Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 15 de outubro de 2014 Páx. 44277

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (486/2012-F).

María Blanco Aquino, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 486/2012-F deste xulgado do social, seguido por instancia de Bruno Brandon Verdes contra a empresa Víctor García Castiñeira-Mármoles Betanzos e Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre ordinario, foi ditada a resolución cuxa parte dispositiva é a seguinte:

«Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 446/2014.

Procedemento: autos número 468-12.

Sentenza.

A Coruña, 25 de setembro de 2014.

Vistos por Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña, os presentes autos nº 486/2012, seguidos por instancia de Bruno Brandon Verdes, asistido polo letrado Sr. Páramo Sureda, contra Víctor García Castiñeira, que non comparece, e con intervención do Fogasa, que non comparece, sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda con entrada no día 7 de maio de 2012, que correspondeu por quenda a este xulgado, contra a demandada xa mencionada, na cal, despois de expor os feitos e fundamentos que achou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola cal se condenase a empresa demandada ao pagamento da cantidade de 2.698,54 euros coas consecuencias legais inherentes.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, convocouse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, sen que a demandada comparecese, a pesar de ter sido citada legal forma, nin o Fogasa. A demandante ratificou a demanda. Recibido o xuízo a proba pola parte demandante, propúxose interrogatorio de parte e documental e, logo de declaración de pertinencia, uníronse os documentos aos autos, co resultado que consta neles, e practicouse o resto da proba; a seguir as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e o xuízo ficou visto para sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais vixentes.

Feitos probados.

Primeiro. A parte demandante prestou servizos para a empresa demandada desde o 1 de xuño de 1999, coa categoría de auxiliar técnico e polos cales debía percibir un salario mensual de 1.437,20 euros con rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. A empresa demandada debe ao demandante a cantidade de 2.698,54 euros correspondentes a pagas extraordinarias de decembro de 2011 e marzo de 2012, conforme a desagregación que se indica no feito segundo da demanda, ao cal se fai remisión.

Terceiro. Con data do 7 de maio de 2012 realizouse acto de conciliación previa ante o SMAC, sen avinza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación fáctica dedúcese da valoración conxunta da proba practicada en autos e, así, da documental presentada polo demandante, comprensiva de follas de salarios e sentenza xudicial respecto de precedente reclamación salarial do traballador. A iso engádese a aplicación do artigo 91.2 da LRXS ante a incomparecencia da empresa, e todo iso sen prexuízo do cal se expresa a seguir arredor da valoración probatoria.

Segundo. No presente procedemento a parte demandante exerce reclamación de cantidade correspondente a diversos conceptos salariais nos termos reflectidos no relato fáctico, sen comparecer a empresa demandada, correctamente citada.

O principio regulador da carga da proba nos supostos de reclamación de pagamento de cantidades por salarios percibidos e non percibidos, determina que o reclamante quede obrigado a demostrar a prestación dos servizos cuxo pagamento reclama e, en consecuencia, a remuneración non satisfeita do salario correspondente a estes; e é o demandado, se excepciona o pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo, a quen incumbirá a carga de probar o dito pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo –sentenzas do Tribunal Supremo do 13 de maio de 1986, 26 de xaneiro de 1988 e 2 de marzo de 1992–. A aplicación do onus probandi –coa consecuente imposición ao traballador da carga de probar o orzamento constitutivo da súa pretensión– determina a necesidade de que o empregador demandado xustifique o aboamento efectivo das retribucións reclamadas.

É polo que, correspondendo ao empresario probar o pagamento dos salarios reclamados –feitos extintivos–, e logrando o traballador probar os feitos constitutivos da súa reclamación monetaria, e en aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil e 91.2 da Lei procesual laboral, ante a súa incomparecencia, e citación cos apercibimentos correspondentes, débense ter por recoñecidos os feitos que constan na demanda, tanto relación laboral, categoría profesional, antigüidade, salarios, como cantidades percibidas durante os últimos meses da súa relación laboral, pero igualmente do mesmo modo a falta de aboamento pola parte demandada.

Como consecuencia da proba articulada, no suposto de autos, probáronse nas actuacións os orzamentos constitutivos da obriga, todo o cal leva consigo as obrigas contidas nos artigos 4.2.f), 29.1 e 53.4 do Estatuto dos traballadores, en relación co artigo 122.3 da Lei reguladora da xurisdición social, correspondendo ao demandado a proba dos feitos que impidan, extingan ou enerven tales obrigas (artigos 217.3 e 281 da LAC).

Así mesmo, debe ponderarse que as pretensións son congruentes coa proba practicada verbo da xornada laboral realizada e as previsións do convenio provincial de hostalaría (Boletín Oficial da provincia do 29 de setembro de 2007 e 30 de agosto de 2013), e as súas respectivas táboas de salarios.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo a demanda que en materia de cantidade foi interposta por Bruno Brandon Verdes contra Víctor García Castiñeira, con intervención procesual do Fogasa e, en consecuencia, debo condenar e condeno a parte demandada a que aboe a demandante a cantidade de 2.698,54 euros.

Notifíquese esta sentenza ás partes e advírtaselle que contra ela non cabe interpor recurso ningún.

Así o pronuncio, mando e asino por esta a miña sentenza, xulgando definitivamente.

Publicación. Expídoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que no día de hoxe o maxistrado xuíz deposita na secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola constitución e as leis. Mesma data que a sentenza. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma á empresa Víctor García Castiñeira-Mármoles Betanzos, en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 25 de setembro de 2014

María Blanco Aquino
Secretaria xudicial