Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 31 de outubro de 2014 Páx. 46041

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2014 pola que se declara resolto o convenio de colaboración subscrito con data do 20 de novembro de 2013 entre a Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia.

Primeiro. O 20 de novembro de 2013 a Consellería do Medio Rural e do Mar asinou un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia (Cehosga), cun orzamento total de 83.732 € (35.332 € no ano 2013 e 48.400 € no ano 2014). O obxecto do dito convenio foi promover o emprego dos produtos da pesca e da acuicultura, impulsando o seu consumo e incrementando así a súa competitividade. O seu prazo de vixencia remataba o 30 de decembro de 2014.

Segundo. A Consellería do Medio Rural e do Mar, en cumprimento da cláusula terceira do convenio, efectuou para compensar a Cehosga a achega económica correspondente ao ano 2013 o 28 de xaneiro de 2014, tras o cumprimento das súas obrigas por parte daquela. No entanto, malia que para o exercicio 2014 existe un compromiso de gasto, non se vai realizar o pagamento con base no reiterado incumprimento de obrigas de Cehosga que motiva a presente resolución pola que se resolve o convenio de colaboración subscrito.

Terceiro. De conformidade coa cláusula quinta do citado convenio, a Comisión do Seguimento debe xuntarse por petición de calquera das partes, ao constituír o mecanismo de actuación conxunta para garantir a efectividade do convenio. No entanto, tras intentar a notificación por parte do secretario xeral do Mar da convocatoria dunha xuntanza en dúas datas consecutivas, a nome do presidente da Cehosga e no enderezo que figura no artigo 2 do capítulo I dos Estatutos da Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia, a través do servizo de Correos, ambas as notificacións non se puideron efectuar por causa «destinatario descoñecido».

Cuarto. Tras a imposibilidade de comunicación co Ceshosga por parte da Consellería, en cumprimento do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notificouse a Cehosga, por medio de anuncio publicado no DOG núm. 111, do 12 de xuño de 2014, a convocatoria dunha nova xuntanza da Comisión. Cehosga tampouco nesta ocasión acudiu nin achegou resposta ningunha á convocatoria.

Quinto. Por todo canto antecede, constitúe causa de resolución do convenio subscrito, de conformidade coa cláusula oitava deste, o reiterado incumprimento por parte de Cehosga da obriga contida na cláusula quinta, entre outras, das antes citadas.

Consideracións legais:

– Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

– Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca marítima de Galicia (DOG núm. 243, do 16 de decembro) modificada por Lei 6/2009, do 11 de decembro.

– Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vistos os preceptos citados e demais de aplicación, esta consellería, en cumprimento da cláusula oitava do convenio subscrito polas partes, en virtude da cal constitúe causa de resolución do dito convenio o incumprimento, total ou parcial, de calquera das cláusulas que o regulan,

RESOLVE:

Declarar a resolución do convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e Cehosga no 20 de novembro de 2013.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo máximo dun (1) mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da dita orde xurisdicional, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os casos desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Mediante esta resolución notifícase a Cehosga esta resolución segundo o exixido no artigo 58.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro).

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2014

P.D. (Orde do 30 de marzo de 2012; DOG núm. 70, do 12 de abril)
Juan Carlos Maneiro Cadillo
Secretario xeral do Mar