Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 244

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de novembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorreren en causa de disolución, e especifica, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da Mancomunidade co fin de que concorden co mandado da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade, observouse a seguinte tramitación:

– A Asemblea ordinaria da Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 18 de marzo de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP núm. 57, da Coruña, do 25 de marzo de 2014, período no cal non se presentaron alegacións.

– Con data do 7 de abril de 2014 emitiu informe a Dirección Xeral de Administración Local.

– Con data do 19 de marzo de 2014, a Mancomunidade solicitou informe á Deputación Provincial da Coruña. A dita solicitude tivo entrada no rexistro da Deputación con esa mesma data. A Deputación non emitiu o preceptivo informe no prazo establecido no artigo 143.1.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, polo que este se considera favorable.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da Mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará os seguintes artigos: 2, 3, 4, 5, 6, 7, 10, 11 e 12.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Publicar a modificación dos artigos 2, 3, 4, 5, 6, 7, 10, 11 e 12 dos estatutos da Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios
Ría de Arousa Zona Norte

Artigo 2. Da denominación e capitalidade e ámbito territorial

1. A expresada entidade, denominada Mancomunidade de Municipios de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, en extracto Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte terá a súa sede administrativa no Concello de Boiro, praza de Galicia, s/n.

2. A Mancomunidade disporá de capacidade xurídica plena para o cumprimento dos seus fins e, en consecuencia, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear bens propios, realizar contratos, establecer e explotar servizos públicos e exercer accións de toda clase previstas nas leis.

3. O ámbito territorial da Mancomunidade abranguerá o termo municipal dos concellos integrantes.

Artigo 3. Órganos de goberno

1. O goberno e administración da Mancomunidade corresponde á Comisión Xestora integrada por un presidente, un vicepresidente, os vogais que se sinalan no punto seguinte e un secretario pertencente a escala de funcionarios con habilitación de carácter nacional, de conformidade co establecido no número 2 do artigo 5. A Comisión Xestora asumirá as competencias que o ordenamento xurídico atribúe ao Pleno.

2. Presidente: será presidente nato o alcalde do municipio de cada Concello por prazo dun ano natural, contado a partir da Comisión Xestora de cambio de órganos directivos, sen prexuízo de que o primeiro presidente o será polo período comprendido a partir da aprobación destes estatutos e o ano seguinte, iniciándose a quenda polo da Pobra do Caramiñal, continuando polo de Boiro, correspondendo cada terceiro ano o de Ribeira e o cuarto o de Rianxo. O presidente asumirá as competencias que o ordenamento xurídico atribúe ao alcalde. Corresponderá ao presidente da Mancomunidade o exercicio de cantas competencias non estean atribuídas á Comisión Xestora, sen prexuízo de que aquel decida sometelas á consideración e resolución da citada comisión.

Vicepresidente: será vicepresidente o alcalde a que corresponda a presidencia o ano seguinte.

Vogais: son vogais natos os alcaldes dos municipios, sen prexuízo da delegación que estes poidan efectuar en concelleiros das súas respectivas corporacións ao amparo do disposto na normativa vixente.

3. Os actos e acordos da Comisión Xestora axustaranse aos preceptos legais que rexen o funcionamento e o réxime xurídico das corporacións locais.

4. A representación da Mancomunidade corresponderá ao presidente e, na súa falta, será substituído polo vicepresidente.

5. A Comisión Especial de Contas será de existencia preceptiva segundo o marcado polo artigo 116 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e correspóndelle o exame, estudo e ditame das contas orzamentarias e extraorzamentarias que deba aprobar a Comisión Xestora e, en especial, da conta xeral que debe render a Mancomunidade. Asemade, a Comisión Xestora poderá crear as comisións informativas que se requiran en función do número de servizos que a Mancomunidade preste.

Artigo 4. Da periodicidade das sesións e réxime de adopción de acordos

1. A Comisión Xestora realizará sesión ordinaria unha vez cada dous meses e as extraordinarias que pola súa iniciativa convoque o presidente ou soliciten por escrito razoado, como mínimo, tres vogais. En consonancia co apuntado no artigo anterior no suposto de non existir algún dos alcaldes dos concellos, estes poderán designar substitutos a favor do membro da corporación respectiva que coiden pertinente.

2. As sesións realizaranse na Casa do Concello de Boiro, salvo que por algunha circunstancia o presidente ou a maioría dos vogais acorden realizar algunha delas na consistorial doutro ou outros municipios mancomunados.

3. O presidente convocará os membros da Mancomunidade ao menos coa antelación de dous días hábiles antes, polo menos, da fixada para a sesión, e remitiranse a orde do día comprensiva dos asuntos que hai que tratar e os borradores das actas das sesións anteriores que deban ser aprobadas.

A partir da convocatoria, os vogais terán á súa disposición o expediente e cantos antecedentes se relacionen cos asuntos que figuren nela, co obxecto de que poidan coñecelos antes de deliberar.

Quedará acordado o que vote a maioría, xa se realice a sesión en primeira ou segunda convocatoria, excepto nos supostos enumerados no número 4 deste mesmo artigo ou naqueloutros en que a lei exixa quórum especial.

4. Será preciso o voto favorable da maioría absoluta do número legal dos membros da Mancomunidade para a validez dos acordos que se adopten sobre as materias seguintes:

a) Alteración do nome ou da capitalidade da Mancomunidade.

b) Disolución da Mancomunidade.

c) A modificación dos estatutos e ordenanzas da Mancomunidade.

d) A adhesión á Mancomunidade doutros concellos a quen interese ou se encontren comprendidos nas condicións previstas nos estatutos da Mancomunidade.

e) O alleamento de bens cando a súa contía exceda o 20 % do orzamento ordinario de ingresos da Mancomunidade.

f) Ordenanzas e regulamentos de réxime interior e explotación de servizos.

g) Concesións e arrendamentos de bens e servizos por máis de cinco anos e sempre que a súa contía exceda o 20 % do orzamento ordinario de ingresos.

h) Emisión de empréstitos, contratación de préstamos e concesións de quitacións e esperas.

Artigo 5. Do secretario da Mancomunidade

De conformidade co disposto na normativa reguladora do réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, a Mancomunidade contará cun secretario-interventor.

As funcións de secretario-interventor da Mancomunidade serán exercidas por un habilitado/a nacional, de acordo coa normativa que regula os ditos corpos e as competencias delegadas na Xunta de Galicia en relación con eles.

Artigo 6. Do interventor e tesoureiro da Mancomunidade

As funcións de tesoureiro/a serán exercidas por un membro designado pola Comisión Xestora, e por maioría absoluta, entre os membros que representan as entidades locais mancomundadas.

CAPíTULO II
Fins da Mancomunidade

Artigo 7. Obxecto e competencia da Mancomunidade

A Mancomunidade ten por obxectivo xuntar esforzos e posibilidades económicas dos municipios agrupados para a execución de obras e instalacións e sostemento dos servizos de interese común e, en especial, o seguinte:

a) Turismo: fomento e explotación do turismo.

b) Servizos de extinción de incendios.

Artigo 10. Dos recursos económicos da Mancomunidade

Constitúen recursos económicos da Mancomunidade:

a) O capital fundacional que acheguen os concellos conforme o número 2 deste artigo.

b) As achegas anuais dos concellos para os gastos ordinarios da Mancomunidade.

c) As subvencións e donativos que se obteñan do Estado, da Deputación Provincial e doutras corporacións e organismos de carácter público ou privado.

d) As cantidades que en calidade de empréstitos oficiais poidan obterse en análogos casos en que se concedan aos concellos e Mancomunidade.

e) Os rendementos da explotación de servizos.

f) Calquera outro recurso eventual ou extraordinario que acheguen.

g) Aquelas outras exaccións que se autoricen.

2. O capital fundacional a que alude a alínea a) deste artigo fíxase inicialmente en 9.015,19 euros (1.500.000 ptas.) e constitúese cunha achega extraordinaria dos concellos asociados en proporción á súa poboación de dereito.

Artigo 11. Da elaboración do orzamento

1. A Comisión Xestora formará anualmente un orzamento ordinario para o sostemento dos gastos dos seus servizos. O estado de ingresos deste orzamento nutrirase dos recursos enunciados nas letras a), b), c) e e) do artigo 10, sendo as achegas necesarias dos concellos en partes iguais.

2. A Comisión Xestora formará tamén orzamentos extraordinarios para custear a execución das obras e servizos de primeiro establecemento e, cando os recursos de que dispoña non sexan suficientes completaranse as consignacións con achegas dos concellos en proporción directa ao interese ou utilidade pública da poboación de cada concello; para tal efecto a Comisión Xestora estimará a cantidade que signifique e someteraa a coñecemento dos concellos interesados para que no prazo dun mes se pronuncien expresamente en canto a si aceptan o non a cantidade asignada. O silencio interpretarase con asentimento tácito da estimación feita.

3. Nos casos en que non se poida determinar concretamente a especial utilidade ou interese da obra o servizo de que se trate, a Comisión Xestora fixará as cotas de participación e comunicaraas razoadamente aos concellos para iguais efectos que no caso anterior.

Artigo 12. Da ordenación de pagamentos

1. O presidente da Mancomunidade exercerá as funcións de ordenador de pagamentos e as demais que en materia económica correspondan ao alcalde segundo a normativa de réxime local.

2. A contabilidade corre por conta do interventor da Mancomunidade, que a suxeitará á normativa das corporacións locais.

3. Á terminación do exercicio orzamentario, a Mancomunidade formará a conta xeral, que poñerá de manifesto a xestión realizada nos aspectos económicos, financeiros, patrimonial e orzamentario.