Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 251

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de novembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorrer en causa de disolución, especificando, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da mancomunidade co fin de que concorden co mandado da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e, en cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– O Pleno da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 9 de xuño de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP de Ourense núm. 134, do 13 de xuño de 2014, período en que non se presentaron alegacións.

– Con data do 27 de maio de 2014, emitiu informe a Deputación Provincial de Ourense.

– Con data do 29 de xullo de 2014, emitiu informe a Dirección Xeral de Administración Local.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará os seguintes artigos:

Artigo 7, que pasa a ser o artigo 5, sobre os fins da mancomunidade; artigo 10, que pasa a ser o artigo 8.1, sobre onde están situados os órganos da mancomunidade; artigo 18, que pasa a ser o artigo 16, sobre as funcións de secretario interventor que deberán ser exercidas por un funcionario con habilitación nacional.

Ademais, a modificación derroga os artigos 3, 4, 27 e a disposición adicional 1ª dos antigos estatutos, para adaptalos á nova regulación. Como consecuencia de todos estes cambios, altérase a numeración de todos os artigos dos estatutos.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Publicar a modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda, cuxo texto é o que se recolle no anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos Estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda

Preámbulo.

Os municipios exercerán competencias en determinadas materias e de forma necesaria; para a prestación dos servizos necesarios e especificados nos artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, preséntanse graves problemas desde os puntos de vista económico fundamentalmente, así como para a correcta organización destes.

Por todo iso e tendo como base os principios da eficacia, economía e modernidade, os municipios integrantes da comarca de Santa Águeda (Ourense), de acordo co dereito recoñecido nos artigos 141.3 da Constitución, 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 10.1 da Carta europea de autonomía local, constitúense en mancomunidade.

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1

A Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda está constituída polos municipios da Peroxa, Coles, Amoeiro e Vilamarín, con plena capacidade xurídica para o cumprimento dos fins que se sinalan nos presentes estatutos e despois de ser aprobada pola maioría dos citados municipios a iniciativa para a constitución da mancomunidade intermunicipal voluntaria.

Artigo 2

1. A Mancomunidade Santa Águeda serve con obxectividade os intereses públicos que lle están encomendados e actúa de acordo cos principios de eficacia, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

2. Os tribunais exercen o control de legalidade dos acordos e actos da Mancomunidade.

Artigo 3

1. A Mancomunidade ten plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins e pode adquirir, reivindicar, administrar, allear e gravar bens propios de toda clase; outorgar escrituras, documentos e contratos; establecer, conceder e explotar obras e servizos que afectan os fins da súa constitución; obrigarse, exercer accións civís, criminais, contencioso-administrativas, laborais e, en xeral, de todas as clases.

2. Para o cumprimento de tales fins e actuacións orientadas ao seu exercicio, adoptaranse as disposicións ou resolucións adecuadas polos órganos de Goberno, dentro das súas respectivas competencias.

Artigo 4

A Mancomunidade réxese polos seus propios estatutos, a Lei reguladora das bases de réxime local e, ademais:

a) En canto ao seu réxime organizativo e de funcionamento dos seus órganos:

Polas leis da Comunidade Autónoma sobre réxime local e polo regulamento orgánico propio.

b) En canto ao réxime substantivo das funcións e os servizos:

1) Pola lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma, segundo a distribución constitucional de competencias.

2) Polas ordenanzas propias.

c) En canto ao réxime estatutario dos seus funcionarios, se é o caso, procedemento administrativo, contratos, concesións e demais formas de prestación dos servizos públicos, expropiación e responsabilidade patrimonial:

1) Pola lexislación do Estado e, se é o caso, a da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 149.1.18 da Constitución.

2) Polas ordenanzas propias.

d) En canto ao réxime dos seus bens:

1) Pola lexislación básica do Estado que desenvolva o artigo 132 da Constitución.

2) Pola lexislación da Comunidade Autónoma.

3) Polas ordenanzas propias.

e) En canto á súa facenda:

1) Pola lexislación xeral tributaria do Estado e a reguladora das facendas das entidades locais, das cales será supletoria a Lei xeral orzamentaria.

2) Polas leis da Comunidade Autónoma no marco e de conformidade coa lexislación a que se refire o número anterior.

3) Polas ordenanzas fiscais que dite a Mancomunidade de acordo co previsto na Lei 7/1985, do 2 de abril, e nas leis mencionadas nos números 1) e 2).

4) Todo iso de acordo co previsto no artigo 5 da mencionada Lei 7/1985, do 2 de abril.

Título II
Fins

Artigo 5

1. O obxecto ou fin da Mancomunidade será a realización de obras e a prestación dos servizos públicos que se relacionan a seguir:

a) Urbanismo: xestión, execución e disciplina urbanística. Protección e xestión do patrimonio histórico. Promoción e xestión da vivenda de protección pública con criterios de sustentabilidade financeira. Conservación e rehabilitación da edificación.

b) Ambiente urbano: en particular, parques e xardíns públicos, xestión dos residuos sólidos urbanos e protección contra a contaminación acústica, lumínica e atmosférica nas zonas urbanas.

c) Abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais.

d) Infraestrutura viaria e outros equipamentos da súa titularidade.

e) Avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Policía local, protección civil, prevención e extinción de incendios.

g) Tráfico, estacionamento de vehículos e mobilidade. Transporte colectivo urbano.

h) Información e promoción da actividade turística de interese e ámbito local.

i) Feiras, abastos, mercados, lonxas e comercio ambulante.

j) Protección da salubridade pública.

k) Cemiterios e actividades funerarias.

l) Promoción do deporte e instalacións deportivas e de ocupación do tempo libre.

m) Promoción da cultura e equipamentos culturais.

n) Participar na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria e cooperar coas administracións educativas correspondentes na obtención dos soares necesarios para a construción de novos centros docentes. A conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, de educación primaria ou de educación especial.

ñ) Promoción no seu termo mancomunado da participación dos cidadáns no uso eficiente e sustentable das tecnoloxías da información e as comunicacións.

o) Recadación de tributos.

p) Iluminación pública.

2. A Deputación provincial coordinará a prestación dos servizos de:

a) Recolla e tratamento de residuos.

b) Abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais.

c) Limpeza viaria.

d) Acceso aos núcleos de poboación.

e) Pavimentación de vías urbanas.

f) Iluminación pública.

Artigo 6

Para o funcionamento dos servizos correspondentes a cada fin, será necesaria a confección dun regulamento de funcionamento destes, sendo imprescindible para a posta en funcionamento do servizo a adscrición dos 4 concellos.

Título III
Organización

Capítulo
Dos órganos de goberno

Artigo 7

Os órganos de goberno da Mancomunidade son:

1. Pleno.

2. Comisión de Goberno.

3. Presidente.

Artigo 8

1. Os órganos de goberno e administración da Mancomunidade radicarán en Vilamarín.

2. Cando así o acordasen expresamente os órganos de goberno, estes poderán reunirse na casa consistorial de calquera dos municipios que integran a Mancomunidade.

Artigo 9

A composición dos órganos de goberno será a seguinte:

1. O pleno estará composto polo alcalde e un membro máis de cada municipio mancomunado, elixido este último libremente pola corporación respectiva. En caso de renuncia do alcalde dun concello mancomunado a formar parte do pleno da Mancomunidade, elixirase libremente outro membro pola corporación correspondente.

2. A comisión de goberno estará formada polos alcaldes de cada municipio, sempre que formen parte do pleno da Mancomunidade. No caso contrario, este membro será designado pola corporación de entre os dous que a representen.

3. O presidente será nomeado por elección do pleno na mesma sesión da súa constitución, de acordo co seguinte procedemento:

a) Poden ser candidatos todos os membros que formen a comisión de goberno.

b) Se algún deles obtén a maioría absoluta dos votos, será proclamado electo.

c) Se ningún deles obtén a devandita maioría absoluta dos votos, será proclamado presidente o candidato que obtivese maior número de votos. En caso de empate, resolverase por sorteo.

Todo iso de acordo co previsto no artigo 196 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

4. O presidente, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituído por un vicepresidente 1º e, na súa falta, por un vicepresidente 2º ou 3º, nomeados libremente polo presidente de entre os membros da comisión de goberno.

Artigo 10

1. O mandato de cada membro dos órganos de goberno da Mancomunidade será polo tempo que dure o seu cargo de concelleiro na corporación que o nomeou.

2. Despois de cada proceso de eleccións municipais, a corporación que resulte destas, na primeira sesión que celebre, deberá nomear os seus representantes nos órganos de goberno da Mancomunidade.

3. As corporacións, en todo caso, poderán substituír os seus representantes nos órganos de goberno da Mancomunidade cando o consideren conveniente.

Capítulo II
Das atribucións dos órganos de goberno

Artigo 11

1. O pleno, integrado por dous membros de cada municipio mancomunado, é o órgano supremo da Mancomunidade, estará presidido polo presidente e, en todo caso, corresponderanlle as seguintes atribucións:

a) O control e a fiscalización dos órganos de goberno.

b) A aprobación de regulamentos e ordenanzas.

c) A aceptación da delegación de competencias feitas por outras administracións públicas, así como por outro órgano de goberno da Mancomunidade.

d) A formulación de conflitos de competencias con outras entidades locais e demais administracións públicas.

e) A determinación dos recursos propios de carácter tributario; a aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos nos asuntos da súa competencia e a aprobación de contas.

f) A adquisición de bens e dereitos da Mancomunidade e a transacción sobre estes, salvo que as competencias estean atribuídas expresamente pola lei a outros órganos.

g) A regulación do aproveitamento dos bens da Mancomunidade nos termos previstos na lexislación aplicable.

h) O alleamento do patrimonio.

i) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

j) A aprobación de plans de investimento.

k) A aprobación dos proxectos de obras cando a contratación da súa execución sexa da súa competencia, conforme a alínea seguinte.

l) A contratación de obras, servizos e subministracións cando non sexan da competencia do presidente ou este a delegase expresamente no pleno.

ll) O recoñecemento extraxudicial de créditos, sempre que non exista dotación orzamentaria, operacións de crédito ou concesión de quitación e espera.

m) A proposta aos municipios mancomunados de achega de cotas extraordinarias.

n) En caso de contar con persoal propio da Mancomunidade, a aprobación do equipo de persoal, a relación de postos de traballo, as bases das probas para a selección de persoal e para as concursos de provisión de postos de traballo, a fixación da contía das retribucións complementarias dos funcionarios e o número e réxime do persoal eventual; todo iso nos termos do título VII da Lei 7/1985, e a ratificación do despedimento do persoal laboral.

ñ) O exercicio das accións administrativas e xudiciais.

o) A defensa dos procedementos incoados contra a Mancomunidade.

p) A admisión e denegación de incorporación de novos municipios á Mancomunidade.

q) A proposta da disolución da Mancomunidade.

r) Aqueloutras que deben corresponder ao pleno por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

s) As demais que expresamente lle atribúan as leis, a lexislación do Estado ou da Comunidade Autónoma aos plenos dos municipios, sempre que entren dentro das competencias propias da Mancomunidade.

2. Pertence igualmente ao pleno a votación sobre a moción de censura ao presidente, que se rexe polo disposto no artigo 197 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como polo establecido no artigo 13.4 destes estatutos.

Artigo 12

1. A comisión de goberno, integrada conforme o establecido no artigo 9, estará presidida polo presidente e, en todo caso, corresponderanlle as seguintes atribucións:

a) A asistencia ao presidente no exercicio das súas atribucións.

b) As atribucións que o presidente ou outro órgano da Mancomunidade lle delegue ou lle atribúan as leis por analoxía coa comisión de goberno municipal.

