Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 1 de agosto de 2014 Páx. 33400

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2014 pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial modificado do parque empresarial de Touro, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de xuño de 2014.

En cumprimento do disposto nos artigos 13 e 14 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a parte dispositiva do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de xuño do 2014 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial modificado do parque empresarial de Touro (A Coruña), que literalmente di:

«Aprobar definitivamente o proxecto sectorial modificado do parque empresarial de Touro (A Coruña) –sometido a información pública mediante Anuncio do 25 de setembro de 2013 (DOG nº 192, do 8.10.2013)–, para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal».

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), faise pública a modificación das disposicións normativas do proxecto sectorial do parque empresarial de Touro, aprobadas polo Consello da Xunta do 9.6.2011 (DOG núm. 133, do 12.7.2011; DOG núm. 36, do 21.2.2012) para a súa entrada en vigor:

Normativa urbanística.

1. Normas xerais.

1.1. Normas xerais de procedemento.

1.1.2. Natureza.

As ordenanzas reguladoras do proxecto sectorial constitúense de acordo coa Lei de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia (Lei 9/2002, do Parlamento de Galicia, do 30 de decembro) e as súas posteriores modificacións.

2. Normas de parcelación.

2.4. Segregación de parcelas.

Poderanse dividir parcelas para formar outras de menor tamaño, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

A) A segregación terá os parámetros de ocupación e recuamentos correspondentes ás prescricións que estas ordenanzas sinalan para cada zona segundo o novo tamaño obtido.

B) Establecerase a edificabilidade das novas parcelas de forma que a suma da superficie edificable destas non supere a da parcela orixinaria. Así mesmo, en caso de ser necesario, redactarase o correspondente estudo de detalle que reflicta a ordenación e parcelación resultante segundo o indicado no número 1.1.5. das presentes ordenanzas.

C) As parcelas resultantes non serán menores de 300 m2 e a súa fronte non será menor de 10 m.

D) Se con motivo da subdivisión de parcelas for preciso realizar obras de urbanización, estas realizaranse con cargo ao titular da parcela orixinaria.

E) En caso de que a segregación de parcelas non responda a un proxecto edificatorio único para toda a parcela primitiva, será preciso que o estudo de detalle (en caso de que este sexa necesario) reflicta a ordenación e parcelación resultante que afecte toda a parcela primitiva, de forma que se garanta o cumprimento da letra B).

3. Normas comúns de edificación.

3.1. Normas de orde.

3.1.1. Licenzas.

Para a realización dentro do ámbito de aplicación do presente proxecto sectorial de calquera tipo de obra e instalacións de nova planta, ampliación, consolidación, reforma ou calquera outro dos supostos establecidos no artigo 194 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou o artigo 10 do Regulamento de disciplina urbanística, será imprescindible a obtención previa da licenza municipal.

No caso de obtención de licenza de edificación, será imprescindible que a parcela en que se proxecte edificar dispoña dos servizos urbanísticos mínimos ou, se é o caso, que se garanta debidamente a realización e/ou reposición simultánea destes, coas obras solicitadas.

O procedemento de outorgamento de licenzas axustarase ao establecido para este caso na lexislación de réxime local e no Plan xeral de ordenación municipal.

O Concello fixará os avais que garantan a reparación dos danos que se puideren ocasionar nas vías públicas e que sexan imputables aos beneficiarios das parcelas.

3.4. Condicións de uso.

3.4.3. Usos obrigados.

Serán os especificados no plano de zonificación do presente proxecto sectorial de ordenación e nas presentes ordenanzas, e deberanse cumprir en todo caso as especificacións contidas no Plan xeral de ordenación municipal.

3.5. Condicións de seguridade.

3.5.1. Instalacións de protección contra o lume.

Axustaranse ao disposto na DB-SI do CTE, no Real decreto 486/1997, de disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo e nas demais disposicións legais vixentes que lle sexan de aplicación.Todas as novas edificacións que se realicen ao abeiro destas normas deberán observar as medidas que, respecto da prevención e protección de incendios, conteña a correspondente ordenanza municipal e as demais disposicións vixentes de obrigado cumprimento. As construcións existentes en novas normativas adecuaranse ás ditas regulamentacións no tempo e forma que establezan as ditas regulamentacións.

3.5.2. Normativa oficial.

Ademais do preceptuado nas presentes ordenanzas reguladoras, os usuarios das industrias deberán aterse ás restantes normas e prescricións establecidas na lexislación seguinte:

– Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e demais disposicións complementarias.

– Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, do 30 de novembro de 1961 (Decreto 2414/1961).

– O Código técnico da edificación, especialmente o DB-SI «Seguridade en caso de incendio».

Se nun caso concreto concorreren circunstancias especiais que fagan aparecer dúbidas de interpretación sobre un ou varios dos artigos incluídos nas presentes ordenanzas, observarase o que ditaminen os servizos técnicos do concello.

4. Normas particulares de edificación.

4.1. Ordenanza da zona I (industrial).

4.1.4. Condicións de edificación.

A) Aliñacións e rasantes.

As aliñacións exteriores son as definidas nos planos de «zonificación» (plano 2.1.) e «parcelario» (plano 2.2).

B) Recuamentos mínimos.

– Frontais: para parcelas de menos de 5.000 m2 os recuamentos serán de 5 metros, para parcelas entre 5.000 e 10.000 serán de 10 metros, e para parcelas de máis de 10.000 m2 serán de 15 metros (plano 2.2).

– Traseiros: serán de 5 metros en todos os casos (plano 2.2).

– Laterais: para parcelas de menos de 2.000 m2 serán 0 metros, parcelas maiores serán 5 metros (plano 2.2).

C) Parcela mínima.

O proxecto sectorial propón no plano parcelario o tamaño das parcelas. Este plano é indicativo e poden realizarse agrupacións que dean lugar a parcelas de superficie superior ou segregacións que dean lugar a parcelas de superficie inferior, sen que en ningún caso esta poida ser inferior a 300 m2.

D) Parcela máxima.

Non se establece parcela máxima, pero si debe ser considerada como unha soa parcela aquela que resulte da segregación de varias parcelas cun mesmo uso.

Tanto a agregación coma a segregación de parcelas estarán suxeitas aos puntos 2.3 y 2.4 do presente instrumento de ordenación.

E) Edificabilidade de parcela.

Será de 1,03 m2/m2 para todas as parcelas de uso industrial.

F) Ocupación máxima.

A ocupación máxima será a que determinen os recuamentos.

No espazo non ocupado pola edificación deberán preverse espazos necesarios para a carga e descarga de mercadorías e aparcadoiro de vehículos. En cada parcela deberase reservar un mínimo de prazas de aparcadoiro en función da superficie edificada computable. Nos usos industriais será 1 praza de aparcadoiro por cada 200 m2 ou fracción e nos usos comerciais-terciarios será 1 praza por cada 62,5 m2 ou fracción. Estas prazas estarán perfectamente delimitadas coas dimensións que marca a normativa e non poderá dedicarse a outro uso. Ademais das zonas non ocupadas da parcela tamén poderán disporse no interior da edificación.

G) Altura.

– A medición de alturas realizarase respectando conxuntamente os valores máximos admisibles para a altura reguladora en metros e o número de plantas definidos a seguir.

– A altura máxima da edificación contada a partir da rasante da parcela, no centro da fachada, ata a cara inferior da última placa construída sobre a cal se sitúa a cuberta será de 12 m para o bloque representativo. Para as naves, ata a horizontal de unión dos apoios da cimbra de cuberta, será tamén de 12 m.

– O número máximo de plantas no bloque representativo será de 3 (planta baixa máis dúas plantas) e planta na nave, ben que será admisible un entresollado que non poderá superar o 50 % da superficie útil da nave. Esta superficie non computará para os efectos do cálculo da edificabilidade.

– Por riba da altura máxima autorizada admitiranse os elementos singulares necesarios por razón da actividade.

H) Fondos edificables.

O fondo edificable será libre, e gardaranse os recuamentos frontais e traseiros exixidos na letra B).

I) Sotos e semisotos.

Autorízanse, guardando as condición previstas no número 1.3.24.

J) Voos.

Permitiranse voos máximos de 1 metro (1,00 m) sobre a liña de edificación.

K) Marquesiñas.

As marquesiñas que se proxecten na planta baixa dos edificios deberán axustarse ás seguintes condicións:

– A altura sobre rasante será como mínimo de 3 metros, e non poden exceder, en ningún caso, a altura da placa que forma o teito da planta baixa.

– O voo máximo sobre a liña de edificación será de 2 metros.

– Deberá ser proxectada sempre en beiril.

L) Letreiros.

Permítese a colocación de letreiros anunciadores en edificios e peches, sempre que se axusten ás normas aplicables e se solicite o permiso municipal correspondente.

M) Peches de parcelas.

Os peches de parcela non poderán ser macizos na súa totalidade.

Permitirase un zócolo continuo dunha altura máxima de 0,80 metros. Por riba deste zócolo, as partes macizas só poderán ocupar un 20 % da superficie total do peche.

4.1.5. Condicións de uso.

Neste punto defínense as condicións de uso, en concordancia coas normas particulares de uso do número 5 da presente normativa.

Establécese unha porcentaxe máxima de ocupación para os usos comerciais-terciarios do 40 % da zona I. Os usos industriais poderán ocupar o 100% da zona I. En cada parcela, segundo o seu uso, deberá reservarse o número de prazas de aparcadoiro indicado no punto 4.1.4 F).

Estes porcentaxes de ocupación refírense á ratio que representa o uso con respecto ao total da zona I e non deben confundirse coa ocupación máxima definida para cada parcela polos recuamentos.

A) Usos permitidos.

– Industrial-almacén: en todas as categorías.

– Garaxe-aparcadoiro:

Categoría 2ª: garaxe-aparcadoiro anexo a outros usos.

Categoría 3ª: garaxe-aparcadoiro en edificio exclusivo.

Categoría 4ª: talleres de mantemento, entretemento e limpeza de automóbiles.

Categoría 5ª: estacións de servizo.

– Comercial: en todas as categorías.

– Oficinas e servizos administrativos: vinculados á actividade principal.

– Vivenda: permitirase unicamente en parcelas de superficie maior de 2.000 m2 cando o uso sexa exclusivamente para o servizo de vixilancia e gardaría das instalacións industriais e comerciais.

Nese caso, permitirase unha vivenda por instalación, que se situará no bloque representativo, cunha superficie construída non superior a 150 m2.

B) Usos prohibidos.

Todos os non incluídos na relación de permitidos.

4.2. Ordenanza da zona EQ (equipamento).

4.2.1. Ámbito.

Esta ordenanza será de aplicación na parcela de cesión que no plano de zonificación se cualifica como solo de equipamento, destinado á prestación de servizos sanitarios, asistenciais, educativos, culturais, deportivos e outros que sexan necesarios.

4.3. Ordenanza de zona ZV (zonas verdes).

4.3.1. Ámbito.

Esta ordenanza será de aplicación ás parcelas de cesión destinadas a xardíns e zonas verdes que no «plano de zonificación» se cualifica como solo de «zona verde».

5. Normas particulares de uso.

5.1. Definición e clasificación.

A ordenación do sector débese realizar de acordo coas ordenanzas do PXOM de Touro que lle sexan aplicables.

Para os efectos das presentes ordenanzas establécense a seguir os usos da edificación e das parcelas que poidan, en cada caso e de acordo co planeamento, considerarse como anexos a elas.

Clasificación de usos:

– Industrial-almacén.

– Garaxe-aparcadoiro e servizos do automóbil.

– Oficinas e edificios administrativos.

– Comercial.

– Equipamento, lecer e recreativo.

– Hoteleiro.

– Infraestruturas.

– Vías.

– Vivenda.

Esta clasificación operativa de usos non posúe carácter exhaustivo e non pode prever a posibilidade de actividades complexas.

Nos citados casos, así como naqueles en que se dea simultaneidade de usos, aplicaranse de forma razoable e combinada as especificacións relativas a cada clase de uso.

5.2. Uso industrial-almacén.

5.2.3. Condicións.

Cumprirán as que fixe a lexislación vixente sobre a materia e as que se establezan nos puntos seguintes:

a) As actividades permitidas deberán estar autorizadas polo Regulamento de actividades molestas, nocivas, insalubres e perigosas e cumprirán coas normas sobre seguridade e saúde nos lugares de traballo.

b) A superficie que ocupa unha actividade vén fixada pola suma de superficies de todos os locais e espazos destinados a traballo industrial. Cando nun mesmo taller se desenvolvan actividades comprendidas en diversos epígrafes do regulamento, a superficie total non superará a máis alta das máximas permitidas por aqueles, nin as parciais excederán o específico que lle corresponda.

c) Os locais en que se prevén postos de traballo deberán ter, como mínimo, unha superficie por cada un deles de 2 m2 e un volume de 10 m3.

d) Exíxese a iluminación e ventilación natural ou artificial. No primeiro caso, os ocos de luz e ventilación deberán ter unha superficie total non inferior a 1/8 da que teña a planta do local.

e) Disporán de aseos independentes para os dous sexos, a razón dun inodoro (e un urinario en caso de varóns), un lavabo e unha ducha por cada grupo de 20 obreiros ou fracción.

f) As escaleiras de circulación xeral terán un largo mínimo de 1 m.

g) Todos os paramentos interiores, así como os pavimentos, serán impermeables e lisos. Os materiais que constitúan a edificación deberán ser incombustibles e as estruturas resistentes ao lume e de características tales que non permitan que cheguen ao exterior ruídos nin vibracións cuxos niveis excedan os determinados nas ordenanzas.

h) Para o movemento das máquinas, aparellos e para a iluminación, unicamente se permite o emprego de enerxía eléctrica, e non se deberá utilizar a de orixe térmica, máis que nos casos de emerxencia.

i) A potencia electromecánica está determinada pola suma dos motores que accionan as máquinas e aparellos e expresarase en cabalos de vapor (CV) ou denominación equivalente. Non se avaliará como potencia a das máquinas portátiles con forza superior a 1/3 CV cando o número destas non exceda 4, nin as instalacións de aire acondicionado, aparellos elevadores de calquera tipo, ventilación forzada, transportes interiores, bombas para elevación de augas, aire comprimido e, en zonas industriais, a destinada á conservación de alimentos ou xéneros.

j) Cando nun mesmo taller se desenvolven actividades comprendidas en diversas epígrafes do regulamento, a potencia total non superará a máis alta das máximas permitidas por aqueles, nin as parciais excederán o específico que lles corresponda.

k) Os motores e as máquinas, así como toda a instalación, deberán montarse baixo dirección dun técnico legalmente competente. Cumprirán os requisitos necesarios para a seguridade do persoal e, ademais, o que sexa preciso acústica e termicamente co fin de que non se orixinen molestias.

l) A instalación de caldeiras e recipientes de presión estará suxeita ás disposicións vixentes.

m) Se as augas residuais non reuniren, a xuízo dos servizos técnicos municipais correspondentes, as debidas condicións para unha vertedura ao sumidoiro xeral deberán ser sometidas a depuración previa por procedementos adecuados, co fin de que se cumpran as condicións que sinala o Regulamento de actividades molestas, nocivas, insalubres e perigosas e demais disposicións vixentes actualmente ou no futuro sobre a materia.

n) Se os residuos que produce calquera actividade polas súas características non poden ser recollidos polo servizo de limpeza domiciliaria, deberán ser trasladados directamente ao vertedoiro por conta do titular da actividade.

o) A evacuación de pos, gases, vapores e fumes produto de combustión ou actividades realizarase a través da axeitada cheminea cuxa desembocadura superará 5 m a altura do edificio máis alto, propio ou estremeiros, nun raio de 30 m e especificamente para os correspondentes a xeradores de calor cuxa potencia sexa superior a 50.000 kcal.

p) Para a prevención e extinción de incendios disporase das saídas de emerxencia e accesos especiais para salvamento, así como dos aparellos, instalacións e útiles que en cada caso e de acordo coa natureza e características da actividade determinen os servizos técnicos municipais, en función da normativa de aplicación.

5.10.3. Condiciones mínimas.

a) As condicións de hixiene, seguridade, illamento e cuestións afíns serán como mínimo as reguladas polo Decreto 29/2010, sobre habitabilidade das vivendas da CMATI ou norma que o substitúa.

b) As vivendas serán obrigatoriamente exteriores con fronte mínimo de 5 m á rúa ou espazo libre da parcela e nunca en soto ou semisoto.

6. Normas de urbanización.

6.2. Rede viaria.

As calzadas proxectadas sinaladas no proxecto sectorial realizaranse con firmes flexibles, semirríxidos ou ríxidos, adecuados para o paso de vehículos pesados; os bordos serán de formigón e achafranados para permitir a máxima liberdade de acceso ás parcelas; as beirarrúas serán de formigón regrado ou roleteado ou outro material que forme unha superficie uniforme e suficientemente ríxida e resistente para o seu uso.

Todos os encontros das rúas que se corresponden con este novo viario serán dimensionados conforme as Recomendacións para o proxecto de interseccións e as Recomendacións sobre rotondas, da Dirección Xeral do MOPU (1975 e 1989 respectivamente).

7. Condiciones ambientais e hixiénicas.

7.1. Emisións gasosas.

As emisións gasosas das industrias que se instalen axustaranse aos valores máximos admitidos pola Lei 34/2007, de calidade do aire e a protección da atmosfera (BOE do 16.11.2007) e o seu desenvolvemento regramentario sobre valores máximos de emisión.

Atenderase igualmente o establecido na Lei 8/2002, do 18 de decembro, de protección do ambiente atmosférico de Galicia.

En todo o caso, deberá axustarse o resto das normativas que procedan, aprobadas polo concello ou administracións competentes.

7.3. Ruídos.

Os ruídos axustaranse ao establecido na normativa estatal e autonómica de protección contra o ruído.

Mentres no se aprobe a normativa autonómica, aplicaranse na medida do posible os valores da normativa derrogada, que son os seguintes:

Zona de sensibilidade acústica

Valores de recepción en dB(A).

Día (8-22 H)

Noite (22-8 H)

A

60

50

B

65

55

C

70

60

D

75

65

A: zona de alta sensibilidade acústica

B: zona de moderada sensibilidade acústica

C: zona de baixa sensibilidade acústica

D: zona de servidume

Así mesmo, observarase o establecido na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

No se permiten os ruídos que superen os 55 dB(A), medidos no eixe das rúas fronte á parcela que se considere.

Contra o dito acordo poderase interpor, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2014

Por suplencia (Resolución do 23 de xuño de 2014)
Heriberto García Porto
Secretario xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo