Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 12 de agosto de 2014 Páx. 34718

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ourense

ANUNCIO de aprobación do expediente de alteración dos termos municipais dos concellos de Ourense e Barbadás (expediente 333/2006).

Anúnciase que o Concello Pleno en sesión ordinaria celebrada o pasado día 4 de xullo de 2014 no punto 3.4 da orde do día adoptou, por asentimento unánime dos vinte e cinco concelleiros presentes, o seguinte acordo:

1. Aprobar a iniciación do expediente voluntario de alteración dos termos municipais do Concello de Ourense e do Concello de Barbadás por segregación-agregación mutua.

2. Aprobar as estipulacións xurídicas e económicas contidas no expediente (folios 62 a 64) que rexerán no proceso de alteración.

3. Fixar como indemnización que percibirá o Concello de Ourense en concepto de perda de recadación polo imposto sobre bens inmobles e polo imposto de actividades económicas a cantidade de 114.039,30 €, en aplicación do artigo 30 da Lei de Administración local de Galicia.

4. Someter a información pública o expediente por un prazo non inferior a trinta días nos diarios oficiais que procedan. Na dita publicación inserirase o texto íntegro do documento referido no parágrafo segundo deste acordo.

De conformidade co disposto nos artigos 32.2 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, e 10.2 do Real decreto 1690/1986 polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, sométese a información pública o expediente citado polo prazo de trinta días para que todos os/as interesados/as poidan consultar o expediente e formular alegacións ou reclamacións.

A consulta do expediente farase na unidade administrativa tramitadora (rúa García Mosquera, 19-1º) en horario de atención ao público.

ANEXO I
Estipulacións xurídicas e económicas

1. Territorio.

Unha vez que entre en vigor a alteración dos termos municipais, cada concello procederá a sinalizar debidamente, según os modelos oficiais, os novos límites territoriais, mediante os sinais que sexan necesarios, substituíndo se é preciso os antigos instalados co dito fin. Este cambio de sinalización será financiado por cada concello na parte que o afecte.

Todo iso sen prexuízo das operacións de demarcación, deslindamento e amolloamento previstas de xeito preceptivo na normativa reguladora de réxime local.

Ambos os dous concellos difundirán do xeito máis adecuado os novos límites municipais, especialmente entre organismos oficiais e empresas cuxa actividade se basee ou teña relación especial co territorio para producir as menores molestias e impedimentos aos cidadáns.

2. Poboación e padrón municipal.

As modificacións que a alteración produza en relación coa poboación de cada concello e o seu reflexo nos respectivos padróns municipais levaranse a cabo de oficio por ambos os dous concellos de conformidade coa lexislación de réxime local aplicable.

3. Actividades e servizos públicos.

A realización de actividades e a prestación de servizos públicos no ámbito territorial afectado pola alteración poderá prolongarse excepcionalmente, de xeito voluntario e logo de acordo entre ambos os dous concellos que incluirá, se procede, as compensacións económicas que se establezan, por parte do concello orixinariamente titular deles durante o tempo necesario para asegurar a prestación axeitada aos cidadáns.

Cada concello responderá dos gastos derivados da prestación dos servizos públicos realizada nos ámbitos territoriais que se modifican ata o momento da entrada en vigor da alteración dos termos municipais, sen que ningún deles poida reclamar ao outro compensación ningunha neste sentido.

Así mesmo, as modificacións, adaptacións e reaxustes tanto técnicos coma económicos que sexa preciso facer nos servizos municipais prestados de xeito indirecto a consecuencia da alteración serán da exclusiva responsabilidade de cada unha das corporacións, sen que poidan exixirse entre elas achegas económicas con este fin nin reclamar danos ou perdas.

4. Bens.

Os bens de titularidade de cada concello en calquera dos seus tipos (de uso público, de servizo público, patrimoniais ou comunais) e o seu réxime non se verán afectados de ningún xeito a consecuencia da alteración, manténdose deste xeito as titularidades, clasificación e réxime xurídico existentes.

5. Contratación.

Serán da exclusiva responsabilidade de cada concello as consecuencias xurídicas e económicas que, derivadas da alteración dos termos municipais, se produzan en todo tipo de contratos que levasen a cabo aqueles ou nos que se atopen en execución ou en tramitación administrativa.

Cada concello procederá á paralización dos expedientes de contratación e ao seu arquivamento cando aqueles se vexan afectados pola alteración que se aproba.

6. Facendas locais.

Cada concello manterá a competencia para exixir por vía de constriximento os tributos, impostos e demais recursos das facendas locais non recadados en vía voluntaria antes da entrada en vigor da nova delimitación dos termos municipais, tanto no relativo aos expedientes xa iniciados como aos que poidan iniciarse.

7. Urbanismo.

Respecto das actuacións en materia de planeamento, xestión e intervención na edificación e uso do solo cada concello paralizará os expedientes en trámite e procederá á súa resolución denegatoria ou desestimativa en razón da perda da competencia territorial.

Respecto ao exercicio das facultades de reposición da legalidade urbanística e da potestade sancionadora na materia, cada concello procederá a remitir, no prazo dun mes a contar desde a entrada en vigor da alteración, ao outro copia daqueles expedientes que se atopen en trámite ou nos cales se realicen actuacións de execución derivadas de actos e resolucións firmes en vía administrativa e/ou xurisdicional para que o novo titular da competencia territorial asuma, se así o considera oportuno, a realización dos trámites que procedan.

8. Comisión de interpretación.

Para a correcta execución e desenvolvemento das presentes estipulacións, a interpretación das dúbidas que puidesen xurdir e a resolución de conflitos créase unha comisión paritaria mixta dos dous concellos que estará constituída do seguinte xeito:

Co-presidentes:

– Alcalde-presidente do Concello de Ourense (ou concelleiro en quen delegue).

– Alcalde-presidente do Concello de Barbadás (ou concelleiro en quen delegue).

Vogais:

– Un concelleiro de cada corporación municipal.

– O interventor xeral municipal do Concello de Ourense.

– O/a interventor/a do Concello de Barbadás.

– Un técnico municipal de cada concello.

Secretaría conxunta:

– O secretario xeral do Pleno do Concello de Ourense.

– A secretaria xeral do Concello de Barbadás.

Os membros electivos da comisión serán nomeados polos respectivos alcaldes.

Ourense, 10 de xullo de 2014

Agustín Fernández Gallego
Alcalde-presidente