Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 230

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de novembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorreren en causa de disolución, e especifica, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no art. 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán de revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da Mancomunidade, co fin de que concorden co mandado da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– A Asemblea extraordinaria da Mancomunidade de municipios da comarca de Verín aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 29 de abril de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP nº 99 de Ourense, do 2 de maio de 2014, período en que non se presentaron alegacións.

– Con data do 21 de abril de 2014 e 19 de maio de 2014, emitíronse informes da Deputación Provincial e da Dirección Xeral de Administración Local, respectivamente.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará os seguintes artigos: 1, 4, 5, 7, 8, 10, 12, 13, 14, 15, 17, 18, 19, 22, 24, 25, 30 e 31.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo único. Publicar a modificación da nova redacción dos artigos 1, 4, 5, 7, 8, 10,12, 13, 14, 15, 17, 18, 19, 22, 24, 25, 30, 31 dos estatutos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

ANEXO
Modificación dos Estatutos da Mancomunidade de
Municipios da Comarca de Verín

Artigo 1. Con base no disposto nos artigos 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, 35 e 36 do Real decreto 781/1986, do 18 de abril, e 135 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os municipios da comarca de Verín deciden asociarse voluntariamente para unha máis eficaz xestión dos aspectos organizativos e económicos, en orde á execución de obras e a prestación de servizos determinados, de competencia municipal; e para tal fin crean unha entidade local en forma de mancomunidade voluntaria, que se denomina Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.

Artigo 4. A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín comprende inicialmente os municipios de Cualedro, Monterrei, Oímbra, Castrelo do Val, Vilardevós, Laza e Verín. A incorporación ou separación doutros municipios rexerase polas normas do capítulo VIII.

Artigo 5. O goberno e administración da Mancomunidade serán exercidos polos seguintes órganos:

1) Asemblea Comarcal.

2) Xunta de Goberno Local.

3) O Presidente.

4) Vicepresidente 1º.

Artigo 7. A Xunta de Goberno Local estará formada polo presidente e os alcaldes dos demais concellos, sempre que formen parte da Asemblea Comarcal da Mancomunidade. En caso contrario, este membro será designado pola corporación de entre os dous que a representen.

Para a designación, substitución ou cesamento, dos vogais operarase da forma establecida no artigo 6. En todo caso, cada concello terá un representante na Comisión de Goberno.

Artigo 8. O presidente será nomeado por elección da Asemblea Comarcal na mesma sesión da súa constitución, de acordo co seguinte procedemento.

a) Poden ser candidatos todos os alcaldes dos municipios mancomunados ou os concelleiros que os substitúan nos casos do artigo 6.2.

b) Se algún deles obtén a maioría absoluta legal dos votos da Asemblea Comarcal, será proclamado electo.

c) Se ningún deles obtén a dita maioría absoluta dos votos, repetirase a votación e será proclamado presidente o candidato que obteña obtido maior número de votos. En caso de empate, resolverase por sorteo.

O presidente, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade será substituído por un vicepresidente 1º e, na súa falta, por un vicepresidente 2º, 3º e 4º, nomeados por proposta do presidente pola Asemblea Comarcal, de entre os membros da Xunta de Goberno Local.

O presidente pode ser destituído do seu cargo mediante moción de censura adoptada pola maioría absoluta do número legal de compoñentes da Asemblea Comarcal.

A moción debe ser subscrita, polo menos, pola terceira parte dos membros da Asemblea Comarcal e incluír o nome do candidato proposto para presidente, quen quedará proclamado como tal no caso de prosperar a moción.

Ningún membro da Asemblea Comarcal pode subscribir durante o seu mandato máis dunha moción de censura.

Para os efectos previstos neste punto, todos os membros da Asemblea Comarcal que sexan pola súa vez membros da Xunta de Goberno Local, poden ser candidatos a presidente.

Artigo 10. As funcións de secretario-interventor e tesoureiro, sen prexuízo de posibles acumulacións ou prestacións destes servizos por persoal da Deputación Provincial, serán desempeñadas:

a) Secretario-interventor, por un funcionario de habilitación nacional, con destino nalgún dos concellos mancomunados, designado pola Xunta de Goberno Local

b) Tesoreiro, por un depositario designado na mesma forma anterior, podendo tamén desempeñar o cargo calquera membro corporativo da Mancomunidade ou funcionario municipal.

c) As funcións administrativas e subalternas serán exercidas polo persoal de Concellos da Mancomunidade ou na forma prevista no artigo 12, ou mediante contratación temporal de persoal para o efecto, pola Xunta de Goberno Local con suxeición á lexislación laboral.

Artigo 12. De chegarse á creación dun cadro de persoal da Mancomunidade ou cadro laboral de postos de traballo, os nomeamentos, deberes e dereitos en xeral regularanse pola lexislación aplicable aos funcionarios da Administración local.

Artigo 13. A sede ou domicilio social da Mancomunidade radicará na vila de Verín, sen prexuízo de que por razóns de economía e eficacia os distintos servizos poidan situarse nos diferentes termos municipais que a compoñen.

A Asemblea Comarcal, co voto favorable da maioría absoluta do número legal dos seus membros, poderá modificar a sede da Mancomunidade.

Poderán ter lugar sesións da Xunta de Goberno Local e da Asemblea da Mancomunidade en calquera das casas consistoriais dos concellos que a integran.

O ámbito territorial onde a Mancomunidade desenvolverá os seus fins será o dos termos municipais dos concellos mancomunados.

Artigo 14. A Mancomunidade rexerase, en canto á súa organización e funcionamento, polas disposicións que regulen en cada momento estas materias na Administración local.

Os actos que diten os órganos de goberno, dentro das súas respectivas competencias, serán definitivos en vía administrativa e inmediatamente executivos, salvo que por precepto legal expreso requiran aprobación superior.

Os municipios mancomunados están obrigados a cumprir os acordos que a Mancomunidade adopte, sempre que o sexan na esfera da súa competencia e dentro das formalidades legais.

Os órganos competentes da Mancomunidade, con referencia aos seus fins, poderán publicar bandos, ditar regulamentos e ordenanzas de réxime interior e de carácter fiscal, axustándose a estes estatutos e ás disposicións legais que rexan no ámbito da Administración local, que será de aplicación supletoria.Tamén poderán aprobar un regulamento orgánico.

Artigo 15. A Asemblea Comarcal realizará sesión ordinaria unha vez ao trimestre, e a Xunta de Goberno Local unha vez ao mes, nos días que sinale previamente a Asemblea Comarcal.

Ambos os dous órganos poderán realizar sesións extraordinarias de acordo e conforme co regulado polas normas legais de réxime local sobre este particular, cando o soliciten os membros corporativos, observando as normas do artigo 46.2.a) da Lei 7/1985.

Artigo 17 A Xunta de Goberno Local, como órgano de goberno da Mancomunidade, terá as seguintes competencias:

a) Ditar normas e executalas, para a posta en marcha dos servizos.

b) A organización dos servizos de recadación e depositaría.

c) O desenvolvemento da xestión económica, conforme o orzamento aprobado.

d) A contratación e concesión de obras, servizos e subministracións cuxa duración non exceda un ano e que non exixan créditos superiores aos consignados no orzamento anual do exercicio, sempre que o importe do gasto exceda as competencias do presidente, xa que para cantidades inferiores é competente o presidente.

e) A designación de funcionarios, mentres non sexa creado o cadro de persoal da Mancomunidade na forma que establece o artigo 12 destes estatutos.

f) Todas aquelas que lle sexan delegadas por la Asemblea Comarcal.

Artigo 18. O presidente da Mancomunidade serao, pola súa vez, da Asemblea Comarcal e da Xunta de Goberno Local, e terá as seguintes atribucións:

a) Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións e dirixir as deliberacións.

b) Publicar, executar e facer cumprir os acordos da Asemblea Comarcal e da Xunta de Goberno Local, e adaptar as disposicións que isto requira.

c) Dirixir e inspeccionar os servizos e obras da Mancomunidade para lograr a súa prestación con suxeición ás decisións dos órganos de goberno.

d) Exercer a representación da Mancomunidade en toda clase de negocios xurídicos, podendo conferir mandatos para o exercicio da dita representación.

e) Presidir as mesas de licitacións de obras e servizos que convoque a Mancomunidade.

f) Ordenar os pagamentos dos gastos que fosen autorizados polos órganos de goberno e render contas da xestión dos orzamentos da administración do patrimonio da Mancomunidade.

g) Todas as demais facultades que ao alcalde atribúan as normas legais, e que non estean conferidas por estes estatutos a outros órganos de goberno.

Artigo 19. A Mancomunidade terá como obxecto e finalidade o establecemento e desenvolvemento das competencias municipais nas seguintes materias:

1. Recadación.

2. Prevención e extinción de incendios.

3. Xestión dos residuos sólidos urbanos.

4. Infraestruturas viarias e outros equipamentos da súa titularidade.

5. Abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais.

6. Participar na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria.

7. Avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.

8. Protección civil.

9. Información e promoción da actividade turística de interese e ámbito local e ocupación do tempo libre.

10. Promoción da participación dos cidadáns no uso eficiente e sustentable das tecnoloxías da información e as comunicacións.

11. Transporte colectivo urbano.

12. Ambiente urbano.

13. Protección da salubridade pública.

14. Promoción da cultura e equipamentos culturais.

Artigo 22. Os gastos de mantemento de oficinas, necesarios para o funcionamento da Mancomunidade, así como os gastos xerais de persoal, serán financiados coas achegas dos concellos da Mancomunidade, que se determinarán proporcionalmente tendo en conta a poboación beneficiada e o importe do último orzamento ordinario de ingresos de cada un dos concellos mancomunados. Para coñecer o coeficiente de achega, aplicarase a seguinte fórmula:

Khi + Kpi

Coeficiente do Mi =-----------------------

2

Mi = municipio i

Khi = índice de proporcionalidade en función dos habitantes do municipio i.

Kpi = índice de proporcionalidade en función dos orzamentos ordinarios de ingresos do municipio i.

Número de habitantes do municipio i.

Khi = ---------------------------------------------------------------------------------

Suma total dos habitantes dos municipios mancomunados

Suma dos orzamentos ordinarios de ingresos
do municipio i dos tres últimos anos

Kpi = --------------------------------------------------------------------------------------

Suma dos orzamentos ordinarios de ingresos de todos os
concellos mancomunados dos tres últimos anos

Cantidade que achegará o Concello i:

Cantidade = orzamento de gastos xerais Mancomunidade × coeficiente Mi.

Para iniciar o funcionamento económico financeiro da Mancomunidade, solicitarase axuda da Deputación Provincial, tanto económica como funcional, tendo en conta que é a entidade obrigada a fomentar o asociacionismo municipal e a prestar colaboración económica e técnica aos concellos.

As achegas municipais para as distintas obras e servizos fixaranse nas respectivas ordenanzas e proxectos.

Artigo 24. A Mancomunidade constitúese por tempo indefinido en razón do carácter permanente dos servizos que vai prestar e que motivan a súa constitución. Terá vixencia desde a publicación no diario oficial correspondente do anuncio relativo á súa aprobación definitiva.

Non obstante, poderá promoverse e acordarse a disolución con respecto a todos ou cada un dos servizos que se van prestar, mediante o procedemento e cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos seguintes.

Artigo 25

1. Para a modificación dos estatutos observarase o previsto polo artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia:

a) A iniciativa para a modificación corresponde á Asemblea Comarcal de oficio ou por instancia dos concellos mancomunados.

b) Adoptado o acordo, someterase a información pública polo prazo dun mes e, á vez, remitiranse á Deputación e a consellería competente da Xunta de Galicia para a emisión de informe tamén no prazo dun mes.

c) Rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informes a que se refire a alínea anterior ou transcorrido o prazo dun mes sen que fosen emitidos, someterase o acordo de modificación de estatutos aos plenos dos concellos mancomunados. A adopción do devandito acordo, que resolverá tamén as alegacións, no caso de que estas sexan presentadas, requirirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das corporacións.

d) Aprobados os acordos de modificación dos estatutos da Mancomunidade ou de disolución desta pola maioría dos concellos mancomunados, o presidente da Mancomunidade remitirá copia certificada deles á consellería competente en materia de réxime local, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia, e comunicaraos á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica de réxime local.

2. Toda incorporación ou separación de membros da Mancomunidade leva unida a modificación estatutaria.

Artigo 30. A disolución da Mancomunidade axustarase ao procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 31. Para o cumprimento das obrigas derivadas dos presentes estatutos, os concellos mancomunados autorizan expresamente a Mancomunidade para que a Xunta de Goberno Local poida solicitar e obter da Xunta de Galicia e da Delegación de Facenda a retención das cantidades liquidadas a favor dos respectivos concellos procedentes de recursos de calquera clase que se xestionen a través dos ditos organismos, e a aplicación das ditas cantidades aos compromisos contraídos. Para tal fin autorizan expresamente a Delegación de Facenda e a Xunta de Galicia para que practiquen as retencións que se acorden e remitan os importes á Mancomunidade. Para este trámite será requisito previo a reclamación fidedigna ante os concellos afectados e o transcurso dun mes como mínimo sen ter cumprido os compromisos.