Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 24 de outubro de 2014 Páx. 45314

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2014 sobre a ampliación do prazo establecido no artigo 5.4 da Resolución do 22 de xullo de 2014 pola que se regulan as axudas económicas para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia durante o primeiro semestre de 2014 ás familias con fillos menores a cargo cuxos ingresos non superen o IPREM, e se procede á súa convocatoria (Diario Oficial de Galicia número 146, do 4 de agosto de 2014).

No Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 4 de agosto de 2014, publicouse a Resolución do 22 de xullo de 2014 pola que se regulan as axudas económicas para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia durante o primeiro semestre de 2014 ás familias con fillos menores a cargo cuxos ingresos non superen o IPREM, e se procede á súa convocatoria.

De acordo co disposto no artigo 5.4 da dita resolución, o prazo de presentación será de tres meses a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

No artigo 12.1 da resolución establécese que as axudas concedidas en concepto de tícket eléctrico non requirirán outra xustificación que a acreditación da condición de beneficiario, segundo o previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tal condición debe acreditarse co cumprimento do estipulado no artigo 3 desta resolución, mediante a presentación da documentación estipulada no artigo 6 dela. Logo da comprobación de que a dita documentación é correcta e de que o solicitante cumpre todos os requisitos exixidos para ter a condición de beneficiario, procederase ao pagamento segundo o establecido no artigo 60.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 285, do 27 de novembro (en diante, LRXPAC) a ampliación poderase acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

Doutra banda, o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro) e o artigo 70 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 176, do 25 de xullo), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste.

Neste senso, e dado que non se causarían prexuízos a terceiros, os concellos, como entidades colaboradoras, a través dos seus servizos sociais, manifestan a necesidade dun prazo maior para asesorar e colaborar cos solicitantes das axudas na presentación telemática das solicitudes.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Acordar, de oficio, unha ampliación do prazo establecido no artigo 5.4 da resolución, para a presentación de solicitudes de axudas económicas para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia durante o primeiro semestre de 2014, ata o 30 de novembro de 2014.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 59.6 b) da LRXPAC.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 49.3 da LRXPAC contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia