Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 241

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de novembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorreren en causa de disolución, e especifica, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da Mancomunidade co fin de que concorden co mandado da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

A Asemblea Xeral, en sesión extraordinaria da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras, aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 12 de maio de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP núm. 109, de Ourense, do 14 de maio de 2014, período no cal non se presentaron alegacións.

– Con data do 21 de abril de 2014 e 15 de maio de 2014, emitiron os respectivos informes a Dirección Xeral de Administración Local e a Deputación Provincial de Ourense.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará o artigo 7.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Publicar a modificación do artigo 7 dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal
Voluntaria Conso-Frieiras

Artigo 7

A Mancomunidade terá como obxecto e finalidade o establecemento e desenvolvemento das competencias municipais nas seguintes materias:

1. Recadación.

2. Prevención e extinción de incendios.

3. Xestión dos residuos sólidos urbanos.

4. Infraestruturas viarias e outros equipamentos da súa titularidade.

5. Abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais.

6. Participar na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria.

7. Avaliación e información de situacións de necesidade social e atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.

8. Protección civil.

9. Información e promoción da actividade turística de interese de ámbito local e ocupación do tempo libre.

10. Promoción da participación dos cidadáns no uso eficiente e sustentable das tecnoloxías da información e das comunicacións.

11. Transporte colectivo urbano.

12. Ambiente urbano.

13. Protección da salubridade pública.

14. Promoción da cultura e equipamentos culturais.

15. Asistencia técnica e xestión urbanística.