Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 18 de novembro de 2014 Páx. 47781

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV E/S da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría, situada no termo municipal de Dumbría (A Coruña) e promovida por Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2010/17-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), con enderezo para os efectos de notificación en Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 23.6.2009 a empresa REE presentou solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT (liña de alta tensión) 220 kV E/S (entrada e saída) da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría.

Esta solicitude acompañouse do preceptivo proxecto de execución, coas correspondentes separatas técnicas, e do informe de cualificación ambiental emitido o 16.7.2008 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no cal se conclúe que non procede someter o proxecto ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais (non obstante, lémbrase que, debido á existencia dun elemento do patrimonio cultural nas proximidades da subestación, se deberá cumprir co disposto no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia).

Esta infraestrutura eléctrica está incluída no documento «Planificación dos sectores de electricidade e gas 2008-2016», aprobado polo Consello de Ministros do 30 de maio de 2008, baixo a denominación Alta E/S liña e alta cambio topoloxía liña con orixe na subestación nova Dumbría 220 kV, cuxa xustificación é o mallado da rede de transporte, a evacuación do réxime especial e o apoio á distribución. Mediante a Orde ITC/2906/2010, do 8 de novembro, pola que se aproba o programa anual de instalacións e actuacións de carácter excepcional das redes de transporte de enerxía eléctrica e gas natural, substituíuse a denominación da subestación, pasando de nova Dumbría 220 kV a Regoelle 220 kV.

Segundo. O 8.4.2010 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emitiu informe favorable sobre a devandita infraestrutura eléctrica, de conformidade co exixido no artigo 36.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Con datas 9.6.2010, 11.11.2010 e 10.3.2011 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante xefatura territorial) practicou diversos requirimentos á empresa REE, quen foi presentando as súas contestacións ao respecto.

Cuarto. O 7.6.2011 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV E/S da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8 de xullo de 2011, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 30 de xuño e no xornal La Voz de Galicia do 22 de xullo.

Así mesmo, a xefatura territorial practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA incorporada como anexo á citada resolución pola que se realizou o trámite de información pública.

Quinto. O 7.3.2013 a empresa REE presentou un escrito en que solicita continuar o procedemento cun novo proxecto denominado «Modificación do proxecto de execución-LAT 220 kV E/S da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría».

Acompañando este escrito, ademais do novo proxecto de execución e das correspondentes separatas técnicas, a empresa REE presentou copia compulsada da seguinte documentación para incorporar ao expediente:

• Escrito do Concello de Dumbría, do 30.11.2011, en que manifesta a súa conformidade coa nova localización da subestación.

• Escrito da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Ministerio de Fomento), do 22.2.2013, no que mostra a súa conformidade coa construción e posta en servizo da subestación e das liñas eléctricas de entrada e saída nela.

• Informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 12.3.2012, sobre cualificación ambiental, en que se conclúe que non procede someter o referido proxecto ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais (non obstante, lémbrase que debido á existencia de elementos do patrimonio arqueolóxico nas proximidades da nova localización da subestación, deberase cumprir co disposto no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo).

• Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 10.12.2012, con ditame favorable sobre o documento de avaliación cultural da subestación e das liñas eléctricas de entrada e saída nela, e no que se fai mención expresa a que os elementos do patrimonio arqueolóxico que se atopan nas súas proximidades non se ven afectados.

Segundo consta neste novo proxecto, no que se define unha nova localización para a subestación de Regoelle en atención ás alegacións practicadas no seu día polo Concello de Dumbría, a instalación eléctrica proxectada consiste na construción de dúas LAT de 220 kV, de entrada e saída na citada subestación, das LAT 220 kV Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría, coas seguintes características básicas:

• Derivada da LAT 220 kV Vimianzo-Mazaricos:

En dobre circuíto, configuración dúplex, condutor tipo Condor AW, cable composto terra-óptico OPGW-TIPO 1-17kA-15.3, sobre apoios metálicos de celosía, cunha lonxitude de 450 m e con inicio no novo apoio de entroncamento 32 bis situado entre os apoios 32 e 33 da actual liña Vimianzo-Mazaricos e final na subestación Regoelle.

• Derivada da LAT 220 kV Mesón do Vento-Dumbría:

En simple circuíto, configuración dúplex, condutor tipo Condor AW, cable composto terra-óptico OPGW-TIPO 1-17kA-15.3, sobre apoios metálicos de celosía, cunha lonxitude de 1.865 m e con inicio no novo apoio de entroncamento 160N situado na actual traza da liña Mesón do Vento-Dumbría e final na subestación Regoelle.

Sexto. O 19.6.2013 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica recollida no proxecto titulado «Modificación do proxecto de execución-LAT 220 kV de E/S da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría».

