Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 31 de outubro de 2014 Páx. 46044

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2014 pola que se modifica a Resolución do 8 de maio de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2014.

A Resolución do 8 de maio de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2014 (DOG nº 92, do 15 de maio), establece no seu artigo 5 que «O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 31 de outubro de 2014».

Debido ao atraso na tramitación administrativa e ao elevado número de solicitudes, non foi posible resolver a convocatoria outorgando aos beneficiarios tempo suficiente como para executar os proxectos tendo en conta o contido do artigo 19 das bases reguladoras da convocatoria.

Co obxecto de non lles causar un prexuízo aos beneficiarios das axudas, dada a práctica imposibilidade de executar ou adxudicar e executar as obras, segundo tipo de beneficiario, nos prazos previstos no artigo 19 das bases reguladoras, e unha vez tramitado o oportuno expediente,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 8 de maio de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa

O artigo 5 da Resolución do 8 de maio de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2014, queda redactado nos seguintes termos:

«Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 21 de novembro de 2014. O feito de non xustificar correctamente os ditos investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida».

Disposición adicional única

Os beneficiarios de axudas que presentasen a renuncia prevista no artigo 29 das bases reguladoras poderán continuar, se así o decidiren, co procedemento na fase de xustificación acolléndose ao novo prazo establecido nesta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2014

Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural