Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 26 de xuño de 2014 Páx. 28947

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de maio de 2014, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV O Irixo-Lalín, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 8 de maio de 2014, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV O Irixo-Lalín, promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27.3.2008, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto sectorial, os planeamentos dos concellos do Irixo (Ourense) e Dozón e Lalín (Pontevedra) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV O Irixo-Lalín.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV O Irixo-Lalín

1. Planeamento vixente nos concellos afectados.

A futura liña eléctrica de alta tensión de 132 kV O Irixo-Lalín afectará os termos municipais do Irixo, Dozón e Lalín. O concello do Irixo pertence á provincia de Ourense, no entanto Dozón como Lalín están situados na provincia de Pontevedra. O obxecto deste proxecto sectorial é o de adaptar o planeamento vixente dos tres municipios afectados ás limitacións que leva consigo a localización das instalacións nos seus límites, para o cal se estudaron os planeamentos urbanísticos de cada un deles.

O planeamento urbanístico vixente dos concellos afectados é o seguinte:

– Concello do Irixo: réxese actualmente polas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o día 30 de xullo de 1993.

– Concello de Dozón: non conta con instrumento propio de planeamento xeral. Polo que no solo rústico, segundo a disposición adicional 2ª da Lei 9/2002, do 30 de novembro, de ordenación urbanística do medio rural de Galicia (LOUG) se aplicará o réxime establecido na dita lei.

– Concello de Lalín: réxese polo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o día 5.2.1999.

Segundo o réxime do solo rústico, aplicable a toda a traza da liña eléctrica, rexido pola LOUG e as leis posteriores que a modifican, Lei 15/2004, do 29 de decembro, Lei 6/2007, do 11 de maio, e Lei 6/2008, do 19 de xuño, entre outras, as instalacións necesarias para as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica son un uso permitido en calquera clase deste solo, coa particularidade de necesidade de autorización autonómica previa no caso de afectar a solo rústico de especial protección de espazos naturais. Non obstante, desta autorización tamén están eximidos os proxectos sectoriais en virtude do artigo 34.4 da LOUG.

Os concellos afectados ou non teñen normativa propia ou a súa normativa é anterior á LOUG e non está adaptada a ela, polo que naqueles aspectos que a súa normativa se poida ver enfrontada á citada lei, esta prevalecerá sobre as normas anteriores. Por tanto, no réxime do solo rústico aplícase o establecido na LOUG e as súas modificacións.

2. Clasificación e cualificación da totalidade dos terreos.

A continuación descríbense a clasificación e cualificación dos terreos afectados segundo cada un dos tres concellos.

2.1. Tipo de solo afectado pola futura liña eléctrica no concello do Irixo.

Este concello conta con normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 30.7.1993. Os terreos afectados pola futura liña eléctrica están clasificados como solo non urbanizable común de protección forestal, de protección de paisaxe natural e de protección de leitos fluviais.

Posto que se trata dun plan non adaptado á LOUG correspóndelle, segundo a disposición transitoria 1ª desta lei, o réxime do solo rústico correspondente a esta lei.

A continuación descríbense as características de cada un dos tipos de solo afectado:

a) Solo non urbanizable especialmente protexido polo seu valor forestal:

O obxecto de protección especial deste solo é o de garantir os potenciais forestais (de valor económico e paisaxístico), fixando o uso do solo, ditando normas que impidan esquilmar o solo.

As determinacións que garanten a especial protección forestal neste tipo de solo son:

– Neste solo non se permitirá ningún tipo de construción, ben que a súa superficie poderá computarse sempre que a edificación se sitúe fóra destas zonas, no solo non urbanizable de réxime común e cumpra as condicións deste.

– O uso exclusivo deste solo será o forestal.

– O máximo de talla anual será dun 15 % da superficie desta cualificación, coa obrigatoriedade de sementar unha superficie equivalente no prazo dun ano.

– O concello poderá ditar normas complementarias que non afecten nunca o obxecto da protección especial, de cara a impedir esquilmar o solo para este uso e evitar que se altere a evolución vexetal da zona.

– Permitiranse as explotacións deportivas, de caza e, cando o aprobe o organismo competente, as explotacións forestais.

– Nas zonas catalogadas como tales aplicarase a Ordenanza especial de monte protexido.

b) Solo non urbanizable de protección forestal de leitos fluviais:

O obxecto de protección especial deste solo é o de garantir a non contaminación das augas de descarga dos acuíferos por actuacións sobre o dito solo e preservar os valores paisaxísticos dos bordos dos leitos fluviais e encoros no termo municipal do Irixo.

Neste tipo de solos non poderán verterse residuos de calquera índole sen unha depuración total previa. Tampouco se permitirá ningún tipo de edificacións ben que a súa superficie se poderá computar sempre que a edificación se sitúe fóra destas zonas, no solo non urbanizable de réxime común e que cumpran as condicións deste.

c) Solo non urbanizable de protección especial da paisaxe natural:

O obxecto da protección deste solo é garantir a subsistencia dos elementos fundamentais que configuran a paisaxe natural.

As determinacións que garanten a protección especial da paisaxe natural son:

– Permítese soamente o uso de vivenda coas mesmas condicións do solo non urbanizable común, salvo que a parcela mínima sexa de 2.500 m2 e a distancia entre edificacións superior a 50 m.

– Non se poderá alterar o terreo natural e a disposición dos volumes será tal que non impida contemplación da paisaxe nin produza un impacto sobre ela.

– As explotacións agrícolas que se poidan autorizar neste solo deberán de garantir o cumprimento destes extremos polo que deberán presentar un estudo previo de acomodación ao medio natural antes da concesión da licenza.

– Non se poderá realizar talla de árbores e o concello poderá impoñer a plantación de novas especies autóctonas, debéndose garantir que non se alterará a evolución da vexetación natural da zona.

2.2. Tipo de solo afectado pola futura liña eléctrica no concello de Dozón.

Este concello non conta con instrumento propio de planeamento xeral, polo que no solo rústico, segundo a disposición adicional 2ª da LOUG, aplicarase integramente o réxime establecido na dita lei.

Así, o réxime que se establece no solo rústico dentro da LOUG é o seguinte:

As facultades e deberes dos propietarios en solo rústico (segundo o artigo 31 da LOUG).

1. Os propietarios de terreos clasificados como solo rústico terán o dereito a usar, desfrutar e dispoñer deles, de conformidade coa natureza e destino rústico deles. Para estes efectos, os propietarios poderán levar a cabo:

a) Accións sobre o solo ou subsolo que non impliquen movemento de terras, tales como aproveitamentos agropecuarios, pastoreo, cavadura e desecamento, así como valados con elementos naturais ou de sebes.

b) Accións sobre as masas arbóreas, tales como aproveitamento de leña, aproveitamento madeireiro, entresacas, mellora da masa forestal, outros aproveitamentos forestais, repoboacións e tratamento fitosanitario, de conformidade coa lexislación aplicable en materia forestal.

Ademais, poderán levar a cabo as actuacións complementarias e imprescindibles para o aproveitamento madeireiro, tales como a apertura de vías de saca temporais, os cargadeiros temporais de madeira e o estacionamento temporal de maquinaria forestal, sempre que os propietarios se comprometan a repoñer os terreos ao seu estado anterior no prazo que se determine. Para estes efectos, o concello poderá exixir a prestación das garantías necesarias* (* o último parágrafo deste punto foi engadido pola Lei 15/2004).

c) Outras accións autorizadas nos termos previstos nesta lei.

2. Os propietarios de solo rústico deberán:

a) Destinalos a fins agrícolas, forestais, gandeiros, cinexéticos, ambientais ou a outros usos vinculados á utilización racional dos recursos naturais dentro dos límites que, se é o caso, estableza esta lei, o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio.

b) Solicitar autorización da comunidade autónoma para o exercicio das actividades autorizables nos casos previstos nesta lei, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial correspondente.

c) Solicitar, nos supostos previstos na lexislación urbanística, a oportuna licenza municipal para o exercicio das actividades recollidas no artigo 33 desta lei.

d) Realizar ou permitir realizar á Administración competente os traballos de defensa do solo e a vexetación necesarios para a súa conservación e para evitar riscos de inundación, erosión, incendio, contaminación ou calquera outro risco de catástrofe ou simple perturbación do ambiente, así como da seguridade e saúde públicas.

e) Cumprir as obrigas e condicións sinaladas nesta lei para o exercicio das facultades que correspondan segundo a categoría de solo rústico, así como as maiores restricións que sobre elas impoña o planeamento urbanístico e a autorización autonómica outorgada ao abeiro desta lei.

As categorías de solo rústico (segundo o artigo 33 da LOUG).

No solo rústico distinguiranse as seguintes categorías:

1. Solo rústico de protección ordinaria, constituído polos terreos que o planeamento urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio estimen inadecuados para o seu desenvolvemento urbanístico, en razón ás súas características xeotécnicas ou morfolóxicas, o alto impacto territorial que levaría consigo a súa urbanización, os riscos naturais ou tecnolóxicos ou en consideración aos principios de utilización racional dos recursos naturais ou de desenvolvemento sustentable (redacción segundo a Lei 15/2004).

2. Solo rústico especialmente protexido, constituído polos terreos que polos seus valores agrícolas, gandeiros, forestais, ambientais, científicos, naturais, paisaxísticos, culturais, suxeitos a limitacións ou servidumes para a protección do dominio público ou doutra índole deban estar sometidos a algún réxime especial de protección incompatible coa súa transformación, de acordo co disposto neste punto. Dentro deste tipo de solo rústico especialmente protexido distinguiranse as seguintes categorías:

a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos de alta produtividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou zonas onde se encraven, así como polos terreos obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor da LOUG e polos terreos concentrados con resolución firme producida nos dez anos anteriores a esta data, salvo que teñan que ser incluídos na categoría de solo rústico de protección forestal. Non obstante, o plan xeral poderá excluír xustificadamente desta categoría os ámbitos lindantes sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais que resulten necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, que serán clasificados como solo urbanizable ou incluídos na área de expansión dos núcleos rurais, respectivamente (redacción segundo a Lei 15/2004).

b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e os que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumprir funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo, e igualmente por aqueles terreos de monte que, aínda que non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumprir as ditas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como por aquelas que sufrisen os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela. Igualmente considéranse solo rústico de protección forestal aquelas terras que declare a Administración competente como áreas de especial produtividade forestal, os montes públicos e os montes veciñais en man común. Non obstante, os montes veciñais en man común poderán ser cualificados como solo rústico de protección forestal ou incorporados polo plan a calquera outra categoría de solo rústico especialmente protexido que se estime máis adecuada.

c) Excepcionalmente, o plan xeral poderá excluír desta categoría as áreas sen masas arboradas merecedoras de protección, lindantes sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais, que resulten necesarias para o desenvolvemento urbanístico racional (redacción segundo a Lei 15/2004).

d) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

e) Solo rústico de protección das augas, constituído polos terreos, situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano, definidos na lexislación reguladora das augas continentais como leitos naturais, ribeiras e marxes das correntes de auga e como leito ou fondo das lagoas e encoros, terreos inundados e zonas húmidas e as súas zonas de servidume. Así mesmo, incluiranse nesta categoría as zonas de protección que para tal efecto delimiten os instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio, que se estenderán, como mínimo, á zona de policía definida pola lexislación de augas, salvo que o plan xustifique suficientemente a redución. Igualmente terán a dita consideración os terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano con risco de inundación, e aqueles baixo os cales existan augas subterráneas que deban ser protexidas. Non obstante o anterior, as correntes de auga de escasa entidade que discorran dentro do ámbito dun sector de solo urbanizable quedarán debidamente integradas no sistema de espazos libres públicos, con suxeición ao réxime de solo urbanizable (redacción segundo a Lei 15/2004).

f) Solo rústico de protección de costas, constituído polos terreos, situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano, que se encontren a unha distancia inferior a 200 m do límite interior da ribeira do mar. Excepcionalmente, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o plan xeral de ordenación municipal poderá reducir, por razóns debidamente xustificadas, a franxa de protección ata os 100 m contados desde o límite interior da ribeira do mar.

g) Solo rústico de protección de espazos naturais, constituído polos terreos sometidos a algún réxime de protección por aplicación da Lei 9/2001, de conservación da natureza, ou da lexislación reguladora dos espazos naturais, a flora e a fauna. Igualmente terán a dita consideración os terreos que os instrumentos de ordenación do territorio, as normas provinciais de planeamento ou o planeamento urbanístico estimen necesario protexer polos seus valores naturais, ambientais, científicos ou recreativos.

h) Solo rústico de protección paisaxística, constituído polos terreos que determine o planeamento urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio coa finalidade de preservar as vistas panorámicas do territorio, o mar, o curso dos ríos ou os vales, e dos monumentos ou edificacións de singular valor (redacción segundo a Lei 15/2004).

i) Solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, que estean recollidas no planeamento ou na lexislación sectorial que lles sexa de aplicación.

j) As demais que se determinen regulamentariamente.

3. Cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, optarase entre incluílo na categoría que outorgue maior protección ou ben incluílo en varias categorías, cuxos réximes se aplicarán de forma complementaria; neste caso, se se produce contradición entre os ditos réximes, prevalecerá a que outorgue maior protección.

4. Sen prexuízo de manter a súa clasificación como solo rústico especialmente protexido, poderán adscribirse os terreos como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes públicas aos novos desenvolvementos urbanísticos que estean previstos nos terreos lindantes, sen que se teña en conta a súa superficie para os efectos de cómputo de edificabilidade nin densidade.

5. Nos municipios con máis do 40 % da superficie do termo municipal clasificada como solo rústico de especial protección de espazos naturais, en aplicación do artigo 32 desta lei, o plan xeral de ordenación municipal poderá outorgar outra clasificación en ámbitos lindantes sen solución de continuidade co solo urbano e cos núcleos rurais que resulten imprescindibles para o desenvolvemento urbanístico sustentable, sempre que o plan conteña as medidas necesarias para a integración da ordenación proposta coa paisaxe e os valores merecedores de protección (rengadido pola Lei 15/2004).

Usos e actividades en solo rústico (segundo o artigo 33 da LOUG). Os usos e actividades posibles en solo rústico serán os seguintes:

1. Actividades e os seus usos non construtivos:

a) Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragaduras, defensa de ríos e rectificación de leitos, abancalamentos, desmontes, recheos e outras análogas.

b) Actividades de ocio, tales como práctica de deportes organizados, acampada dun día e actividades comerciais ambulantes.

c) Actividades científicas, escolares e divulgativas.

d) Depósito de materiais, almacenamento de maquinaria e estacionamento de vehículos ao aire libre.

e) Actividades extractivas, incluída a explotación mineira, as canteiras e a extracción de agregados ou terras.

2. Actividades e usos construtivos:

a) Construcións e instalacións agrícolas, tales como as destinadas ao apoio das explotacións hortícolas, almacéns agrícolas, viveiros e invernadoiros.

b) Construcións e instalacións destinadas ao apoio da gandaría extensiva e intensiva, granxas, currais domésticos e instalacións apícolas.

c) Construcións e instalacións forestais destinadas á extracción da madeira ou a xestión forestal e as de apoio á explotación forestal, así como as de defensa forestal.

d) Instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e previstas na ordenación sectorial destas, así como, en todo caso, as de subministración de carburante.

e) Construcións e rehabilitacións destinadas ao turismo rural e que sexan potenciadoras do medio onde se sitúen.

f) Instalacións necesarias para os servizos técnicos de telecomunicacións, a infraestrutura hidráulica e as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, abastecemento de auga e saneamento, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren. En todo caso, as edificacións necesarias para o funcionamento das infraestruturas e servizos técnicos en solo rústico que sobrepasen os 50 m cadrados edificados precisarán autorización autonómica previa á licenza urbanística municipal, con arranxo ao procedemento establecido polo artigo 41 desta lei (redacción segundo a Lei 15/2004).

g) Construcións e instalacións para equipamentos e dotacións que teñan que emprazarse necesariamente no medio rural, como son: os cemiterios, as escolas agrarias, os centros de investigación e educación ambiental e os campamentos de turismo. Ademais, mediante a aprobación dun plan especial de dotacións regulado polo artigo 71 da presente lei, poderán permitirse equipamentos sanitarios, asistenciais e educativos, públicos ou privados, que en ningún caso poderán situarse a unha distancia superior a 1.000 m do solo urbano (redacción segundo a Lei 15/2004).

h) Construcións destinadas a usos residenciais vinculados á explotación agrícola ou gandeira.

i) Cerres ou valado de predios nas condicións establecidas polo artigo 42.1.c) desta lei (redacción segundo a Lei 15/2004).

j) Actividades de carácter deportivo, cultural e recreativo que se desenvolvan ao aire libre, coas obras e instalacións mínimas e imprescindibles para o uso de que se trate (redacción segundo a Lei 15/2004).

k) Construcións destinadas a actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasamento de produtos do sector primario, sempre que garden relación directa coa natureza, extensión e destino do predio ou explotación do recurso natural.

l) Construcións e instalacións destinadas a establecementos de acuicultura (engadido pola Lei 15/2004).

m) Infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos ou de produción de enerxía. (Engadido pola Lei 6/2007).

3. Outras actividades análogas que se determinen regulamentariamente e coordinadas entre a lexislación sectorial e a presente lei.

Os usos en solo rústico (segundo o artigo 34 da LOUG).

1. Os usos en solo rústico relacionados no artigo anterior determínanse nos artigos seguintes, para cada categoría de solo, como:

a) Usos permitidos: os compatibles coa protección de cada categoría de solo rústico, sen prexuízo da exixibilidade de licenza urbanística municipal e demais autorizacións administrativas sectoriais que procedan.

b) Usos autorizables: os suxeitos a autorización da Administración autonómica, previamente á licenza urbanística municipal e nos que se deban valorar en cada caso as circunstancias que xustifiquen a súa autorización, coas cautelas que procedan.

c) Usos prohibidos: os incompatibles coa protección de cada categoría de solo ou que impliquen un risco relevante de deterioración dos valores protexidos.

2. No solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, antes do outorgamento da licenza municipal será necesario obter o preceptivo informe favorable do organismo autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

3. Serán nulas de pleno dereito as autorizacións e licenzas que se outorguen para usos prohibidos, así como as licenzas municipais outorgadas para usos autorizables sen a previa e preceptiva autorización autonómica ou en contra das súas condicións.