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31 de xullo de 2013, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 19 de xullo e no xornal La Voz de Galicia do 1 de agosto; e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios, durante o preceptivo prazo de 20 días, no Concello de Dumbría (entre o 2.8.2013 e o 26.8.2013) e o Concello de Vimianzo (entre o 3.7.2013 e o 29.7.2013).

Así mesmo, na mesma data desta resolución, a xefatura territorial practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA incorporada como anexo á citada resolución pola que se realizou o trámite de información pública. Ademais, tendo en conta que este novo proxecto produciu a desafectación de 134 predios a respecto do proxecto orixinal, o 22.11.2013 a xefatura territorial practicou a pertinente notificación individual de desafectación.

Sétimo. Durante o período en que o novo proxecto de execución da devandita instalación eléctrica se someteu ao trámite de información pública, presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos cales se deu traslado á empresa REE, quen presentou a súa contestación):

Alegacións

Resumo

1

José Antonio Rodríguez Legarreta, que actúa en representación de Ferroatlántica, S.A.U., manifesta o seguinte:

– As súas instalacións de xeración e consumo de enerxía eléctrica na Costa da Morte únense ao sistema eléctrico nacional a través da LAT 220 kV Mesón do Vento-Dumbría.

– Son coñecedores de que se están a tramitar na xefatura territorial os expedientes IN407A 2009/299-1 (subestación Regoelle 220 kV) e IN407A 2010/17-1 (LAT 220 kV E/S da subestación Regoelle das LAT 220 kV Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría), promovidos por REE.

– Dadas as posibles repercusións que estas actuacións poden ter para Ferroatlántica, é o seu interese comparecer nestes expedientes para coñecer o estado das tramitacións e, en concreto, a solución que se prevé para o circuíto de conexión entre a subestación de Dumbría (da cal son titulares) e a futura subestación de Regoelle.

2

Esperanza Consuelo Fernández Suárez di ser a propietaria do predio nº 65 (polígono 9, parcela 363), que figura na RBDA como «en investigación artigo 47 da Lei 33/2003», segundo documento de participación de bens que achega como acreditación da súa titularidade, e solicita que se teña en consideración este cambio de titularidade e se lle remita notificación individual da declaración de utilidade pública.

3

Carmen Liñares Trillo, que figura na RBDA como cotitular, xunto coa súa irmán Manuela, do predio nº 125 (polígono 7, parcela 20), facilita o seu actual enderezo, en Inglaterra, para futuras notificacións e, así mesmo, facilita varios números de teléfono para que a empresa REE contacte con ela para os efectos de chegar a un mutuo acordo.

4

Jesús Canosa Rodríguez di ser propietario, xunto coa súa esposa Sebastiana Moreno Cárdenas, do predio nº 73 (polígono 7, parcela 85), que figura na RBDA a nome de herdeiros de Carmen Canosa Rodríguez, segundo documento de compravenda que achega como acreditación da súa titularidade, e solicita que se teña en consideración este cambio de titularidade e se lle remita notificación individual da declaración de utilidade pública.

5

María Fernández García, que figura na RBDA como titular do predio nº 134 (polígono 7, parcela 18), fai constar que na notificación recibida non consta o importe que se percibirá pola ocupación do seu predio.

6

Antonio Lema Pérez di ser o propietario do predio nº 127 (polígono 7, parcela 18), que figura na RBDA a nome de Celia Pérez Arias, segundo o documento de compravenda que achega como acreditación da súa titularidade, e solicita que se teña en consideración este cambio de titularidade e se lle notifiquen os seguintes actos derivados da tramitación do expediente.

7

María Carmen Lado Suárez di ser a propietaria dos predios nº 47-8 e 51 (polígono 9, parcelas 474 e 376), que figuran na RBDA a nome de José Lado Lema, de acordo co testamento que achega como acreditación da súa titularidade, e solicita que se teña en consideración este cambio de titularidade e se lle remita notificación individual da declaración de utilidade pública e os seguintes actos derivados da tramitación do expediente.

8

Manuela Liñares Trillo, que figura na RBDA como cotitular, xunto coa súa irmán Carmen, do predio nº 125 (polígono 7, parcela 20), facilita varios números de teléfono para que a empresa REE contacte con ela para os efectos de chegar a un mutuo acordo.

9

María Virtudes Lema García, que figura na RBDA como titular do predio nº 112 (polígono 6, parcela 676), manifesta o seguinte:

– Segundo notificación individual, a parcela da súa propiedade atópase afectada pola citada instalación eléctrica, promovida por REE.

– Nesta notificación incorpórase unha táboa coa identificación catastral da parcela, relación das distintas afeccións dela e cunha copia de planos sen escala, polo que resulta imposible identificar as afeccións con estes datos.

– Así mesmo, segundo a planimetría enviada e outras dúas notificacións da xefatura territorial, boa parte da parcela queda afectada igualmente pola subestación de Regoelle, o que produce unha importante depreciación na parcela restante, que aparentemente deixa sen acceso.

– Remata solicitando a expropiación total da parcela ou unha mellor definición das zonas afectadas e das súas limitacións.

10

José Otero García, que figura na RBDA como titular do predio nº 79 (polígono 7, parcela 89), manifesta o seguinte:

– Segundo notificación individual, a parcela da súa propiedade atópase afectada pola citada instalación eléctrica, promovida por REE.

– Nesta notificación incorpórase unha táboa coa identificación catastral da parcela, relación das distintas afeccións dela e cunha copia de planos sen escala, polo que resulta imposible identificar as afeccións con estes datos.

– Así mesmo, segundo a planimetría enviada, boa parte da parcela queda afectada, limitándose moito a súa explotación forestal.

– Remata solicitando unha mellor definición das zonas afectadas e das súas limitacións.

Oitavo. Simultaneamente ao trámite de información pública, a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do novo proxecto de execución da devandita instalación eléctrica aos concellos de Dumbría e Vimianzo e á Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Ministerio de Fomento), pola súa condición de administracións e organismos con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Ningunha destas entidades contestou a petición de informe nin a reiteración desta petición. Por tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da devandita instalación eléctrica.

Noveno. O 12.9.2014 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o expediente de referencia, co obxecto de emitir a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica recollida no proxecto titulado «Modificación do proxecto de execución-LAT 220 kV de E/S da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría».

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa REE e ao resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• Canto ao escrito de alegacións presentado por Ferroatlántica, S.A.U., no cal manifiesta a súa intención de comparecer nos expedientes IN407A 2009/299-1 e IN407A 2010/17-1, indícase que non consta que teña presentado, a respecto do expediente que nos ocupa (IN407A 2010/17-1), ningún outro escrito de que se poida deducir a súa oposición á correspondente instalación.

• Canto ás alegacións relativas aos cambios de enderezo dos titulares dos predios afectados que figuran na RBDA, indícase que se tomou razón deles para utilizalos nas notificacións dos futuros actos derivados da tramitación do expediente.

• Canto ás alegacións relativas aos cambios de titularidade dos predios afectados que figuran na RBDA, indícase que se tomou razón daqueles cambios de titularidade para os cales presentou a correspondente documentación acreditativa, mentres que nos demais casos será durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación, acto a que serán oportunamente convocados os afectados, o momento en que se poderá demostrar a titularidade dos predios, presentando a documentación acreditativa precisa.

• Canto as alegacións relativas á solicitude de expropiación total dos predios que resultan afectados parcialmente pola instalación eléctrica de referencia, non se toman en consideración por non seren obxecto deste procedemento, senón do procedemento expropiatorio, concretamente, durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación. Neste acto, para o cal serán previamente convocadas todas as persoas titulares dos predios afectados, poderase formular a solicitude de expropiación total.

• Canto ás alegacións relativas á identificación das afeccións (tipos de cultivo, elementos afectados, extensión de servidumes, xeito de ocupación, limitacións, etc.), indícase que serán apreciadas no momento procedemental oportuno, isto é, durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación. Neste acto, para o cal serán previamente convocadas todas as persoas titulares dos predios afectados, describiranse os bens e dereitos afectados e incorporaranse as súas manifestacións e datos útiles para a correcta determinación das afeccións.

• Canto ás alegacións relativas á intención de chegar a un mutuo acordo sobre a valoración económica das afeccións, sen esperar a que o prezo sexa fixado polo Xurado de Expropiación, indícase que a empresa beneficiaria tomou razón delas para procurar os ditos acordos.

• Canto ás alegacións relativas á falta de valoración económica das afeccións, indícase que non se toman en consideración, por non ser obxecto deste procedemento senón do procedemento expropiatorio, concretamente, na fase de determinación do prezo xusto. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o que se tramitarán as correspondentes pezas separadas do prezo xusto, na cal se determinará a indemnización que corresponda e na cal o afectado poderá presentar a súa folla de aprecio, na cal concretará o valor que considera lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV E/S da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría, situada no termo municipal de Dumbría (A Coruña) e promovida por Red Eléctrica de España, S.A.U.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación eléctrica.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado «Modificación do proxecto de execución-LAT 220 kV E/S da subestación Regoelle das LAT Vimianzo-Mazaricos e Mesón do Vento-Dumbría» (datado en maio de 2012), asinado polo enxeñeiro industrial Jordi Rodríguez Escaño (colexiado nº 15.934 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e con visado dixital deste colexio con nº 201202732 e data 6.6.2012; e no cal figura un orzamento de 1.103.260 €.

Segunda. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Así mesmo, deberase cumprir co disposto no informe sobre cualificación ambiental, emitido o 12.3.2012 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (a que se fai referencia no antecedente de feito quinto da presente resolución), a respecto dos elementos arqueolóxicos existentes nas proximidades da subestación proxectada.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da ocupación dos terreos.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas