Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 294

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de decembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorrer en causa de disolución, especificando, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da mancomunidade co fin de que concorden co mandato da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiulle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Unha vez examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– A Xunta de Goberno da Mancomunidade aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 27 de febreiro de 2014.

– O referido acordo someteuse á información pública durante o prazo dun mes no BOP de Pontevedra núm. 71, do 11 de abril de 2014, período en que non se presentaron alegacións.

– Con data do 7 de abril e 26 de maio de 2014 emitiu informe a Dirección Xeral de Administración Local e con data do 25 de abril 2014 emite informe a Deputación Provincial de Pontevedra.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará os seguintes artigos: 5 e 7.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a modificación da nova redacción dos artigos 5 e 7 dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño

«Artigo 5

As funcións Publicas necesarias serán desempeñadas por funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala que corresponda á categoría da praza, una vez que esta sexa clasificada polo órgano competente da Comunidade Autónoma, e cubrirase por algunha das fórmulas previstas na normativa vixente. Malia o anterior, a Mancomunidade poderá ser eximida pola Comunidade Autónoma da obriga de manter o posto de traballo de secretario cando o seu volume de servizos ou recursos non sexa suficiente para o mantemento do dito posto».

Artigo 7

7.1. Os fins da Mancomunidade que se establecen son os que se indican a seguir:

– Conservación, ampliación, mellora e reparación das vías municipais:

a) Recollida e tratamento de residuos sólidos.

b) Abastecemento domiciliario de augas.

c) Depuración de augas residuais.

d) Protección civil, prevención e extinción de incendios.

e) Programas de desenvolvemento rural.

f) Conservación e potenciación do patrimonio histórico-artístico.

g) Desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e educativas.

h) Protección do ambiente urbano.

i) Desenvolvemento de programas de atención social.

j) Desenvolvemento de programas de promoción turística.

k) Realización de xestións e actividades conducentes á creación, prestación ou adxudicación dos servizos de recollida, tratamento, transferencia e eliminación de residuos sólidos urbanos, de xeito mancomunado, a través dos medios que en cada caso se crean máis adecuados. É unha competencia da Deputación Provincial a prestación dos servizos de tratamento de residuos nos municipios de menos de 5.000 habitantes, nos termos do artigo 36.1.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril.

7.2. Nos termos do artigo 26.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, nos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes será a Deputación Provincial a que coordinará a prestación dos seguintes servizos: recollida e tratamento de residuos, abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais, limpeza viaria, acceso aos núcleos de poboación, pavimentación de vías urbanas, iluminación pública.