Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 14 de novembro de 2014 Páx. 47509

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e canalización de conexión para subministración en Santa Comba, promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2013/1-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707, Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 7 de novembro de 2012 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Santa Comba (expediente IN627A 2012/8-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia (25 de xaneiro de 2013) e no Boletín Oficial da provincia da Coruña (3 de decembro de 2012).

Segundo consta no proxecto que serviu de base para o outorgamento desta autorización administrativa:

– A subministración de gas natural realizarase a través dunha planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (planta de GNL), que se situará nunha parcela do polígono industrial de Santa Comba e desde a cal partirá a rede de distribución cara a este propio polígono e ao núcleo urbano de Santa Comba.

A rede de distribución proxectada estará formada por unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Santa Comba, e unha rede secundaria de distribución en rango de presión 0,1 < MOP ≤ 2 bar, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo. A rede deseñarase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de 160 a 63 mm, segundo necesidades, e terá unha lonxitude de 12.941 m, dos cales 2.687 m corresponden á rede básica e 10.254 m á rede secundaria.

Segundo. O 4 de xuño de 2013 Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de aprobación do proxecto de execución correspondente á planta de GNL para subministración á rede de distribución de gas natural no termo municipal de Santa Comba, xunto co preceptivo proxecto.

Segundo consta neste proxecto de execución, a planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral número 15078A059002190000AU (polígono 59, parcela 219), no lugar de Mourelle, ao leste do núcleo urbano de Santa Comba (localización distinta á recollida no proxecto de autorización administrativa, descrita no antecedente de feito anterior). Esta planta terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 30 m3, unha capacidade de gasificación nominal de 300 Nm3/h e unha presión de subministración de GN de 4 bar-400 mbar.

O 19 de agosto de 2013 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable e o 3 de setembro de 2013 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu aprobar o dito proxecto de execución (expediente IN627A 2013/1-0).

Terceiro. O 13 de xuño de 2013 Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de aprobación do proxecto de execución correspondente á rede de distribución de gas natural no termo municipal de Santa Comba, xunto co preceptivo proxecto.

Segundo consta neste proxecto de execución, a subministración de gas realizarase desde a planta de GNL descrita no antecedente de feito anterior. A rede proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano de Santa Comba, realizarase no rango de presión 2 < MOP ≤ 5 bar, en tubaxe de polietileno PE-100 SDR 17,6, en distintos diámetros (160, 110, 90 e 63 mm) en función dos consumos e cunha lonxitude total de 6.815 m.

O 19 de agosto de 2013 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable e o 3 de outubro de 2013 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu aprobar o dito proxecto de execución (expediente IN627A 2013/2-0).

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 70 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, as modificacións das infraestruturas gasistas requiren, con carácter previo á súa construción, a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución. De acordo con este artigo, e tendo en conta que o cambio de localización da planta de GNL supón unha modificación substancial do proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado, o proxecto de execución da planta de GNL debería terse sometido por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas non só ao trámite de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao trámite de autorización administrativa.

De acordo con isto, e como resposta aos recursos de alzada presentados por diversos veciños e veciñas de Mourelle en que manifestan e argumentan a súa oposición á nova localización da planta de GNL, o 9 de xuño de 2014 a Consellería de Economía e Industria resolveu estimalos no único sentido de anular a resolución de data do 3 de setembro de 2013 de aprobación do proxecto de execución da planta de GNL para subministración en Santa Comba (expediente IN627A 2013/1-0), e acordou a retroacción do procedemento ao momento inmediatamente anterior ao da comisión do vicio procedemental (reflectido no parágrafo anterior), para que se prosiga coa tramitación que corresponda.

Quinto. O 10 de xullo de 2014 Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e canalización de conexión para subministración en Santa Comba, xunto co preceptivo proxecto de execución e das correspondentes separatas técnicas.

Segundo consta neste proxecto de execución, a planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral número 15078A059001220000AE, adxacente ao polígono industrial de Santa Comba na súa cara norte. Trátase dunha localización diferente, tanto ao previsto no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado como ao previsto no anterior proxecto de execución da planta de GNL, a que se fai referencia nos antecedentes de feito primeiro e segundo desta resolución.

Esta planta de GNL estará composta polos seguintes compoñentes: un depósito vertical (quedando o cubeto dimensionado para conter ata dous depósitos verticais), o sistema de gasificación con dous evaporadores atmosféricos e un requentador eléctrico de apoio, un módulo de regulación e medida con proteccións de funcionamento e presión regulamentarias, e instalacións auxiliares (armario eléctrico con elementos de protección e control, equipos contraincendios, auga de servizos e sistema de iluminación e posta a terra). As súas características xerais son as seguintes:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 30 m3 (1 depósito vertical de 30 m3).

– Presións de servizo de almacenaxe de GNL: 4 bar (normal) e 14 bar (máxima).

– Capacidade de gasificación nominal: 300 Nm3/h.

– Estación de regulación e medida: 1.000 Nm3/h.

– Presión de subministración de GN: 4 bar-400 mbar.

– Temperatura de subministración de GN: 0-20 ºC.

A canalización de conexión coa rede de distribución de gas natural realizarase en tubaxe de polietileno tipo PE-100 e SDR 17,6, en diámetros de 160 e 110 mm, e terá unha lonxitude de 1.094 m (105 m en diámetro de 160 mm e 989 m en diámetro de 110 mm).

Sexto. O 21 de xullo de 2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e canalización de conexión para subministración en Santa Comba, promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2013/1-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 14 de agosto de 2014, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 5 de agosto de 2014 e nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Bergantiños do 31 de xullo de 2014, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Santa Comba (desde o 29 de xullo de 2014 ata o 21 de agosto de 2014).

Con posterioridade ao período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución, concretamente o día 12 de setembro de 2014, a empresa Electra de Santa Comba, S.L. presentou un escrito de alegacións, do cal se deu traslado á empresa Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa contestación. A continuación recóllese, de xeito resumido, o manifestado por Electra de Santa Comba, S.L. no seu escrito de alegacións:

• O 25 de abril de 2014 dirixiuse a esta dirección xeral para advertir que, con respecto á execución por parte de Gas Galicia SDG, S.A. das obras correspondentes á rede de distribución de gas natural canalizado no núcleo urbano de Santa Comba (expedientes IN627A 2013/1-0 e IN627A 2013/2-0), non lle consta ter recibido separata técnica ningunha. A día de hoxe din non ter recibido contestación ao dito escrito.

• Comprobou que en diversos puntos da rede as canalizacións de gas se instalaron a unha distancia que non cumpre coas instrucións técnicas de seguridade con respecto a redes aéreas de baixa tensión (distancia mínima de 20 cm segundo a ITC-BT-06); preséntanse fotografías.

• De acordo co anterior, solicita copia das comunicacións das separatas técnicas realizadas durante a tramitación dos proxectos de execución instan a esta dirección xeral a adoptar as medidas oportunas para os efectos de evitar accidentes e avarías indesexadas mentres non se obteña a súa conformidade sobre a separata técnica que requiren.

Sétimo. O 22 de xullo de 2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou unha separata técnica do proxecto de execución da planta de GNL, a que se fai referencia nos antecedentes de feito quinto e sexto desta resolución, ao Concello de Santa Comba, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Segundo se recolle no informe emitido o 4 de setembro de 2014 polos servizos técnicos deste concello, trátase de autorizar cruzamentos en vías públicas de solo urbano e de solo de núcleo rural, sen que exista contradición coa normativa municipal, ben que, logo da súa concesión e execución, deberá contar coa autorización deste ente e coa licenza municipal.

Oitavo. O 15 de setembro de 2014 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre o expediente de referencia, de cara á tramitación da autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da planta de GNL.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; e no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista do escrito de alegacións presentado por Electra de Santa Comba, S.L., da contestación a este escrito presentada por Gas Galicia SDG, S.A. e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• En canto á separata técnica en relación co expediente que nos ocupa (IN627A 2013/1-0: aprobación do proxecto de execución da planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e canalización de conexión para subministración en Santa Comba), indícase que a empresa Gas Galicia SDG, S.A. manifesta na súa contestación que non existen redes eléctricas na zona de actuación. En consecuencia, non procede a remisión de ningunha separata técnica á empresa de distribución de enerxía eléctrica da zona.

• En canto á separata técnica en relación co expediente da rede de distribución (IN627A 2013/2-0: aprobación do proxecto de execución da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Santa Comba), indícase que durante a tramitación deste expediente non se remitiu a separata técnica á empresa de distribución de enerxía eléctrica da zona porque Gas Galicia SDG, S.A. non a presentou. Co obxecto de garantir o cumprimento das distancias regulamentarias exixidas para os cruzamentos e paralelismos con outras redes de servizos, Gas Galicia SDG, S.A. di que lle solicitou a Electra de Santa Comba, S.L., con anterioridade ao comezo das obras, información sobre a disposición das súas redes; non obstante, Gas Galicia SDG, S.A. presentou, xunto coa súa contestación, unha separata que lle será remitida a Electra de Santa Comba, S.L. coa notificación desta resolución.

• En canto ao incumprimento advertido sobre as distancias das canalizacións de gas á rede eléctrica, indícase que, segundo se desprende das fotografías achegadas co escrito de alegacións, as instalacións de gas a que se fan referencia non forman parte da rede de distribución aprobada (IN627A 2013/2-0), que debe cumprir os requisitos técnicos exixidos na ITC-IGC 01, senón que se corresponden con instalacións receptoras de gas, que deben cumprir os requisitos técnicos exixidos na ITC-IGC 07, a cal fai referencia á aplicación da norma UNE 60.670-4, que fixa as distancias mínimas de separación dunha tubaxe vista a conducións doutros servizos (condución eléctrica, de auga, ...) en 3 cm en curso paralelo e en 1 cm en cruzamento.

Terceiro. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Logo de ver os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e canalización de conexión para subministración en Santa Comba, promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista citada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., titulado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións-Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e canalización de conexión para subministración en Santa Comba, asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado número 1.130 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia); e no cal figura un orzamento de 248.488,20 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Cuarta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (a que se fai referencia no antecedente de feito sétimo desta resolución), Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Quinta. Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas