Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 28 de novembro de 2014 Páx. 48896

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de novembro de 2014 pola que se clasifica de interese para a asistencia social a Fundación Abrente.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Abrente con domicilio na rúa Novoa Santos, nº 36, A Coruña.

Feitos.

1. Carmen Touza Touriño, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Abrente foi constituída en escritura pública outorgada en Oleiros (A Coruña) o 30 de decembro de 2013, ante o notario Andrés Antonio Sexto Presas, co número de protocolo 5.042, por Carmen Touza Touriño que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi modificada por outra outorgada tamén en Oleiros (A Coruña) o 24 de setembro de 2014, ante o mesmo notario, co número de protocolo 2.436.

3. Segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto promover accións teóricas e prácticas da cultura física e deportiva, así como fomentar a práctica do deporte a través do patrocinio de eventos deportivos, poñendo especial interese na integración persoal e laboral das persoas discapacitadas física, psíquica e sensorialmente. Así como a defensa e atención de colectivos en risco de exclusión por razóns físicas, sociais ou culturais.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Carmen Touza Touriño como presidenta; María del Carmen López Ruiz como vicepresidenta; Javier González López como secretario non patrón; e Eva María Sánchez Puga como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a asistencia social da Fundación Abrente, en base ás materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para a asistencia social e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de Fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de novembro de 2014.

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a asistencia social a Fundación Abrente, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza