Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 7 de xullo de 2014 Páx. 30276

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2014 pola que se dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente destinado en centros educativos non universitarios dependentes desta consellería.

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establece no artigo 7.2.3 que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará as funcións que establece o artigo 31.3º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificado pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, en relación co persoal da Xunta de Galicia que presta servizos nos centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Entre estas atópase a vixilancia da saúde de dito persoal que, en todo caso, deberá contar co seu consentimento e respectar o seu dereito á intimidade e á dignidade.

Con base no dito con anterioridade, publícase esta convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito educativo para o persoal docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de acordo coas seguintes premisas:

Primeira. Obxecto

Prestación da vixilancia da saúde ao persoal docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en función dos riscos inherentes ao traballo, segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Segunda. Ámbito de aplicación

É aplicable ao persoal docente que presta servizos nos centros docentes públicos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceira. Inscrición

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no seguinte enlace: https://revisionmedicadocentes.xunta.es

A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.

Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2014.

As/os responsables dos distintos centros de traballo facilitarán as instrucións necesarias para a inscrición.

Cuarta. Citacións

A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de 5 días, que o/a traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2014

P.D. (Orde do 25.1.2012)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria