demandante presentou demanda que por quenda lle correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, en que, tras expor os feitos e alegar os fundamentos de dereito que coidou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, sinalouse a celebración do acto de xuízo, que tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluído o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados:

Primeiro. A parte demandante, Cristina Blanco Gabín, leva prestando os seus servizos para a empresa Cumbraos 2010, S.L. desde o día 2.3.2012 coa categoría profesional de limpadora e percibindo un salario mensual de 448,45 € con inclusión de rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. A empresa deixou de aboar os salarios dos meses de marzo de 2012 a febreiro de 2014, cantidade que ascende a 10.228,56 €.

Terceiro. Celebrouse acto de conciliación ante o SMAC o día 10.2.2014 sen efecto.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A anterior relación de feitos foi probada en virtude da proba documental que acredita as circunstancias da relación laboral, valorada no seu conxunto.

Segundo. Establecido o anterior, a demandante solicita a extinción contractual con base na falta de pagamento de salario. No caso da extinción contractual con base na falta de pagamento de salario ou atraso continuado, a S.T.S. do 25.1.1999 considera que: «Conforme a xurisprudencia desta sala, cabe entender que unha interpretación conxunta das letras b) e c) do artigo 50.1 ET exixe para que prospere a causa resolutoria por instancia do traballador baseada “na falta de pagamento ou atrasos continuados no aboamento do salario pactado”, que é necesaria a concorrencia do requisito de “gravidade” no incumprimento empresarial, e que para os efectos de determinar tal “gravidade” debe valorarse exclusivamente se o atraso ou falta de pagamento é ou non grave ou transcendente en relación coa obriga de pagamento puntual do salario ex artigos 4.2.f) e 29.1 do ET, partindo dun criterio obxectivo (independente da culpabilidade da empresa), temporal (continuado e persistente no tempo) e cuantitativo (montante do debido)».

A particularización da gravidade ponse de manifesto noutras resolucións, como a do mesmo tribunal, con data do 13 de xullo de 1998 (rec. 3688/97), en que se entende, ao analizar se existe contradición entre dous supostos en que existían, respectivamente, atrasos por falta de pagamento de tres meses de salario e unha paga extra e outro de catro meses e unha extra, que: «É difícil que se poida producir a igualdade nos supostos de feito en materia de extinción de contratos de traballo por falta de pagamento de salarios, salvo casos excepcionais, polo que cómpre realizar unha coidada individualización de cada un dos casos, atendendo ás peculiares circunstancias subxectivas e obxectivas configuradoras deles. A falta de pagamento ou atrasos continuados no aboamento dos salarios pactados e a súa incardinación ou non no artigo 50.b) do Estatuto dos traballadores depende fundamentalmente das circunstancias, datos e elementos que en cada caso específico concorran».

É dicir que, con independencia das razóns subxectivas do traballador, que o levan a solicitar a resolución do contrato, o criterio obxectivo de exixir reiteración e persistencia na falta de pagamento ou atraso levou a entender que existe reiteración cando, con independencia de calquera outra circunstancia de incumprimento do empresario, o atraso alcanza catro mensualidades, é dicir, algo máis que tres meses e unha extra, sempre e cando non existise pacto entre partes debido a especiais circunstancias da empresa. A determinación da gravidade do caso concreto constituía a base da resolución do conflito, desde a perspectiva de se o atraso ou a falta de pagamento resulta transcendente desde a perspectiva da obriga de pagamento puntual do salario establecida nos artigos 4.2.f) e 29.1 do ET, o que, en palabras da sentenza do Tribunal Superior do 25 de xaneiro de 1999, debe facerse partindo dos criterios obxectivo, temporal e cuantitativo citados antes. E que a particularización da gravidade depende fundamentalmente «das circunstancias, datos e elementos que en cada caso específico concorran», tal e como estableceu a sentenza do Tribunal Superior do 13 de xullo de 1998 (rec. 3688/97) xa citada, pois iso é o elemento que serve para a concreción do suposto de feito.

Terceiro. Da proba acredítase a relación laboral e desta xorde a obriga de aboamento de salarios, que non se discutiu por incomparecencia da empresa, e o período que se expón de falta de pagamento é especialmente relevante, o que é motivo suficiente para estimar a resolución contractual. Por tanto, aboarase a cantidade correspondente en virtude dos artigos 50.2 e 56 do ET.

Cuarto. Certo é tamén que é posible a acumulación da reclamación salarial ex artigo 26.3 da LRXS e, de ser o caso, poderase ampliar a demanda para incluír as cantidades posteriormente debidas, polo que a empresa deberá ser condenada a aboar á demandante a cantidade de 10.228,56 € e sen que proceda maior cantidade ata a extinción, posto que non o fixou a parte demandante (artigo 86.4 da LRXS).

Resolución:

Que estimando en parte a demanda interposta por Cristina Blanco Gabín contra a empresa Cumbraos 2010, S.L., con citación do Fogasa, debo declarar e declaro extinguida a relación laboral na data da presente resolución, condenando a demandada a que lle aboe unha indemnización de 1.418,72 €, máis 10.228,56 € por falta de aboamento salarial.

Notifíquese esta resolución ás partes, ás que se lles fará saber que contra ela só cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar ante este xulgado no prazo de cinco días contado a partir da notificación desta sentenza e, no propio termo, se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá, ao anunciar o recurso, entregar xustificante acreditativo de ter consignado a cantidade obxecto de condena na conta de depósitos e consignacións que este xulgado ten aberta no Banco de Santander desta cidade.

E igualmente deberá, no momento de interpor o recurso, consignar a suma de 300 euros en concepto de depósito especial para recorrer.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Expídoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que no día de hoxe o maxistrado xuíz deposita na secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola Constitución e polas leis. Mesma data que a sentenza. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma a Cumbraos 2010, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 20 de xaneiro de 2015

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial