Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 25 de agosto de 2014 Páx. 36336

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Sidegasa (Sidegasa-Teixeiro) 220 kV-substitución T-IV, situada no termo municipal de Curtis e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2013/92-1).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 3 de xuño de 2013 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Sidegasa (Sidegasa-Teixeiro) 220 kV- substitución T-IV, acompañada da preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Este proxecto de execución prevé a substitución do actual transformador de potencia, denominado T-IV, cunha relación de transformación 66/15 kV e 12 MVA de potencia, polo novo transformador proxectado sobre bancada existente, das seguintes características:

– Relación de transformación: 66/15 kV.

– Potencia: 20 MVA.

– Refrixeración: ONAN.

– Grupo de conexión: YNd11.

– Cableado e conexión ás actuais posicións de AT e MT, co correspondente tarado das proteccións.

Segundo. O 29 de agosto de 2013 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23 de outubro de 2013 e no Boletín Oficial da provincia do 11 de setembro de 2013.

Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. O 14 de abril de 2014 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Sidegasa (Sidegasa-Teixeiro) 220 kV-substitución T-IV, situada no termo municipal de Curtis e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Unión Fenosa Distribución, S.A., asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio con nº 2013011631 e data 22 de maio de 2013.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como as demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas