Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 1 de setembro de 2014 Páx. 36892

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de agosto de 2014 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Xinzo Norte, situado no concello de Sarreaus e promovido pola sociedade Torre de Hércules, S.L. (expediente IN661A 2011/01-3 AT).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de agosto de 2014 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Xinzo Norte, situado no concello de Sarreaus (Ourense) e promovido pola sociedade Torre de Hércules, S.L. (expediente IN661A 2011/01-3 AT) que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Xinzo Norte, situado no concello de Sarreaus (Ourense) e promovido pola sociedade Torre de Hércules, S.L. (expediente IN661A 2011/01-3 AT)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Torre de Hércules, S.L. (en diante, o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Xinzo Norte (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 27 MW.

Segundo. O 21.6.2011 o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 29.12.2011 o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Cuarto. O 12.8.2011 Unión Fenosa emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico. Neste condicionado, Unión Fenosa comunica que non pode dar á súa conformidade a actuación proposta pola empresa promotora mentres non faga un estudo detallado da modificación e servidumes sobre as súas instalacións e se aboe o pagamento das citadas modificacións.

O 24.9.2012, en resposta ao condicionado técnico emitido por Unión Fenosa, o promotor presentou un escrito en que manifesta o seu compromiso de que previo ao inicio das obras se informará a Fenosa para que realice o estudo e a avaliación económica.

O 12.2.2012 Retevisión emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico. Neste condicionado comunica que non se observan obstrucións directas dos sinais e solicita que se comunique calquera variación posto que podería derivar en aparición de afeccións.

O 24.9.2012, en resposta ao condicionado de Retevisión, o promotor presentou un escrito en que manifesta a súa aceptación as consideración propostas por Retevisión.

Quinto. Por Resolución do 7 de maio de 2012, da Xefatura Territorial de Ourense, someteuse a información pública o proxecto de execución, o seu estudo ambiental e o proxecto sectorial, así como as solicitudes de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e de inclusión no réxime especial do parque eólico, que se van desenvolver no concello de Sarreaus (Ourense).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19.6.2012, no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 18.6.2012 e no xornal La Región do 18.6.2012. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial de Ourense e no concello afectado de Sarreaus (Ourense).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 26.6.2012 Preciosa Míguez Fernández presentou un escrito de alegación en que sinala un novo enderezo para as comunicación relativas ao predio (nº 248).

2. O 3.7.2012 Manuel Pérez Míguez presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade do predio (nº 293).

3. O 3.7.2012 Rosa Martínez Fernández e Antonio Carballo Garrido presentaron un escrito de alegación en que manifestan a existencia dun erro na titularidade do predio (nº 361).

4. O 3.7.2012 Carmen Fernández Chao presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade dos predios (números 20238 e 20249).

5. O 5.7.2012 José González Villar presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade dos predios (números 242 e 358).

6. O 13.7.2012 Manuela Garrido Rivero presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade dos predios (números 357 e 241).

7. O 22.6.2012 Serafín González Prieto en calidade de presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, presentou escrito en que alega o seguinte:

– Que ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e biodiversidade, non se autorice a afección dos aeroxeradores e vías de acceso sobre:

• As zonas previstas para a ampliación de Rede Natura 2000 en Galicia.

• Especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007 presentes na zona.

– Que se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e se considere a adopción de medidas mitigadoras.

– Que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.

– Que o proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.).

8. O 30.7.2012 Manuela Campos Rodríguez presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade do predio (nº 13, polígono 55, parcela 369).

9. O 31.7.2012 José Manuel Campos Pérez presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade do predio (nº 13, polígono 55, parcela 369).

10. O 31.7.2012 Florinda Campos Rodríguez presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade do predio (nº 13, polígono 55, parcela 369).

Sexto. O 24.1.2013, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense informou que o parque eólico non afecta ningún dereito mineiro.

Sétimo. O 28.1.2013 a Xefatura Territorial de Ourense informou de xeito favorable a solicitude do promotor, tanto no que respecta á autorización administrativa como á aprobación do proxecto e a súa declaración de utilidade pública, así como á continuación dos trámites ambiental e do proxecto sectorial para a continuación do procedemento.

Oitavo. O 6.8.2013 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe o que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Noveno. O 22.10.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 18 de novembro de 2013 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2014).

Décimo. O 10.12.2013 a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes remitiu o informe de 27.11.2013 do Servizo de Montes de Ourense a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo primeiro. O 25.3.2014 a empresa promotora presentou unha actualización da relación de bens e dereitos afectados para o parque eólico Xinzo Norte, en resposta ao informe emitido polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, polo que dentro do procedemento de declaración de utilidade pública foilles comunicado aos novos titulares dos predios a apertura dun prazo de 30 días para examinar o expediente e formular alegacións.

Dentro do período de alegacións, presentáronse as seguintes:

• Con data do 5.5.2014 Isabel Seguín González presentou un escrito de alegación en que manifesta a existencia dun erro na titularidade do predio (nº 243), así como o seu desacordo coa expropiación, ao considerar como mellor opción o arrendamento.

• Con data do 15.5.2014 Manuela Garrido Garrido presentou un escrito de alegación en que manifesta en relación cos predios (números 357 e 241), solicita debido á afección os predios mencionados a expropiación total delas ao considerar a súa inviabilidade económica.

• Con data do 27.5.2014 Juan Rivero Rivero, en representación da CMVMC de Coto Redondo de Paradiña, presentou un escrito de alegación en que solicita aclaración das afeccións os predios (números 254, 355 e 356).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– No que respecta ás alegacións presentadas de carácter ambiental, foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 22.10.2013.

– No que atinxe ás alegacións relacionadas coa titularidade dos bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico, así como coas súas características, o nivel de expropiación, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondendo á fase de levantamento de actas previas, dentro do procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados, así como das súas características (lindes, dimensións, tipo de cultivo...).

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

acordo:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Xinzo Norte, situado no concello de Sarreaus (Ourense) e promovido pola sociedade Torre de Hércules, S.L., cunha potencia de 27 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Xinzo asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Eduardo Ardila Ortuño. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Peticionaria: Torre de Hércules, S.L.; avenida Linares Rivas, nº 30, 3º, 15005 A Coruña.

Situación: concello de Sarreaus (Ourense).

A poligonal que define o perímetro do parque eólico Xinzo Norte-OU/11, que se sitúa dentro da área de desenvolvemento eólico II-4-9, denominada Xinzo, incluída dentro do Plan sectorial eólico de Galicia, ten as seguintes coordenadas UTM:

Vértice poligonal

UTM-X

UTM-Y

A

617.697

4.666.132

B

614.678

4.663.918

C

614.322

4.663.422

D

614.663

4.662.698

E

617.839

4.663.885

F

618.805

4.665.502

No seguinte cadro indícanse as posicións dos 9 aeroxeradores e da torre meteorolóxica, tamén en coordenadas UTM:

Aeroxeradores

UTM-X

UTM-Y

Aer.01

614.860

4.663.305

Aer.02

615.126

4.663.556

Aer.03

615.362

4.663.815

Aer.04

615.718

4.663.999

Aer.05

616.073

4.664.189

Aer.06

616.424

4.664.369

Aer.07

616.703

4.664.590

Aer.08

616.929

4.664.849

Aer.09

617.189

4.665.077

T.M.

614.664

4.663.196

Datos técnicos:

• O parque eólico estará formado por 9 aeroxeradores Vestas V-112, de 3 MW de potencia unitaria, para unha potencia total de 27 MW, equipados con turbina, multiplicador e xerador eléctrico, situados no alto dunha torre de aceiro de 119 m de altura de buxa cimentada sobre zapata de formigón armado, cun diámetro de rotor de 112 m.

• Torre de medicións meteorolóxicas, en perfís angulares de aceiro, de 120 m de altura.

• Interconexión dos aeroxeradores con 2 circuítos eléctricos subterráneos independentes entre si, condutor RHZ1 1×150-400 mm2, segundo o caso, a 30 kV, enlazados coa subestación de transformación proxectada.

• Subestación 132/30 kV, de tipo híbrido (HIS), da cal partirá a liña de interconexión co sistema eléctrico xeral. Instalada en intemperie na parte de 132 kV, estará dotada dunha posición de liña e outra de transformación en 132 kV, con transformador de potencia de 30/40 MVA ONAN/ONAF r/t: 132 ± 2,5 ± 5 %/30 kV e as seguintes en media tensión: 2 de entrada de liña, 1 de protección de transformador, 1 de transformador de servizos auxiliares, con transformador de 50 kVA r/t: 30.000/420-230 V, e posición con baterías de condensadores.

• CT para instalar no interior de cada aeroxerador, de tipo seco encapsulado, de 3.350 kVA de potencia aparente e relación de transformación 0,65/30 kV, coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

• Sistemas de control, regulación e de terras.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Torre de Hércules, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 591.084,53 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Torre de Hércules, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 261.555 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, cun orzamento de 34.873.987,11 euros.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Torre de Hércules, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de sete meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 22.10.2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben que, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.