4. Non necesitarán autorización autonómica previa, para os efectos desta lei, as infraestruturas, dotacións e instalacións previstas nun proxecto sectorial aprobado ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

As limitacións de apertura de camiños e movementos de terras (segundo o artigo 35 da LOUG).

1. Non está permitida a apertura de novos camiños ou pistas no solo rústico que non estean expresamente recollidos no planeamento urbanístico ou nos instrumentos de ordenación do territorio, salvo os camiños rurais contidos nos proxectos aprobados pola Administración competente en materia de agricultura, de montes ou de ambiente e aqueles que obtiveran a correspondente autorización autonómica, de conformidade co disposto no artigo 41 desta lei. En todo caso, a execución de novas pistas ou camiños que afecten o solo rústico de protección de espazos naturais e de interese paisaxístico estará suxeita á avaliación de efectos ambientais que prevé a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

2. As novas aperturas de camiños ou pistas que se poidan realizar deberán adaptarse ás condicións topográficas do terreo, coa menor alteración posible da paisaxe e minimizándose ou corrixíndose o seu impacto ambiental.

3. Con carácter xeral quedan prohibidos os movementos de terra que alteren a topografía natural dos terreos rústicos, salvo nos casos expresamente autorizados pola presente lei.

Solo rústico de protección ordinaria (segundo o artigo 36 da LOUG).

O réxime do solo rústico de protección ordinaria ten por finalidade garantir a utilización racional dos recursos naturais e o desenvolvemento urbanístico sustentable. Estará sometido ao seguinte réxime:

1. Usos permitidos por licenza municipal: os relacionados no punto 1, letras b) e c), e no punto 2, letras f) e i), do artigo 33 da presente lei.

2. Usos autorizables pola comunidade autónoma: o resto dos usos relacionados no artigo 33 desta lei, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven consigo a transformación urbanística do solo.

3. Usos prohibidos: todos os demais (redacción segundo a Lei 3/2008).

Solos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal ou de infraestruturas (segundo o artigo 37 da LOUG).

O réxime dos solos rústicos de protección agropecuaria e forestal ten por finalidade principal preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais e o desenvolvemento urbanístico sustentable. O réxime do solo rústico de protección de infraestruturas, sen prexuízo do establecido na súa específica lexislación reguladora, ten por obxecto preservar as infraestruturas existentes ou de nova creación. Estará sometido ao seguinte réxime:

1) Usos permitidos por licenza municipal: os relacionados no punto 1, letras b) e c), e no punto 2, letras f) e i), do artigo 33 desta lei. Ademais, no solo rústico de protección forestal permitirase o relacionado no punto 1, letra e). En solo rústico de protección de infraestruturas permitiranse as instalacións necesarias para a execución e funcionamento da correspondente infraestrutura.

2) Usos autorizables pola comunidade autónoma: en solo rústico de protección agropecuaria serán autorizables os usos relacionados no punto 1, letras a) e d), e no punto 2, letras a), b), d), e), h), j), k) e l), do artigo 33 da presente lei, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non impliquen a transformación urbanística dos terreos nin lesionen os valores obxecto de protección.

En solo rústico de protección forestal poderán autorizarse os usos relacionados no punto 1, letras a) e d), e no punto 2, letras a), b), c), d), e), g), h), j), k) e l), do artigo 33, sempre que non impliquen a transformación urbanística do solo nin lesionen os valores obxecto de protección, e os que se poidan establecer a través dos instrumentos de ordenación do territorio. En solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos relacionados no punto 1, letra a), e no punto 2, letras d) e f), do artigo 33, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos de ordenación do territorio.

3) Usos prohibidos: todos os demais, especialmente os usos residenciais e industriais (redacción segundo a Lei 3/2008).

Solos rústicos de protección das augas, as costas, de interese paisaxístico e de patrimonio cultural (segundo o artigo 38 da LOUG).

O réxime xeral dos solos rústicos de protección das augas, as costas, de interese paisaxístico e do patrimonio cultural, sen prexuízo do establecido na súa lexislación reguladora, ten por obxecto preservar o dominio público hidráulico e marítimo e o seu contorno, así como os espazos de interese paisaxístico e o patrimonio cultural, quedando suxeitos ao seguinte réxime:

1) Usos permitidos por licenza municipal: os relacionados no punto 1, letras b) e c), e no punto 2, letras f) e i), do artigo 33 da presente lei.

2) Usos autorizables pola Comunidade Autónoma: os relacionados no punto l, letra a), e no punto 2, letras e) e l), do artigo 33 desta lei, así como as actividades vinculadas directamente coa conservación, utilización e gozo do dominio público, do medio natural e do patrimonio cultural, e os que se poidan establecer a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven consigo a transformación da súa natureza rústica e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección. No solo rústico de protección de costas e de protección de augas, ademais dos usos anteriormente indicados, poderán autorizarse especificamente as construcións e instalacións necesarias para actividades de talasoterapia, augas termais, sistemas de depuración de augas, estaleiros e instalacións mínimas necesarias para a práctica dos deportes náuticos.

3) Usos prohibidos: todos os demais, especialmente os usos residenciais e industriais (redacción segundo a Lei 15/2004).

Solo rústico de especial protección de espazos naturais (segundo o artigo 39 da LOUG).

O réxime xeral dos solos rústicos de protección de espazos naturais, sen prexuízo do establecido na súa lexislación reguladora, ten por obxecto preservar os seus valores naturais, paisaxísticos e tradicionais, quedando suxeitos ao seguinte réxime:

1) Usos permitidos por licenza municipal: os relacionados no punto 1, letras b) e c), e no punto 2, letra i), do artigo 33 desta lei.

2) Usos autorizables pola Comunidade Autónoma: os relacionados no punto 1, letra a), e no punto 2, letras e), f) e l), do artigo 33 desta lei, así como as actividades vinculadas directamente coa conservación, utilización e gozo do medio natural, e os que poidan establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven consigo a transformación da súa natureza rústica e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección. Para autorizar os usos sinalados polo punto 2, letra l), do artigo 33 sobre solo rústico de especial protección de espazos naturais, será necesario obter o previo informe favorable da consellería competente en materia de conservación de espazos naturais. Nos municipios con máis do 40 % da superficie do termo municipal clasificada como solo rústico de especial protección de espazos naturais, poderán autorizarse, con carácter excepcional, os usos relacionados no punto 2, letras a), b), c) e d), sempre que quede garantida a integración das edificacións coa paisaxe e os valores obxecto de protección.

3) Usos prohibidos: todos os demais, especialmente os usos residenciais e industriais (redacción segundo a Lei 15/2004).

Procedemento para o outorgamento da autorización autonómica en solo rústico (segundo o artigo 41 da LOUG).

1. A competencia para o outorgamento da autorización autonómica prevista na presente lei corresponde ao director xeral competente en materia de urbanismo.

2. O procedemento para a tramitación das autorización autonómicas en solo rústico axustarase ás seguintes regras:

a) O promotor deberá presentar a solicitude ante o concello acompañada de anteproxecto redactado por técnico competente, co contido que se detalle regulamentariamente, e, como mínimo, a documentación gráfica, fotográfica e escrita que sexa suficiente para coñecer as características esenciais do emprazamento e do seu contorno nun radio mínimo de 500 m, da titularidade dos terreos e superficie deles, do uso solicitado e das obras necesarias para a súa execución, conservación e servizo, as súas repercusións territoriais e ambientais e as que sexan necesarias para xustificar o cumprimento das condicións establecidas na presente lei.

b) O concello someterá o expediente a información pública por un prazo mínimo de vinte días, mediante anuncio que deberá de publicarse no taboleiro de anuncios do concello e nun dos xornais de maior difusión no municipio. O anuncio deberá indicar, como mínimo, o emprazamento, o uso solicitado, a altura e ocupación da edificación pretendida, e o lugar e horario de consulta da documentación completa (redacción segundo a Lei 15/2004).

c) Concluída a información pública, o concello remitirá o expediente completo tramitado á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, incluíndo as alegacións presentadas e os informes dos técnicos municipais e do órgano municipal que teña atribuída a competencia para outorgar a licenza de obra. Transcorrido o prazo de tres meses sen que o concello remitise o expediente completo á consellería, os interesados poderán solicitar a subrogación desta última, que reclamará o expediente ao concello e proseguirá a tramitación ata a súa resolución.

d) A consellería poderá requirir do promotor a documentación e información complementaria que considere necesaria ou ben a emenda das deficiencias da solicitude para adaptarse ao disposto na presente lei. Así mesmo, poderá solicitar dos organismos sectoriais correspondentes os informes que se consideren necesarios para resolver.

e) O director xeral competente en materia de urbanismo examinará a adecuación da solicitude á presente lei e aos instrumentos de ordenación do territorio e resolverá no prazo de tres meses, contados desde a entrada do expediente completo no rexistro da consellería competente, concedendo a autorización simplemente ou condicionándoa xustificadamente á introdución de medidas correctoras, ou ben denegándoa motivadamente. Transcorrido o devandito prazo sen resolución expresa, entenderase denegada a autorización por silencio administrativo.

Subsección 4ª. Condicións de edificación

Condicións xerais das edificacións no solo rústico (segundo o artigo 42 da LOUG).

1. Para outorgar licenza ou autorizar calquera clase de edificacións ou instalacións no solo solo rústico deberá xustificarse o cumprimento das seguintes condicións:

a) Garantir o acceso rodado público axeitado á implantación, o abastecemento de auga, a evacuación e tratamento de augas residuais, a subministración de enerxía eléctrica, a recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos e, se é o caso, a previsión de aparcadoiros abondo, así como corrixir as repercusións que produza a implantación na capacidade e funcionalidade das redes de servizos e infraestruturas existentes. Estas solucións deberán de ser asumidas como custo a cargo exclusivo do promotor da actividade, formulando expresamente o correspondente compromiso en tal sentido e achegando as garantías exixidas para o efecto pola Administración na forma que regulamentariamente se determine e que poderán consistir na exixencia de prestar aval do exacto cumprimento dos devanditos compromisos por importe do 10 % do custo estimado para a implantación ou reforzo dos servizos.

b) Prever as medidas correctoras necesarias para minimizar a incidencia da actividade solicitada sobre o territorio, así como todas aquelas medidas, condicións ou limitacións tendentes a conseguir a menor ocupación territorial e a mellor protección da paisaxe, os recursos produtivos e o medio natural, así como a preservación do patrimonio cultural e a singularidade e tipoloxía arquitectónica da zona.

c) Cumprir as seguintes condicións de edificación:

– A superficie máxima ocupada pola edificación en planta non excederá o 20 % da superficie do terreo. Non obstante, as edificacións destinadas a explotacións gandeiras e os establecementos de acuicultura poderán ocupar ata o 40 % da superficie da parcela. Excepcionalmente, os instrumentos establecidos pola Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, poderán permitir unha ocupación superior para estas actividades, sempre que se manteña o estado natural, polo menos, nun terzo da superficie da parcela.

– O volume máximo da edificación será similar ao das edificacións tradicionais existentes no solo rústico do contorno. En caso de que resulte imprescindible superalo por exixencias do uso ou actividade autorizable, procurará descompoñerse en dous ou máis volumes conectados entre si co fin de adaptar as volumetrías ás tipoloxías propias do medio rural. En todo caso, deberán adoptarse as medidas correctoras necesarias para garantir o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración do relevo natural dos terreos.

– As características tipolóxicas da edificación deberán ser congruentes coas tipoloxías rurais tradicionais do ámbito, en particular, as condicións de volumetría, tratamento de fachadas, morfoloxía e tamaño dos ocos, e solucións de cuberta que, en todo caso, estarán formadas por planos continuos, sen quebras nas súas vertentes. Salvo en casos debidamente xustificados pola calidade arquitectónica do proxecto, os materiais que se utilizarán na terminación da cubrición serán tella cerámica e/ou lousa, segundo a tipoloxía propia da zona.

– Nos solos rústicos de protección ordinaria, agropecuaria, forestal ou de infraestruturas, a altura máxima das edificacións non poderá superar as dúas plantas nin os 7 m medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente de cuberta. Excepcionalmente, poderá superar os 7 m de altura cando as características específicas da actividade, debidamente xustificadas, fixesen imprescindible superalos nalgún dos seus puntos. Nos demais solos rústicos protexidos, as edificacións non poderán superar unha planta de altura nin 3,50 m medidos de igual forma.

– As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural e as construcións tradicionais do contorno. En tal sentido, para o rematado das edificacións empregarase a pedra ou outros materiais tradicionais e propios da zona. En casos xustificados pola calidade arquitectónica da edificación, poderán empregarse outros materiais acordes cos valores naturais, a paisaxe rural e as edificacións tradicionais do ámbito.

– Os peches e valados serán preferentemente vexetais, sen que os realizados con material opaco de fábrica superen a altura de 1 m, salvo en parcelas edificadas, onde poderán alcanzar 1,50 m. En todo caso, deben realizarse con materiais tradicionais do medio rural en que se empracen, non permitíndose o emprego de bloques de formigón ou outros materiais de fábrica, salvo que sexan debidamente revestidos e pintados na forma que regulamentariamente se determine (redacción segundo a Lei 15/2004).

d) Cumprir as seguintes condicións de posición e implantación:

– A superficie mínima da parcela sobre a que se emprazará a edificación será a establecida en cada caso por esta lei, sen que para tal efecto sexa admisible a adscrición doutras parcelas.

– Os edificios situaranse dentro da parcela, adaptándose no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.

– Os retranqueos das construcións aos lindes da parcela deberán garantir a condición de illamento e, en ningún caso, poderán ser inferiores a 5 m.

– As condicións de abancalamiento obrigatorio e de rematado dos bancais resultantes deberán definirse e xustificarse no proxecto, de modo que quede garantido o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración da topografía natural dos terreos.

– Manterase o estado natural dos terreos ou, se é o caso, o uso agrario deles ou con plantación de arboredo ou especies vexetais en, polo menos, a metade da superficie da parcela.

e) Farase constar obrigatoriamente no rexistro da propiedade a vinculación da total superficie real do predio á construción e uso autorizados, expresando a indivisibilidade e as concretas limitacións ao uso e edificabilidade impostas pola autorización autonómica.

f) En todo caso, o prazo para o inicio das obras será de seis meses contados desde o outorgamento da licenza municipal correspondente, debendo concluírse as obras no prazo máximo de tres anos, contados desde o outorgamento da licenza.

g) Transcorridos os ditos prazos, entenderase caducada a licenza municipal e a autorización autonómica, logo de expediente tramitado con audiencia do interesado, e será de aplicación o disposto no artigo 203 da presente lei.

h) As que se fixen regulamentariamente.

2. Ás obras de derrubamento e demolición que se pretendan realizar en solo rústico seralles de aplicación o disposto no artigo 26 da presente lei.

Condicións adicionais para outras actividades construtivas non residenciais (segundo o artigo 44 da LOUG).

1. As construcións en solo rústico distintas das sinaladas no artigo anterior, ademais das condicións xerais especificadas no artigo 42 da presente lei, cumprirán as seguintes:

a) A superficie da parcela na que se sitúe a edificación non será inferior a 5.000 m cadrados.

b) Deberá xustificarse cumpridamente a idoneidade do lugar elixido e a imposibilidade ou inconveniencia de situalas en solo urbano ou urbanizable con cualificación idónea.

2. Excepcionalmente, poderá outorgarse licenza, sen necesidade de autorización autonómica previa, para a execución de pequenas construcións e instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras, cinexéticas e forestais ou ao servizo e funcionamento das infraestruturas e obras públicas, sempre que quede xustificada a proporcionalidade da construción ou instalación coa natureza, extensión e destino actual do terreo en que se emprace e non se superen os 25 m cadrados de superficie total edificada nin a altura máxima dunha planta nin 3,50 m. En todo caso, a tipoloxía da edificación e os materiais de construción serán os determinados no artigo 42 desta lei. Igualmente, poderá permitirse, sen suxeición ao disposto polos artigos 42 e 44 da presente lei, a instalación de invernadoiros con destino exclusivo ao uso agrario que se instalen con materiais lixeiros e doadamente desmontables.

Este réxime excepcional só será de aplicación no ámbito do chan rústico de protección ordinaria e de especial protección agropecuaria, forestal ou de infraestruturas (segundo a Lei 15/2004).

3. As obras de simple conservación e as obras menores a que fai referencia o artigo 195.3 da presente lei non precisarán autorización autonómica con anterioridade á obtención da preceptiva licenza urbanística municipal cando se realicen en edificacións que foron construídas ao abeiro das preceptivas licenzas urbanísticas e autorización autonómica (segundo a Lei 15/2004).

4. As novas explotacións gandeiras sen base territorial non poderán emprazarse a unha distancia inferior a 1.000 m dos asentamentos de poboación e 250 m da vivenda máis próxima. Cando se trate de novas explotacións con base territorial, a distancia mínima aos asentamentos de poboación e á vivenda máis próxima será de 200 m. O plan urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio poderán reducir ou aumentar estas distancias dentro do seu ámbito territorial de aplicación, respectando, en todo caso, o establecido pola lexislación sectorial que sexa de aplicación (segundo a Lei 15/2004).

5. Derrogado (pola Lei 15/2004).

2.3. Tipo de solo afectado pola futura liña eléctrica no concello de Lalín.

O concello de Lalín réxese polo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente en 5.2.1999. No ámbito afectado polo proxecto clasifícase o solo como solo rústico de protección forestal, de protección agropecuaria, de protección de leitos e ribeiras, solo rústico común e solo urbanizable (equipamento). En canto ao solo rústico, debido a que o planeamento non está adaptado á LOUG, correspóndelle a estes terreos o réxime de solo rústico da dita LOUG.

Os tipos de solos afectados pola futura liña eléctrica e as súas características son os seguintes:

a) Solo rústico de especial protección de leitos e ribeiras:

Corresponde aos terreos para a protección dos cursos de auga, ríos e regueiros. Esta protección acóllese ao ditado na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, sendo necesario establecer proteccións de augas superficiais e das subterráneas renovables, tanto correntes naturais continuas ou discontinuas, lagos ou lagoas, como de acuíferos subterráneos.

Sen prexuízo do establecido na lexislación sectorial de aplicación, establécese con carácter xeral unha franxa de protección de 100 m de largo a ambas as dúas marxes da canle, en todos os ríos ou cursos de auga permanente do termo municipal. Nos regatos e canles polas que ocasionalmente discorren augas pluviais, o largo desta protección redúcese a 50 m en ambas as dúas marxes da canle. Estas franxas de protección, nalgúns casos, reducen o seu largo en función da adaptación destas a situacións consolidadas.

Neste tipo de solos poderán autorizarse unicamente os usos e actuacións asociados ao aproveitamento dos recursos hidráulicos, os usos agropecuarios, forestais e cinexéticos non contaminantes, e os usos recreativos, turísticos e deportivos que non supoñan transformación da natureza destes solos.

Nesta clase de solo só se permiten as construcións e instalacións vinculadas aos usos permitidos, coas determinacións establecidas para o solo rústico, entre as que se inclúen as construcións e instalacións vinculadas á execución, mantemento e servizo das obras públicas que necesariamente teñan que localizarse nestas áreas.

b) Solo rústico de especial protección forestal:

Corresponde coa protección de valores naturais e ambientais presentes en áreas con masas predominantes de arboredo con mestura de coníferas e frondosas, e formacións illadas representativas de arboredo autóctona con predominio de carballos, sendo necesario establecer medidas específicas adecuadas para buscar a preservación e mantemento destas superficies forestais.

Neste tipo de solos poderanse autorizar unicamente aqueles usos compatibles co mantemento e mellora destas masas forestais, incluíndo, se é o caso, a explotación racional dos recursos agropecuarios e forestais que non atenten contra os valores naturais e ambientais que se pretende protexer, mentres se asegure a preservación das masas arborizadas, sen que supoña afección a exemplares representativos do arboredo autóctono, redución da densidade de arboredo existente ou fragmentación da continuidade da masa arborada, así como os recreativos vinculados a uso público destes espazos forestais.

Nesta categoría de solo só se autorizan as seguintes construcións e instalacións vinculadas aos usos permitidos, coas determinacións establecidas para o solo rústico nas cales se inclúen as construcións e instalacións vinculadas á execución, mantemento e servizo das obras públicas que necesariamente teñan que localizarse nestas áreas.

c) Solo rústico común: prados, cultivos e matogueira.

Comprende aqueles terreos que, dentro do solo rústico común, non presentan especiais valores naturais, ambientais ou patrimoniais e se corresponden con zonas de cultivos tradicionais, prados ou terreos improdutivos con presenza de masas de arboredo, que caracterizan esta paisaxe rural.

Neste tipo de solos autorízanse os usos e actuacións permitidas para o solo rústico dentro da normativa municipal. Como a devandita normativa non está adaptada á LOUG, aplícanse os usos e actuacións permitidos para o solo rústico dentro da LOUG.

d) Solo rústico común: áreas de arboredo disperso.

Comprende a aqueles terreos que, dentro desta clase de solo e con exclusión dos montes mancomunados rexistrados, incorporan áreas cultivadas ou terreos improdutivos con presenza de masas arborizadas, e que poidan ser obxecto da explotación racional dos seus recursos forestais e agropecuarios.

Neste tipo de solos autorízanse os usos e actuacións permitidas para o solo rústico dentro da normativa municipal. Como a dita normativa non está adaptada á LOUG, aplicaranse os usos e actuacións permitidos para o solo rústico dentro da LOUG.

e) Solo rústico de especial protección de vías de comunicación.

Comprende as vías de comunicación terrestre que configuran o sistema infraestrutural da comunicación do territorio municipal de Lalín, tanto autoestradas e vías rápidas, estradas nacionais, autonómicas e comarcais.

Na rede viaria delimítanse as franxas cuxos límites exteriores establecen a liña de edificación. Na rede ferroviaria defínense as franxas que incorporan as zonas de dominio público, de servidume e afección do sistema xeral ferroviario.

En canto ás estradas estatais haberá que aterse ao establecido no Regulamento xeral de estradas, e respecto das estradas autonómicas ou a cargo da deputación provincial, atenderase á Lei de estradas de Galicia.

f) Solo urbano: equipamentos.

Comprende os equipamentos e servizos públicos tales como equipamentos sanitarios, educativos, asistenciais, deportivos, culturais, relixiosos, administrativos, de abastos e calquera outro servizo de utilidade pública.

Os usos permitidos para este tipo de solo son:

• En parcela ou edificio exclusivo permítense os equipamentos de titularidade pública ou privada.

• En parcela ou edificio compartido permítense as infraestruturas.

g) Solo urbano: sistemas xerais infraestruturas.

Considéranse sistemas xerais aos elementos da estrutura xeral e orgánica do territorio dedicados ao servizo do municipio no seu conxunto. Comprende o sistema xeral de comunicacións, de infraestruturas, de espazos libres e de equipamento comunitario.

Os sistemas xerais, sen prexuízo do cumprimento da normativa sectorial de aplicación, regúlanse polas normas particulares aplicables en cada clase de solo no que se localicen.

En canto ao sistema xeral de infraestruturas, comprende os servizos públicos infraestruturais destinados a abastecementos, saneamento e depuración de augas, subministración de enerxía eléctrica e gas, servizos telefónicos, recollida e tratamento dos residuos sólidos e análogos.

3. Nova clasificación proposta.

A continuación descríbense as condicións de uso que deberán rexer nos terreos onde se levará a cabo a construción da LAT 132 kV O Irixo-Lalín.

A clasificación referida será aquela baixo a que se ampara o citado uso dentro da Lei autonómica 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (abreviada como LOUG); e a súa posterior modificación coa Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da dita lei.

