Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 20 de xuño de 2014 Páx. 28089

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (1165/2012).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fai saber que no procedemento seguridade social 1165/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Diego Barcia Sanjurjo contra a empresa Grúas Dalbe, S.L., sobre seguridade social, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

Sentenza 278/2014.

A Coruña, 28 de maio de 2014.

Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña, vistos os presentes autos seguidos neste xulgado co nº 1165/2012, en que foron parte, dun lado como demandante Diego Barcia Sanjurjo, asistido pola letrada Sra. Gómez Lozano, e doutro, como demandado, o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, asistidos pola letrada Sra. Guerra Díaz, a Mutua Ibermutuamur, representada pola letrada Sra. Orjales Mariño, a empresa Grúas Dalbe, S.L., que non comparece, sobre declaración de incapacidade permanente, pronunciou en nome do rei, a seguinte sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por medio de escrito con entrada o día 2 de novembro de 2012, Diego Barcia Sanjurjo interpuxo demanda fronte ao INSS, TXSS, posteriormente ampliada fronte a Ibermutuamur e Grúas Dalbe, S.L., en que despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola que se declarase o demandante afecto dunha incapacidade permanente total para a profesión habitual ou, subsidiariamente, dunha incapacidade permanente parcial, cos efectos legais e económicos que correspondan, condenando a demandada a se ater a tal declaración.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes ao acto de xuízo que tivo lugar o 28 de maio de 2014 coa asistencia da parte demandante e demandada.
A demandante ratificou a súa demanda, e a demandada opúxose polos motivos que constan acreditados en autos; recibido o xuízo a proba, as partes propuxeron proba documental que se uniu aos autos, logo de declaración de pertinencia, os documentos presentados, e pericial, practicada conforme consta no soporte de gravación correspondente. Seguidamente as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións, quedando o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos seguíronse todos os trámites legais.

Feitos probados.

Primeiro. Diego Barcia Sanjurjo, nacido o 16.3.1984, figura afiliado á Seguridade Social co nº 15/10399857/53, réxime xeral, sendo a súa última profesión habitual a de electromecánico.

Por resolución do INSS do 16.11.2009, recoñeceuse a prol do demandante unha prestación por lesións permanentes non invalidantes conforme os códigos 054 e 110 do baremo, e por importe de 1.670 euros. A resolución foi emitida logo de ditame proposta do EVI, que reflicte como cadro clínico residual “secuela de traumatismo AO en forma de rixidez en articulación IFP 2º dedo de man dereita e cicatriz cara radial”, indicando como limitacións orgánicas ou funcionais subseguintes: “destro, rixidez en flexo de 45º articulación IFP 2º dedo man dereita, cicatriz 3 cm. cara radial dedo”.

Segundo. Instada revisión por agravación polo interesado, en ditame proposta do EVI do 11.7.2012 sinálase que o estado do traballador non evidencia agravación da doenza que no seu día motivou a declaración dunha incapacidade permanente en grao de baremo.

Por resolución do INSS do 13.7.2012 acórdase denegar a revisión solicitada de conformidade co artigo 137 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.

Terceiro. O demandante, no momento da revisión instada, non presentaba distintas patoloxías nin maior menoscabo funcional que os apreciados na resolución ditada o 16.11.2009.

Cuarto. O demandante presentou reclamación administrativa previa, que foi desestimada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos probados resultan da valoración conxunta da proba practicada para os efectos do artigo 97.2 LPL/LRXS. En particular, tómase en consideración o expediente administrativo.

Segundo. O artigo 136 da Lei xeral da seguridade social define a incapacidade permanente, na súa modalidade contributiva, como a situación do traballador que, despois de estar sometido ao tratamento prescrito e de ser dado de alta medicamente, presenta reducións anatómicas ou funcionais graves, susceptibles de determinación obxectiva e previsiblemente definitivas, que diminúan ou anulen a súa capacidade laboral. Tal incapacidade permanente, conforme o artigo 137 dese texto legal, clasifícase en incapacidade permanente parcial, total, absoluta e grande invalidez, e segue dicindo o mencionado precepto que a cualificación da incapacidade permanente nos seus distintos graos se determinará en función da porcentaxe de redución da capacidade de traballo que regulamentariamente se estableza.

A incapacidade permanente total caracterízase por impedir ao suxeito a realización de todas ou das fundamentais tarefas da súa profesión habitual mentres que a absoluta o fai para calquera profesión ou oficio. A xurisprudencia sinalou ao respecto que resulta practicamente imposible definir a priori cales son os supostos que xeran a incapacidade permanente absoluta dun traballador, dependendo esta de que o traballador despois dun accidente ou enfermidade quedase inhabilitado para a realización de calquera tarefa produtiva, é dicir para a realización de toda profesión ou oficio. De non ser así, aínda que non poida realizar os principais traballos da súa profesión, pero si algúns máis lixeiros, non poderá ser considerado en situación de incapacidade permanente absoluta, pero si en situación de incapacidade permanente total.

A incapacidade permanente parcial para a profesión habitual (artigo 137.3 LXSS, na súa redacción anterior á Lei 24/1997, do 15 de xullo, e en vigor ao abeiro da disposición transitoria quinta bis), é a que, sen alcanzar o grao de total, ocasione ao traballador unha diminución non inferior ao 33 % no seu rendemento normal para a dita profesión, sen lle impedir realizar as tarefas fundamentais dela.

En relación coas lesións permanentes, o artigo 150 LXSS determina que “as lesións, mutilacións e deformidades de carácter definitivo, causadas por accidentes de traballo ou enfermidades profesionais que, sen chegar a constituír unha incapacidade permanente conforme o establecido na sección III do presente capítulo, supoñan unha diminución ou alteración da integridade física do traballador e aparezan recollidas no baremo anexo ás disposicións de desenvolvemento desta lei, serán indemnizadas, por unha soa vez, coas cantidades globais que nel se determinen, por a entidade que estea obrigada ao pagamento das prestacións de incapacidade permanente, todo isto sen prexuízo do dereito do traballador a continuar ao servizo da empresa”.

Terceiro. A parte demandante, no momento da revisión instada cuxa denegación dá lugar ao litixio, presenta como diagnóstico principal o mesmo que determinou o precedente recoñecemento no seu favor de lesións permanentes non invalidantes derivadas de continxencia profesional no ano 2009, conforme a secuencia da que se dá conta no relato de feitos.

Así resulta da proba documental practicada, fundamentalmente do ditame do EVI, ditame que, apoiado no correspondente informe de síntese (con data 16.5.2012), recollido no expediente administrativo, en que se efectúa unha sistemática exposición das patoloxías padecidas polo demandante no momento da revisión impugnada, presenta todas as garantías de obxectividade e imparcialidade, e que non é contrarrestado con ningunha outra fonte de proba comparable da que se desprenda un diagnóstico de maior entidade nin outra valoración técnica da repercusión das patoloxías padecidas sobre a capacidade laboral.

Convén subliñar que, segundo se refire como resultado da exploración, o demandante, na man afectada polas lesións, realiza pinza –con diminución de forza–, puño eficaz, cerre incompleto do 2º dedo, con forza de prensión en dinamómetro en man dereita de 12.

As conclusións do EVI son coherentes co ditame médico achegado pola mutua, respecto do cal cómpre subliñar que, con independencia de que non se efectuase unha nova exploración posterior ao recoñecemento orixinario das lesións permanentes, si é sempre posible ditaminar sobre o carácter definitivo das lesións conforme criterios médicos baseados na natureza das lesións e a súa evolución ordinaria. O certo é que a documentación médica apunta no seu conxunto a unha estabilización da lesión plenamente consolidada no momento da inicial determinación de grao e, por máis que se indaga na documentación achegada polo interesado, non se detecta nela ningunha determinación obxectiva dunha agravación efectiva das patoloxías, nin un maior menoscabo da capacidade laboral que o entonces apreciado. Tampouco se observa que a patoloxía psiquiátrica alcanzase niveis relevantes para incidir na aptitude laboral do demandante.

Por todo isto procede a desestimación da demanda interposta.

Decido que desestimo a demanda formulada por Diego Barcia Sanjurjo fronte ao INSS, TXSS, Ibermutuamur e Grúas Dalbe, S.L., absolvendo as partes demandadas das pretensións dirixidas contra elas.

Notifíquese a presente resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal se deberá anunciar neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes ao da notificación desta resolución, para o cal abondará a manifestación da parte ou do seu avogado ou representante dentro do indicado prazo.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicacion. Expídoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que no día de hoxe, o maxistrado-xuíz deposita na secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola Constitución e polas leis. Mesma data que a sentenza. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma á empresa Grúas Dalbe, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 30 de maio de 2014

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial