Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 28 de xullo de 2014 Páx. 32483

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Monte Redondo, no concello de Padrenda.

O Concello de Padrenda eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da delimitación de solo de núcleo rural de Monte Redondo, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda da LOUG, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Unha vez analizado o expediente remitido, e vista a proposta literal subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

Antecedentes:

1. O Concello de Padrenda non conta con ningunha figura de planeamento xeral e son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias provinciais de 3.4.1991.

2. Constan informes municipais: xurídicos do 24 de xaneiro de 2013 e 26 de novembro de 2013, e técnico do 24 de xullo de 2013.

3. O Concello someteu o expediente a información pública durante un mes, mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia do 16 de setembro de 2013, Faro de Vigo do 19 de setembro e no DOG do 8 de outubro.

4. Consta certificado do 26.9.2013, do secretario interventor do Concello, sobre a inexistencia de alegacións ao expediente no período de exposición pública.

5. O 27 de xuño de 2013, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable ao expediente condicionado a realizar unha serie de correccións.

6. O Pleno do Concello, en sesión ordinaria que tivo lugar o 13 de decembro de 2013, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Monte Redondo.

7. O 19.12.2013 o Concello solicitou da CMAIT a aprobación definitiva da delimitación. O 11.3.2014 requiríuselle que procedese á emenda de erros documentais. O 13.5.2014 recíbese a documentación corrixida. O 19.5.2014 requiriuse do Concello que modificase a delimitación para que se axuste á aprobada provisionalmente polo Pleno do 13 de decembro de 2013. O 26.5.2014 recíbese a documentación corrixida conforme o requirimento.

Análise e consideracións:

1. O ámbito abrangue a zona de solo rústico do asentamento tradicional de Monte Redondo identificado administrativamente no Decreto 332/1996, do 26 de xullo, que aproba o nomenclátor das entidades de poboación de Ourense, situado en contacto co espazo protexido da Rede Natura 2.000, o lugar de interese comunitario da Baixa Limia.

2. A delimitación do núcleo de Monte Redondo adaptada á LOUG ampárase na aplicación do establecido no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG. Proponse a delimitación do asentamento poboacional de Monte Redondo como núcleo rural complexo con dúas partes diferenciadas: a do núcleo histórico tradicional, cunha superficie de 51.560 m2, e a de núcleo rural común, cunha superficie de 7.855 m2, conforme o establecido no artigo 13 da LOUG e no punto 3.1.7 das determinacións das directrices de ordenación do territorio, aprobadas polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro.

3. No expediente xustifícase que o núcleo delimitado se formou por un conxunto de pequenos asentamentos ou lugares con topónimos diferenciados, Cochos, Congostro, O Coto, O Covelo, Outón, O Pereiro e Cerdeiro, que ao longo do tempo foron crecendo e uníndose uns cos outros, ata formar un agregado practicamente colmatado.

4. O asentamento histórico tradicional está constituído por 99 edificacións, das cales 52 son tradicionais de uso residencial, cunha consolidación edificatoria dun 68,75 %, mentres que a zona común do núcleo rural está formada por tres edificacións, cunha porcentaxe de consolidación do 33,33 %.

5. O documento fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados, define o trazado viario, asumindo nalgunhas partes as aliñacións existentes, e identifica tres elementos de valor cultural (entre os cales se atopan oito casas tradicionais, un alpendre tradicional e catorce canastros), dous equipamentos existentes (dous lavadoiros, un no núcleo rural común e outro no núcleo rural histórico tradicional) e un espazo libre (unha área de recreo dentro do núcleo rural histórico tradicional, no lugar de Cerdeiro).

6. Incorpórase como documento nº 4 o estudo do medio rural e modelo de asentamento poboacional, no cal se inclúen a análise pormenorizada do medio rural e as propiedades dos asentamentos do municipio, con referencia ao núcleo de Monte Redondo.

Resolución:

1º. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Monte Redondo, concello de Padrenda.

2º. Contra esta resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3º. Notifíquese esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2014

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file