A tipoloxía urbanística adecuada segundo este marco legal para a tipoloxía de proxecto que nos ocupa é o Solo Rústico de Protección de Infraestruturas (SRPI), segundo se deduce dos textos legais citados e cuxos parágrafos máis destacados ao respecto plásmanse seguidamente:

Segundo se recolle no artigo 15 da LOUG defínese solo rústico como:

«Constituirán o solo rústico os terreos que deban ser preservados dos procesos de desenvolvemento urbanístico e, en todo caso, os seguintes:

a) Os terreos sometidos a un réxime específico de protección incompatible coa súa urbanización, de conformidade coa lexislación de ordenación do territorio ou coa normativa reguladora do dominio público, as costas, o ambiente, o patrimonio cultural, as infraestruturas e doutros sectores a necesidade de protección.

b) Os terreos que, sen estar incluídos entre os anteriores, presenten relevantes valores naturais, ambientais, paisaxísticos, produtivos, históricos, arqueolóxicos, culturais, científicos, educativos, recreativos ou outros que os fagan merecedores de protección ou con aproveitamentos que deba someterse a limitacións específicas.

c) Os terreos que, tendo sufrido unha degradación dos valores anunciados no punto anterior, deban protexerse co fin de facilitar eventuais actuacións de recuperación dos citados valores.

d) Os terreos ameazados por riscos naturais ou tecnolóxicos, incompatibles coa súa urbanización, tales como inundación, erosión, afundimento, incendio, contaminación ou calquera outro tipo de catástrofe, ou que simplemente perturben o ambiente ou a seguridade e saúde.

e) Os terreos que o plan xeral ou os instrumentos de ordenación do territorio estimen inadecuados para o desenvolvemento urbanístico en consideración aos principios de utilización racional dos recursos naturais ou de desenvolvemento sustentable».

Así mesmo, no artigo 32 da LOUG diferéncianse unha serie de categorías dentro do solo rústico que son as seguintes:

– Solo rústico de protección ordinaria.

– Solo rústico especialmente protexido.

a) Solo rústico de protección agropecuaria.

b) Solo rústico de protección forestal.

c) Solo rústico de protección de infraestruturas.

d) Solo rústico de protección de augas.

e) Solo rústico de protección de costas.

f) Solo rústico de protección de espazos naturais.

g) Solo rústico de protección paisaxística.

h) Solo rústico especialmente protexido para zonas de interese patrimonial.

i) As demais que se determinen regulamentariamente.

Solo Rústico de Protección de Infraestruturas (SRPI):

De forma xenérica defínese como aquel «constituído polos terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración de auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación del territorio».

4. Regulación detallada.

4.1. Regulación detallada de los usos.

Segundo a LOUG, coas correspondentes modificacións da Lei 15/2004, do 29 de decembro, e da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da LOUG, no artigo 37 recóllese que, «o réxime do Solo Rústico de Protección de Infraestruturas, sen prexuízo do establecido na súa específica lexislación reguladora, ten por obxecto preservar as infraestruturas existentes ou de nova creación». Este tipo de solo estará sometido ao seguinte réxime:

a) Usos permitidos por licenza municipal directa:

Os relacionados no punto 1, letras a), b) e c), e no punto 2, letras a), b), c), d), f (*), i) e m), do artigo 33 da presente lei.

En solo rústico de protección de infraestruturas permitiranse as instalacións necesarias para a execución e funcionamento da correspondente infraestrutura.

b) Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

En solo rústico de protección agropecuaria serán autorizables os usos relacionados no punto 1, letras d) e e), e no punto 2, letras e), g), h), j), k) e l), do artigo 33 da presente lei, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven consigo a transformación urbanística dos terreos nin lesionen os valores obxecto de protección.

En solo rústico de protección forestal poderán autorizarse os usos relacionados no punto 1, letras d) e e), e no punto 2, letras e), g), h), j), k) e l), do artigo 33, sempre que non leven consigo a transformación urbanística do solo nin lesionen os valores obxecto de protección e os que poidan establecerse a través dos instrumentos de ordenación do territorio. Nos montes públicos de utilidade pública serán autorizables os usos admitidos na súa lexislación sectorial.

En solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos vinculados funcionalmente á infraestrutura correlativa, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos de ordenación do territorio.

c) Usos prohibidos: todos os demais.

(*) Sendo a letra f) artigo 33. «Instalacións necesarias para os servizos técnicos de telecomunicacións, a infraestrutura hidráulica e as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, abastecemento de auga e saneamento, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren (redacción segundo a Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da LOUG)».

4.2. Regulación detallada de volume.

Debido á particularidade deste tipo de instalación non será necesaria a instalación de ningún edificio cerrado, polo que non se dispón unha superficie mínima de parcela para a edificación.

A ocupación permanente deste proxecto é a dos apoios no tramo aéreo e a da gabia no tramo subterráneo.

A altura media dos apoios é de 23,25 m, tal como se explicou en puntos anteriores.

4.3. Regulación detallada de características técnicas e deseño.

Cúmprese co establecido na regulamentación aplicable para liñas eléctricas.

4.4. Regulación detallada de adaptación ao contorno.

Segundo a Lei do sector eléctrico, respecto do contorno da liña eléctrica, definirase unha servidume de paso aéreo que comprende ademais do voo sobre o terreo, o establecemento dos apoios fixos, todo isto incrementado nas distancias de seguridade que regulamentariamente están establecidas.

Mentres que a servidume de paso subterráneo comprende a ocupación do subsolo polos cables condutores, á profundidade e coas demais características que sinale a lexislación urbanística, todo isto incrementado nas distancias de seguridade que regulamentariamente se establezan.

Tanto a servidume de paso aérea como subterránea comprenden o dereito de paso ou acceso e a ocupación temporal de terreos ou outros ben necesarios para a construción, vixilancia, conservación, reparación das correspondentes instalacións, así como a talla de arboredo, se for necesario.

Nos tramos subterráneos prohíbese a plantación de árbores e a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola gabia onde van aloxados os condutores, incrementada a cada lado nunha distancia mínima de seguridade igual á metade de largura da canalización.

Nos tramos aéreos definiuse a servidume de voo como a franxa de terreo definida pola proxección sobre o solo dos condutores extremos, considerados estes e as súas cadeas de illadores nas condicións máis desfavorables, é dicir, na súa posición de máxima desviación, sometidos á acción do seu peso propio e a unha sobrecarga de vento.

En canto a vías se refire, hai que sinalar que se trata de vías provisionais para a execución das obras, estando recollidas a nivel de estudo de impacto ambiental as posibles afeccións causadas pola apertura delas en canto a elementos a protexer se refire (arqueoloxía, etc.), e adoptar as medidas correctoras e protectoras necesarias, en particular, a restauración e adecuación paisaxística das obras. En concreto, a medida correctora nº 16 indica o seguinte:

«Revexetaranse as vías de nova creación que non discorran por terreos de labor e que sexan de carácter temporal. Virán definidos no estudo de accesos».