Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 239

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de novembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorreren en causa de disolución, e especifica, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán de revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da Mancomunidade co fin de que concorden co mandado da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiulle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– A Asemblea Xeral, en sesión extraordinaria, da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 26 de marzo de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 70, do 11 de abril de 2014, período en que non se presentaron alegacións.

– Con data do 21 de abril de 2014 emitiu informe a Dirección Xeral de Administración Local.

– Con data do 1 de abril de 2014, a Mancomunidade solicitou informe á Deputación Provincial de A Coruña. A dita solicitude tivo entrada no rexistro da Deputación con data do 14 de abril de 2014. A Deputación non emitiu o informe preceptivo no prazo establecido no artigo 143.1.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, polo que este se considera favorable.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da Mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará o artigo 2.

Segundo o antedito, e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a modificación do artigo 2 dos estatutos da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente y conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación dos estatutos da Mancomunidade
de Concellos da Serra do Barbanza

Artigo 2. Fin da Mancomunidade

Establécese como fin da Mancomunidade a prestación dos servizos públicos de recollida e tratamento de residuos. A Mancomunidade poderá, no futuro, asumir outras finalidades, debendo modificar para iso os presentes estatutos conforme ao procedemento previsto no artigo 19.