Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 24 de outubro de 2014 Páx. 45309

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 6 de outubro de 2014 pola que se acorda a cesión en propiedade de mobiliario de oficina de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia ao Concello de Cangas para o centro sociocomunitario municipal.

O artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, en consonancia coas competencias outorgadas ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social. No exercicio desta competencia exclusiva aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Segundo o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, e tendo en conta o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Administración autonómica ao cal lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, o exercicio das competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención aos discapacitados e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.

Consonte o artigo 60.1.b) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, é competencia dos concellos a creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios específicos. Non obstante, o artigo 59.i) da mesma lei tamén lle atribúe á Xunta de Galicia a competencia para a creación, o mantemento e a xestión dos centros e programas dos servizos sociais comunitarios específicos que, pola súa natureza, ámbito supramunicipal ou outras circunstancias, debidamente xustificadas, asuma a Xunta de Galicia. Por outra parte, o artigo 64 desta mesma lei establece que a Xunta de Galicia promoverá unha efectiva coordinación e cooperación cos concellos co fin de asegurar a calidade e unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio, especialmente no que atinxe á creación e ao mantemento de servizos sociais comunitarios específicos.

Desde o ano 2012, esta consellería vén asinando sucesivamente un convenio anual co Concello de Cangas co obxecto de darlle continuidade ao funcionamento do centro sociocomunitario do Concello de Cangas, anteriormente de titularidade autonómica, como un servizo social comunitario específico de titularidade local. Entre outras obrigas, a Administración autonómica viña asumindo neste convenio a obriga de cederlle ao Concello de Cangas o uso do mobiliario do antigo centro sociocomunitario titularidade da Xunta, que xa non está en funcionamento, para o seu destino ao novo centro sociocomunitario municipal.

O artigo 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o artigo 85.1 do mesmo texto legal establece que os bens e dereitos obxecto da cesión só se poden destinar aos fins que a xustifican, e na forma e coas condicións que se establezan no correspondente acordo. Así mesmo, o artigo 82.3 da Lei 5/2011 establece que a cesión pode ter por obxecto a propiedade do ben ou dereito, o seu usufruto ou só o seu uso.

Para tal fin, a Consellería de Traballo e Benestar, en representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do mobiliario, tramitou o correspondente expediente de cesión de uso, de conformidade co disposto no artigo 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985.

A dita cesión de uso materializouse no exercicio 2012 por medio da Orde do 25 de maio de 2012 pola que se acorda a cesión do uso de mobiliario propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia ao Concello de Cangas (Diario Oficial de Galicia nº 105, do 4 de xuño de 2012), obxecto de prórroga no ano 2013.

Neste exercicio 2014, co funcionamento do centro sociocomunitario do Concello de Cangas xa consolidado, preténdese, a través desta orde, converter a dita cesión de uso nunha cesión en propiedade ao dito concello para o seu destino ao dito centro de servizos sociais con carácter indefinido, ao abeiro do disposto no artigo 96 bis.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985.

Polo exposto, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade, a favor do Concello de Cangas, dos seguintes bens:

Cantidade

Código

Designación

1

Armario de dúas portas

1

Cadeira de despacho negra con respaldo alto, con rodas e sen brazos

1

Cadeira de oficina negra con rodas

8

Cadeiras amarelas con medio respaldo e con brazos

12

Cadeiras amarelas con respaldo alto e con brazos

8

Cadeiras amarelas con respaldo alto e sen brazos

2

Cadeiras grises con respaldo alto e con brazos curvados

22

Cadeiras grises con respaldo alto e con brazos

11

Cadros de cristal con foto

1

Caixa de chaves

1

Caixa de correo de suxestións

2

Caixoneiras

1

Destrutora de papel Fellowes P-40

1

Encerado

5

Estantes

1

Estante de seis ocos

1

Estante de dous ocos

2

Extintores

1

Impresora Lexmark T 642

1

Impresora/fotocopiadora Olivetti d-Color MF 2000

1

Xardineira

1

Mesa de despacho

1

Mesa de reunións

1

Mesa de televisión

4

Mesas pregables (200×90 cm)

4

Mesas redondas (60 cm de diámetro)

10

Mesas (80×80 cm)

10

Mesas de ordenador

1

Moble baixo de dúas portas

1

Mostrador

1

Ordenador marca Optima

4

Ordenadores marca Inves

7

Ordenadores marca Visa Hermes

10

Papeleiras

3

Paraugueiros

6

Percheiros

1

Radiador de aceite Solac

2

Reloxos de parede redondos, funcionamento a pilas, marca Alba Quartz

1

Cadeira de brazos de despacho negra, imitación pel, sen rodas

14

Cadeiras de brazos

2

Taboleiros de anuncios (un de cortiza e outro de metal e cristal)

1

Teléfono/fax Panasonic KX-FL401

1

Televisor Phillips UVSH 56 modelo 14 PT6107/00

2

Televisores Samsung DV3 1080 Full HD

Artigo 2

A cesión en propiedade sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, os bens cedidos destinaranse a fins de utilidade pública ou interese social, concretamente ao equipamento do centro sociocomunitario do Concello de Cangas.

b) Coa cesión outorgaráselle ao Concello de Cangas a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) O acordo de cesión de bens mobles leva implícita a desafectación dos bens, de conformidade co establecido no artigo 84.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

e) Se os bens cedidos non se aplican aos fins sinalados, se se descoidan ou utilizan con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioracións que experimentasen.

f) Serán por conta do cesionario o detrimento ou a deterioración sufridos polos bens cedidos, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

g) De conformidade co disposto no artigo 85.2 da dita Lei 5/2011, do 30 de setembro, correspóndelle á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para o cal foron cedidos, e poderá adoptar cantas medidas sexan necesarias para a súa consecución.

Artigo 3

As ditas cesións formalizaranse mediante unha acta subscrita pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar ou pola persoa funcionaria en quen delegue, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar para ditar e realizar as resolucións e os trámites necesarios para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar