Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 268

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de novembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro.

A disposición transitoria undécima da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorrer en causa de disolución, especificando, a continuación, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o «obxecto e competencia» regulados nos estatutos da mancomunidade co fin de que concorden co mandato da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia en cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da mancomunidade remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– O Pleno da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 28 de maio de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP de Ourense número 124, do 2 de xuño de 2014, período no que non se presentaron alegacións.

– Con data do 2 de xuño de 2014, a Deputación Provincial de Ourense emitiu informe favorable.

– Con data do 16 de xuño de 2014, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á dirección xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación de dita modificación.

O contido da modificación afecta a todo o texto en canto que o actualiza á normativa sinalada. Tamén actualiza os concellos que constitúen a dita mancomunidade da que xa non forman parte os concellos de Avión, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Melón e Ribadavia; así como a inclusión do Concello de Cortegada admitido desde 1989.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro sendo o texto desta o que se recolle no anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro
Preámbulo

A Mancomunidade de Concellos do Ribeiro constitúese como entidade pública supramunicipal por iniciativa e vontade unánime dos concellos que forman a comarca do Ribeiro, para a prestación dos servizos propios da súa competencia establecidos nos seus estatutos, renunciando para iso cada concello á súa autonomía municipal en relación cos fins comúns de todos os mancomunados.

Os estatutos foron aprobados, por unanimidade, en asemblea de concellos dos concellos promotores desta, con data do 31 de xaneiro de 1987, sendo ratificados posteriormente por cada un dos concellos.

Unha vez ratificada a aprobación dos estatutos por todos os concellos e elixidos os membros do ente supramunicipal, con data do 8 de abril de 1988, celebrouse a sesión de constitución da mancomunidade no salón de sesións do Concello de Ribadavia.

En sesión plenaria da mancomunidade con data do 7 de abril de 1989, os membros desta, por unanimidade, acordaron a admisión do Concello de Cortegada.

Nos anos 2003, 2006, 2007 e 2012, por solicitude dos representantes das entidades, adoptáronse polo pleno da mancomunidade senllos acordos de baixa nesta dos concellos de Carballeda de Avia, Ribadavia, Avión, Melón e Castrelo de Miño.

Con data do 31 de decembro de 2013, entra en vigor a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, en cuxa disposición transitoria décimo primeira determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao precepto 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Así pois, esta mancomunidade I.V. do Ribeiro, en cumprimento do establecido no citado texto normativo, e tendo por obxecto establecer un marco legal que a regule, e perseguindo, en todo caso, potenciar o desenvolvemento da propia mancomunidade, e dos concellos que a integran co fin último de impulsar decisivamente a prestación de servizos aos cidadáns, achegándolles a Administración e potenciando un desenvolvemento social e económico sustentable, equilibrado e igualitario destes entes locais e dos seus respectivos territorios; procede a adecuar os seus estatutos, e órganos de goberno, así como axustarse no seu réxime económico, organizativo e de funcionamento, ás disposicións contidas na citada norma.

Sumario

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1 Concellos que integran a mancomunidade

Artigo 2 Denominación, sede e ámbito territorial

Artigo 3 Duración e vixencia da mancomunidade

Artigo 4 Símbolos da mancomunidade

CAPÍTULO II
Obxecto: fins, competencias, potestades e prerrogativas

Artigo 5 Fins

Artigo 6 Competencias

Artigo 7 Potestades e prerrogativas

CAPÍTULO III
Goberno e réxime de funcionamento da mancomunidade

Sección 1ª. Organización da mancomunidade

Artigo 8 Goberno da mancomunidade

Artigo 9 Órganos da mancomunidade

Sección 2ª. Órganos colexiados

Subsección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 10 Membros dos órganos colexiados

Artigo 11 Sesións dos órganos colexiados

Subsección 2ª. Pleno da mancomunidade

Artigo 12 Composición e competencias

Artigo 13 Funcionamento do pleno

Artigo 14 Quórum de adopción de acordos

Subsección 3ª. Xunta de Goberno da mancomunidade

Artigo 15 Composición e competencias

Subsección 4ª Comisións

Artigo 16 Comisión especial de contas

Artigo 17 Comisións informativas

Sección 3ª Órganos unipersoais

Artigo 18 Do presidente da mancomunidade

Artigo 19 Funcións do presidente da mancomunidade

Artigo 20 Vicepresidente da mancomunidade

Artigo 21 Funcións do vicepresidente da mancomunidade

CAPÍTULO IV
Persoal ao servizo da mancomunidade

Artigo 22. Dispoñibilidade de persoal

Artigo 23 Funcións públicas necesarias na mancomunidade

Artigo 24 Selección do persoal ao servizo da mancomunidade

Artigo 25 Situación do persoal da mancomunidade en caso de disolución

CAPÍTULO V
Recursos e réxime económico

Sección 1ª. Recursos da mancomunidade

Artigo 26 Recursos da mancomunidade

Artigo 27 Potestade tributaria e ordenanzas

Artigo 28 Aportacións económicas dos membros da mancomunidade

Sección 2ª. Réxime económico

Artigo 29 Orzamento da mancomunidade

Artigo 30 Operacións de crédito

CAPÍTULO VI
Incorporación e separación de concellos

Sección 1ª. Incorporación de concellos á mancomunidade

Artigo 31 Adhesión posterior de concellos

Sección 2ª. Separación

Artigo 32 Separación voluntaria

Artigo 33 Separación obrigatoria

Artigo 34 Efectos da separación

CAPÍTULO VII
Modificación de estatutos

Artigo 35 Réxime de modificación

Artigo 36 Procedemento de modificación

CAPÍTULO VIII
Disolución da mancomunidade

Artigo 37 Causas de disolución da mancomunidade

Artigo 38 Procedemento de disolución

Artigo 39 Da liquidación da mancomunidade

Disposición derradeira.

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1 Concellos que integran a mancomunidade

1. As entidades locais de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro, no exercicio do dereito de asociación que teñen recoñecido polos artigos 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 135 da Lei 5/97, do 22 de xuño, reguladora da Administración local de Galicia, constitúense en Mancomunidade para a prestación en común de servizos e a execución de obras da súa competencia. Poderán adherirse outros concellos mediante o procedemento previsto no artigo 33 destes estatutos.

2. A mancomunidade ten personalidade e capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins específicos e réxese polos presentes estatutos.

Artigo 2 Denominación, sede e ámbito territorial

1. A mancomunidade constitúese coa denominación Mancomunidade I.V. do Ribeiro e os seus órganos de goberno e Administración radicarán no Concello de Beade (Ourense), onde terá o seu domicilio social, lugar de reunións dos seus órganos reitores, dependencias administrativas, rexistro xeral e arquivo.

2. O ámbito territorial da mancomunidade comprenderá a totalidade dos términos municipais dos Concellos mancomunados.

Artigo 3 Duración e vixencia da mancomunidade

A mancomunidade constitúese por tempo indefinido, procedendo á súa disolución unicamente polas causas establecidas no artigo 37 dos estatutos ou por decisión da comunidade autónoma nos casos legalmente establecidos.

Artigo 4 Símbolos da mancomunidade

Mediante acordo acadado, de conformidade coa normativa que resulte de aplicación e no contido previsto nos estatutos para a adopción de acordos, a mancomunidade adoitará os seus símbolos de identificación colectiva.

CAPÍTULO II
Fins, competencias, potestades e prerrogativas

Artigo 5 Fins

1. Son fins da mancomunidade a execución en común das obras e a prestación dos servizos que a seguir se relacionan:

– Recadación.

– Medio natural urbano: en particular, parques e xardíns públicos, xestión dos residuos sólidos urbanos.

– Avaliación e información de situacións de necesidade social, e a atención inmediata a persoas en situación oo risco de exclusión social.

– Protección civil.

– Prevención e extinción de lumes.

– Información e promoción da actividade turística de interese e ámbito local.

– Promoción do deporte e instalacións deportivas e de ocupación do tempo libre.

– Promoción no seu termo municipal da participación dos cidadáns no uso eficiente e sustentable das tecnoloxías da información e as comunicacións.

2. Para a asunción de novos fins será necesario seguir o procedemento previsto nos artigos 35 e 36 dos presentes estatutos.

Artigo 6 Competencias

1. Para a realización dos fins enumerados no artigo anterior a mancomunidade terá plena competencia e os acordos e resolucións que adopten os seus órganos de goberno obrigarán tanto os concellos mancomunados como as persoas físicas ou xurídicas a quen poida afectar.

2. A mancomunidade poderá subrogarse na titularidade do servizo, correspondéndolle, en tal caso, a xestión integral deste, así como o establecemento e ordenación de taxas por prestación de servizos ou realización de actividades, imposición de contribucións especiais e fixación de tarifas e prezos públicos.

3. En ningún caso poderá a mancomunidade asumir a totalidade de competencias do municipio que nela se integre.

Artigo 7 Potestades e prerrogativas

1. Para o cumprimento dos seus fins, de conformidade co establecido na lexislación en materia de réxime local, a mancomunidade asume as seguintes potestades e prerrogativas que se exercerán de acordo coa lexislación aplicable en cada caso:

a) As potestades regulamentaria e de autoorganización.

b) As potestades tributaria e financeira.

c) A potestade de programación ou planificación.

d) As potestades de investigación, deslindamento e recuperación de oficio dos seus bens, así como as de defensa do seu patrimonio.

e) A presunción de lexitimidade e a executividade dos seus actos.

) As potestades de execución forzosa e sancionadora.

g) A potestade de revisión de oficio dos seus actos e acordos.

h) As prelacións e preferencias e demais prerrogativas recoñecidas á Facenda pública para os créditos desta, sen prexuízo das que correspondan ás Facendas do Estado e as comunidades autónomas; así como a inembargabilidade dos seus bens e dereitos, nos termos previstos nas leis.

CAPÍTULO III
Goberno e réxime de funcionamento da mancomunidade

Sección 1ª. Organización da mancomunidade

Artigo 8 Goberno da mancomunidade

1. O goberno e a administración da mancomunidade corresponden ao pleno, integrado por todos os representantes dos concellos mancomunados, e ao seu presidente, asistidos pola Xunta de Goberno.

2. Os acordos e resolucións dos órganos de goberno da mancomunidade, emitidos no ámbito das súas competencias, poderán fin á vía administrativa.

3. As entidades mancomunadas estarán vinculados aos acordos adoptados polos órganos de goberno da mancomunidade no cumprimento dos fins propios do seu obxecto e no ámbito das súas respectivas competencias.

No entanto, os acordos adoptados polos órganos de goberno da mancomunidade non despregarán a súa eficacia nos casos en que os presentes estatutos, a lexislación de aplicación, ou porque así o dispoña o propio acto, exixan a ratificación destes polos plenos dos concellos afectados, nese caso será requisito tal ratificación.

Artigo 9 Órganos da mancomunidade

1. Serán órganos necesarios da mancomunidade:

a) O Pleno.

b) A Xunta de Goberno.

c) O presidente da mancomunidade.

d) O vicepresidente.

e) A comisión especial de contas.

2. Ademais, existirán como órganos complementarios as comisiones informativas que o pleno acorde crear, en atención aos servizos que se xestionen.

Sección 2ª. Órganos colexiados

Subsección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 10 Membros dos órganos colexiados

1. O nomeamento, cesamento e renuncia da condición de membro dos órganos colexiados da mancomunidade producirase de acordo co disposto nos artigos seguintes.

2. En todo caso, a perda da condición de concelleira no municipio incorporado á mancomunidade supón a perda da condición de membro nos órganos da mancomunidade.

3. Cando os representantes dos concellos mancomunados perdan, por calquer razón, tal condición permanecerán en funcións para cuestións de administración ordinaria da mancomunidade mentres o municipio nomee ao seu novo representante.

Artigo 11 Sesións dos órganos colexiados

1. Os órganos colexiados da mancomunidade funcionan en réxime de sesións ordinarias e extraordinarias, podendo estas últimas ser, se é o caso, urxentes.

2. As sesións dos órganos da mancomunidade celebraranse na propia sé ou, en casos de urxencia ou forza maior, en calquera outro lugar en que sexan convocados.

3. Serán aplicables ás actas das sesións dos órganos colexiados de goberno da mancomunidade, as normas establecidas nos artigos 109 e seguintes do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais ou as que no seu momento se atopen vixentes.

Subsección 2ª. Pleno da mancomunidade

Artigo 12 Composición e competencias

1. No pleno estarán representados todos os concellos mancomunados, correspondendo a cada unha deles elixir, de entre os seus membros, os vogais que a integrarán conforme o procedemento establecido no punto seguinte.

O pleno estará composto polo alcalde e un membro máis de cada municipio mancomunado, elixido este último libremente pola corporación respectiva. En caso de renuncia do alcalde dun concello mancomunado, a formar parte do pleno da mancomunidade, será elixido libremente outro membro pola corporación correspondente.

2. Tras a celebración das eleccións locais e dentro do prazo previsto polo artigo 38 do ROF para a designación de representantes en órganos colexiados, os plenos dos respectivos concellos deberán proceder ao nomeamento dos seus vogais na mancomunidade, debéndose comunicar o resultado a esta.

Transcorrido devandito prazo e ao décimo día seguinte procederase á constitución da corporación da mancomunidade. Para ese efecto, constituirase unha mesa de idade integrada polos vogais elixidos de maior e menor idade presentes no acto, actuando como secretario o que o sexa da mancomunidade.

Comprobada pola mesa a representación do municipio respectivo e a personalidade dos asistentes, esta declarará constituída a corporación se concorre a maioría absoluta dos vogais elixidos. En caso contrario, celebrarase sesión dous días despois, quedando constituída a corporación calquera que for o número de vogais presentes.

3. Corresponderalle ao pleno as competencias que lles atribúa a normativa que lle sexa de aplicación, e en concreto as establecidas no artigo 64 da Lei 5/1997, do 22 de xuño, da Administración local de Galicia, e o artigo 22 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

4. O pleno poderá delegar o exercicio dos seus atribucións no presidente e na Xunta de Goberno nos termos previstos na lexislación que sexa de aplicación.

Artigo 13 Funcionamento do pleno

1. Os requisitos de celebración das sesións referidos ao quórum de asistencia e informes previos sobre adecuación á legalidade, así como os debates, votacións e rogos e preguntas na asemblea rexeranse polo previsto nos puntos seguintes, e no non previsto neles, pola Lei de réxime local que resulten de aplicación.

2. O pleno da mancomunidade celebrará sesión ordinaria como mínimo cada dous meses, e extraordinaria cando se reúnan os mesmos requisitos que se exixen para a celebración de sesións extraordinarias dos plenos municipais.

3. As reunións do pleno deben convocarse, polo menos, con dous días hábiles de antelación. Na citación farase constar a orde do día e acompañarase o borrador do acta da sesión anterior.

4. Para a válida celebración das sesións do pleno da mancomunidade será necesaria a asistencia dun terzo do número legal dos seus membros. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión.

En todo caso, requirirase a asistencia do presidente e do secretario ou de quen legalmente os sustitúa.

5. Toda a documentación dos asuntos incluídos na orde do día que debe servir de base ao debate e, se é o caso, votación deberá estar á disposición dos membros do pleno desde o mesmo día da convocatoria na secretaría desta.

Calquera membro do pleno poderá, en consecuencia, examinala e ata obter copias de documentos concretos que a integre, pero os orixinais non poderán saír do lugar en que se atopen postos de manifesto.

Artigo 14 Quórum de adopción de acordos

1. Os acordos adoptaranse, como regra xeral, por maioría simple dos membros presentes, que existirá cando os votos superen os negativos.

2. Cando se produzan votacións con resultado de empate, efectuarase unha nova votación e, se persistise o empate, decidirá o voto de calidade do presidente, sen prexuízo do deber de abstención nos supostos previstos nas leis.

3. Requirirase o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da asemblea nos supostos determinados polas leis. En todo caso, exixirase a maioría absoluta para a adopción dos acordos seguintes:

a) Alteración e nome da capitalidade da mancomunidade.

b) Adopción ou modificación dos símbolos e ensinas da mancomunidade.

c) Proposta de modificación dos estatutos.

Subsección 3ª. Xunta de Goberno da Mancomunidade

Artigo 15 Composición e competencias

1. A Xunta de Goberno local é un órgano de asistencia ao pleno e ao presidente e de xestión da mancomunidade, que estará integrada polos alcaldes de cada municipio integrante da entidade, sempre que forme parte do pleno da mancomunidade. En caso contrario, este membro será designado pola corporación municipal de entre os dous que a representan.

2. As atribucións da Xunta de Goberno da Mancomunidade serán:

a) Asistir o presidente da mancomunidade nas súas atribucións.

b) Exercer as competencias que o presidente ou outro órgano da mancomunidade lle delegasen.

c) Aqueloutras que lles poida corresponder por aplicación da lexislación de réxime local.

Subsección 4ª. Comisións

Artigo 16 Comisión especial de contas

1. Correspóndelle á comisión especial de contas o exame, estudo, informe das contas orzamentarias e extraorzamentarias, que deba aprobar o pleno da mancomunidade e, en especial, da Conta Xeral que debe render esta.

2. A comisión estará integrada polos membros da Xunta de Goberno.

3. Para o exercicio das súas funcións, a comisión poderá requirir, a través do presidente da mancomunidade, a documentación complementaria necesaria e a presenza dos membros da mancomunidade e os seus funcionarios relacionados coas contas que se analicen.

4. A comisión especial de contas deberá reunirse necesariamente antes do 1 de xuño de cada ano para examinar e informar as contas xerais da mancomunidade.

5. Ademais do anterior, pode celebrar reunións preparatorias se o presidente o decide ou se o solicita unha cuarta parte, polo menos, do número legal de membros da mancomunidade.

Artigo 17 Comisións informativas

1. O pleno poderá crear comisións informativas sen atribucións resolutorias para o estudo, información, consulta previa dos expedientes e asuntos que haxan de ser sometidos á decisión do pleno ou da Xunta de Goberno, cando esta actúa con competencias delegadas polo pleno, salvo cando deban adoptarse acordos declarados urxentes.

2. O seu número e composición decidirase polo pleno por proposta do presidente da mancomunidade.

3. As comisións informativas celebrarán sesións ordinarias coa periodicidade que estableza a mesma comisión no momento da súa constitución, nos días e horas que estableza o presidente desta, quen poderá, así mesmo, convocar sesións extraordinarias ou urxentes destas. O presidente estará obrigado a convocar sesión extraordinaria cando o solicite a cuarta parte, polo menos, dos membros da comisión.

Sección 3ª. Órganos unipersoais

Artigo 18 Do presidente da mancomunidade

1. O presidente da mancomunidade será elixido polo pleno, de acordo coas seguintes regras:

a) O presidente será nomeado na mesma sesión de constitución.

b) Poden ser candidatos todos os membros que formen a Xunta de Goberno.

c) Se algún deles obtén a maioría absoluta dos votos será proclamado electo.

d) Se ningún deles obtén a dita maioría absoluta dos votos, será proclamado presidente o candidato que obteña maior número de votos. En caso de empate resolverase por sorteo.

Todo iso de acordo co previsto no artigo 196 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral e posteriores modificacións.

2. O presidente, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituído polo vicepresidente, nomeado polo pleno, de entre os membros da Xunta de Goberno.

3. O Presidente da mancomunidade cesará:

a) Cando perda a súa condición de vogal.

b) Por renuncia ao cargo do presidente. En tal caso, deberá formular renuncia por escrito ante o pleno da mancomunidade, a cal deberá adoptar acordo de coñecemento dentro dos dez días seguintes. A renuncia non supoñerá a perda da condición de vogal.

4. En calquera destes dous casos, o pleno da mancomunidade nomeará un novo presidente de acordo coas normas establecidas no punto anterior, e se é o caso, unha vez sexa nomeado un novo vogal polo pleno do municipio correspondente.

Artigo 19 Funcións do presidente da mancomunidade

1. O presidente da mancomunidade será presidente de todos os seus órganos colexiados e representará todas as competencias que lle atribúa a lexislación do Estado ou da comunidade autónoma que lle sexa de aplicación ás mancomunidades. En particular, corresponderanlle ao presidente da mancomunidade as seguintes atribucións:

a) Representar a mancomunidade.

b) Dirixir o goberno e a administración mancomunada.

c) Convocar e presidir as sesións do pleno, da Xunta de Goberno e de calquera órgano colexiado da mancomunidade.

d) Aqueloutras que non sexan atribuídas expresamente polas leis ou polos presentes estatutos a outros órganos da mancomunidade.

2. O presidente poderá delegar o exercicio das súas atribucións, salvo as de convocar e presidir a sesións do pleno e da Xunta de Goberno, decidir os empates co voto de calidade e todas aquelas expresamente previstas na normativa que lle sexa de aplicación.

Artigo 20 Vicepresidente da mancomunidade

1. A mancomunidade terá vicepresidente.

2. O vicepresidente será nomeado polo pleno de entre os membros da Xunta de Goberno polo mesmo procedemento e requisitos que para a elección do presidente.

3. A condición de vicepresidente perderase polas mesmas causas e cos mesmos efectos que o previsto no artigo 18 para o presidente.

Artigo 21 Funcións do vicepresidente da mancomunidade

Correspóndelle ao vicepresidente da mancomunidade substituír na totalidade das súas funcións o presidente nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite a este para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións do presidente nos supostos de vacante.

CAPÍTULO IV
Persoal ao servizo da mancomunidade

Artigo 22 Dispoñibilidade de persoal

1. Para o desenvolvemento dos seus fins a mancomunidade contará con persoal propio.

2. De modo expreso, para o logro dos seus fins, poderán prestar servizos na mancomunidade os empregados públicos das entidades locais que a integran e, nos termos e dentro das relacións de cooperación e colaboración que en cada caso se estableza, o doutras administracións públicas.

3. A mancomunidade aprobará anualmente, xunto co orzamento, o persoal e relación de postos de traballo existentes, que comprenderá todos os postos de traballo reservados a funcionarios, persoal laboral e persoal eventual.

Artigo 23 Funcións públicas necesarias na mancomunidade

1. As funcións públicas necesarias serán desempeñadas por funcionarios de habilitación de carácter nacional da subescala que corresponda á categoría da praza, unha vez que esta sexa clasificada polo órgano competente da comunidade autónoma, e será cuberta por algunha das fórmulas previstas na normativa vixente.

2. Non obstante o anterior, a mancomunidade poderá ser eximida pola Comunidade Autónoma da obrigación de manter o posto de traballo de secretaría cando o seu volume de servizos ou recursos non sexa suficiente para o mantemento de devandito posto.

Artigo 24 Selección do persoal ao servizo da mancomunidade

1. A selección do persoal da mancomunidade, tanto funcionario como laboral, realizarase de acordo coa oferta de emprego, mediante convocatoria pública e a través dos sistemas legalmente previstos nos que se garantan, en todo caso, os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

2. O réxime xurídico aplicable ao persoal ao servizo da mancomunidade será, en todo caso, o propio das entidades locais que a integran.

Artigo 25 Situación do persoal da mancomunidade no caso de disolución

1. O persoal que estivese ao servizo da mancomunidade disolta quedará incorporado nas entidades locais que formasen parte dela de acordo co que propoña a comisión liquidadora constituída para tales efectos.

A comisión liquidadora propoñerá ao pleno da mancomunidade, oídos previamente os representantes das entidades mancomunadas, a oportuna distribución e integración do persoal adscrito a un servizo, programa ou funcións, que resulten extinguidos coa disolución, entre as distintas entidades mancomunadas de acordo coa base de poboación de dereito que resulte do último padrón de habitantes.

En todo caso, realizarase unha relación de persoal na que se distinguirá o persoal funcionario de carreira e laboral fixo de cadro de persoal, aos que a comisión liquidadora garantirá a súa integración nas entidades mancomunadas.

2. En caso de separación dunha ou varias das entidades integrantes da mancomunidade, a situación do persoal da mancomunidade afectado será o acordado polo pleno da mancomunidade, cuxa decisión se motivará conforme a situación dos servizos afectados pola separación.

3. En todo caso, as entidades locais que incorporen ao persoal que resulte afectado pola disolución da mancomunidade, respectarán o grupo ou subgrupo do corpo ou escala de procedencia, así como os dereitos económicos inherentes á posición na carreira que tivesen recoñecido.

CAPÍTULO V
Recursos e réxime económico

Sección 1ª. Recursos da mancomunidade

Artigo 26 Recursos da mancomunidade

1. A facenda da mancomunidade deberá dispoñer de recursos económicos suficientes para a prestación dos servizos que se lles asignen.

2. A facenda estará constituída polos seguintes recursos:

a) Pola achega inicial que fixará o pleno e que deberá desembolsar cada municipio mancomunado ao comezo da súa pertenza á mancomunidade.

b) Pola achega de cada municipio mancomunado ao sustentamento dos servizos, como resultado dos respectivos estudos de financiamento, distribuíndose segundo a seguinte repartición:

b-1) Achega do 50 % do custo total de todos os servizos mancomunadas, asignándose o montante en relación ao número de habitantes de cada municipio.

b-2) Achega do 50 % restante do custo total de todos os servizos mancomunados, repartíndose este en relación á repercusión de cada servizo individualmente considerado nos concellos afectados, segundo os criterios de repartición aprobados polo pleno da mancomunidade.

Neste sentido, as entidades integrantes da mancomunidade deberán participar no custo dos servizos no referente ao 50 % de repartición por habitantes, con independencia do seu uso.

Para os efectos do establecido nos parágrafos anteriores, as achegas dos concellos serán considerados pagos forzosos e preferentes e serán aboados polos concellos no momento en que o interese a mancomunidade, na forma que proceda, autorizándose ao pleno para que solicite da Delegación de Facenda e da Xunta de Galicia se reteñan as cantidades liquidadas por calquera concepto que se perciban a través dos expresados organismos polos concellos que incumpran o seu deber de achega, ingresando as ditas cantidades na mancomunidade, para saldar, se é o caso, as achegas municipais non satisfeitas.

c) Cotas extraordinarias para facer fronte a gastos dos servizos mancomunados para os cales non sexan suficientes as achegas ordinarias dos concellos, segundo o fixado no punto anterior. O seu establecemento farase por proposta do pleno da mancomunidade e a súa repartición será: o 50 % proporcional ao número de habitantes de dereito de cada municipio e o outro 50 % proporcional aos ingresos ordinarios que figuren no orzamento de cada concello, debendo ser ratificada a dita proposta, para ser efectiva, polo pleno de cada un dos concellos agrupados.

d) Os ingresos de dereito privado, tendo tal consideración:

d-1) Os froitos, rendas e xuros dos bens e dereitos de calquera clase que teñan a condición de propios, de acordo coa lexislación vixente; así mesmo, os ingresos procedentes do alleamento e gravames de devanditos bens e dereitos.

d-2) As doazóns, herdanzas, legados e auxilios de toda clase procedentes de particulares, aceptados pola mancomunidade.

e) Taxas pola prestación de servizos ou a realización de actividades da súa competencia.

f) Contribucións especiais para a execución de obras ou para o establecemento, ampliación ou mellora de servizos da competencia das devanditas entidades.

g) Participacións nos impostos do Estado e das comunidades autónomas que se establezan no seu favor.

h) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

i) Os procedentes de operacións de crédito.

j) Multas.

Artigo 27 Potestade tributaria ordenanzas fiscais

A mancomunidade poderá acordar a imposición e supresión de tributos propios relacionados coa prestación de servizos ou a realización de actividades da súa competencia e aprobar as correspondentes ordenanzas fiscais que os regulen.

Artigo 28 Achegas económicas dos membros da mancomunidade

1. Os concellos mancomunados consignarán nos seus orzamentos as cantidades precisas para atender os compromisos asumidos coa mancomunidade. En calquera caso, tales achegas terán para todos os efectos a consideración de pagamentos obrigatorios e de carácter preferente.

2. Unha vez transcorrido o prazo establecido para efectuar o aboamento sen que o municipio o fixese efectivo, para a cobranza destas achegas a Mancomunidade desempeñará as prerrogativas establecidas legalmente para a facenda do Estado, e actuará, se é o caso, conforme aos procedementos administrativos correspondentes.

3. As achegas á mancomunidade vencidas, líquidas e exixibles poderán ser obxecto de retención, respecto das que teñan pendentes de percibir da comunidade autónoma ou deputación provincial, de acordo co seguinte procedemento:

a) Transcorrido o período de pagamento voluntario previsto, a Mancomunidade solicitará por escrito ao municipio deudor o pago das cantidades requiridas, concedéndose un prazo de dez días, para facelas efectivas.

b) Recibida a solicitude de pagamento, o municipio ou entidade local menor dispoñerá de dez días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

c) Transcorrido o prazo sen que se fixo efectivo o pagamento das cantidades requiridas, cumprido o trámite de audiencia concedido e resoltas as alegacións presentadas; o presidente instará a retención de créditos dirixíndose para iso á consellería competente en materia de facenda da comunidade autónoma ou a deputación provincial, solicitando que as cantidades debidas sexan retraídas daquelas que, por calquera concepto, fosen liquidadas a favor da entidade debedora.

4. Esta retención é autorizada expresamente polas entidades mancomunadas no momento de aprobación dos presentes estatutos, e farase efectiva á mancomunidade sempre que se acompañe da certificación de descuberto en cada caso.

5. O mantemento reiterado en situación de debedor á mancomunidade por parte dunha entidade local será considerado como incumprimento grave das obrigacións para os efectos de proceder á apertura de expediente para a súa separación definitiva.

Sección 2ª. Réxime económico

Artigo 29 Orzamento da mancomunidade

A mancomunidade aprobará anualmente o seu orzamento, conforme á lexislación reguladora das facendas locais, rexéndose por esta toda a súa xestión económico-financeira.

Artigo 30 Operacións de crédito

1. A mancomunidade poderá concertar operacións de crédito, con observancia dos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, para financiar a realización de actividades ou servizos da súa competencia. As ditas operacións, cando o patrimonio propio da mancomunidade ou os seus recursos ordinarios non sexan suficientes para garantilas, serán avaladas polos concellos que a integran na forma que se acorde.

CAPÍTULO VI
Incorporación e separación de concellos e entidades locais menores

Sección 1ª. Incorporación de concellos á mancomunidade

Artigo 31 Adhesión posterior de concellos

1. Unha vez constituída a mancomunidade, a incorporación de novos concellos seguirá o seguinte procedemento:

a) Solicitude do municipio interesado, logo de acordo adoptado pola maioría absoluta do número legal dos seus membros.

b) Información pública por prazo dun mes mediante a publicación no BOP do acordo adoptado.

c) Aprobación polo pleno da mancomunidade por maioría absoluta.

No acordo de adhesión deberán establecerse as condicións xerais e particulares que se fixaron para a adhesión, así como o aboamento dos gastos orixinados como consecuencia da súa inclusión na mancomunidade ou a determinación da cota de incorporación.

d) Ratificación da adhesión por acordo adoptado por maioría absoluta por todos os plenos dos concellos mancomunados ratificación que deberá realizar tamén o municipio solicitante.

2. O acordo de adhesión do novo municipio deberá ser publicado pola mancomunidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da consellería competente en materia de Administración local, na páxina web do municipio que vai incorporarse e na páxina web da mancomunidade, e deberá inscribirse nos locais estatal e autonómico.

Sección 2ª. Separación

Artigo 32 Separación voluntaria

1. Os concellos poderán separarse en calquera momento da mancomunidade, logo de cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Acordo do pleno municipal, sempre adoptado co voto favorable da maioría absoluta dos membros de cada órgano.

b) Acharse ao corrente no pagamento das súas achegas á mancomunidade.

c) Que transcorran, polo menos, dous anos de permanencia na mancomunidade.

d) Que se aboaron todos os gastos que se orixinen con motivo da separación, así como a parte do pasivo contraído pola mancomunidade ao seu cargo.

e) Que se notifique o acordo de separación á mancomunidade con polo menos tres meses de antelación.

2. Cumpridos os requisitos anteriores, a mancomunidade aceptará a separación do municipio interesado mediante acordo da súa asemblea, ao que se dará publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e será obxecto de inscrición no locais estatal e autonómico.

Para que un concello mancomunado poida darse de baixa na mancomunidade deberá estar, necesariamente, ao corrente no pagamento das súas achegas, tanto ordinarias como extraordinarias, así como das necesarias para o sustentamento dos servizos e dos de investimento, podendo aplicarlle o establecido no último paragrafo da letra b) do artigo 26 destes estatutos, en caso de negarse a cumprir o previsto neste.

Artigo 33 Separación obrigatoria

1. A mancomunidade poderá acordar a separación obrigatoria dos concellos que incumprisen grave e reiteradamente as obrigacións establecidas na normativa vixente ou nos estatutos para con ela.

2. O procedemento de separación será iniciado de oficio pola mancomunidade mediante acordo por maioría absoluta do pleno.

3. Acordada a iniciación do procedemento de separación, concederase ao municipio o prazo de audiencia por un mes.

4. Vistas as alegacións presentadas polo municipio, o pleno da mancomunidade poderá acordar a separación obrigatoria mediante acordo favorable da maioría absoluta dos seus membros legais.

5. A mancomunidade dará publicidade ao acordo de separación obrigatoria do municipio mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e procederá ao seu inscrición no rexistro de entidades locais estatal e autonómico.

Artigo 34 Efectos da separación

Ningún concello que se dea de baixa antes da disolución da mancomunidade poderá reclamar a parte que lle correspondeu na repartición de bens na data da baixa, ata o momento da disolución.

CAPÍTULO VII
Modificación de estatutos

Artigo 35 Réxime de modificación

Tras a súa aprobación inicial, o estatuto da mancomunidade poderá ser obxecto de modificación polo pleno de conformidade coas previsións contidas neste capítulo.

Artigo 36 Procedemento de modificación

1. A modificación do estatuto suxeitarase ao seguinte procedemento:

a) Iniciación por acordo do pleno, por si ou instancia da maioría absoluta dos concellos mancomunados.

b) Información pública por prazo dun mes, mediante publicación no BOP e nas páxinas web da mancomunidade e de cada un dos concellos que a integran.

c) Durante o prazo referido, e antes da aprobación definitiva, serán solicitados pola mancomunidade informes á deputación provincial interesada e á consellería con competencias en materia de réxime local, xunto coa certificación do trámite efectuado e o contido da modificación que se vaia introducir nos estatutos.

Ambos os informes deberán emitirse no prazo dun mes desde o seu requirimento, transcorrido o cal poderán entenderse efectuados os devanditos trámites en sentido positivo.

d) Concluído o período de información pública e informe da modificación, o pleno da mancomunidade procederá a analizar as obxeccións suscitadas e decidirá definitivamente o contido da modificación que propón.

e) Aprobación polo pleno dos concellos de cada un dos concellos co voto favorable da maioría absoluta do número legal dos seus membros.

f) Publicación no BOP e nas páxinas web da mancomunidade e de cada un dos concellos que a integraban.

g) Inscrición no rexistro de entidades locais estatal e autonómico, así como en calquera outro en que proceda pola natureza das previsións contidas nos estatutos.

2. Cando a modificación consista na mera adhesión ou separación dun ou varios concellos ou na ampliación ou redución dos seus fins, será suficiente para levar a cabo a modificación o acordo por maioría absoluta do pleno e a ulterior ratificación polos plenos das entidades locais mancomunadas, que, de igual forma, deberán aprobala por maioría absoluta, debendo publicarse a modificación e inscribirse na forma prevista no número anterior.

CAPÍTULO VIII
Disolución da mancomunidade

Artigo 37 Causas de disolución da mancomunidade

Son causas de disolución da mancomunidade:

a) A Imposibilidade de afrontar a implantación e mantemento de ningún dos servizos mancomunados declarada polo pleno e ratificada polos plenos das corporacións dos concellos respectivos.

b) A insuficiencia de recursos para levar a cabo as finalidades da súa constitución, expostas no artigo 5 destes estatutos.

c) A separación desta de dous terzos estritos do número de concellos que a integran.

Artigo 38 Procedemento de disolución

1. A disolución da mancomunidade requirirá acordo favorable do pleno e ratificación polos respectivos concellos que a integran. Os acordos serán adoptados polo voto favorable da maioría absoluta legal dos membros dos respectivos órganos.

2. A disolución da mancomunidade, en todo caso, non poderá prexudicar os dereitos das persoas que con ela teñan contratos vixentes, sendo imperativo, en tal suposto, distribuír as cargas entre todos os concellos que a integran na mesma proporción ás achegas que nos estudos económicos serían fixadas.

3. O acordo de disolución sinalará a forma en que debe procederse á liquidación.

4. No suposto de disolución, constituirase unha comisión liquidadora, composta por, polo menos, un membro de cada municipio mancomunado, elixido libremente pola corporación respectiva de entre os dous que a representan no pleno, podendo, no entanto, constituírse como comisión liquidadora a comisión de goberno da mancomunidade, se así se consente por parte dos concellos membros.

Artigo 39 Da liquidación da mancomunidade

1. Os bens da mancomunidade que quedasen tras a súa liquidación, revertirán aos concellos na mesma proporción ás súas respectivas achegas, tendo en conta, en todo caso, o previsto no artigo 29.2 destes estatutos.

2. Os concellos nos cales estivesen os servizos respectivos terán dereito preferentemente a optar á propiedade dos bens, instalacións, maquinaria e materiais de toda clase afectos aos bens inmobles dos servizos mancomunados, coa obrigación de reintegrar aos restantes concellos agrupados a parte proporcional do valor dos terreos adquiridos no seu día, así como aboar con igual criterio de proporcionalidade, o valor da maquinaria e instalacións, coa depreciación aplicable polo período de vida en que se atopen.

3. Logo da disolución, todos os documentos relativos á mancomunidade serán arquivados e custodiados no concello onde radicase a sé da mancomunidade.

Disposición derradeira única

No non previsto nestes estatutos, a mancomunidade intermunicipal voluntaria do Ribeiro rexerase polas disposicións legais en materia de réxime local ditadas pola Administración do Estado, así como polas que, no seu día, dite a Comunidade Autónoma de Galicia.