Non son delegables as atribucións reservadas ao pleno nos números 1, letras a, b, c, d, e, i, j, m, n, p, q, r, e número 2 do artigo anterior.

2. Tres membros da comisión de goberno ocuparán o cargo de vicepresidente, un 1º; outro 2º e outro 3º, e substituíron ao presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade. Serán designados libremente e revogados polo presidente.

3. O presidente pode delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da comisión de goberno, sen prexuízo das delegacións especiais que, para labores específicos, poida realizar en favor de calquera membro do pleno, aínda que non pertencesen a aquela comisión.

Artigo 13

1. O presidente da Mancomunidade serao á vez do pleno e da comisión de goberno, e terá as seguintes atribucións:

a) Dirixir o goberno e a administración da Mancomunidade.

b) Representar a Mancomunidade.

c) Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións e dirixir as deliberacións.

d) Publicar, executar e facer cumprir os acordos do pleno e da comisión de goberno, adoptando as disposicións que iso requira.

e) Decidir os empates con voto de calidade.

f) Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras da Mancomunidade para lograr a súa prestación con suxeición ás decisións dos seus órganos de goberno.

g) Dispoñer gastos, dentro de límites da súa competencia, ordenar pagamentos e render contas.

h) O desenvolvemento e a xestión económica conforme o orzamento aprobado.

i) Contratar obras e servizos sempre que a súa contía non exceda o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, conforme o procedemento legalmente establecido.

j) Presidir as mesas de licitacións en obras e servizos que convoque a Mancomunidade.

k) Exercer accións xudiciais e administrativas en caso de urxencia.

l) A organización dos servizos administrativos da Mancomunidade.

ll) Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal da Mancomunidade, se chegar a contar con elementos persoais propios.

m) Todas as atribucións en materia de persoal, con respecto ao que sexa propio da Mancomunidade, que non competan ao pleno.

n) Sancionar as faltas de desobediencia á súa autoridade ou por infracción das ordenanzas da Mancomunidade, salvo nos casos en que tal facultade estea atribuída a outro órgano.

ñ) Nomear os vicepresidentes.

o) As demais que expresamente lle atribúan as leis e a lexislación do Estado ou da Comunidade Autónoma aos alcaldes-presidentes dos municipios, sempre que entren dentro das competencias propias da Mancomunidade.

2. O presidente da Mancomunidade pode delegar o exercicio das súas atribucións, salvo as de convocar e presidir as sesións do pleno e da comisión de goberno, e as enumeradas nas alíneas a, ll, e k, deste artigo.

3. O presidente poderá renunciar ao seu cargo no momento da súa elección ou en momento posterior, e debe dar conta inmediatamente ao pleno, que procederá á elección de novo presidente conforme o establecido no artigo 9.3 destes estatutos.

4. O presidente pode ser destituído do seu cargo mediante moción de censura adoptada pola maioría absoluta do número legal de compoñentes do pleno.

A moción debe ser subscrita polo menos pola terceira parte dos membros do pleno e incluír o nome do candidato proposto para presidente, quen quedará proclamado como tal en caso de prosperar a moción. Ningún membro do pleno poderá subscribir durante o seu mandato máis dunha moción de censura.

Para os efectos previstos neste número, todos os membros do pleno que sexan pola súa vez membros da comisión de goberno, poden ser candidatos a presidente.

Capítulo III
Do réxime de sesións

Artigo 14

1. Os órganos colexiados da Mancomunidade funcionan en réxime de sesións ordinarias de periodicidade preestablecida e extraordinarias, que poden ser, ademais, urxentes.

Artigo 15

O réxime de sesións, así como a convocatoria de extraordinarias e urxentes, e a adopción de acordos, axustaranse ao que dispón a Lei 7/1985, do 2 de abril, o Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e demais leis que poidan ditar o Estado ou a Comunidade Autónoma en materia de réxime local.

Título IV
Persoal da mancomunidade

Capítulo I

Artigo 16

1. En canto ao persoal da Mancomunidade estaríase ao previsto na Lei reguladora das bases de réxime local, Lei 7/1985, do 2 de abril, ao texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e demais lexislación complementaria e concordante na devandita materia.

2. As funcións de Secretaría, Intervención e Tesouraría serán desempeñadas por funcionarios con habilitación de carácter nacional, mediante a creación do posto ou postos correspondentes á súa clasificación, de conformidade coa lexislación aplicable a estes funcionarios. A Mancomunidade, se é o caso, poderá solicitar a exención do deber de mantemento destes postos nos casos previstos na lexislación vixente. No suposto de que se autorice a referida exención, as funcións reservadas desenvolveranse do modo que estableza o acordo de exención, consonte a normativa vixente.

3. As funcións sinaladas no número anterior serán retribuídas ou gratificadas economicamente pola Mancomunidade. Para tal fin, enténdese outorgada a compatibilidade que neste eido corresponde aos plenos dos concellos mancomunados.

Título V
Recursos económicos

Capítulo I

Artigo 17

Para a realización dos seus fins, a Mancomunidade poderá contar cos seguintes recursos:

a) Pola achega inicial que fixará o pleno e que deberá desembolsar cada municipio mancomunado ao inicio da agrupación, a partes iguais entre os 4 concellos.

b) Os gastos de oficina, de representación e persoal de servizos xerais, serán financiados a partes iguais entre os concellos da Mancomunidade.

c) Pola achega de cada municipio mancomunado ao sostemento dos servizos, como resultado dos respectivos estudos de financiamento.

Para os efectos do establecido nos parágrafos anteriores, as achegas dos municipios serán consideradas pagamentos forzosos e preferentes e serán aboadas polos concellos no momento en que o solicite a Mancomunidade, na forma que proceda, e autorízase o pleno para que solicite da Delegación de Facenda e da Xunta de Galicia que se reteñan as cantidades liquidadas por calquera concepto que se perciban a través dos expresados organismos polos concellos que incumpran o seu deber de achega, e se ingresen as devanditas cantidades na Mancomunidade, para saldar, se é o caso, as achegas municipais non satisfeitas.

d) As cotas extraordinarias para facer fronte a gastos dos servizos mancomunados para os cales non sexan suficientes as achegas ordinarias dos municipios serán fixadas polo pleno da Mancomunidade.

e) Os ingresos de dereito privado, e terán tal consideración:

– Os froitos, rendas e xuros dos bens e dereitos de calquera clase que teñan a condición de propios, de acordo coa lexislación vixente e, así mesmo, os ingresos procedentes do alleamento e gravames dos devanditos bens e dereitos.

– As doazóns, herdanzas, legados e auxilios de toda clase procedentes de particulares, aceptados pola Mancomunidade.

f) Taxas pola prestación de servizos ou a realización de actividades da súa competencia.

g) Contribucións especiais para a execución de obras ou para o establecemento, ampliación ou mellora de servizos da competencia das devanditas entidades.

h) Participacións nos impostos do Estado e da Comunidade Autónoma que se establezan no seu favor.

i) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

j) Os procedentes de operacións de crédito.

k) Multas.

Artigo 18

1. Será de aplicación á Mancomunidade o previsto para os ingresos dos municipios respecto aos que se refire o artigo anterior.

2. Igualmente, aplicarase o disposto nos artigos 150 a 154 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de facendas locais.

Artigo 19

O pleno da Mancomunidade aprobará anualmente un orzamento ordinario cos investimentos que se precisen, conforme as disposicións de réxime local.

Artigo 20

1. Para que un concello mancomunado poida darse de baixa na Mancomunidade deberá estar, necesariamente, ao día no pagamento das súas achegas, tanto ordinarias como extraordinarias, así como das necesarias para o sostemento dos servizos e investimentos, e pode aplicárselle o establecido no último parágrafo da alínea c) do artigo 17 destes estatutos, en caso de negarse a cumprir o previsto no presente.

2. Ningún concello que se dea de baixa antes da disolución da Mancomunidade poderá reclamar a parte que lle tivese correspondido na repartición de bens na data da baixa, ata o momento da disolución.

Artigo 21

Os actos que diten os órganos de goberno da Mancomunidade dentro das súas respectivas competencias serán definitivos en vía administrativa e inmediatamente executivos, salvo que por imperativo legal requiran a aprobación doutros órganos.

Artigo 22

Os concellos mancomunados están obrigados a cumprir os acordos que a Mancomunidade adopte, sempre que o sexan na esfera da súa competencia e dentro das formalidades legais.

Artigo 23

A Mancomunidade, con referencia aos seus fins, poderá publicar bandos e ditar regulamentos e ordenanzas de réxime interior e de carácter fiscal, axustándose a estes estatutos e ás disposicións legais que rexan no ámbito da administración local, que serán de aplicación supletoria.

Título VII
Vixencia da mancomunidade

Capítulo I
Prazo de vixencia

Artigo 24

A Mancomunidade intermunicipal voluntaria de Santa Águeda constitúese por tempo indefinido en razón ao carácter permanente dos servizos que vai prestar e que motivan a súa constitución.

Capítulo II
Causas de disolución

Artigo 25

Son causas de disolución da Mancomunidade:

a) A imposibilidade de afrontar a implantación e mantemento de ningún dos servizos mancomunados declarada polo pleno e ratificada polos plenos das corporacións dos concellos respectivos.

b) A insuficiencia de recursos para levar a cabo as finalidades da súa constitución, expostas no artigo 5 destes estatutos.

c) A separación desta de dous terzos estritos do número de municipios que a integran.

Artigo 26

1. A disolución da Mancomunidade requirirá acordo favorable do pleno e ratificación polos respectivos concellos que a integran. Os acordos serán adoptados co voto favorable da maioría absoluta legal dos membros dos respectivos órganos.

2. A disolución da Mancomunidade, en todo caso, non poderá prexudicar os dereitos das persoas que con ela teñan contratos vixentes, e é imperativo, en tal suposto, distribuír as cargas entre todos os municipios que a integran na mesma proporción ás achegas que nos estudos económicos fosen fixadas.

3. O acordo de disolución sinalará a forma en que ha procederse á liquidación.

Artigo 27

No suposto de disolución constituirase unha comisión liquidadora, composta por, polo menos, un membro de cada municipio mancomunado, elixido libremente por cada corporación respectiva de entre os dous que a representan no pleno, non obstante, poden constituírse como comisión liquidadora a comisión de goberno da Mancomunidade, se así o consenten os concellos membros.

Artigo 28

1. Os bens da Mancomunidade que quedasen tras a súa liquidación reverterán aos concellos na mesma proporción que as súas respectivas achegas, tendo en conta, en todo caso, o previsto no artigo 26.2 destes estatutos.

2. Os municipios en que estiveren os servizos respectivos terán dereito preferente a optar á propiedade dos bens, instalacións, maquinaria e materiais de toda clase afectos aos bens inmobles dos servizos mancomunados, coa obriga de reintegrar aos restantes concellos agrupados a parte proporcional do valor dos terreos adquiridos no seu día, así como aboar, con igual criterio de proporcionalidade, o valor da maquinaria e instalacións, coa depreciación aplicable polo período de vida en que se encontren.

Disposición adicional única

A Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda poderá contar con insignia e escudo propio, se así o acorda o pleno desta, conforme o establecido no artigo 22.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Disposición transitoria única

Os presentes estatutos poderán ser desenvolvidos por un regulamento orgánico da Mancomunidade, cuxa aprobación se axustará ao procedemento establecido no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Disposición derradeira primeira

Os medios materiais e persoais que pasen á Mancomunidade, en caso de disolución volverán á mesma situación persoal existente ata entón.

Disposición derradeira segunda

No non previsto nestes estatutos, a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria rexerase polas disposicións legais en materia de réxime local, ditadas pola Administración do Estado, así como polas que no seu día dite a Comunidade Autónoma de Galicia.